Abu Nuwas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Abu Nuwas
Abu Nuwas.jpg
Abu Nuwas nun debuxo de Khalil Gibran[1]
Nacemento 756
Lugar Ahvaz
Falecemento 814
Lugar Bagdad
Nacionalidade Abbásida
Relixión Islam
Ocupación poeta e letrista
Xéneros poesía
editar datos en Wikidata ]

Abū Nuwās al-Ḥasan ibn Hānī al-Ḥakamī (en árabe: ابونواس‎; en persa: ابونواس), nado en 756 e finado en 814,a e coñecido como Abū Nuwās[2], foi un dos maiores poetas clásicos en lingua árabe, que en ocasións tamén compuxo en persa. Nado na cidade de Ahvaz da moderna Irán, era fillo de pai árabe e nai persa.[2] Converteuse nun mestre de tódolos xéneros contemporáneos da poesía árabe, pero a súa reputación baseouse na poesía báquica (خمريات jamriyyat), e cara o amor homosexual (مذكرات mudhakkarat). Abu Nuwas entrou na tradición folclórica, aparecendo en numerosas ocasións na compilación de historias As mil e unha noites.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O pai de Abu Nuwas, Hānī, o cal o poeta nunca coñeceu, era descendente da tribo de Banu Hakam de Jizani, e era soldado do exército de Marwan II. A súa nai, persa, chamada Golban, traballaba de tecedeira. Cando Abu Nuwas era aínda un neno, a súa nai vendeuno a un tendeiro de Basora, Sa’ad al-Yashira. Estudou nesa cidade e tivo como mestre e amante ao poeta Waliba ibn al-Hubab, e tras un tempo vivindo en Kufa regresou a Basora para estudar con Jalaf al-Ahmar. Trasladouse a vivir a Bagdad na compaña de Walibah ibn al-Hubab, e axiña fíxose famoso pola súa poesía enxeñosa e humorística, que non atinxía os temas tradicionais do deserto, senón da vida urbana e das alegrías do viño e o beber (khamriyyat) e o humor irreverente (mujuniyyat). Viviu alí protexido por mecenas, que lle encomendaban poemas de caza, do desexo sexual polas mulleres, do amor polos nenos (pederastia) e panexíricos aos seus clientes. Os temas dos seus poemas teñen unha forte tendencia hedonista, temas báquicos e eróticos, amor ao viño, aos rapaces, á caza, á libertinaxe mais tamén a anguria da morte e do avellentamento. O seu espírito crítico atacou especialmente as institucións relixiosas. Abu Nuwas tivo que fuxir á Meca e logo a Exipto durante algún tempo, por escribir unha elexía en loanza dos barmakís, unha poderosa familia de visires, protectores de Abu e perseguida e asasinada polo entón califa Harún al-Rashid da dinastía abbasí. A pesar do aprecio que suscitaba na corte, non deixou de pasar algunha temporada no cárcere como consecuencia da súa vida hedonista e das súa afección ó viño.

Volveu a Baghdad en 809, acaecida a morte de Harún al-Rashid e ascendendo ó trono AlMuhammad al-Amin, o xove e libertino fillo de Al-Rashid, de apenas vinte e dous anos, e antigo pupilo de Abu Nuwas, un golpe de sorte, durante o cal crese que escribiu a maioría dos seus poemas, xa que Al-Amin non só era un amante das artes e das letras senón que, ademais, compartía o hedonismo de Abu Nuwas, sendo a súa comisión real máis famosa a casida que compuxo en loubanza de Al-Amin. Para desgraza de Abu, o califa morreu ós catro anos de reinado e sucedeuno o seu irmán, tamén amante das letras e das artes, pero non así dos bebedores e rebeldes.

Dise que o secretario de Al-Ma'mun enganou a Abu Nuwas para que escribise unha sátira contra Ali, o xenro do Profeta, namentres estaba ebrio. Zonbor leu deliberadamente a poesía en público, e asegurouse de que Nuwas seguira en prisión. Dependendo da bibliografía que se consulte, Abu Nuwas morreu en prisión, ou foi envelenado por Ismail bin Abu Sehl, ou as dúas, cara o ano 815.

Bagdad[editar | editar a fonte]

Al-Khatib al-Baghdadi, o autor da Historia de Bagdad, escribiu que Abu Nuwas foi enterrado no cemiterio de Shunizi en Bagdad.[3]

A cidade ten diversos lugares nomeados na honra deste poeta. A rúa Abū Nuwās segue a beira leste do Tigris, e no pasado foi unha das xoias da cidade[4] O Parque Abu Nuwas tamén ten unha ponte no estreito de 2,5 km entre Jumhouriya ou o parque que se estende fóra do río, en Karada preto da ponte do 14 de xullo.[5]

Legado[editar | editar a fonte]

Un cráter situado no hemisferio norte do planeta Mercurio leva o seu nome.[6]

Abu Nuwas é considerado como un dos grandes da literatura clásica arábiga. Influenciou a moitos escritores posteriores, entre eles ós persas Omar Khayyám e Hafiz. Na compilación de historias As mil e unha noites, aparece en diversos contos unha caricatura hedonista de Abu-Nuwas. Entre os seus mellores poemas están os que ridiculizan a nostalxia da "Antiga Arabia" e a vida do beduíno, e eloxian entusiastamente a vida en Bagdad como un contraste vívido.

A súa liberdade de expresión, especialmente en temas prohibidos polas normas islámicas, continúan a anoxar ós seus censuradores. Mentres as súas obras circulaban libremente ata os primeiros anos do século XX, non é ata 1932 cando aparece a primera edición moderna censurada das súas obras no Cairo. En 1976, nomeouse un cráter do planeta Mercurio na súa honra.

En África oriental, especialmente na cultura suahili, o nome de Abu Nuwas é moi popular como "Abunuwasi". A conexión débese a unha serie de historias con outras denominacións como son as aventuras de Nasreddín. O tanzano Godfrey Mwampembwa -coñecido baixo o nome artístico de Gado- creou un libro de historietas de banda deseñada en suahili chamado Abunuwasi, no cal fixo adaptación de tres historias de Abu Nuwas.[7] O libro foi editado no ano 1996 por Sasa Sema Publications.[8]

Ámasme?
Cando vin a aquel fermoso mozo,
el ría con gañas.
Estabamos os dous sós, en fin,
sós con Deus. E porén,
el puxo a súa man na miña
e faloume longo rato;
despois díxome "ámasme?".
"Si, máis alá do amor".
"E por tanto -dixo-,deséxasme?".
"Todo en ti é desexable".
"Teme entón a Deus e esquéceme..."
"Se o meu corazón quixera obedecerme..."
Abu Nuwas

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Publicado en al-Funun 2, núm 1 (xuño de 1916). O diario al-Funun comezou a publicarse en abril de 1913. Representa o cumprimento do soño do seu director e editor Nasib Aridah de publicar unha revista literaria en árabe dedicada á promoción de novas formas de literatura para o mundo de fala árabe. Ver: al-funun.org
  2. 2,0 2,1 Garzanti
  3. Ibn Khallikan's biographical dictionary - Google Books. Books.google.com. Consultado o 12 de setembro de 2010. 
  4. Related Articles. "Abu Nuwas Street (street, Baghdad, Iraq) - Britannica Online Encyclopedia". Britannica.com. Consultado o 12 de setembro de 2010. 
  5. "DVIDS - News - A Walk in the Park". Dvidshub.net. Consultado o 12 de setembro de 2010. 
  6. "USGS Astro: Planetary Nomenclature: Feature Data Search Results". USGS Gazetteer of Planetary Nomenclature Feature Information (en inglés). Consultado o 21 de outubro do 2007. 
  7. Pilcher, Tim and Brad Brooks. (Foreword: Dave Gibbons). The Essential Guide to World Comics. Collins and Brown. 2005. 297
  8. "Abunuwasi (Swahili Edition)". Ibn Khallikan's biographical dictionary - Google Books. Amazon.com. 1996. ISBN 978-9966-960-900. Consultado o 15 de xuño de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Adonis. Poesía y poética árabes. Madrid: Ediciones del Oriente y del Mediterráneo, 1997. ISBN 978-84-87198-44-1. (en castelán)
  • Borg, Gert; Moor, Ed de. Representations of the Divine in Arabic poetry. Amsterdam: Rodopi, 2001. ISBN 978-90-420-1574-6. (en inglés)
  • Chebel, Malek. Diccionario del amante del Islam. Barcelona: Paidós, 2005. ISBN 978-84-493-1708-8. (en castelán)
  • DDAA. La Gran Enciclopèdia en català. 01. Barcelona: Edicions62, 2004. ISBN 84-297-5429-6. (en catalán)
  • Drory, Rina. Models and contacts : Arabic literature and its impact on medieval Jewish culture. Leiden: Brill, 2000. ISBN 90-04-11738-5. (en inglés)
  • Gil, Anna. Entre el delito y el deleite: la traducción del universo báquico de Abu Nuwás. Quaderns. Universitat Autònoma de Barcelona Facultat de Traducció i d’Interpretació [Barcelona], 2009. (en castelán)
  • Kennedy, Philip F. The wine song in classical Arabic poetry : Abū Nuwās and the literary tradition. Repr.(Open University Press). Oxford [u.a.]: Clarendon Press, 1997. ISBN 978-0-19-826392-0. (en inglés)
  • Kennedy, Philip F. Abu Nuwas a genius of poetry. Pbk. ed. Oxford: Oneworld, 2007. ISBN 1-85168-510-3. (en inglés)
  • Lazar, Moshé; Lacy, Norris J. The care and feeding of gazelles – Medieval Arabic and Hebrew love poetry. Poetics of love in the Middle Ages: texts and contexts. Fairfax, Virginia: George Mason University Press, 1989. ISBN 978-0-913969-25-0. (en inglés)
  • Frye, Richard Nelson. The golden age of Persia : the Arabs in the East. New York: Barnes & Noble Books, 1975. ISBN 0-06-492288-X. (en inglés)
  • Neill, James. The Origins and Role of Same-sex Relations in Human Societies. McFarland, 2009. ISBN 978-0-7864-5247-7. (en inglés)
  • Encyclopædia Britannica entrada de Abu Nuwas (en inglés)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]