Hermione Granger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hermione Granger
Personaxe de Harry Potter
Emma Watson 2012 Shankbone.JPG
Emma Watson, a actriz que interpreta a Hermione Granger.
Primeira aparición Harry Potter e a pedra filosofal
Última aparición Harry Potter e as reliquias da morte
Creado por J. K. Rowling
Interpretado por Emma Watson
Casa Gryffindor
Información
Familia Dr. Granger (pai)
Sra. Granger (nai)
Cónxuxe Ron Weasley
Fillos Rose Weasley
Hugo Weasley

Hermione Jean Granger é un personaxe de ficción e unha dos protagonistas da serie Harry Potter escrita por J. K. Rowling. Fai a súa primeira aparicion no primeiro libro, Harry Potter e a pedra filosofal, como a mellor amiga de Harry Potter e Ron Weasley. É filla de dous pais muggles, non-máxicos, pero destaca polas súas habilidades máxicas, así como os seus coñecementos. Xunto a Harry e Ron, é membro da casa Gryffindor en Hogwarts.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Libros do un ao tres[editar | editar a fonte]

A primeira aparición de Hermione é en Harry Potter e a pedra filosofal cando coñece a Harry e Ron no Expreso de Hogwarts. Ao primeiro, Hermione móstrase como unha nena sabichona e Harry e Ron considérana unha arrogante. Isto é así ata que os nenos a rescatan dun troll e ela mente para evitarlles un castigo. A capacidade de lóxica que ten Hermione permite ao trío resolver crebacabezas esenciais para recuperar a pedra filosofal ao final deste primeiro libro. Rowling comentou na súa páxina web que resistiu a proposta do seu editor de retirar a escena do troll alegando que "Hermione é tan insufrible na primeira parte da pedra filosofal que sentín que necesitaba algo (literalmente) grande que a fixese unirse a Harry e Ron".[1]

Durante o segundo libro, Harry Potter e a Cámara dos Segredos, ao igual ca moitas outras estudantes de Hogwarts, Hermione tolea polo novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Gilderoy Lockhart. Por outra banda, a súa orixe muggle fai que reciba insultos e rexeitamento por parte de alumnos de Slytherin, que a chaman "filla de lameiro". Máis tarde, cando necesitaron información de Draco Malfoy, foi Hermione a que tivo a idea de empregar a poción Polizume para transformarse temporalmente nos colegas de Malfoy e preguntarlle polo herdeiro de Slytherin. Cara ao final da acción, é petrificada polo basilisco da Cámara dos Segredos despois de que descubrira a identidade do monstro que habitaba nela. Malia estar incapacitada, a súa información é crucial para Harry e Ron na súa misión de resolver o misterio. Hermione é revivida despois de que Harry mate o basilisco.

Ao comezo do terceiro ano, en Harry Potter e o preso de Azkaban, Hermione merca un gato chamado Crookshanks, que axiña rivaliza coa rata de Ron, Scabbers. Antes do inicio do curso, a profesora McGonagall dá a Hermione en secreto un viratempo, un aparello que lle permite volver atrás no tempo e asistir a máis clases das habituais. Ademais, deduce correctamente a condición de lobishome do profesor Lupin, quen a miúdo faltaba a clase. Ao final da novela, o viratempo serve a Hermione e Harry para rescatar a Sirius.

Libros do cuarto ao sexto[editar | editar a fonte]

En Harry Potter e o Cáliz de fogo Hermione preocúpase pola crueldade que soportan os trasnos domésticos por parte dos seus amos e funda a B.O.S.T.A, o Bloque Obreiro de Salvación dos Trasnos Asoballados, como un esforzo para conseguir os dereitos básicos das criaturas. Tamén durante esta novela, Hermione comeza a saír con Viktor Krum, cousa que crea un conflito entre ela e Ron; a pelexa remata cando finaliza a súa relación. Ademais, Hermione axuda en varias ocasións a Harry a preparar as probas do Torneo Tres Meigos e cara ao final do libro descobre que a reporteira Rita Skeeter, que publicara información difamatoria sobre ela, Harry e Hagrid, é un animeigo non rexistrado (en forma de escaravello) e captúraa nun frasco.

O quinto ano, relatado en Harry Potter e a Orde do Fénix, destaca pola confrontación entre Hermione e todos aqueles compañeiros que non dan creto a Harry, que presenciara o regreso do Señor Escuro o curso anterior. Moitas publicacións, como O Profeta Diario ou O Impertinente, escriben sobre a tolería de Harry, pero ela e Ron mantéñense leais a Harry. Pola súa banda, Ron e Hermione pasan tamén o tempo en pequenas liortas que fan medrar os seus sentimentos románticos cara ao outro. Nun punto da novela, Hermione concibe a idea de crear un grupo secreto, o Exército de Dumbledore, no que Harry ensine aos alumnos as técnicas básicas de defensa, dado que coa intromisión do Ministerio de Maxia por medio de Dolores Umbridge non estudaban máis cá teoría, renunciando á práctica. Cara ao final do libro, Hermione toma parte na batalla do Departamento de Misterios e acaba malferida por un esconxuro lanzado polo Devorador da Morte Antonin Dolohov, pero finalmente recupérase por completo.

En Harry Potter e o misterio do príncipe os sentimentos de Hermione cara a Ron continúan a medrar e decide dar un paso adiante convidándoo a unha festa de Nadal organizada polo profesor Horace Slughorn; non obstante, nese momento el comeza un romance con Lavender Brown que anoxa a Hermione. Ron e Hermione rifan continuamente ata que el sofre un envelenamento co que case morre por beber hidromel contaminado. Outra trama minoritaria do libro inclúe unha rivalidade entre Hermione e Harry na clase de Apócemas na que este curso é superada por el debido a que este segue as indicacións anotadas na marxe dun libro de texto pertencente ao antigo propietario, o Príncipe Mestizo.

Sétimo libro[editar | editar a fonte]

En Harry Potter e as reliquias da morte Hermione está disposta, xunto con Ron, a seguir a Harry e destruír todos os Horcrux creados por Voldemort e así acabar co Señor Escuro. Antes de partir, asegúrase de manter a salvo os seus pais mediante un esconxuro para modificarlles a memoria e facerlles crer que eran Wendell e Monica Wilkins, cuxa ambición é mudarse e vivir en Australia. Na súa herdanza, Dumbledore déixase a súa copia d’Os contos de Beedle o bardo, que permite descifrar algúns dos segredos das Reliquias da Morte. Cando ela, Ron e Harry son capturados polos Rastreiros que andan á procura de nacidos de muggles seguindo as ordes do Ministerio, Hermione deforma temporalmente a cara de Harry para que non o recoñezan. Tamén intenta facerse pasar por unha antiga estudante de Hogwarts chamada Penelope Clearwater, mestiza, para evitar ser capturada. Non obstante, recoñécena e lévanos á Mansión Malfoy onde Bellatrix Lestrange emprega o Maleficio Cruciatus para torturala e sacarlle información. Mesmo baixo tortura, Hermione é capaz de usar a súa intelixencia e mentir a Bellatrix. Finalmente son rescatados polo trasno Dobby, que morre durante a fuxida.

Máis adiante, Hermione utiliza a Poción Polizume para adoptar a aparencia en Bellatrix e entrar na súa cámara do Banco Gringotts e roubar a copa de Helga Hufflepuff, un Horcrux. Logo regresan a Hogwarts e únense ao resto de compañeiros na batalla que se está a producir na escola máxica, durante a que Hermione destrúe a copa na Cámara dos Segredos cun cabeiro de basilisco. En canto Hermione emprega o cabeiro para acabar co Horcrux lánzase cara a el e bésao por vez primeira. Na última batalla na Gran Sala, Hermione loita contra Bellatrix coa axuda de Ginny Weasley e Luna Lovegood. Finalmente é Molly Weasley a que mata a Bellatrix.

[editar | editar a fonte]

Dezanove anos despois, Hermione está casada con Ron e ambos teñen dous fillos: Rose Weasley e Hugo Weasley. Comeza a súa carreira despois de Hogwarts traballando no Departamento para a Regulación e Control de Criaturas Máxicas, onde é moi importante para a mellora da vida dos trasnos domésticos; máis tarde ascende ata o Departamento de Regulación da Lei Máxica e axuda a erradicar leis opresivas a favor dos meigos de vello.[2] Nunha conversa por chat Rowling dixo que Hermione atopara os seus pais en Australia e que lles retirara o esconxuro co que modificara as súas memorias.[3]

Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.

Aparicións cinematográficas[editar | editar a fonte]

Nas versións cinematográficas dos libros a actriz británica Emma Watson encárgase do personaxe de Hermione Granger.

Caracterización[editar | editar a fonte]

Hermione, malia ser meiga, é filla de dous pais muggles, non-máxicos, e por iso ás veces é desprezada por unha minoría de membros da comunidade máxica que defende a pureza de sangue, que emprega o termo filla de lameiro para referirse aos da súa condición.

Personalidade[editar | editar a fonte]

Hermione destaca polo seu prodixioso intelecto e inxenio. É sensata e boa en temas de lóxica, ademais de ter un carácter perfeccionista. Tamén é a miúdo mandona, aínda que é sempre obediente e mostra lealdade aos seus amigos. Sobre Hermione, Rowling comentou que é unha persoa que "nunca sae do camiño trazado; sempre mantén a atención posta na tarefa que debe completar".[4] Malia o anterior, Rowling di que Hermione ten "moita vulnerabilidade na súa personalidade",[5] así como un "sentido de inseguridade interior" que a fai sentir "absolutamente inadecuada", de modo que "para compensar, intenta ser a mellor en todo na escola, proxectando unha falsa confianza que pode irritar a xente".[6] Rowling tamén dixo nalgunha ocasión que Hermione aseméllase a ela de moza, coa súa inseguridade e o medo a errar.[1]

Aparencia física[editar | editar a fonte]

Nos libro, Hermione descríbese como unha moza co pelo castaño e enguedellado, ademais de ollos marróns. Os seus incisivos, grandes de seu, medran de xeito incontrolado no Cáliz de fogo por causa dun esconxuro que lle lanza Draco Malfoy. Madam Pomfrey asístea na enfermaría e, por petición da nena, reduce os dentes ata un tamaño normal para a súa boca.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Rowling, J.K.. "Section:Extra Stuff — Hermione Granger". J.K. Rowling Official Site. http://www.jkrowling.com/textonly/en/extrastuff_view.cfm?id=8. Consultado o 19 de setembro de 2008. "Hermione is so very annoying in the early part of Philosopher's Stone that I really felt it needed something (literally) huge to bring her together with Harry and Ron." 
  2. "Webchat with J.K. Rowling". Bloomsbury Publishing. 30 de xullo de 2007. Arquivado do orixinal o 17 de xuño de 2009. http://replay.waybackmachine.org/20090617201646/http://www.bloomsbury.com/harrypotter/default.aspx?sec=3. Consultado o 14 de agosto de 2007. 
  3. "Interview with Maggie Keir (transcript)". The Leaky Cauldron. 30 de xullo de 2007. http://www.the-leaky-cauldron.org/2007/7/30/j-k-rowling-web-chat-transcript. Consultado o 1 de xaneiro de 2011. "Maggie Keir: Was Hermione able to find her parents and undo the memory damage
    J.K. Rowling: Yes, she brought them home straight away."
     
  4. "New Interview with J.K. Rowling for Release of Dutch Edition of "Deathly Hallows"". The Volkskrant, translated on The Leaky Cauldron. 19 de novembro de 2007. http://www.the-leaky-cauldron.org/2007/11/19/new-interview-with-j-k-rowling-for-release-of-dutch-edition-of-deathly-hallows. Consultado o 5 de decembro de 2010. "[...] never strays off the path; she always keeps her attention focused on the job that must be done." 
  5. "A Good Scare". Time. 30 de outubro de 2000. http://www.time.com/time/pacific/magazine/20001030/potter.html. Consultado o 5 de decembro de 2010. "[...] quite a lot of vulnerability in her personality [...]" 
  6. "Harry Potter and Me (BBC Christmas Special)". BBC, transcript on Accio Quote!. 28 de decembro de 2001. http://www.accio-quote.org/articles/2001/1201-bbc-hpandme.htm. Consultado o 14 de augosto de 2007. "[...] sense of insecurity underneath [...]
    [...] utterly inadequate [...]
    [...] and to compensate, she tries to be the best at everything at school, projecting a false confidence that can irritate people."