Organización Internacional do Traballo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sede da OIT en Xenebra.

A Organización Internacional do Traballo (OIT) é un organismo especializado das Nacións Unidas que se ocupa das cuestións relativas ó traballo e as relacións laborais. Foi fundada o 11 de abril de 1919, no marco das negociacións do Tratado de Versalles. A súa constitución, sancionada en 1919, compleméntase coa Declaración de Filadelfia de 1944. A OIT ten un goberno tripartito, integrado polos representantes dos gobernos, dos sindicatos e dos empregadores. O seu órgano supremo é a Conferencia Internacional, que se reúne anualmente en xuño. O seu órgano de administración é o Consello de Administración que se reúne cuatrimestralmente. Cada cinco anos o Consello de Administración elixe ó Director Xeral, encargado de dirixir a Oficina Internacional do Traballo e poñer en funcionamento as accións no terreo. Actualmente ocupa o cargo o chileno Juan Somavía, reelixido en 2003. A sede central encóntrase en Xenebra (Suíza). Está integrado por 180 estados nacionais. En 1969 recibiu o Premio Nobel da Paz.

Historia[editar | editar a fonte]

A Organización Internacional do Traballo foi fundada en 1919 no marco das negociacións que se abriron en Conferencia de Paz realizada primeiro en París e logo en Versalles ó rematar a Primeira Guerra Mundial.

As negociacións tiveron a particularidade de seren realizadas entre os gobernos, os sindicatos e as organizacións de empregadores, que tomaron como base a Asociación Internacional para a Protección Legal dos Traballadores, que fora fundada en Basilea en 1901 para establecer a Constitución da Organización Internacional do Traballo, adoptada pola Conferencia de Paz de París e incluída na sección XIII do Tratado de Versalles.

A Organización Internacional do Traballo organizouse desde un principio cun goberno tripartito, único no seu xénero, integrado por representantes dos gobernos, traballadores e empregadores, e elixiu como primeiro Director Xeral ó francés Albert Thomas.

Entre 1919 e 1921 a OIT sancionou dezaseis convenios internacionais do traballo e dezaoito recomendacións. En 1926 introduciuse un mecanismo de control, aínda vixente, polo que cada país debía presentar anualmente unha memoria informando sobre o estado de aplicación das normas internacionais. Coa fin de examinar esas memorias creouse tamén a Comisión de Expertos, integrada por xuristas independentes, que cada ano presenta o seu informe á Conferencia.

En 1934, baixo o goberno de Franklin D. Roosevelt, os Estados Unidos solicitaron o seu ingreso en calidade de membro da OIT. Durante a Segunda Guerra Mundial a OIT instalouse temporalmente en Montreal.

En 1944, antes de rematar a guerra, a Conferencia Internacional do Traballo aprobou a Declaración de Filadelfia, integrada como anexo á Constitución, fixando os principios, fins e obxectivos da OIT. En 1948 adoptouse o Convenio sobre Liberdade Sindical Nº 87.

Entre 1948 e 1970, durante a dirección do estadounidense David Morse, debido ó proceso de descolonización duplicouse o número de estados membros da OIT, quedando en minoría os países industrializados. A OIT ampliou as súas actividades quintuplicando o presuposto e cuatriplicando o número de empregados. En 1960 creouse o Instituto Internacional de Estudios Laborais, e en 1965 o Centro Internacional de Perfeccionamento Profesional e Técnico, con sede en Turín. En 1969, ó cumprirse cincuenta anos da súa creación, foille outorgado o Premio Nobel de la Paz.

En 1977 Estados Unidos retirouse da OIT causando unha crise orzamentaria debido á diminución automática do presuposto nun 25%, que logrou ser controlada ata o seu reingreso en 1980.

Nos anos 80 a OIT desempregou un papel decisivo no desenvolvemento do Solidarność dirixido por Lech Walesa, aplicando o Convenio sobre a Liberdade Sindical (1948).

Finalizada a Guerra Fría e fronte ó proceso de globalización e deterioro dos dereitos laborais en todo o mundo, a OIT sinalou a necesidade de dar prioridade ó cumprimento das Normas e Principios e Dereitos Fundamentais no Traballo garantidos polos oito convenios fundamentais (liberdade sindical, negociación colectiva, abolición do traballo forzoso, abolición do traballo infantil, eliminación da discriminación en materia de emprego e ocupación), destacando os conceptos de emprego decente e democratización da globalización.

Órganos[editar | editar a fonte]

Conferencia Internacional[editar | editar a fonte]

A Conferencia Internacional do Traballo é o órgano superior da OIT. Reúnese anualmente, en xuño, en Xenebra. Está integrada por catro delegados por cada país membro, dous deles elixidos polo goberno, e os outros dous propostos polas organizacións de traballadores e empregadores respectivamente. Deste modo, a metade dos integrantes da Conferencia representan ós gobernos, en tanto que unha cuarta parte integra o bloque de traballadores, e a outra cuarta parte integra o bloque de empregadores.

Á Conferencia Internacional correspóndelle a sanción das normas internacionais do traballo, fundamentalmente convenios e recomendacións polas dúas terceiras partes dos seus membros.

Tamén corresponde á Conferencia Internacional examinar as memorias anuais que cada país debe presentar sobre o estado da aplicación das normas internacionais en cada país, e eventualmente aprobar recomendacións nos casos en que existen deficiencias. Nesa tarefa a Conferencia conta coa axuda da importante Comisión de Expertos que debe examinar cada memoria e producir un informe á Conferencia recomendando os cursos de acción en cada caso.

A partir de 1998 a Conferencia debe examinar o Informe Global sobre o que ordena a Declaración da OIT relativa ós Principios e Dereitos Fundamentais no Traballo, que debe preparar a Oficina, debendo dar conta, cada ano en forma rotativa, o estado en que se encontran cada un destes puntos:

  • liberdade sindical e de asociación e recoñecemento efectivo do dereito á negociación colectiva;
  • a eliminación de tódalas formas de traballo forzoso ou obrigatorio;
  • a abolición efectiva do traballo infantil;
  • a eliminación da discriminación no emprego e a ocupación.

Comisión de Expertos[editar | editar a fonte]

A Comisión de Expertos en Aplicación de Convenios e Recomendacións (CEACR) é un organismo permanente asesor da Conferencia Internacional, integrado por xuristas especialistas en Dereito Internacional do Traballo.

A función da Comisión de Expertos é examinar as memorias que tódolos países están obrigados a presentar cada ano, detallando o estado no que se encontra a aplicación dos convenios internacionais en cada país.

Cada ano a Comisión de Expertos debe presentar o seu informe á Conferencia, coa opinión que lle merece cada situación e as recomendacións que propón en cada caso. As opinións da Comisión de Expertos foron adquirindo gran importancia xurídica para a interpretación das normas internacionais, e se encontran recompiladas como xurisprudencia en cada convenio, na base de datos do ILOLEX.

Consello de Administración[editar | editar a fonte]

O Consello de Administración está integrado por 56 persoas. Dos 28 integrantes que corresponden ós gobernos, 10 son designados directamente polos dez países de maior importancia industrial, e o resto polos delegados gobernamentais na Conferencia. Os outros 28 membros corresponden en partes iguais ós traballadores e empregadores e son elixidos polos bloques correspondentes na Conferencia. Os membros renóvanse cada tres anos.

É o órgano administrativo da OIT, reúnese cuatrimestralmente e actúa a través da Oficina Internacional do Traballo, establecendo o Consello as reglas de funcionamento desta Oficina.

Comité de Liberdade Sindical[editar | editar a fonte]

O Comité de Liberdade Sindical (CLS) é un importante organismo que depende do Consello de Administración, integrado por nove dos seus membros, pertencentes por partes iguais ós tres bloques. A súa función é intervir nas queixas relacionadas coa liberdade sindical, derivadas das potenciais violacións ós Convenios Internacionais nº 87 e 98, e aqueles que resultan complementarios.

A importancia do CLS radica no alto perfil político dos seus membros, e na facultade que ten para producir recomendacións críticas ós gobernos, cando determina que a liberdade sindical foi vulnerada.

Existe un procedemento específico para procesar as queixas por violacións á liberdade sindical.

Oficina Internacional do Traballo e Director Xeral[editar | editar a fonte]

A Oficina Internacional do Traballo está dirixida polo Director Xeral, elixido pola Conferencia Internacional en mandatos de cinco anos, que á súa vez contrata o persoal de acordo a estritas normas de concursos.

A Oficina Internacional do Traballo é o staff permanente de apoio á tarefa da Conferencia Internacional e o Consello de Administración.

Os Directores Xerais da OIT foron:

Oficinas rexionais[editar | editar a fonte]

A Oficina Internacional do Traballo posúe unha estrutura rexional descentralizada en cinco zonas:

Á súa vez, cada rexión ten oficinas subrexionais e de área. Estados Unidos e Canadá non están incluídos en ningunha rexión especial.

Dirección Executiva de Diálogo Social[editar | editar a fonte]

A Oficina Internacional do Traballo está integrada por un gabinete de cinco direccións executivas. Unha delas é a de Diálogo Social, á súa vez dividida en dúas importantes estruturas: as oficinas de Apoio ás Actividades dos Traballadores (ACTRAV) e dos Empregadores (ACTEMP).

ACTRAV[editar | editar a fonte]

ACTRAV é a Oficina de Apoio ás Actividades dos Traballadores. Actúa en relación directa co bloque de traballadores da Conferencia Internacional, as dúas centrais internacionais (CSI e FSM), os sindicatos mundiais (federacións sindicais internacionais) e as centrais sindicais nacionais.

ACTEMP[editar | editar a fonte]

ACTEMP é a Oficina de Apoio ás Actividades dos Empregadores. Actúa en relación directa co bloque de empregadores da Conferencia Internacional, a central internacional (OIE), e as cámaras empresariais sectoriais, rexionais e nacionais.

Normas, convenios, recomendacións e declaracións[editar | editar a fonte]

A Constitución da OIT, sancionada na súa redacción orixinal en 1919, é a norma que establece o funcionamento e a organización da OIT. Alí se establecen os órganos de goberno da OIT (Conferencia Xeral, Consello de Administración e Oficina Internacional do Traballo), a composición tripartita dos órganos colexiados, os procedementos para sancionar convenios e recomendacións e os seus efectos, o sistema de control regular mediante memorias anuais, o procedemento de queixas, entre os temas máis importantes.

Como Anexo á Constitución encóntrase a Declaración de Filadelfia, sancionada en 1944, onde figuran os principios e fins fundamentais da OIT. Alí se encontra o famoso principio establecendo que «o traballo non é unha mercancía» (I,a). Entre outros principios e declaracións fundamentais establece que «a pobreza constitúe un perigo para a prosperidade de todos» (I,b), que «tódolos seres humanos teñen dereito a perseguir o seu benestar material e o seu desenvolvemento espiritual en condicións de liberdade e dignidade, de seguridade económica e en igualdade de oportunidades» (II,b) e que «calquera política e medida de índole nacional e internacional, particularmente de carácter económico e financeiro, deben xulgarse desde este punto de vista e aceptarse só cando favorezan, e non entorpezan, o cumprimento deste obxectivo fundamental» incumbindo á OIT «examinar e considerar calquera programa ou medida internacional de carácter económico e financeiro» (II,d), e fomentar o pleno emprego.

A OIT sanciona convenios internacionais e recomendacións. Ambos requiren unha maioría de dous terzos para ser aprobadas pola Conferencia Internacional. Os convenios internacionais constitúen tratados internacionais obrigatorios para os seus membros unha vez ratificados, en tanto que as recomendacións non son obrigatorias, e constitúen suxestións ós países para ir progresando nas relacións laborais. Xeralmente a todo convenio sancionado, corresponde unha recomendación que contén unha normativa máis avanzada.

Existen oito convenios internacionais considerados fundamentais:

  • Convenio N° 87 sobre a liberdade sindical e a protección do dereito de sindicación, 1948.
  • Convenio N° 98 sobre o dereito de sindicación e de negociación colectiva, 1949.
  • Convenio N° 29 sobre o traballo forzoso, 1930.
  • Convenio N° 105 sobre a abolición do traballo forzoso, 1957.
  • Convenio N° 138 sobre a idade mínima, 1973.
  • Convenio N° 100 sobre igualdade de remuneración, 1951.
  • Convenio N° 111 sobre a discriminación (emprego e ocupación), 1958.
  • Convenio N° 182 sobre as peores formas de traballo infantil, 1999.

Ó longo da súa historia a OIT promulgou 187 convenios internacionais e 198 recomendacións. As mesmas poden ser consultadas na base de datos ILOLEX que leva a organización.

A saúde, a seguridade laboral e a seguridade social son asuntos prioritarios regulados por varios Convenios. Sobre a protección da maternidade foi aprobado en 2000 o Convenio 183. Foron consideradas situacións especiais, como a migración laboral (Convenios 21 de 1926, 48 de 1945, 66 de 1939, 97 de 1949 e o Convenio 143 de 1975 sobre os traballadores migrantes), así como o traballo nocturno, e as condicións de traballo nas minas, empresas químicas, os portos, o mar e o sector agropecuario. O Convenio 141 aprobado en 1975 trata sobre as organizacións de traballadores rurais e recoñece "que a reforma agraria é, en moitos países en vías de desenvolvemento, un factor esencial para o melloramento das condicións de traballo e de vida". En 1957 a OIT aprobou o Convenio 107 sobre poboacións indíxenas e tribais, substituído polo Convenio 169 sobre pobos indíxenas e tribais, aprobado na 76ª reunión o 7 de xuño de 1989, que constitúe ata agora o principal instrumento de dereito internacional para a defensa dos pobos indíxenas do mundo e os seus territorios.

De gran importancia resulta tamén a Declaración da OIT relativa ós principios e dereitos fundamentais no traballo e o seu seguimento, realizada en 1998, en vista dos graves problemas acarreados pola globalización sobre os dereitos laborais. A Declaración dispuxo brindar especial atención á efectiva aplicación dos dereitos fundamentais dos traballadores, a saber:

  • a liberdade de asociación e a liberdade sindical e o recoñecemento efectivo do dereito de negociación colectiva;
  • a eliminación de tódalas formas de traballo forzoso ou obrigatorio;
  • a abolición efectiva do traballo infantil;
  • a eliminación da discriminación en materia de emprego e ocupación.

A Declaración precisa que os dereitos fundamentais do traballo son universais e deben ser respectados a tódalas persoas en tódolos países, sen importar o nivel de desenvolvemento económico de cada un.

A tal fin a OIT creou un mecanismo de seguimento da Declaración mediante un informe anual á Conferencia no que se analiza a situación de cada un dos catro grupos de dereitos, en forma rotativa.

Acción[editar | editar a fonte]

Juan Somavía, Director Xeral da OIT afirmou que:

La meta principal de la OIT hoy en día es promover oportunidades para las mujeres y hombres para obtener trabajos decentes y productivos, en condiciones de libertad, equidad, seguridad y dignidad humana.

A organización busca promover a creación de empregos, regular de mellor maneira os principios e dereitos dos traballadores, mellorar a protección social e promover o diálogo social ó igual que prover información relevante, así como técnicas de asistencia e de adestramento. Na actualidade, a OIT está organizada para traballar en catro grupos ou sectores temáticos:

Entre os programas que a OIT leva adiante destaca o Programa Internacional para a Erradicación do Traballo Infantil (IPEC).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]