Sodoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sodoma é unha cidade mencionada en varios libros da Biblia. É descrita coma unha das cinco cidades da Pentápole bíblica (cinco cidades arrasadas por Deus como castigo). Estaría situada na ribeira do mar Morto. O seu xentilicio é sodomita e a súa existencia histórica é dubidosa.

Lenda[editar | editar a fonte]

O libro da Xénese menciona a Sodoma a partir do capítulo 10, situándoa dentro do territorio poboado polos cananeos.

Segundo o relato da Biblia no capítulo 18 da Xénese, Deus reveloulle a Abraham que había destruír Sodoma por medio de lume e xofre porque o seu pecado era moi grave e irreversíbel, só Lot e a súa familia poderían ser salvados. Abraham intercedeu polos xustos da cidade, e Deus repúxolle que non a destruiría se atopaba cincuenta xustos na cidade, mais Abraham insistiu até que lle deu a oportunidade de atopar a dez xustos. Ao non conseguilo, despois de que os anxos sacasen de Sodoma á familia de Lot, Deus enviou unha choiva de lume e xofre que incinerou completamente a cidade cos seus habitantes, e outras cidades da chaira (polo menos catro das cinco). Un dos que acompañaba a Lot na fuxida, a súa muller, deu volta para mirar e converteuse nunha estatua de sal.

Outros libros da Biblia volven utilizar esta pasaxe da historia de Sodoma como exemplo de como os pecadores son castigados.