Heribert Barrera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Heribert Barrera (esquerda) e Joan Rigol votando nun referendum independentista catalán en 2011.

Heribert Barrera i Costa, nado en Barcelona o 6 de xullo de 1917 e falecido na mesma cidade o 27 de agosto de 2011[1][2][3] foi un químico, político catalán, e primeiro presidente do Parlamento de Cataluña dos tempos da recuperación democrática. Era fillo de Martí Barrera, quen fora deputado no Parlamento catalán e conseller da Generalitat de Cataluña.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Barrera licenciouse en química pola Universidade de Barcelona nos tempos da II República Española[4]. En 1934 entra a formar parte da Federació Nacional d'Estudiants de Catalunya e do Bloc Escolar Nacionalista.[5], dúas organizacións xuvenís do nacionalismo catalán. En 1935 ingresa nas Mocidades de Esquerra Republicana de Catalunya. Cando estoura a Guerra Civil Española alístase co bando republicano, e loita na Fronte do Ebro[5] formando parte da artillería. Meses antes do triunfo do bando liderado polo xeneral Franco, en febreiro de 1939, Barrera exíliase a Francia, onde permanecerá ata o ano 1952[4].

Nos anos corenta e cincuenta séguese formando, e á licenciatura en químicas suma a de matemáticas e a de enxeñaría química pola Universidade de Montpellier e o doutoramento en física pola Sorbona de París[4]. Posteriormente convértese en profesor axudante da facultade de Ciencias da Universidade de Montpellier, onde imparte a asignatura de electroquímica. Foi agregado de investigación do Centre National de la Recherche Scientifique francés, a máxima institución investigadora de Francia, e bolseiro postdoutoral na Universidade de New Hampshire. Nestes primeiros anos contribúe a reorganizar Esquerra Republicana de Catalunya no exilio, e cando regresa a Cataluña, no interior, de forma clandestina[5].

En 1952 volve a Barcelona como profesor de química inorgánica na Universidade Autónoma de Barcelona e no ano 1970 consegue a cátedra[4]. Durante ese tempo foi autor de artigos científicos en revistas internacionais, así como de política na prensa catalá e internacional. En 1949 recibiu o premio Prat de la Riba do Institut d'Estudis Catalans por unha pescuda sobre a síntese dos ácidos arilalifáticos.

En 1976 convértese no máximo dirixente de ERC en Cataluña e o secretario xeral do partido. En 1977 ingresa como membro do Consell Català del Moviment Europeu e nese mesmo ano resulta elixido deputado no Congreso dos Deputados, pola circunscrición de provincia de Barcelona, o único da súa candidatura, fronte aos 11 que colleita a candidatura centrista de Jordi Pujol. En 1980, porén, e tamén á fronte da súa formación, consegue 14 escanos nas eleccións ao Parlamento catalán, co que abandona as Cortes de Madrid, onde é substituído por Josep Pi-Sunyer. Na constitución da cámara catalá foi elixido presidente do Parlamento de Cataluña, o primeiro da restauración da democracia.

Nas eleccións catalás de 1984 ERC sofre unha severa derrota ao perder a metade dos votos e 9 de 14 deputados, quedando só con 5, entre eles, o do propio Barrera, que encabezaba a candidatura por Barcelona. En 1987 abandona a secretaría xeral de ERC, e permanecerá apartado da política ata que en 1991 regrese para encabezar a candidatura de ERC ao Parlamento Europeo, onde sae elixido eurodeputado. Tamén nese ano, 1991, pasa a ocupar o cargo honorífico de presidente de Esquerra, onde permanecerá durante catro anos, ata 1995.[6].

Ao abandonar Bruxelas en 1994, Barrera pasa a ocupar un papel discreto e de honra na política catalá, con espaciados posicionamentos públicos. En 2001 publica o libro Què pensa Heribert Barrera?, onde sinalaba que a inmigración facía perigar o futuro de Cataluña[7]. O propio Barrera moderou estes pareceres en entrevistes posteriores[8]. En 2009 Barrera expresou publicamente o seu afastamento das posicións da dirección da súa formación, ERC, e sen deixar de militar nela apoiou publicamente a escisión, partidaria dunha aceleración das propostas independentistas, encabezada por Joan Carretero[2][5].

O 10 de xullo de 2010, Barrera encabezou, a canda outros líderes políticos cataláns históricos e contemporáneos (José Montilla, Pasqual Maragall, Jordi Pujol, Ernest Benach e Joan Rigol) unha manifestación pro-autonomista de grande relevancia en Cataluña, baixo o lema Som una nació. Nosaltres decidim (Somos unha nación. Nosoutros decidimos)[5][9].

Galardóns[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografia[editar | editar a fonte]

  • VILA, Enric. Què pensa Heribert Barrera?. Barcelona: Edicions Proa, 2001.
  • SINCA, Genís. Heribert Barrera, l'últim republicà. Columna Edicions, 2006.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Francesc Farreres
Generalitat de Cataluña
Presidente do Parlamento de Cataluña

19801984
Sucesor:
Miquel Coll