Harry Potter (personaxe)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Harry James Potter
Personaxe de Harry Potter
Daniel Radcliffe, 2011.jpg
Daniel Radcliffe, actor que interpreta a Harry Potter.
Primeira aparición Harry Potter e a pedra filosofal
Última aparición Harry Potter e as reliquias da morte
Creado por J. K. Rowling
Interpretado por Daniel Radcliffe
Casa Gryffindor
Información
Familia Lily Potter (nai)
James Potter (pai)
Sirius Black (padriño)
Vernon Dursley (tío)
Petunia Dursley (tía)
Dudley Dursley (curmán)
Cónxuxe Ginny Weasley
Fillos James Sirius Potter
Albus Severus Potter
Lily Luna Potter

Harry James Potter é o personaxe principal e un dos protagonistas da serie Harry Potter escrita por J. K. Rowling. A historia principal dos libros cobre sete anos na vida deste mozo orfo que, no seu undécimo aniversario, descobre que é meigo. Asiste á Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería para aprender maxia guiado polo director Albus Dumbledore. Harry tamén descobre que é famoso no mundo máxico e que o seu destino está ligado co de Lord Voldemort, o meigo escuro asasino da nai e mais o pai de Harry.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiro libro[editar | editar a fonte]

A primeira aparición de Harry é en Harry Potter e a pedra filosofal como o protagonista principal da novela. O principio da súa historia é en 1981, cando Harry tiña tan só un ano,[1] os seus pais foron asasinados polo meigo escuro máis poderoso, Lord Voldemort, pero por algunha razón el sobreviviu. Despois do ataque, de Voldemort só quedou a súa alma mentres que o seu corpo foi destruído.

Como resultado, Harry queda orfo e vai vivir coa única familia que ten, os Dursley. No seu undécimo aniversario, Rubeus Hagrid preséntaselle a Harry e cóntalle que é un meigo e que vai asistir á Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. En Hogwarts descobre máis cousas sobre o mundo máxico, os seus pais e a súa conexión co Señor Escuro. Unha vez que o Sombreiro Escolledor o selecciona para a casa Gryffindor, fai rápido amizade con Ron Weasley e Hermione Granger, ademais de inimizarse con Draco Malfoy e o mestre de Apócemas, Severus Snape, alumno e profesor pertencentes á casa Slytherin. Estas relacións continúan desenvolvéndose ao longo da serie. Nunha entrevista feita en 1999, Rowling declarou que Draco está baseado en prototipos de matóns de colexio que coñeceu[2] e Snape nun profesor sádico que tivo e que facía abuso do seu poder.[2] Ao final deste primeiro ano, Harry frustra un intento de Voldemort de roubar a pedra filosofal para recuperar o seu poder perdido.

Rowling dixo que o capítulo sobre o Espello de Oxesed de Harry Potter e a pedra filosofal é o seu favorito; o espello reflicte o desexo máis fondo de Harry, que é ver aos seus finados pais.[3] A súa escena cómica preferida é cando Harry deixa libre unha boa constrictor no zoo en presenza dos Dursleys.[2]

Libros do segundo ao cuarto[editar | editar a fonte]

No segundo libro, Harry Potter e a Cámara dos Segredos, Rowling enfronta a Harry contra Tom Morlov Riddle, o "recordo" de Lord Voldemort pechado nun diario secreto que tiña a irmá pequena de Ron, Ginny Weasley. A aparición de estudantes nacidos de muggles petrificados levanta as sospeitas de que Harry está detrás dos ataques. Cara ao final do libro, Ginny desaparece. Co fin de rescatala, Harry loita contra Riddle e o monstro agochado na Cámara dos Segredos. No terceiro libro, Harry Potter e o preso de Azkaban, Rowling emprega a premisa das viaxes no tempo. Harry descobre que os seus pais foran delatados e traizoados por Peter Pettigrew, quen incriminou a Sirius Black, padriño de Harry, condenándoo ao cárcere máxico de Azkaban. Cando Sirius escapa en busca de vinganza, Harry e Hermione volven ao pasado para salvalo. Así e todo, Pettigrew logra escapar mentres Sirius, inocente, ten que seguir fuxitivo.

Nos libros anteriores, Harry aparece como un neno, pero Rowling comentou que na cuarta novela, Harry Potter e o Cáliz de fogo, "os horizontes de Harry vanse ampliando literal e metaforicamente a medida que medra".[4] A madurez desenvolvida por Harry faise aparente cando empeza a estar interesado romanticamente por Cho Chang, estudante da casa Ravenclaw. Porén, aparece a tensión cando Harry é seleccionado misteriosamente polo Cáliz de fogo para competir no perigoso Torneo Tres Meigos, malia que xa escollera a Cedric Diggory como representante de Hogwarts.

O plan de Voldemort era elaborar unha trampa mortal para Harry. Durante a proba final do Torneo, Harry e Cedric son transportados ata un cemiterio por medio dunha traslachave. Peter Pettigrew mata a Cedric e axuda a Voldemort a recuperar o seu corpo grazas ao sangue de Harry. No enfrontamento entre Harry e Voldemort, as súas variñas establecen unha conexión máxica que provoca a saída dos ecos dos espíritos pertencentes ás vítimas de Voldemort, entre os que están Cedric e James e Lily Potter. Os espíritos crean unha breve protección para que Harry poida escapar ata Hogwarts co cadáver de Cedric. Para Rowling, a escena é moi importante porque mostra a valentía de Harry, e o acto de recuperar o corpo de Cedric demostra desinterese e compasión.[4] Engadiu tamén que evitar que o cadáver caese nas mans de Voldemort está baseado na escena da Ilíada na que Aquiles recupera o corpo do seu mellor amigo Patroclo das mans de Heitor.[4]

Libros cinco e seis[editar | editar a fonte]

No quinto libro, Harry Potter e a Orde do Fénix, o Ministerio de Maxia desenvolve unha campaña de descrédito contra Harry e Dumbledore, rexeitando as súas declaracións de que Voldemort regresou. Preséntase un novo personaxe, Dolores Umbridge, espía do Ministerio, que intentará deter o exército que cren que Dumbledore está recrutando para quedar el co posto de Ministro de Maxia. Umbridge vai gañando poder aos poucos, ata que consegue facerse co control da dirección de Hogwarts. Resultado disto é que comeza a haber un incipiente comportamento errático e iracundo en Harry que o afasta de Ron e Hermione.

Rowling dixo que puxera a Harry baixo un enorme estrés emocional para mostrar a súa vulnerabilidade e humanidade, en contraste co seu inimigo, Voldemort. "[Harry é] un heroe moi humano, e isto é, obviamente, un contraste entre el [...] e Voldemort, alguén que se deshumanizou deliberadamente. E Harry, polo tanto, tivo que chegar ata un punto no que case se desfai, e dicir que xa non quería seguir, xa non quería ser un heroe nunca máis, que xa perdera moito. E non quería perder máis nada. De modo que a Orde do Fénix era o punto no que decidín que tería este derrumbe".[5]

Seguindo a recomendación de Hermione, Harry crea unha organización estudantil secreta chamada o Exército de Dumbledore para ensinar esconxuros de defensa contra a maxia negra útiles, dado que a profesora Umbridge non o facía. O seu plan desbarátase cando un membro do Exército, Marietta Edgecombe, os traizoa e informa a Umbridge das súas actividades, propiciando a expulsión de Dumbledore da dirección da escola de maxia. Harry sofre outro golpe emocional cando o seu padriño Sirius morre a mans da curmá del, a Devoradora da Morte Bellatrix Lestrange, no Departamento de Misterios. Non obstante, Harry finalmente logra que Voldemort non se faga cunha importante profecía que pretendía roubar nesa sección do Ministerio de Maxia. Sobre todo isto, Rowling apuntou: "Agora el [Harry] volverá xurdir das súas cinzas fortalecido".[5] Unha das tramas secundarias d’a Orde do Fénix é o romance entre Harry e Cho Chang, aínda que a relación axiña se rompe. Acerca disto, Rowling dixo: "Nunca ían ser felices, foi mellor que rematase rápido!"[6]

No sexto libro, Harry Potter e o misterio do príncipe, Harry entra nunha puberdade que, segundo Rowling, está baseada nos difíciles anos mozos seus e da súa irmá pequena.[7] Rowling tamén falou da vida persoal íntima de Harry: "Debido ás esixencias das aventuras que Harry tivo que afrontar, viviu menos experiencias sexuais ca outros mozos da súa idade".[8] Esta falta de experiencia nos romances foi o factor que provocou o fracaso na súa relación con Cho. Non obstante, axiña comeza outra relación con Ginny.

Neste mesmo libro, aparece un novo personaxe, Horace Slughorn, que substitúe a Snape como profesor de Apócemas; este último pasa ao posto de Defensa contra a Maxia Negra. Grazas a un libro de texto asinado polo "Príncipe Mestizo" cheo de anotacións e revisións, Harry consegue destacar en Apócemas. Nos diversos encontros privados con Dumbledore, Harry descobre o pasado de Voldemort no orfanato e como dividiu a súa alma en sete Horcrux co fin de alcanzar a inmortalidade. Dous deles foran destruídos e Dumbledore localizara outro, que despois resultaría ser falso. No clímax da novela, os Devoradores da Morte invaden Hogwarts e Snape mata a Dumbledore. Na súa fuxida, Snape proclama que é o Príncipe Mestizo. Nunha entrevista en 2005, Rowling comentou que tras os eventos do sexto libro Harry "ve que agora están en guerra. Volveuse máis aguerrido. Está listo para loitar. E busca vinganza [contra Voldemort e Snape]".[9]

Outro punto do libro é a relación de Harry e Draco. Voldemort coaccionou a Draco para que matase a Dumbledore; porén, todos os seus intentos fracasan. Durante un duelo no baño de Myrtle a Choricas, Harry emprega o esconxuro Sectumsempra, que lera no libro do Príncipe Mestizo, contra Malfoy, que sofre feridas case mortais. Harry horrorízase ante o que fixo e chega a sentir simpatía por Draco, despois de saber que el e seus pais estaban ameazados de morte polo Señor Escuro.

Sétimo libro[editar | editar a fonte]

En Harry Potter e as reliquias da morte, Harry, Ron e Hermione deixan Hogwarts para completar a misión de Dumbledore: procurar e destruír os catro Horcrux restantes e logo atopar a matar ao Señor Escuro. Despois de destruír o diario de Tom Riddle, o anel de Gaunt, o medallón de Slytherin, a copa de Hufflepuff, o diadema de Ravenclaw e a serpe Nagini, Voldemort destrúe o último e accidental Horcrux: o propio Harry Potter.

Entrementres, Voldemort rouba da tumba de Dumbledore a Variña de Bieiteiro, a variña máis poderosa de todos os tempos, co fin de asasinar con ela a Harry. No primeiro dos dous intentos, Harry vai parar a un estado semellante á morte. A tentativa falla porque Voldemort empregara o sangue de Harry na súa resurrección do cuarto libro. O espírito de Dumbledore explícalle que cando Voldemort lle lanzara o esconxuro asasino cando era bebé, Harry convertérase nun Horcrux non intencionado. Voldemort destrúe este Horcrux coa Variña de Bieiteiro no primeiro intento de matar o mozo.

No punto culminante do libro, o segundo esconxuro asasino lanzado contra Harry rebota e dálle a Voldemort, matándoo. O motivo é que Harry era o verdadeiro propietario da Variña de Bieiteiro e a variña non pode danar o seu propietario. Harry obtivo todas as Reliquias nalgún punto da historia, aínda que nunha as reunira. J. K. Rowling dixo que a diferenza entre Harry e Voldemort é que o mozo acepta de boa gana a mortalidade, facéndoo máis forte que o seu inimigo. "O verdadeiro señor da morte acepta que debe morrer e que hai cousas moito peores no mundo dos vivos".[10] Ao final, Harry decide deixar a Variña de Bieiteiro na tumba de Dumbledore e a Pedra da Resurección no bosque, pero queda coa Capa de Invisibilidade porque pertencera ao seu pai.[10]

[editar | editar a fonte]

Segundo Rowling, despois da derrota de Voldemort, Harry únese ao "remodelado" Departamento de Aurores baixo a supervisión de Kingsley Shacklebolt e acaba sendo o xefe dese departamente en 2007.[11] Rowling dixo que o seu rival Draco superara a súa hostilidade despois de que Harry salvase a súa vida tres veces no sétimo libro, e que desenvolvera un respecto cara a el,[10] mais non hai signos de que ambos se fixesen amigos. No epílogo d’as reliquias da morte, situado 19 anos despois da morte de Voldemort, Harry e Ginny están casados e teñen tres fillos: James Sirius Potter, Albus Severus Potter e Lily Luna Potter.

Aparicións cinematográficas[editar | editar a fonte]

Nas versións cinematográficas dos libros o actor británico Daniel Radcliffe encárgase do personaxe de Harry Potter.

Caracterización[editar | editar a fonte]

Harry é un meigo mestizo porque, malia que os seus pais eran máxicos, a súa nai, Lily Evans, era filla de lameiro. Pola outra banda, os devanceiros por parte do seu pai James Potter proceden todos dunha longa liñaxe de meigos de vello que se remonta ata os Peverell, que viviron antes da fundación de Hogwarts.

Personalidade[editar | editar a fonte]

Segundo Rowling, Harry guíase pola súa propia consciencia e ten unha boa percepción do que é bo e malo. Comenta que "tivo que tomar decisións desde moi novo"[12] e, concede, "comete erros", pero ao final fai o que a súa conciencia lle di. Algunhas das súas mellores cualidades aparecen ao final do cuarto libro cando protexe ao seu compañeiro Cedric Diggory de Voldemort, mostrando valentía e altruísmo.[4] Pola contra, os dous peores defectos de Harry son "a súa cólera e a súa arrogancia ocasional".[10]

Aparencia física[editar | editar a fonte]

Ao longo da saga, Harry está descrito como un mozo que ten o pelo negro e enguedellado coma o seu pai, os ollos verdes e brillantes da súa nai e unha cicatriz en forma de raio ao lado dereito da súa fronte. Tamén está caracterizado por ser fraco e baixo para a súa idade, ter unha cara delgada e uns xeonllos cos ósos moi marcados, e levar unhas lentes redondas. Rowling explicou que a imaxe do meigo apareceu na súa cabeza a vez primeira que pensou en Harry Potter. Viuno como un "rapaz escuálido, de pelo negro e con anteollos".[3] Tamén mencionou que pensa que as gafas de Harry son unha pista da súa vulnerabilidade.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Harry Potter e a Cámara dos Segredos, capítulo 8.
  2. 2,0 2,1 2,2 Lydon, Christopher. (12 de outubro de 1999). The Connection (WBUR Radio), ed. "J.K. Rowling interview transcript". Consultado o 15 de agosto de 2007. 
  3. 3,0 3,1 "J. K. Rowling Official Site  – Section Biography". Consultado o 15 de agosto de 2007. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Jensen, Jeff (7 de setembro de 2000). "'Fire' Storm". Entertainment Weekly. Consultado o 15 de agosto de 2007. Harry's horizons are literally and metaphorically widening as he grows older. 
  5. 5,0 5,1 "Living With Harry Potter". Consultado o 15 de agosto de 2007. [Harry is] a very human hero, and this is, obviously, a contrast, between him, as a very human hero, and Voldemort, who has deliberately dehumanised himself. And Harry, therefore, did have to reach a point where he did almost break down, and say he didn't want to play anymore, he didn't want to be the hero anymore  – and he’d lost too much. And he didn’t want to lose anything else. So that  – Phoenix was the point at which I decided he would have his breakdown.”
    “And now he [Harry] will rise from the ashes strengthened.
     
  6. "JK Rowling's World Book Day Chat". 4 de marzo de 2004. Consultado o 15 de agosto de 2007. They were never going to be happy, it was better that it ended early! 
  7. "Richard & Judy Show". Consultado o 15 de agosto de 2007. 
  8. ""Grossman, Lev. "J.K. Rowling Hogwarts And All"". Time Magazine. 17 de xullo de 2005. Consultado o 15 de agosto de 2007. Because of the demands of the adventure that Harry is following, he has had less sexual experience than boys of his age might have had. 
  9. Couric, Katie (17 de xullo de 2005). Dateline NBC, ed. "'J.K. Rowling, the author with the magic touch: 'It’s going to be really emotional to say goodbye,' says Rowling as she writes the last book in the Harry Potter saga'". Consultado o 15 de agosto de 2007. [Harry has] taken the view that they are now at war. He does become more battle-hardened. He’s now ready to go out fighting. And he’s after revenge [against Voldemort and Snape]. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 "'J.K. Rowling Web Chat Transcript". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2007. Consultado o 15 de agosto de 2007. The real master of Death accepts that he must die, and that there are much worse things in the world of the living. 
  11. J.K. Rowling, ed. (20 de outubro de 2007). "Wizard of the Month for October". Consultado o 20 de outubro de 2007. 
  12. J.K. Rowling interview transcript, The Connection (WBUR Radio), 12 de outubro de 1999
  13. Boquet, Tim. (decembro de 2000). "J.K. Rowling: The Wizard Behind Harry Potter". Reader's Digest. Consultado o 9 de abril de 2008.