Arthur Conan Doyle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arthur Conan Doyle.

Sir Arthur Ignatius Conan Doyle, nado en Edimburgo o 22 de maio de 1859 e finado o 7 de xullo de 1930, foi un escritor escocés que acadou gran sona pola creación do personaxe de Sherlock Holmes, detective de ficción famoso no mundo enteiro.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Doyle educouse en Stonyhurst e estudou medicina na Facultade de Medicina da Universidade de Edimburgo onde coñeceu ao doutor Joseph Bell, profesor que animaba aos seus alumnos a inferir a maior cantidade de información persoal posible dos seus pacientes a partir dos detalles máis nimios que se achaban á vista. Foi o doutor Bell quen inspirou a Doyle gran parte da personalidade de Sherlock Holmes.

Doyle traballou nunha consulta en Southsea entre 1882 e 1890. Antes, en 1880, foi cirurxián no baleeiro groenlandés Hope e despois serviu como médico do exército en Suráfrica durante a Guerra dos Boer e ao seu regreso foille outorgado o título de Sir en 1902 polos servizos prestados así como polos dous libros que escribiu sobre o conflito bélico surafricano baixo o título de A guerra en Sudáfrica: as súas causas e o seu desenvolvemento.

Doyle comezou a escribir como diversión contra as longas horas de fastío durante as que esperaba aos seus escasos pacientes durante os seus anos en Southsea. As dúas primeiras novelas de Sherlock Holmes que escribiu, Un estudo en escarlata (1887) e O signo dos catro (1890) obtiveron gran popularidade pero non foi ata a aparición do primeiro relato curto do detective, Un escándalo en Bohemia (As Aventuras de Sherlock Holmes), onde o personaxe comezou a instalarse na conciencia colectiva con as proporcións dun mito. Este éxito permitiulle converterse nun escritor a tempo completo á idade de 32 anos pero pronto se cansou da serie e intentou "matar" a Sherlock Holmes a mans do arquicriminal profesor Moriarty no seu relato A aventura do problema final (As Memorias de Sherlock Holmes). Unha multitude de mozos británicas comezou entón a levar crespóns de loito nos chapeus e o autor viuse forzado, por petición popular, a resucitar ao seu heroe dun modo moi enxeñoso. Sherlock Holmes reaparece en A casa baleira (O Retorno de Sherlock Holmes).

Con todo, Doyle sempre preferiu as súas outras obras, especialmente as novelas históricas como Micah Clarke, Sir Nigel e A compañía branca que, xunto con obras doutra índole como As fazañas do brigadier Gerard e O mundo perdido (1912), gozaron de gran éxito de público no seu día.

Crenzas no sobrenatural[editar | editar a fonte]

En 1916 declarou na revista Lixeiro que cría no espiritualismo e desde entón ata a súa morte adicou gran parte dos seus folgos e das súas obras a esta causa. Un dos seus libros titulado The Coming of the Fairies (1921) contiña unha serie de fotografías de fadas en cuxa veracidade el cría e no que Conan Doyle expuxo as súas teorías sobre estas criaturas. En realidade tratábase dun elaborado engano ao que se coñece como as fadas de Cottingley.

Obra[editar | editar a fonte]

Historias de Sherlock Holmes[editar | editar a fonte]

  • Estudo en Escarlata (A Study in Scarlet, novela, 1887).
  • O signo dos catro (The Sign of Four, novela, 1890).
  • As aventuras de Sherlock Holmes (The Adventures of Sherlock Holmes, 1891-92).
  • As memorias de Sherlock Holmes (The Memoirs of Sherlock Holmes, 1892-93).
  • O can dos Baskerville (The Hound of the Baskervilles, novela, 1901-02).
  • O retorno de Sherlock Holmes (The Return of Sherlock Holmes, 1903-04).
  • O val do terror (The Valley of Fear, novela, 1914-15).
  • O seu último saúdo (His Last Bow, 1908-17).
  • O Libro de Casos de Sherlock (The Case-Book of Sherlock Holmes, 1924-26).

As novelas do profesor Challenger[editar | editar a fonte]

George Edward Challenger, o profesor Challenger, foi un personaxe central nunha serie de historias de ficción científica escritas por Sir Arthur Conan Doyle. Apareceu por primeira vez na novela: The Lost World, que describe unha expedición a unha illada meseta en América do Sur onde criaturas prehistóricas, incluíndo dinosauros, continúan vivindo.

  • O mundo perdido (The Lost World, 1912)
  • The Poison Belt (1913)
  • The Land of Mists (1926). Unha historia sobrenatural na que se reflectían as fortes crenzas no espiritismo de Conan Doyle.
  • The Disintegration Machine (1927)
  • When the World Screamed (1928)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Arthur Conan Doyle