Festa do Boi
A Festa do Boi é unha celebración popular característica da localidade de Allariz (Ourense) e consiste en correr un boi polas rúas allarizás, controlado polos mozos grazas a unha corda atada ós cornos. A festa, que se celebra desde o século XVI, faise coincidir coa fin de semana do Corpus Christi.
Dende entón tódolos anos saía o boi no Corpus, e aínda que durante a Guerra Civil esta celebración foi suspendida, contra o 1983 un grupo de mozos decidiu recuperar a Festa do Boi. Está declarada Festa de interese turístico de Galicia.
Orixes[editar | editar a fonte]
As orixes desta festa son diversas segundo as fontes. A tradición conta que os xudeus que habitaban na vila adoitaban expresa-lo seu rexeitamento da procesión do Santísimo na festividade do Corpus con chanzas e risas, ás que engadían berros e insultos contra os cristiáns. Para rematar con esa falta de respecto, un tal Xan de Arzúa, fidalgo allarizao relixioso, montou no lombo dun boi e cargou contra os xudeus, á vez que os seus criados os acirraban botando sobre eles cinsa e formigas que levaban nuns sacos, conseguindo así que os xudeus presenciaran reverentemente a procesión.
Outra posible orixe da festa sería a reacción do Xan de Arzúa, agora un cabaleiro que visitaba a vila, contra a prohibición que rexía de que os forasteiros non podían cruza-la vila montados de a cabalo. Cando lle obrigaron a baixar do seu cabalo, subiuse nun boi e cruzou sobre el a vila enteira. En calquera destes dous casos, deixou unha manda para que os veciños repetisen a fazaña tódolos anos, representándoo como un boneco de palla montado nun boi.
Finalmente, unha terceira hipótese disque o tal Xan de Arzúa era como alcumaban os veciños a un boneco de palla que levaban á fronte da procesión e que, rematada esta, corrían polas rúas atado a un boi.
Hoxe, o boneco que imita se-lo Xan de Arzúa pendúrase do balcón da casa do concello para atrae-la atención do boi.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Blanco Rodríguez, A. (2003): A festa do Boi na historia de Allariz en A. C. FUNDACIÓN XAN DE ARZÚA: Festa do Boi en Allariz desde 1317. Ourense, Difusora de Letras, Artes e Ideas.
- Ferro Ruibal, X. (2010): O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Puga Brau, J. de (1958): "Allariz y el Corpus de Antaño" en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense n.º 19.