Saltar ao contido

Dereitos LGBT en Marrocos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Homosexualidade en Marrocos»)
Dereitos LGTB
Marrocos
Bandeira
Escudo
Homosexualidade
É legalNon
Condena6 meses a 3 anos de prisión
Protección legal contra a discriminación
LaboralNon
Bens e servizosNon
En todos os aspectosNon
Protección legal de parella
Acceso igualitario á unión civilNon
Matrimonio entre persoas do mesmo sexoNon
Dereitos reprodutivos e de adopción
Dereito de adopción conxuntaNon

A homosexualidade en Marrocos está reducida pola visión que o islam impón. As persoas pertencentes ó colectivo enfróntanse a certos desafíos legais e sociais non experimentados por outros residentes. A actividade sexual entre persoas do mesmo sexo é ilegal. Os homosexuais masculinos vense marcados pola hshuma (‘vergoña’) e o haram (‘pecado’), nunha sociedade na que a distinción entre gais activos e pasivos segue sendo moi grande.[1]

A homosexualidade feminina, o sihaq, non se menciona no Corán, pero se mantén oculta de igual maneira, e apenas foi tratada ou estudada.[2]

Marrocos foi conquistada por Roma no ano 40, converténdose en parte integrante do Imperio Romano, aínda que a súa autoridade non se estendeu máis alá das cidades portuarias e as chairas costeiras, deixando o interior ás tribos bérberes. As cidades romanas adoptaron o estilo de vida romano, no que a homosexualidade máis ou menos aceptada como unha relación de poder, na que a penetración de escravos ou xoves non estaba mal vista, pero na que un cidadán que se deixaba penetrar debía soportar o desprezo dos seus concidadáns. A cristianización do Imperio cambiou esta situación cara ao século III e IV. Aínda que o Marrocos romano era pequeno na época, as leis romanas contra a homosexualidade tamén tiveron alí a súa aplicación.

No 681 os árabes alcanzaron Marrocos, conquistándoa e converténdose as tribos bérberes ao islam. A pesar da condena expresa da homosexualidade que existen no Corán, o Hadiz e a Sunna, o Fiqh e a Sharía, na sociedade medieval islámica floreceu a poesía homoerótica, como mostran os versos de Abu Nuwas. En poemas e prosa loábase a beleza de raparigos e expresábase o desexo por eles, e mesmo se dan consellos sexuais. Esta literatura tivo o seu momento cume no século XII, aínda que se pode seguir o rastro ata o século XVI.[3]

A partir de mediados do século XIII a sociedade islámica sufriu unha transformación que levou á decadencia cultural e a un seguimento máis estrito do Corán; as mulleres comezaron a ter que levar veo e a homosexualidade era condenada. A isto se uniron as influencias occidentais vitorianas no século XIX, que estenderon unha moralidade moi estrita e hipócrita.[3]

No século XIX estendeuse o turismo homosexual cara ao Magreb, Exipto e Turquía. Tánxer converteuse nunha cidade cosmopolita e libre nos anos cincuenta, na que se movían todo tipo de persoas, desde millonarios, contrabandistas e espías, ata intelectuais e diplomáticos. Paul Bowles escribiu sobre as súas experiencias na cidade no seu libro The sheltering sky (1949), o que atraeu a outros intelectuais como o fotógrafo Cecil Beaton e os escritores Rupert Croft-Cooke, Truman Capote e Gore Vidal, para acabar seducindo a todos os demais autores importantes pertencentes á Xeración Beat: Allen Ginsberg, William Burroughs e Tennessee Williams. Esta situación terminou abruptamente en 1956 coa volta da cidade a Marrocos, aínda que o país enteiro se converteu entón en destino preferido de homosexuais ricos ou sonados: Roland Barthes, Julian Beck, Joe Orton, Michel Focault, Yves Saint Laurent, Francis Bacon ou Jean Genet.[3]

Lexislación

[editar | editar a fonte]

O artigo 489 do código penal de Marrocos, introducido o 26 de novembro de 1962, criminaliza "actos licenciosos ou contra natura cun individuo do mesmo sexo".[4] As penas poden ir de 3 meses a 6 anos de prisión e multas de 120 a 1200 dirhams.[5] En xeral, a policía adoita facer a vista gorda, mentres os homosexuais sexan discretos,[6] aínda que a situación cambiou nos últimos anos e as autoridades marroquís aumentaron a presión sobre a comunidade LGTB.[7] Non adoita haber xuízos polo artigo 489, posiblemente debido ás presións internacionais que provoca. En cambio, prefírense as acusacións de "escándalo público". Segundo Kifkif, desde a independencia de Marrocos en 1956, máis de 5000 homosexuais pasaron polos tribunais por delitos relacionados co artigo 489, sendo na súa maioría homes.[8]

Como consecuencia, non existe ningún tipo de protección contra discriminación ou abusos para os homosexuais, nin recoñecemento de ningún tipo nin individual, nin para parellas, nin para asociacións. A lei tamén foi empregada contra turistas e residentes estranxeiros.[9][10]

En 2004 foron detenidas 43 persoas, 30 homes e 10 mulleres, en Tetuán acusados de «incitar á depravación e transgredir a moral pública». Tratábase dunha festa de aniversario, na que os organizadores chamaron á policía porque xoves intentaban colarse sen estar invitados. Os islamistas acusaron ás persoas detenidas de querer formar unha asociación gay: «Hai grupos que intentan colocar ao noso país ante a política dos feitos consumados, incrustar e defender ás células de homosexuais a través do balbordo». Finalmente as 43 persoas foron liberadas tras 48 horas no calabozo, por orde do Ministerio de Xustiza, sen que estea moi clara a razón.[11] En 2007 detivéronse 6 persoas en Alcazarquivir, que cumpriron entre catro e dez meses de cárcere. En 2008 foron 21 persoas as detenidas por homosexualidade en Meknes.[12]

Tras unha noticia sobre un "matrimonio gay" da revista Al Michaal de Casablanca en marzo de 2009, as autoridades marroquís afirmaron "que xorden voces, a través dos medios de comunicación que intentan facer a apoloxía de comportamentos innobles que constitúen unha provocación para a opinión pública nacional e non teñen en conta os valores morais e doutrinais da nosa sociedade", ademais da súa "firme determinación a facer fronte, no marco das leis en vigor, a todas as actuacións contrarias aos nosos valores [...] relixiosos ou morais". As declaracións xorden no ambiente creado tras os disturbios de Alcázarquivir, a aparición dunha entrevista con Samir Bargachi, presidente de Kifkif desde 2007, na revista TelQuel e dunhas fotografías do embaixador de España en Rabat, Luis Planas, con Bargachi e Paco Ramírez, secretario da asociación LGTB COLEGAS, que levou a diversos xornais marroquís a acusar a España de inxerencia.[13][14]

En 2014 saltou aos xornais o caso dun cidadán británico de 69 anos condenado a 4 meses por homosexualidade. Ray Cole, que coñecera a un xove marroquí por Internet e visitábao por segunda vez, foi finalmente liberado tras unha campaña internacional ao su favor, liderada polo seu fillo, Adrian Cole. Do seu amigo marroquí non se tiveron máis noticias.[15][16] En 2016 houbo un caso similar cun turista español de 70 anos detenido en Marrakech. O español non foi encarcerado e, tras presentarse ante o xuíz, foi posto en liberaded «con posibilidade de regresar a España cando o desexe», aínda que non está claro se se presentaron cargos.[17] Entre 2013 e 2014 varios homes foron condenados pola xustiza marroquí; por exemplo, en maio de 2013 condenouse a 3 anos de cárcere a dous homes que levaban 10 anos nunha relación extramatrimonial;[18] ese mesmo mes, dos xoves foron condenados a catro meses de cárcere tras ser pillados in fraganti nun coche;[19] en maio de 2014 seis homes foron condenados a entre 1 e 3 anos de cárcere por «homosexualidade, incitación á prostitución, embriaguez en público e conducir en estado de embriaguez».[20] En xuño de 2015, máis de 20 homes foron detenidos por homosexualidade en Agadir.[21]

Aceptación social

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Homosexualidade e islam.

A visión da homosexualidade en Marrocos está intimamente relacionada co islam. O nome da homosexualidade, liwat, provén do nome do Lot bíblico, que puido fuxir coas súas fillas da destrución de Sodoma.[2] Tanto o Corán como os hadices condenan a homosexualidade. Tamén a sahria, a lei musulmá, considera a homosexualidade un acto punible, aínda que non se mencione unha pena concreta.[22] Aínda en 2003 o gran ulema de Rabat-Salé declaraba á prensa que aos gais había que entregalos ao carniceiro.[1] Nos últimos anos os sectores máis conservadores insistiron que a homosexualidade é "allea aos costumes e tradicións locais" e puxérona ao mesmo nivel que a delincuencia e o terrorismo (ambos "reaccionan co seu corpo a problemas morais").[23]

En xeral o homosexual "activo" é aceptado e considerado viril, en cambio o "pasivo" é considerado feminino e débil. Todos insultos e expresións que falan da homosexualidade refírense ao pasivo, considerado un enfermo ou un erro da natureza. Por outra parte, o efeminado é tolerado porque non representa unha ameaza á virilidade dos homes.[1]

En 2006 un estudante de Ciencias Económicas da Universidade de Fez foi sacado da súa habitación no colexio maior Dar el Mahraz e obrigado a ir ata o campus, onde uns 400 islamistas, entre os que se atopaban membros dos partidos Partido da Xustiza e do Desenvolvemento e Xustiza e Caridade, lle someteron a un xuízo paralelo. "Expulsáronlle" do colexio maior e "condenáronlle" a que só estivese no campus o menor tempo posible, entrando por unha porta traseira. O maior dano producíronllo ao facer pública a homosexualidade do alumno, que en consecuencia foi desafiuzado pola súa familia e teme polo seu posto de traballo.[24]

Especialmente grave foi o caso dunha muller transxénero que foi perseguida e violentamente agredida na rúa por unha multitude en Fez en xullo de 2015. A muller foi finalmente salvada pola policía, que puido evacuala nun coche policial.[25][26] Outro caso moi grave aconteceu en Beni Mellal, cando un grupo de homes irrompeu nunha vivenda onde sorprenderon a unha parella gay espidos na cama. Os dous homes foron brutalmente agredidos e logo, ensanguentados e espidos, son sacados á rúa para unha humillación pública.[7][27] Ambos casos déronse a coñecer grazas a gravacións que se publicaron en Internet.[7][25]

Homoerotismo

[editar | editar a fonte]

Algúns comportamentos considerados en Occidente como homoeróticos, non son vistos como tales polos marroquís. O pasear collidos da man, os baños turcos, mesmo as masturbacións en grupo etc., sobre todo en áreas rurais, non son considerados actos sexuais, senón culturais.[2]

Disturbios de Alcazarquivir

[editar | editar a fonte]

Un dos maiores escándalos en relación coa comunidade LGTB deuse en Alcazarquivir, unha pequena cidade 120 km ao sur de Tánxer, a raíz dun vídeo que circulaba en YouTube e que aparentemente mostraba imaxes dunha festa privada realizada o 17 de novembro de 2007.[28] Parece que se trataba dun ritual tradicional dos gnauas, descendentes de escravos negros que forman unha irmandade sufí; aínda que outros afirmaban que se trataba dunha voda entre homosexuais.[29]

O 21 de novembro produciuse unha petición de investigación por parte do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, numerosas asociacións locais e polo capítulo local da Asociación Marroquí de Dereitos Humanos. A petición foi publicada nos xornais e, sobre todo naqueles de lingua árabe, con títulos e comentarios amarelistas, destacando o columnista Rachid Nini no xornal Al Massae. O venres seguinte, os sermóns das mesquitas ruborizaron aos crentes, provocando disturbios nos que participaron entre 6000 e 13000 persoas, algúns con rifles, e que se dirixiron á casa na que tivera lugar a festa. De camiño, intentaron saquear unha xoiaría que pertencía a un home que aparantemente apoiaba aos homosexuais.[29]

Entre o 23 e o 25 de novembro, a policía detivo a 6 homes acusados de infrinxir o artigo 489. O 28 de novembro, o xornal Atajdid informaba dunha «Intifada anti-homosexual en Alcazarquivir». O xoves seguinte organizouse outra manifestación en contra dos homosexuais liderada polo Partido da Xustiza e o Desenvolvemento á que asistiron unhas 1000 persoas. Os seis detenidos foron declarados culpables e condenados a penas de cárcere de entre catro e dez meses, a pesar de que a única proba era o vídeo, no que non se aprecia ningún tipo de actividade sexual.[29] O xulgado de apelación de Tánxer mantivo as condenas, aínda que reducindo lixeiramente as penas.[4]

Os disturbios tiveron como consecuencia que a homosexualidade sexa discutida abertamente por primeira vez no país, chegándose a tratar por vez primeira nun programa da televisión.[30] En xaneiro de 2008, 150 intelectuais, políticos e xornalistas marroquís asinaron un manifesto en contra dos feitos acontecidos en Alcazarquivir. Entre eles atopábanse figuras do talle de Tahar Benjelloun, Abdellatif Laabi, Mohamed Chafik, Fouzia Assouli, o exministro Mohamed el Gahs ou Laarbi Messari do partido nacionalista Istiqlal. Os asinantes protestaban polo ataque ás liberdades individuais, pero tamén pola forza mostrada polos "integristas".[31]

Loita polos dereitos civís

[editar | editar a fonte]
Bandeira gay marroquí.

Kifkif («de igual a igual» en árabe) é a única base asociativa da comunidade LGTB en Marrocos.[32] Estabelecida en 2004 por activistas homosexuais marroquís tras as detencións de Tetuán. En setembro de 2006, Kifkif solicitou ao Ministerio do Interior marroquí o seu recoñecemento legal como asociación, sendo rexeitados todos os intentos. Aínda que non está legalizada, mantén unha certa actividade. O colectivo lanzou a revista Mithly e o grupo Menna w Fena, dedicado especificamente aos colectivos de mulleres lesbianas, as persoas bisexuais, transexuais ou queer.[33]

O Colectivo Aswat, relacionado coa revista LGTB Aswat,[34] é outro grupo que defende os dereitos LGBT en Marrocos.[35]

Desde 2007, o 20 de outubro, os homosexuais marroquís celebran o seu día nacional, unha especie de orgullo gai, pero con moita discreción e segredismo ou no estranxeiro. A data conmemora o suicidio de Leila Amrouche, unha lesbiana que preferiu a morte a un matrimonio forzado co que a súa familia pretendía curar a súa homosexualidade.[36]

O 2 de xuño, o baxista de Placebo, Stefan Olsdal, durante o festival de música Mawazine, mostrou no seu torso espido o número 489 riscado, en referencia ao artigo 489 do código penal, en protesta pola ilegalidade da homosexualidade.[37] En xuño de 2015, Lara Alcázar, voceira española de Femen, foi detida e expulsada de Marrocos.[37] Semella ser que Alcázar ía formar parte da protesta realizada por dúas militantes de Femen francesas, que o 3 de xuño se mostraron en topless e bicándose, con mensaxes a favor dos dereitos LGBT escritos sobre o seu torso, na Torre Hasán. Ambas tamén foron expulsadas.[38] Ao día seguinte, dos homes achegáronse ao mesmo lugar, a Torre Hasán, para bicarse. Ambos foron detenidos e enfróntanse a penas de ata tres anos de cárcere.[39] Lahcen e Mohsine, a pesar do apoio de máis de 74.000 persoas que recibiron nunha petición internacional organizada polo Colectivo Aswat, recibiron unha condena de catro meses.[40][41]

Subcultura LGTB

[editar | editar a fonte]

O rexeitamento social e legal provocou que a homosexualidade masculina se viva de xeito oculto. Moitos homes homosexuais casan e teñen fillos, mentres que, detrás da fachada de respectabilidade social, continúan mantendo encontros sexuais clandestinos con outros homes en cafés, cines, clubs nocturnos, hammams etc.[2] Tamén existen lugares de encontro en parques públicos.[1]

Nas grandes cidades, Tánxer, Casablanca e sobre todo Marrakech, existen algúns lugares de encontro para homosexuais, coñecidos no ambiente, pero nos que o público está mesturado, homo, bi e heterosexuais, e que son practicamente indistinguibles dos demais bares, cafés e discotecas. Nalgúns, os homosexuais reciben mesmo algunha protección de agresións externas.[1]

Internet cambiou bastante o panorama LGTB en Marrocos. Empréganse páxinas árabes e francesas, como Gaymaroc.net, para facer amizades e saír do illamento.[1]

Cultura LGTB

[editar | editar a fonte]

Rachid O. foi o primeiro autor en recoñecer publicamente a súa homosexualidade. Con todo, a identidade de Rachid O. non se fixo pública e os seus libros só se publicaron baixo pseudónimo en Francia.[24]

O escritor homosexual máis coñecido é Abdellah Taia, que saíu do armario en xaneiro de 2006 nunha entrevista na revista TelQuel, o primeiro en facelo desta maneira. Taia vive autoexiliado en París onde traballa como xornalista.[42] A obra de Taia reflicte, aínda que non exclusivamente, o feito de crecer como homosexual en Marrocos durante os anos oitenta e os anos noventa, cun fondo autobiográfico.[43]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Laetitia Grotti e Maria Daïf (2004). "Être homo au Maroc". TelQuel (en francés). Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2009. Consultado o 14 de febreiro de 2009. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 AA.VV. "Morocco". The International Encyclopedia of Sexuality (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2008. Consultado o 14 de febreiro de 2009. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Aldrich, Robert (Ed.) (2007). Gleich und anders. Hamburgo: Murmann. 978-3-938017-81-4. 
  4. 4,0 4,1 "Morocco: Protect Rights to Privacy and Fair Trial". Human Rights Watch (en inglés). 25 de febreiro de 2008. Consultado o 13 de febreiro de 2009. 
  5. "Morocco". Behind the mask (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2009. Consultado o 13 de febreiro de 2009. 
  6. I. Cembrero (4 de xuño de 2004). "Redada contra homosexuales de Tetuán que querían asociarse". El País (en español). Consultado o 14 de febreiro de 2009. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Flick (27 de marzo de 2016). "Difunden en redes sociales imágenes de una brutal agresión a una pareja gay marroquí". Dos Manzanas (en español). Consultado o 28 de marzo de 2016. 
  8. ju (16 de maio de 2010). "Erstes schwullesbisches Magazin in Marokko". QueerNews.at (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2010. Consultado o 13 de xuño de 2010. 
  9. "Brite in Marokko verurteilt". Queer.de (en alemán). 5 de outubro de 2004. Consultado o 13 de febreiro de 2009. 
  10. "Arrests After ‘Gay Swoops’ in Bahrain, Egypt and Morocco". UK Gay News (en inglés). 23 de xaneiro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2009. Consultado o 13 de febreiro de 2009. 
  11. I. Cembrero (16 de xuño de 2004). "Los islamistas, contra los 'gays'". El País (en español). Consultado o 7 de xullo de 2007. 
  12. I. Cembrero (25 de marzo de 2008). "La gendarmería de Marruecos detiene a 21 homosexuales". El País (en español). Consultado o 14 de febreiro de 2009. 
  13. staff writer (6 de marzo de 2009). "Revuelo islamista contra la homosexualidad en Marruecos". afol News (en español). Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2009. Consultado o 26 de marzo de 2009. 
  14. I. Cembrero (24 de marzo de 2009). "Marruecos anuncia el fin de toda tolerancia con la homosexualidad". El País (en español). Consultado o 26 de marzo de 2009. 
  15. Martinez, Aashta (8 de outubro de 2014). "Un británico de 69 años, condenado a cuatro meses de prisión en Marruecos por homosexualidad y finalmente liberado". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015. 
  16. Martinez, Aashta (16 de outubro de 2014). "El turista británico detenido en Marruecos por homosexualidad narra su calvario en prisión". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015. 
  17. "En libertad el español detenido en Marrakech por practicar la homosexualidad". 20 Minutos (en castelán). EFE. 24 de novembro de 2016. Consultado o 26 de novembro de 2016. 
  18. Flick (11 de maio de 2013). "Marruecos: tres años de cárcel a dos hombres por mantener una relación homosexual". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015. 
  19. Flick (22 de maio de 2013). "Marruecos: nueva condena de cárcel por mantener relaciones homosexuales". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015. 
  20. Calibán (23 de maio de 2014). "Marruecos: seis hombres condenados a penas de prisión por cometer actos homosexuales". Dos Manzanas (en español). Consultado o 11 de xaneiro de 2015. 
  21. McCormick, Joseph Patrick (19 de xuño de 2015). "More than 20 people arrested in Morocco accused of homosexuality". Ink News (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  22. Véxase tamén: Homosexualidade e islam
  23. Maruja Torres (5 de agosto de 2004). "Ibrahim de día, sultana de noche". El País (en español). Consultado o 15 de febreiro de 2009. 
  24. 24,0 24,1 Ignacio Cembrero (16 de xullo de 2006). "El escarnio diario de Ahmed". El País (en español). Consultado o 15 de febreiro de 2009. 
  25. 25,0 25,1 Flick (3 de xullo de 2015). "Una horda de salvajes agrede brutalmente a una mujer tránsgenero en Fez (Marruecos)". Dos Manzanas (en español). Consultado o 28 de marzo de 2016. 
  26. "Una muchedumbre apalea a un presunto travesti en Marruecos". 20 Minutos. EFE. 30 de xuño de 2015. Consultado o 10 de abril de 2016. 
  27. "Una veintena de ONG piden libertad para los homosexuales marroquíes agredidos". 20 Minutos. Agencias. 29 de marzo de 2016. Consultado o 10 de abril de 2016. 
  28. Un vídeo mostrando imaxes da festa e dos disturbios posteriores pódese ver en Mariage ou semblant d'homosexuels à Ksar el kabir maroc en Dailymotion
  29. 29,0 29,1 29,2 Doug Ireland (20 de decembro de 2007). "Homo Witch Hunt in Morocco". Gay City News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2009. Consultado o 13 de febreiro de 2009. 
  30. ACN Press (16 de decembro de 2007). "La homosexualidad se debate en Marruecos por la primera vez en la historia". Canarias24horas.com (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2009. [Ligazón morta]
  31. Ignacio Cembrero (19 de xaneiro de 2008). ""¡No a la Inquisición en Marruecos!"". El País (en español). Consultado o 7 de xullo de 2007. 
  32. "Colectivo LGBTQ de Marrocos: Web oficial". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2016. Consultado o 07 de abril de 2019. 
  33. "Présentation Menna w Fena". Menna w Fena (en francés). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 23 de xuño de 2017. 
  34. "مجلة أصوات للأقليات الجنسية بالشرق الأوسط والمغرب الكبير". Aswat Magazine LGBT فيسبوك (en árabe). Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  35. "Collectif Aswat - مجموعة أصوات". Facebook (en árabe - francés - inglés). Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  36. Erena Calvo (20 de outubro de 2011). "Los homosexuales marroquíes, entre el miedo y la desprotección, celebran su día". El Mundo (en español). Consultado o 22 de outubro de 2011. 
  37. 37,0 37,1 Amadeu, Juli (6 de xuño de 2015). "Marruecos expulsa a una cooperante española, detiene a una pareja gay y denuncia que desde el extranjero se trata de “socavar la moral pública”". Dos Manzanas (en español). Consultado o 6 de xuño de 2015. 
  38. Morgan, Joe (3 de xuño de 2015). "Morocco expels two topless women over gay kiss protest". Gay Star News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2015. Consultado o 6 de xuño de 2015. 
  39. Wee, Darren (5 de xuño de 2015). "Morocco arrests two men for kissing in public". Gay Star News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2015. Consultado o 6 de xuño de 2015. 
  40. Amadeu, Juli (17 de xuño de 2015). "Más de 71.000 personas exigen la exoneración de dos jóvenes detenidos en Marruecos por ser homosexuales". Dos Manzanas (en español). Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  41. Collectif Aswat (19 de xuño de 2015). "Ils vont passer quatre mois derrière les barreaux uniquement parcequ'ils sont gays!". Facebook (en francés). Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  42. Trinidad Deiros (28 de setembro de 2008). "Mi país vive en la negación de la homosexualidad". Público (en castelán). Consultado o 14 de febreiro de 2009. 
  43. Kersten Knipp (27 de xuño de 2008). "Der marokkanische Schriftsteller Abdellah Taïa. Melancholie und Einspruch". antara.de (en alemán). Consultado o 14 de febreiro de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]