Historia da comunidade xudía de Allariz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Descoñécese a data de establecemento de persoas xudías na vila de Allariz. De feito a presenza xudía non aparece documentada no Foro de Allariz outorgado por Afonso VII en 1157 e no que se regulamentan as relacións de convivencia dun xeito minucioso, senón que o primeiro documento no que se menciona a un xudeu data de case trinta anos máis tarde. No texto documéntase como en 1186 o "Xudeu Maor" mercara ao Concello un anaco de terreo para destinalo a cemiterio.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

A pesar de que o Foro de Allariz outorgado por Afonso VII en 1157 regúlase minuciosamente a convicencia, non se fala da presenca de persoas xudías na vila, senón que hai que esperar case trinta anos, en 1186 para atopar a primeira referencia documental. Esta trátase dunha transacción pola que o "Xudeu Maor" mercou un anaco de terra ao Concello para que acollera o cemiterio, e que foi posible grazas á doazón feita en 1181 por Fernando II ao Concello das súas propiedades na vila e no seu termo xurisdicional.[2]

O asentamente primitivo estaría situado intramuros, nos suburbios da Parroquia de S. Pedro, entre Torre Lombarda e a Porta de Vilanova, e delimitado pola Rúa de S. Lázaro, nun lugar de considerable desnivel que aínda é coñecido co topónimo Barranquiño. Entre a muralla e o río estendíase o Campo dos Coiros –hoxe Portovello– que tiña unha incipiente actividade de curtición ligada á presenza xudía e que se mantivo na evolución socioeconómica alaricana.[2]

Creación da xudaría[editar | editar a fonte]

Los judios en Orense, siglos XV al XVII. Benito F. Alonso.

A principal característica da comunidade xudía alaricana e que se tratou da primeira en Galiza que foi apartada a vivir nunha área separada da poboación cristiá.[3] A lexislación obrigaba á segregación das comunidades étnicas e relixiosas,[a] mais todo parece indicar que na vida cotiá obviábase ou difuminábase este rigorismo, con todo, deberon producirse numerosos conflitos entre ambas comunidades, a xulgar polas sucesivas cartas de avenencia e conciliación existentes.[1] A primeira destas cartas data do ano 1249, e nela se pode ver un intento de achegamento entre a comunidade cristiá das inmediacións do adro de S. Pedro e a comunidade xudía dos suburbios da mesma parroquia e de Vilanova:[4]

Sepan cuantos vieren esta página para siempre valedera que los que habitan en el atrio, por sí y por su parte y los que habitan en Vilanova y en S. Pedro por sí y por su parte, hacen en, firme el siguiente pacto de amistad...

Con todo, a situación de separación das dúas comunidades produciuse logo dun acordo entre membros do Concello, a Igrexa e o representante da comunidade xudía[b] e que se reflicte na «carta de avenencia»,[3] un documento que se ben non se conserva na súa forma orixinal, foi transcrito e publicado completo por José Amador de los Ríos[5] e Benito Fernández Alonso[6] e de xeito parcial por Puga Brau,[7] cuxo obxectivo era solucionar os problemas que enfrontaban ás sociedades cristiá e xudía.[8] O documento é un pacto asinado en pé de igualdade baixo a autoridade real, que se encontrou representada polo meiriño da vila, Pero Eanes.[4] A orixe destes problemas serían as interferencias xudías nas cerimonias relixiosas cristiás e viceversa.[8]

Se ben no plano relixioso o documento establecía que se separaran as celebracións públicas e que estas non contaran con presenza da comunidade oposta,[4] a principal medida adoptada foi a separación das persoas xudías nun barrio separado, provocando unha segregación espacial completa, xa que prohibiuse ás persoas da comunidade xudía vivir fora da xudaría e saír dela mesmo para comerciar, e a ningunha persoa cristiá vivir na xudaría:[8]

Que o dito Xudeu Maor nin su jente merquen, troquen nin moren en vivenda fora da Xuderia e non ñas outras ruas da vila, do moran os cristians ... e nengun Cristian morará na xudería.

Sendo as portas da vila o único espazo cristián ao que a comunidade xudía tivo acceso, e só para introducir mercadorías na xudaría:[9]

... e entren os xudeos pelas portas da vila para Xuderia os vastimentos, que tiverenpor menester.
A comunidade xudía de Allariz tivo que doar terreos para que se puidera construír o cemiterio do Convento de Sta. Clara.

Se ben a «carta de avenencia» só indica que a xudaría encontrábase dentro das murallas da vila e non achega máis información que permita precisar o lugar exacto no que se asentou,[10] o documento si permite establecer a data na que segregou, o 20 de maio de 1289.[11] María Gloria de Antonio Rubio sinala que o feito de non precisar a localización da xudaría permite considerar que esta estaría localizada nun lugar coñecido por toda a poboación e que probablemente xa fora un lugar habitado maioritaria e voluntariamente por persoas xudías no momento da redacción do documento.[10] Con todo, o documento mostra que as persoas xudías posuían propiedades no barrio cristián, xa que o Xudeu Maior, Isaac Ismael, debería pagar en prenda «a casa do burgo polos danos que seus xudeus hi feçeren...», e que estas posesións se espallaban mesmo ata o novo barrio do Couto no que se estaba a construír o Convento de Santa Clara, ao que a carta establece o compromiso de doar en herdade «a orta que hi ten....por que as Donas do Mosteiro podan....façer seu cimeterio».[4]

Descoñécese se as medidas acordadas na «carta de avenencia» leváronse ou non á práctica, mais nos últimos anos da década de 1480-1490 sábese que os recadadores Mosé e Judá Pérez viviron en Allariz, mais non na zona asignada como xudaría en 1289 senón en vivendas situadas no centro da vila. Os motivos poderían ser que por seren arrendadores e recadadores reais non estiveran obrigados a vivir na xudaría, ou ben que a esta xa non existira nesta época. De feito, cando Mosé Pérez foi obrigado a vivir nunha zona separada na cidade de Ourense, este respondeu dicindo que era veciño de Allariz dende ía máis dun ano e que non tiña por que vivir na xudaría, o que indicaría que había unha menor presión en Allariz que en Ourense.[12]

Con todo, semella que as cartas de 1249 e 1289 non conseguiron eliminar os conflitos entre ambas comunidades, xa que precisamente foron estas tensións as que motivaron os feitos que se conmemoran na Festa fo Boi, unha das celebracións máis destacadas da vila.[2]

Persecución[editar | editar a fonte]

O 31 de marzo de 1492 os Reis Católicos asinaron na Alhambra de Granada o Decreto da Alhambra,[c] que prohibía vivir no Reino de España a todos os xudeus, dándolles a posibilidade de abandonar a súa fe e converterse ao cristianismo.[13] O Decreto da Alhambra provocou a saída de moitos xudeus dos territorios do reino, un fenómeno que non foi alleo á poboación xudía de Galiza e de Allariz, onde principalmente fuxiron a Portugal ou a países atlánticos ou mediterráneos dende os portos galegos. Con todo calcúlase que deberon ser poucos os que se exiliaron, xa que existen referencias que apuntan que no territorio galego convertéronse en maior medida que en outros lugares.[14]

A sociedade xudía alaricana[editar | editar a fonte]

Posibles emprazamentos da xudaría[editar | editar a fonte]

Os indicios apuntan a que a xudaría de Allariz encontrábase nas proximidades da igrexa de Santo Estevo.

Aínda que non existe constancia no documento do lugar exacto da xudaría de Allariz, é posible facer unha aproximación á mesma mediante dúas frases do texto, e que permitirían situala na zona alta da vila, nas proximidades da igrexa de Santo Estevo:[10]

  • Na primeira, cando se permite que «entren os xudeos polas portas da vila para xuderia os vastimentos [víveres] que tuvesen por menester», o que indica que a zona habitada pola comunidade xudía encontrábase dentro das murallas da vila.
  • Na segunda frase faise referencia ao castelo no parágrafo no que se fai referencia ao lugar onde se realizaban as «rogas e festas, que os ditos xudeus fan nos soburvios da vila por vaixo do noso castelo». Considerando que as prácticas relixiosas xudías celebrábanse na sinagoga e que esta adoitaba situarse na rúa principal da xudaría, que estaría situada nos «suburbios» ou arrabales do castelo, quizais na ladeira do altozán onde estaba situado o castelo, e non nas zonas baixas da vila.

A estes dous fragmentos da «carta de avenencia» hai que sumar o feito de que o cemiterio xudeu de Allariz estivo situado á dereita da igrexa se Santo Estevo, nuns terreos que en 1487 o reitor da igrexa aforou para que puidera ampliarse o cemiterio que a comunidade xudía posuía dende ía tempo neses terreos:[10][15]

Conven a saber que bai la afueracion para todo sempre, por cuanto tenéis vuestras enterramientos ya de luengo tiempo en la dicha eredad.

Salientar que era habitual que as comunidades xudías situaran o cemiterio fora da cidade, mais próximo á porta da xudaría para evitar que os enterros atravesaran barrios cristiáns.[16]

A sinagoga[editar | editar a fonte]

Se ben a sinagoga tiña a principal función de lugar de oración, tamén tiña outros usos importantes para a vida da comunidade, como centro de reunión, lugar de acollida ao tribunal da alxama, e sobre todo, como lugar de estudo do Talmud e a Torá, ata o punto de que en algunhas comunidades galegas a sinagoga recibiu o nome de Torá.[17][d]

A documentación conservada afirma que probablemente Allariz contara cunha sinagoga, cuxa existencia pode supoñerse pola presenza na vila do rabino Mosen Cohen, aínda que a presenza dun rabino non é indicativo da presenza do templo, si que é habitual que vaian asociados.[18] Ademais, a «carta de avenencia» sinalaba de xeito claro a localización da sinagoga.[4]

En 1994, no Catálogo de Bens de Interese Cultural identificábase o número seis da rúa Nova como o edificio que acollera a sinagoga da vila «cando o barrio xudeu estaba no seu apoxeo».[19]

O pobo xudeu na cultura popular alaricana[editar | editar a fonte]

Escultura adicada á Festa do Boi, obra de Arturo Andrade.

Unha das teorías das orixes da Festa do Boi, unha das celebracións máis coñecidas da localidade, está relacionada coa presenza xudía en Allariz, datando as súas orixes no século XIV. Segundo esta teoría, a comunidade xudía confinada no barrio de Santo Estevo, fóra dos muros da cidade, vivía entre o dinamismo económico e o acoso provocado pola "oficialidade" cristiá. Segundo conta a lenda, durante a festividade do Corpus, e aproveitando que a procesión tiña que saír do recinto amurallado para chegar ao convento, persoas xudías aproveitaban para desafogar as súas iras e frustracións berrando e insultando ao paso da procesión. Os cronistas indican que Xan de Arzúa tería montado a lombos dun boi en 1317, acompañado de varios criados, e cargado con sacos de formigas, encabezou a procesión e arremeteu a cornadas e chuvia de formigas contra os xudeus.[20]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A primeira lei de segregación fora ditada por Sisebuto no Terceiro Concilio de Toledo.[1]
  2. O representante da comunidade xudía era o Xudeu Maior.
  3. Tamén denominado Edicto de Granada.
  4. Existen referencias documentais que falan da Torá de Ribadavia e da Torá de Tui.[17]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 Raigame (2000), p. 21
  2. 2,0 2,1 2,2 Raigame (2000), p. 23
  3. 3,0 3,1 Raigame (2000), p. 13
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Raigame (2000), p. 22
  5. Amador de los Ríos, José, Historia social, política, tomo II, pp. 553-4
  6. Fernández Alonso, Benito (1904). Los judíos de Orense (siglos XV al XVII) (en castelán). Ourense. pp. 24–25. 
  7. Puga Brau, Xosé (1996). Os xudeos de Allariz. Ourense. p. 50. 
  8. 8,0 8,1 8,2 de Antonio Rubio 2004, p. 268.
  9. de Antonio Rubio 2004, p. 268-269.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 de Antonio Rubio 2004, p. 269.
  11. de Antonio Rubio 2012, p. 10.
  12. de Antonio Rubio 2004, p. 270.
  13. "The Edict of Expulsion of the Jews". Foundation for the Advancement of Sephardic Studies and Culture. Consultado o 27 de setembro de 2016.  Transcrición do Decreto da Alhambra. (en inglés)
  14. Pérez Méndez, Pablo (setembro de 2009). "Los judíos gallegos bajomedievales durante la expulsión" (PDF). Revista Garoza (en castelán) (9). ISSN 1577-8932. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de novembro de 2009. Consultado o 11 de xuño de 2018. 
  15. de Antonio Rubio 2012, p. 11.
  16. Cantera Montenegro, Enrique (1998). Aspectos de la vida cotidiana de los judíos en la España medieval (en castelán). Madrid: UNED. 
  17. 17,0 17,1 Raigame (2000), p. 16
  18. de Antonio Rubio 2007, p. 294.
  19. "FICHA DO CATÁLOGO NÚM. 392" (PDF). PLAN ESPECIAL DO CASCO HISTÓRICO. ALLARIZ. Concello de Allariz. Nadal de 1993. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xuño de 2018. Consultado o 11 de xuño de 2018. 
  20. "As orixes da festa". Asociación Cultural Xan de Arzúa. Consultado o 12 de xuño de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]