Ilustrísima

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ilustrísima
Agonía, de Schiele, empregouse para ilustrar a cuberta de Ilustrísima.[1]
Autor/aCarlos Casares
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)novela
EditorialGalaxia
Data de pub.abril de 1980
Formatorústica con lapelas
Páxinas132
ISBNISBN 84-7154-355-9
editar datos en Wikidata ]

Ilustrísima é unha novela escrita por Carlos Casares, publicada por Galaxia en 1980.

Trama[editar | editar a fonte]

Fernando Fanego é o bispo dunha cidade do interior de Galiza, a comezos do século XX. Partindo dunha anécdota trivial, a chegada do cinematógrafo á vila, narra o enfrontamento entre a Curia episcopal (fanática, intolerante e dogmática) e o propio bispo (bondadoso, comprensivo, tolerante e pacífico).

Esta mesma confrontación dáse tamén na sociedade. A política levada a cabo por Canalejas e Romanones é tachada por algúns de anticlerical (representada na novela polos lectores do xornal conservador La Verdad) e por outros de progresista (e apoiada desde o xornal El Liberal).

Ao principio hai unha calma tensa, o bispo non se pronuncia a pesar das presións do resto da curia eclesiástica pero cando se publica en La Verdad un artigo asinado por el que realmente non escribira esixe unha rectificación, que non dá chegado polo que redacta unha rectificación para El Liberal. A partir de aí o conflito xeneralízase, quéntanse os ánimos na cidade e o sector máis conservador e fanático ataca a familia italiana propietaria do cinematógrafo e ao director de El Liberal.

Narración[editar | editar a fonte]

A estrutura é propia dunha narración clásica: os cinco primeiros capítulos serven de introdución (presentación do conflito, dos personaxes e as súas alianzas, en medio dunha calma tensa: todos se preparan pero ninguén actúa)[2].

No capítulo VI o bispo rompe con esta calma ao decidir visitar o cinematógrafo, o que serve de revulsivo e provoca un cambio de ritmo[3] que se vai acelerando ata chegar ao clímax no capítulo XIII e a un desenlace aberto no capítulo seguinte e final[4].

O narrador, en terceira persoa, é extradiexético e omnisciente mais non é neutral, senón que se sitúa na posición do bispo, presentando a trama, os personaxes ou a localización espacial desde a súa óptica[5]. Coñece os seus pensamentos, soños e recordos infantís mais nada do que pensan, opinan ou imaxinan os demais, só as reaccións externas que ve o propio bispo: tal como se evidenciaba no nerviosismo e nas mans inquietas de don Xenaro[6].

A redacción está feita nun estilo moi sinxelo e sen complicacións técnicas, buscando conectar co lector. A escrita non é obxecto de atención como tal, senón un medio propagador: áxil e directa nos diálogos, e máis discursiva e neutra nas evocacións e descricións. Amais do galego, utilízase un italiano castelanizado (polo propietario do cinematógrafo), o castelán (en artigos de prensa) e o latín. Recórrese en varias ocasións ás Sagradas Escrituras, pero tamén cabe o humor, usado de xeito caricaturesco.

A novela reflicte o ideal de escrita do propio Casares a través do bispo, que expón coa comparanza entre os artigos de don Xenaro e o director de La Verdad.

Tempo[editar | editar a fonte]

O tempo da historia sitúase entre 1910 e 1912, durante o mandato de Canalejas, en plena Restauración. O cinematógrafo proxecta imaxes gravadas polos propios irmáns Lumière en 1895, e do enterro do papa León XIII (finado en 1903).

A trama dura uns seis meses, desde a chegada do verán até o terceiro domingo de advento (penúltimo domingo antes de Nadal).

A orde do discurso é lineal, se ben aparece algunha analepse para evocar a súa infancia, a vila natal... Vanse narrando feitos cunha duración máis ou menos breve (unha tarde, un paseo, unha mañá...).

Espazo[editar | editar a fonte]

Catedral de Ourense.

Aínda que non se explicita, a cidade é Ourense: por nomes de rúas e prazas (rúa de Arcedianos, Alameda, Pote), porque está á beira dun río (o Miño), lonxe de Mondoñedo e preto de Vilar de Santos.

A figura do bispo é a que determina a localización das accións, pois el é a figura sempre presente; na súa maior parte desenvólvese no pazo episcopal, e aparece tamén un convento no que vive Sor Sabina, o prado onde está instalado o cinematógrafo, e mais a propia catedral de Ourense.

Dentro do pazo episcopal aparecen dúas zonas claramente diferenciadas e cun marcado valor simbólico: o piso inferior é unha zona colectiva e anónima, cualificada xenericamente, non individualizada, fría, húmida, escura e hostil, á que nunca accede o bispo; no piso superior están a alcoba, o comedor, o oratorio, a capela de Santa Eufemia, etc., lugares cómodos para o bispo. En moitas ocasións, asómase ás fiestras como único modo de contacto co exterior e coa vida da cidade.

Faise referencia tamén ao mundo exterior: Mondoñedo (recordos da infancia e do seminario), Madrid (de onde veñen as leis) e París (de onde veñen os adiantos tecnolóxicos).

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Fernando Fanego é o protagonista. Gosta do bo comer e da literatura, e é divertido e afable. É moi relixioso, pero tolerante: prefire un preguiceiro ca un fanático, a bondade por riba da xustiza, e prefire a Cristo na cruz antes que co látego. Escribe co pseudónimo de Aleceios. Os personaxes que o apoian (o vicario, o penitenciario e o provisor) xa van vellos e teñen pouca influencia dentro da Curia.
  • Don Telesforo é o lectoral, o antagonista do bispo. A súa visión da fe é a dunha igrexa apocalíptica. É culto e calculador.
  • Don Xenaro é o cura fámulo, fiel nun principio, pero que se vai afastando. É grandullón, de voz suave e infantil; prototipo de home débil e facilmente manipulábel.
  • Don Narciso é o chanceler. É carlista.
  • Sor Sabina é unha monxa sinxela, guiada polo seu confesor (Don Telesforo), que lle aconsella facer xaxún, o que lle provoca visións. É tomada por unha santa, representando a igrexa medieval e mística.
Fotografía da portada da edición en francés.

Orixe e adaptacións[editar | editar a fonte]

A novela comezou coma un breve relato baseado nunha anécdota que coñecía de pequeno, pretendendo amosar a súa simpatía polos curas máis ben gordechos. Conforme a obra colle forma, vaise definindo a visión humana e bondadosa do bispo.

O recordo sobre a chegada do cine a Ourense foille contado por Otero Pedrayo. Así mesmo, o autor recoñece que a obra ten aspectos cinematográficos, coma a levitación de Sor Sabina. De feito, chegou a haber contactos con TVE para levar a novela ao cine[7].

A obra foi traducida ao catalán por Josep Franco Martínez co título de Il.lustríssima no ano 1993[8]; ao castelán por Basilio Losada, e publicada en 1981 por Luis de Caralt con prólogo de Gonzalo Torrente Ballester[9]. Apareceu publicada en francés, co título Monseigneur ou l’affaire du cinématographe, por Ker Éditions, 2014, traducida por Michel Wagner.[10] Foi traducida tamén ao inglés por Jacob Rogers co título de His Excellency[11], e apareceu publicada no proxecto editorial Galician Classics, da Consellería de Cultura e Small Stations Press.

Proxección[editar | editar a fonte]

A novela foi moitos anos lectura obrigatoria na materia de Lingua e Literatura Galega do Século XX en COU. Segundo Malores Villanueva:[12]

Na actualidade, unha placa do Roteiro Carlos Casares lembra cun fragmento de Ilustrísima o cinema Barbagelata, que despois sería o Teatro Apolo. Corenta anos despois da súa publicación, o libro segue a dialogar con nós, segue a remarcar puntos da nosa historia, como toda a súa obra. Casares tivo a proposta de levar a novela ao cine, pero finalmente non saíu adiante, quen sabe se algún día se unirán estas súas dúas paixóns e podemos ver en pantalla grande Ilustrísima.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Exemplar de Ilustrísima da colección «Biblioteca Carlos Casares»
  2. Xosé María Moreno (1994). Ilustrísima, Carlos Casares: Análise práctica (Literatura e crítica). Sotelo Blanco. p. 70. ISBN 978-84-7824-209-2. 
  3. Silvia Gaspar (1997). Unha lectura de... Ilustrísima de Carlos Casares. Edicións Xerais. p. 27. ISBN 978-84-8302-134-X. 
  4. Xosé María Moreno 1994, p. 70.
  5. Xosé Manuel Enríquez (1992). Guía de lectura: Ilustrísima de Carlos Casares. Edicións do Cumio. p. 61. ISBN 978-84-87126-62-6. 
  6. Casares Mouriño, Carlos (1980). Ilustrísima. Editorial Galaxia. p. 14. ISBN 84-7154-355-9. 
  7. Carlos Casares: "A maquillaxe dun bispo", en Un país de palabras (Ed. Galaxia, 1998. pax. 143-152)
  8. Ficha Arquivado 15 de novembro de 2017 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  9. Ficha Arquivado 16 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  10. Luna Alonso, Ana: "A proxección internacional da obra de Carlos Casares". pp. 115-121 en Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares número 40, maio de 2017 Arquivado 15 de novembro de 2017 en Wayback Machine.
  11. "A primeira tradución ao inglés de ‘Ilustrísima’ difunde a obra de Carlos Casares no ámbito internacional", nota de prensa na web da Xunta de Galicia, 15 de maio de 2017.
  12. Villanueva, Malores (2020-06-26). "Carlos Casares e a revolución do cine". La Voz de Galicia. Consultado o 2020-06-29. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]