Mencey
Mencey é o nome dado ó monarca ou rei dos pobos guanches de Tenerife, que rexía un menceyato (territorio ou reino). O equivalente en Gran Canaria denomínase Guanarteme.
En Tenerife, o último gran mencey foi Tinerfe O Grande. Moitos dos nomes dos menceyes son produto da imaxinación do poeta Antonio de Viana, nado case 80 anos despois da conquista das Canarias pola Coroa de Castela. Grazas a algúns manuscritos anteriores a el, consérvanse nomes de menceyes e guerreiros, como o de Benytomo (Bencomo), fillo do mencey Sunta, que tiña a súa corte en Adeje (cen anos antes da conquista) e gobernaba toda a illa. Tivo 9 fillos lexítimos e un ilexítimo, quen posteriormente se rebelaron e dividiron a illa en 9 menceyatos.
- Daute: ocupaba a extensión dos municipios actuais de El Tanque, Los Silos, Santiago del Teide, Buenavista del Norte e Garachico.
- Abona: ocupaba a extensión dos actuais municipios de Fasnia, Arico, Arona, San Miguel de Abona e Granadilla de Abona. Limitaba co menceyato de Güímar ó nordés, co de Adeje ó suroeste, ó norte con Las Cañadas del Teide e ó sur co mar.
- Taoro: ocupaba a extensión dos actuais municipios de Puerto de la Cruz, La Orotava, La Matanza de Acentejo, Los Realejos e Santa Úrsula.
- Adeje: ocupaba a extensión dos actuais municipios de Guía de Isora, Adeje e Vilaflor de Chasna.
- Anaga: ocupaba parte da extensión dos actuais municipios de Santa Cruz de Tenerife e San Cristóbal de La Laguna.
- Icode: ocupaba a extensión dos actuais municipios de San Juan de la Rambla, La Guancha, Garachico e Icod de los Vinos.
- Güímar: ocupaba a extensión dos actuais municipios de El Rosario, Candelaria, Arafo e Güímar
- Tegueste: ocupaba a extensión dos actuais municipios de Tegueste, parte da zona costeira de San Cristóbal de La Laguna e a propia veiga lagunera.
- Tacoronte: ocupaba a extensión dos actuais municipios de Tacoronte e El Sauzal.
Ademais, outorgóuselle un pequeno territorio ó seu fillo ilexítimo que posteriormente se chamou "Punta del Hidalgo Pobre" (actualmente Punta del Hidalgo).
Os menceyes tiñan un lugar de reunión chamado Tagoror. En 1502, anos despois de dada por conquistada a illa, reunificouse o Menceyato de Adeje baixo o mando do mencey Ichasagua. Outro mencey singular foi o chamado "Mencey Tolo".