Girl Pat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Girl Pat (1935–40)
HMT Girl Pat (1940–45)
Girl Pat (1945–?)
Historial Reino Unido Reino Unido
Estaleiro Oulton Broad, Suffolk
Tipo Arrastreiro (1935–39)
Buque de sinalización de naufraxios (1939–40, 1945–?)
Dragaminas auxiliar (1940–45)
Operador Marstrand Fishing Co. Ltd. (1935–36)
Girl Pat Ltd. (1936–39)
Autoridade Portuaria de Londres (1939–40)
Royal Navy (1940–45)
Autoridade Portuaria de Londres (1945–?)
Porto de rexistro Grimsby (1935–39)
Londres (1939–40)
Royal Navy (1940–45)
Londres (1945–?)
Botado 1935
Características xerais
Eslora 20 m
Manga 5,7 m
Calado 2,7 m
Potencia 120 CV

O Girl Pat foi un pequeno arrastreiro inglés, con base no porto de Grimsby, en Lincolnshire, que en 1936 foi obxecto de grande atención dos medios cando o seu capitán levou a cabo unha viaxe transatlántica non autorizada. A escapada rematou en Georgetown, na Güiana Británica, coa detención do capitán, George "Dod" Orsborne, e do seu irmán James. A parella foi máis tarde encarcerada polo roubo da embarcación.

Construído en 1935, o Girl Pat era propiedade da Marstrand Fishing Company de Grimsby. O 1 de abril de 1936, Orsborne, cunha tripulación de catro persoas e o seu irmán James como supernumerario, partiron co buque e coa autorización dos propietarios para unha viaxe de pesca rutineira no Mar do Norte de dúas a tres semanas de duración. Despois de saír do porto, Orsborne informou á tripulación de que ían realizar unha longa travesía por augas máis meridionais. Nada máis se soubo deles ata mediados de maio, cando os propietarios, que daquela asumiran a perda da embarcación, recibiron facturas relativas á súa reparación e reforma no porto galego de Corcubión.[1] Testemuñas posteriores situárona nas Illas Salvaxes, en Dakar, e nas Illas da Salvación fronte ás costas da Güiana Francesa en América do Sur. O principal medio de navegación do capitán durante a viaxe de máis de 6.000 millas náuticas (11.000 km) foi un atlas escolar de seis peniques e un compás. Chegouse a informar erroneamente do naufraxio do Girl Pat nas Bahamas e da morte de todos os tripulantes. Finalmente o buque foi capturado tras unha persecución preto de Georgetown o 19 de xuño, sendo Orsborne e a súa tripulación aclamados como heroes na prensa mundial.

Acusado do roubo do buque en outubro de 1936, Orsborne declarou no xulgado que os propietarios lle ordenaran que se librase do buque, como parte dun plan para cobrar diñeiro do seguro. Esta afirmación non foi crida polo tribunal. Anos despois, nas súas memorias, Orsborne contou unha historia diferente, sen corroborar: escribiu que fuxira co Girl Pat nunha misión en nome da Intelixencia Naval Británica, relacionada co estalido da guerra civil española en xullo de 1936.

Despois da súa saída da prisión, Orsborne participou noutras aventuras marítimas e serviu na mariña na segunda guerra mundial. Morreu en 1957. En Georgetown o Girl Pat foi adquirido por novos propietarios que o devolveron a Gran Bretaña, onde se converteu nunha atracción turística. En 1939 foi vendido á Autoridade Portuaria de Londres para ser usado como buque de sinalización de naufraxios. Foi despois requisado pola Royal Navy durante a guerra e devolto á autoridade en 1945. Non hai ningún rexistro público posterior.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Orsborne[editar | editar a fonte]

Buques pesqueiros de Grimsby, a principios do século XX

George Black Orsborne naceu co nome de George Black o 4 de xullo de 1902 na pequena cidade costeira de Buckie, no norte de Escocia.[5] Recibiu o apelido de Orsborne cando a súa nai, viúva, volveu casar e trasladou á familia a Aberdeen, onde George, alcumado "Dod", pasou os seus anos de formación. Cando tiña 14 anos, mentiu sobre a súa idade e alistouse como mariñeiro na Royal Navy.[2] Serviu na patrulla Dover e foi ferido durante a incursión de Zeebrugge de 1918.[6] Despois de deixar a Mariña en decembro de 1919 e de traballar en terra durante un breve período, foi persuadido por un ex-capitán do Cutty Sark, o capitán Wilkins, para volver ao mar.[6] Uniuse á mariña mercante,[7] navegando principalmente en pequenos barcos con base en Liverpool.[8]

Con 21 anos aprobou o exame de patrón e asumiu o seu primeiro mando, un arrastreiro de Grimsby.[8] Respecto aos dez anos seguintes, Orsborne declarou que se dedicou a "un pouco de todo, como contrabando de alcohol, caza de baleas ou arrastre en augas profundas no Ártico".[9] En novembro de 1935, de volta en Grimsby, converteuse en patrón do antigo barco de pesca con cerco Gipsy Love, que os seus propietarios, a Marstrand Fishing Company, converteran nun arrastreiro.[10]

Tripulación e buque[editar | editar a fonte]

En marzo de 1936, para a súa segunda viaxe no Gipsy Love, intentou contratar os servizos dun mariño experimentado, Alexander MacLean, a quen confiou que a viaxe podería ir máis lonxe, quizais ás Bermudas ou a América do Sur, pero MacLean rexeitou a oferta.[11] Orsborne ofreceulle entón o posto a Harry Stone, un mariño local, mentres que os outros membros da tripulación eran Hector Harris, de Yorkshire, e un cociñeiro escocés de 17 anos, Howard Stephens.[12][13] Á tripulación formal uniuse o irmán máis novo de Orsborne, James, un tendeiro que non tiña ningunha función a bordo e que despois foi clasificado como polisón.[14] O Gipsy Love saíu de Grimsby a finais de marzo de 1936, supostamente para pescar na zona do Banco Dogger, no mar do Norte, pero ás poucas horas volveu ao porto con problemas no motor. Co consentimento dos propietarios, Orsborne trasladou os víveres e a tripulación a outro buque de Marstrand, o pequeno arrastreiro Girl Pat.[15]

Construído en 1935 en Oulton Broad, Suffolk, o Girl Pat era un buque de 55 toneladas de arqueo bruto e 19 netos. Tiña 20 metros de eslora, 5,7 metros de manga e 2,7 de calado, e aloxamento para seis persoas.[16] Estaba asegurado por 3.000 libras esterlinas.[17] O seu enxeñeiro habitual, George Jefferson, foi engadido á tripulación escollida por Orsborne para a próxima viaxe.[18]

Viaxe[editar | editar a fonte]

Primeira fase: de Grimsby a Corcubión[editar | editar a fonte]

O Girl Pat saíu de Grimsby o 1 de abril de 1936. Segundo o relato posterior de Stone, cando se adentraron en mar aberto, Orsborne reuniu á tripulación —agás Jefferson— na ponte de mando e díxolles que aquela non sería unha viaxe de pesca normal.[19] En vez diso, propuxo levar o barco cara ao sur, parando primeiro en Dover, onde se libraría de Jefferson, que non estaba incluído nos seus novos plans. Nesta fase Orsborne estaba aparentemente indeciso sobre as súas intencións a longo prazo, pero indicou que navegarían cara ao sur e que poderían ir pescar perlas.[12]

A vila galega de Corcubión (fotografada en 2011), onde descansou a tripulación do Girl Pat en abril de 1936

O 3 de abril a embarcación chegou a Dover, onde Jefferson foi levado a terra e recibiu comida e bebida. Cando regresou ao porto, o Girl Pat xa partira, polo que o enxeñeiro regresou con certa confusión a Grimsby.[18] Mentres o Girl Pat navegaba cara á Canle da Mancha, Orsborne revelou á súa tripulación que o buque non dispoñía de cartas náuticas e que a navegación se realizaría cun atlas escolar barato que lles amosou.[6] Cambiou detalles no libro de rexistro do barco, anotándose a si mesmo como "G. Black", a Stone como "H. Clark" e a James Orsborne como "A. Black".[12] Despois de fondear fronte a Jersey nas Illas da Canle, agardando un tempo máis tranquilo, o Girl Pat avanzou cara ao sur polo golfo de Biscaia. Orsborne ordenou cambios na aparencia do barco: o bauprés modificouse e o número de rexistro de pesca no lado do casco foi eliminado. Segundo Stone, Orsborne indicou un itinerario que incluía Madeira, Canarias, a costa africana e, finalmente, Cidade do Cabo.[20][21] Despois poderían vender o barco e compartir o recadado.[22] O severo clima no golfo de Biscaia dificultou o progreso e golpeou a pequena embarcación, polo que o 12 de abril refuxiáronse no pequeno porto de Corcubión, en Galicia, onde permaneceron uns 14 días.[23] Alí levaron a cabo as reparacións necesarias e o barco foi reaprovisionado. Orsborne fixo que enviasen as facturas destes servizos, que sumaban 235 libras esterlinas, á Marstrand Fishing Company en Grimsby, como castigo, dixo máis tarde, por deixar o barco con provisións e equipamentos inadecuados.[7]

Despois do regreso de Jefferson a Grimsby, en Marstrand quedaron desconcertados polas accións de Orsborne, pero nun primeiro momento pensaron que conseguira outro enxeñeiro en Dover e que fora pescar, quizais en novas áreas.[24] Houbo avistamentos non confirmados do Girl Pat no mar Báltico e noutros lugares. A medida que pasaban as semanas e non se recibían noticias, os directores de Marstrand asumiron que o buque se perdera, ou ben por naufraxio ou por roubo, e reclamaron ao seguro. Xa recibiran 2.400 libras esterlinas cando se sorprenderon coa chegada das facturas de Corcubión,[17] xunto coa noticia de que o Girl Pat partira do porto o 24 de abril, con destino descoñecido.[25][26]

Segunda fase: de Corcubión a Dakar[editar | editar a fonte]

Arrecifes na costa deserta das Illas Salvaxes

Despois de que o Girl Pat saíra de Corcubión, no porto galego especulouse con que Orsborne pretendía pescar nas augas ao redor de Xibraltar, pero a embarcación non foi vista nesa contorna.[26] Stone recordou máis tarde que despois de navegar durante algún tempo, chegaron a algunhas illas deshabitadas; isto é coherente cun probable avistamento do transatlántico británico SS Avoceta, que o 17 de maio informou de ver un barco que coincidía coa descrición do arrastreiro, ancorado nas Illas Salvaxes. Este pequeno arquipélago deshabitado, situado aproximadamente a uns 310 km ao sur de Madeira e aproximadamente á mesma distancia ao norte das illas Canarias, foi asociado durante moito tempo a historias de tesouros de piratas enterrados, e as noticias de que alí se vira o Girl Pat deron lugar a especulacións sobre que a viaxe de Orsborne estaba relacionada cunha caza do tesouro.[27][28] A aseguradora Lloyd's of London enviou un representante ás Palmas para investigar o avistamento;[29] mentres tanto, o Girl Pat atracou en Tenerife, sen ser visto, e foi repintado.[30]

Despois de deixar Tenerife, o Girl Pat continuou a súa viaxe cara ao sur, seguindo a costa africana. Segundo o relato de Stone, a tripulación desembarcou en Port Etienne na África Occidental Francesa (hoxe Nouadhibou, en Mauritania), deixando o barco sen vixiar. Mentres estaban fóra, roubáronlles material e provisións, quedando á tripulación case sen nada: "Todo o que nos quedaba para comer e beber eran catro botellas de auga, unha lata de corned beef, unha botella de zume de lima e unha lata de leite condensado".[23] Tras saír de Port Etienne, encallaron nun banco de area e quedaron varados durante tres días. Finalmente lograron reflotar o barco e o 23 de maio foron recollidos por un barco piloto que os levou ao porto de Dakar, esgotados e cheos de fame.[23][31]

Stone caera enfermo de apendicite durante a etapa anterior da viaxe e foi hospitalizado en Dakar, polo que aí acabou para el a aventura.[32] Orsborne conseguiu máis combustible e auga,[33] pero a chegada do Girl Pat chamou a atención do axente local de Lloyd's, que estaba á procura do buque. O 26 de maio viu a Orsborne e inspeccionou o libro de rexistro, onde descubriu os nomes falsos e outras incoherencias. Orsborne foi invitado a presentar os papeis do barco no consulado británico pero, co pretexto de que necesitaba probar os motores, partiu co barco rapidamente.[22] A aparición do Girl Pat en Dakar, a primeira confirmación desde Corcubión de que o buque aínda estaba a flote, tivo gran repercusión. Os familiares dos membros da tripulación aliviaronse de que os tripulantes estaban a salvo, pero temían o que lles podería pasar a partir de entón.[34]

Terceira fase: de Dakar a Georgetown[editar | editar a fonte]

O nivel de interese público no caso do Girl Pat foi suficiente para que a Gaumont British considerase convertelo no tema dunha longametraxe.[35] O 29 de maio na Cámara dos Comúns, o secretario parlamentario da Comisión de Comercio afirmou que non se presentaran solicitudes para a detención do buque en portos estranxeiros;[36] pero dúas semanas despois, Walter Runciman, o presidente da Comisión de Comercio, confirmou que, en nome dos aseguradores, o Ministerio de Asuntos Exteriores pedira que se lle negase o crédito ao Girl Pat e que fose detido ao entrar en calquera porto.[37]

As Illas do Salut, onde se cre que regou a Girl Pat despois de cruzar o Atlántico

O 2 de xuño, o transatlántico francés Jamaique informou dunha pequena embarcación con bandeira británica que viaxaba cara ao sur, preto das illas Bissagos a uns 460 km ao sur de Dakar.[38] Aínda que nun principio se pensou que era o Girl Pat, o seguinte avistamento do que se tivo noticia, o 9 de xuño, foi a máis de 3700 km cara ao oeste, ao outro lado do océano Atlántico. O capitán Jones, do Lorraine Cross, un barco americano, informou aos axentes de Lloyd's en Georgetown, Güiana Británica (hoxe Güiana), do seu encontro cun pequeno barco que realizaba un sinal de socorro fronte á costa suramericana, 87 km ao nordeste de Cayenne. Aparentemente había catro homes a bordo. O nome e as marcas do barco foran tapados con pintura, pero afirmaban ser o Margaret Harold con destino a Trinidad desde Londres. Jones pensou que o comportamento da tripulación era sospeitoso e cando pediu ver os documentos, barco baixou o sinal de socorro e afastouse. Jones afirmou que o barco era "sen dúbida un barco de pesca británico", e pensou que se trataba do Girl Pat.[39] En Grimsby, un portavoz de Marstrand amosou pouca sorpresa por este novo avistamento e confirmou que o barco tiña a velocidade suficiente para cruzar o océano no intervalo de tempo desde o anterior avistamento.[40] Unha comprobación con Lloyd's indicou que non había ningún barco rexistrado co nome de Margaret Harold.[39]

Un informe dende as Îles du Salut (Illas da Salvación), a poucos quilómetros da costa da Güiana Francesa, indicaba que unha embarcación de aspecto similar ao Girl Pat se aprovisionara alí o 10 de xuño.[41] Unha busca aérea realizada por un avión da Pan Am cubriu máis de 1600 km de costa ao redor de Georgetown, sen avistar a embarcación.[42] O 17 de xuño, varios xornais informaron do naufraxio dunha pequena embarcación con tres cadáveres en Atwood Cay, unha pequena illa das Bahamas,[43] e gran parte da prensa asumiu que era o Girl Pat.[44] Un titular dicía "O atlas escolar levou á tripulación ata a morte?".[45] Os informes resultaron ser falsos cando, a primeira hora da mañá do 19 de xuño, unha lancha policial arrastrou o Girl Pat ata o porto de Georgetown.[46]

Captura, detención e arresto[editar | editar a fonte]

Casa do concello de Georgetown

Na noite do 18 de xuño, o vapor británico Arakaka avistara un pequeno barco a poucos quilómetros de Georgetown e transmitiu a información á costa.[46] Unha lancha policial sen armas saíu de Georgetown para investigar e, ao achegarse, a tripulación da embarcación, aínda non identificada, volveuse hostil. Negaron que fosen o Girl Pat e ameazaron con violencia se os axentes intentaban abordalos.[47] A lancha retirouse a Georgetown, onde se armou e obtivo autorización para apoderarse do buque sospeitoso. Regresou á maña seguinte cedo e descubriu que o seu obxectivo estaba partindo. Comezou entón unha persecución de dúas horas,[48] que segundo o xornal británico Daily Worker, superou os esforzos máis espectaculares dos directores de cine".[49] Finalmente, mentres manobraban moi preto un do outro, os dous buques colisionaron. A popa do barco sospeitoso resultou gravemente danada, a tripulación rendeuse e o barco foi remolcado ata a costa.[50] No casco do buque aparecía o nome "Kia-ora",[49] pero Stephens recoñeceu aos seus captores que o barco era o Girl Pat.[51]

Co Girl Pat a recaudo e con vixilancia no porto de Georgetown, os irmáns Orsborne, Harris e Stephens foron levados á comisaría de policía na casa consistorial. A policía emitiu un comunicado afirmando que os catro estaban alí "a petición propia e non baixo ningunha forma de detención".[52] En Londres, os funcionarios tentaron establecer a situación xurídica exacta e emitiron declaracións confusas.[17][55] Mentres tanto, Orsborne e os seus compañeiros eran considerados heroes. O xornal alemán Hamburger Fremdenblatt preguntábase: "¿Non hai un pouco de tradición británica no pouco convencional amor á aventura, se ademais se conectan grandes riscos persoais, audacia e o romántico?".[56] Un habitante de Hull, no norte de Inglaterra, que consideraba que a aventura demostraba "o espírito de Drake", iniciou unha colecta para facer fronte ás débedas e os gastos da tripulación.[57] Un punto de vista diferente foi publicado no Hull Daily Mail, cuestionando se se debía considerar a eses homes tan favorablemente ou simplemente como "homes que fuxiron cunha propiedade allea".[58]

Unha vez liberados pola policía, Harris e Stephens regresaron inmediatamente a Inglaterra, a onde chegaron o 13 de xullo.[59] Os irmáns Orsborne esperaron en Georgetown ata aclararse a súa situación. George Orsborne declarou á prensa que estaba ansioso por volver a casa onde, segundo afirmaba, o esperaban moitas ofertas de traballo.[60] O 27 de xuño, tras novas discusións en Londres, os irmáns foron arrestados por unha orde emitida baixo a Fugitive Offenders Act. Levados ante os maxistrados de Georgetown, foron acusados do roubo do Girl Pat.[61]

Audiencias, xuízo e sentenza[editar | editar a fonte]

En Georgetown[editar | editar a fonte]

Os irmáns Orsborne quedaron detidos á espera dunha audiencia de deportación e rexeitouse a súa petición de fianza.[62] Aínda que os irmáns declararon a súa vontade de renunciar ao proceso de deportación e aceptar o traslado inmediato a Inglaterra, seguiron detidos.[63] O 22 de xullo finalmente comezaron as audiencias no xulgado de maxistrados de Georgetown, coa identificación formal do Girl Pat.[64] O 24 de xullo os maxistrados ordenaron que os irmáns fosen enviados a Inglaterra para seren xulgados, unha vez que se deu a aprobación formal do gobernador colonial, Geoffry Northcote.[65][66] O gobernador non tiña présa por actuar, polo que os Orsborne non abandonaron Georgetown ata o 13 de agosto, cando saíron no transatlántico Inanda.

Mentres os irmáns Orsborne estaban en Georgetown, Harold Stone, o tripulante do Girl Pat que quedara enfermo en Dakar, regresou á súa casa, chegando a Liverpool o 20 de xullo.[67] Despois de ser interrogado pola policía, Stone falou á prensa sobre as dificultades sufridas durante a viaxe do Girl Pat, especialmente a escaseza de comida e auga: "Non me gustaría volver a pasar a experiencia".[68] Confirmou que navegaran usando un atlas escolar, pero engadiu que posuían un compás.[69]

Bow Street, Londres[editar | editar a fonte]

O 2 de setembro, o Inanda atracou en Gravesend, Kent. Os irmáns Orsborne foron conducidos inmediatamente a Londres para unha comparecencia formal no xulgado de maxistrados de Bow Street, onde foron acusados de roubo e conspiración. En contra da opinión da policía, o maxistrado deixounos libres baixo fianza, por un importe de 500 libras esterlinas, e esixiulles a entrega dos pasaportes.[70][71]

Cando a audiencia se retomou o 10 de setembro, o tribunal informou ao director xeral de Marstrands' de que George Orsborne non tiña a autoridade para operar o Girl Pat fóra do mar do Norte. Stone declarou que Orsborne deixara claras as súas intencións de levar o barco ao sur desde o primeiro momento,[22] e tamén deu probas sobre os cambios no rexistro do buque.[72] O tribunal escoitou a Jefferson e outras testemuñas de Dover, a Alexander MacLean e ao axente de Lloyd's en Dakar.[22] O avogado defensor non respondeu aos aspectos detallados do caso da acusación, pero afirmou que no próximo xuízo se presentarían "acusacións moi graves" contra algunhas das testemuñas da acusación. Os irmáns declaráronse inocentes e postos en prisión preventiva ata o xuízo en Old Bailey.[73] No intervalo entre as audiencias de Bow Street e o xuízo, que estaba previsto que comezase en outubro, o Girl Pat foi vendido.[74][75]

Old Bailey[editar | editar a fonte]

A entrada ao Tribunal Penal Central de Old Bailey

O xuízo de Old Bailey comezou o 19 de outubro de 1936.[76] A fiscalía comezou afirmando que esta non debería considerarse como "unha alegre aventura de bucaneiros", senón como unha violación da confianza por parte de George Orsborne, a quen os propietarios confiaran o seu barco.[77] O obxectivo da viaxe non fora beneficiar aos propietarios, senón gañar cartos para os acusados.[76]

MacLean testemuñou que nas súas discusións con George Orsborne tiña a impresión de que o capitán era copropietario do buque. Orsborne mencionoulle a posibilidade de participar en negocios lucrativos como o contrabando e a venda de armas.[78][80] John Moore, o director xeral de Marstrand's, declarou que esperaba que Orsborne levase o Girl Pat a pescar a unha zona do mar do Norte onde outro buque da compañía estaba pescando con éxito.[81] Cando chegou a quenda das preguntas a Moore, reveláronse as "graves acusacións" que adiantara a defensa. Afirmouse que Moore lle pedira a George Orsborne que non fose pescar, senón que se librase do buque para que a compañía puidese reclamar o seu valor ao seguro, e que o propio Orsborne sería recompensado cunha parte. A defensa alegou que a empresa estaba nun mal estado financeiro e que os seus barcos estaban moi hipotecados. Moore negou que lle fixera tal suxestión a Orsborne e insistiu en que a compañía era financeiramente sólida. Afirmou que as hipotecas dos seus buques eran relativamente baixas e que nunca falara sobre os seguros con Orsborne. A defensa alegou ademais que no momento da partida o Girl Pat estaba nun estado insalubre, aprovisionado de forma inadecuada e non apto para unha viaxe de pesca normal. Esta acusación tamén foi negada por Moore.[82]

Despois de que Stone e Jefferson repetisen as declaracións que fixeran en Bow Street,[6][83] foi a quenda de George Orsborne. Este dixo que non aceptou a proposta de Moore de "perder" a embarcación, e que, despois de partir co Girl Pat, aínda estaba indeciso sobre o que faría.[84] Afirmou ter abandonado a Jefferson en Dover porque era un mal mecánico e un borracho.[85] Dixo que Moore se equivocaba ao afirmar que as provisións e o equipamento do barco eran adecuados. Engadiu que mentres o barco se refuxiaba en Jersey, suxerira á tripulación que "podían tomar a viaxe como unhas vacacións" e logo propuxo dar unha volta polo océano Atlántico antes de regresar a Grimsby. Non tiñan intención de seguir o plan de Moore nin de roubar a embarcación, senón que darían as grazas aos propietarios polo préstamo do barco e devolveríanllelo.[6] Ademais afirmou que no porto de Corcubión ofrecéranlle comprarlle o Girl Pat, pero que non aceptara.[6] Negou que intentara ocultar a súa verdadeira identidade ou a do barco en Dakar, ou que abandonara o porto para evitar investigacións. A repentina partida debíase, dixo, a problemas cos nativos. Tampouco intentara eludir ás autoridades de Georgetown, senón que os seus movementos alí xurdiran da preocupación pola seguridade da embarcación, que estaba a ser comprometida polas manobras do lancha da policía.[85]

James Orsborne, na súa declaración, dixo que seu irmán lle falara sobre a proposta de Moore de desfacerse do barco e que lle contestou a George que era "un maldito tolo" por considerar tan sequera a proposición. Engadiu que fora con seu irmán porque pensou que se este facía algunha tolería, el podería impedilo.[85] Chamado á mesa de testemuñas, Moore dixo que se negara a contratar a James Orsborne porque o consideraba deshonesto.[86]

No seu discurso de clausura, o avogado defensor dixo que a clave do caso era se os irmáns Orsborne tiñan intención de privar permanentemente aos propietarios da súa embarcación. A evidencia, dixo, suxería que se trataba máis dunha "excursión por medio mundo", que dun roubo ou algo máis sinistro. O avogado fiscal preguntouse por que, se a excursión dun mes era a inocente explicación, fora necesario introducir no caso acusacións infundadas de propostas de fraude de seguro "contra homes cuxa reputación estaba por encima das sospeitas".[87] No seu resumo, o xuíz condenou os acordos polos que os Orsbornes cobraran cartos da prensa polos dereitos da súa historia. Isto era inxustificado e indesexable: "Se os dous prisioneiros eran culpables ou inocentes [de roubo], a propiedade doutra persoa estaba a ser usada por eles sen permiso... George Orsborne sabía claramente que estaba actuando directamente contra os intereses do seu empregador".[88] O xurado ausentouse só 35 minutos antes de emitir sentenzas de culpabilidade contra ambos acusados. O 22 de outubro, George Orsborne foi condenado a 18 meses de prisión e James a 12 meses.[89]

Versión alternativa de Orsborne[editar | editar a fonte]

Trece anos despois do xuízo, nun libro de memorias titulado Master of the Girl Pat, George Orsborne proporcionou unha nova versión sobre a viaxe do Girl Pat. Segundo a súa narración, fora recrutado en 1935 para traballar para a Intelixencia Naval Británica.[90] A aventura do Girl Pat sería segundo el unha misión secreta, relacionada coa inminente Guerra Civil Española.[91] Entre as paradas en Corcubión e Dakar, afirma Orsborne, levou a cabo a detonación dunha ponte ferroviaria no Marrocos español.[92] Nas paradas en Port Etienne, Dakar e noutros lugares recibiu novas instrucións da Intelixencia Naval.[93] Neste relato posterior Orsborne cambiou os nomes da tripulación e outros detalles: Stone converteuse en "Fletcher" e o seu abandono da viaxe en Dakar defínese como unha "deserción".[94] Algunhas das datas que ofrece son incompatibles cos movementos coñecidos do barco: dá o 26 de xuño como data de chegada a Dakar,[95] e o repaso que fai do seu xuízo en Old Bailey non cadra co rexistro publicado.[96] Orsborne describe a súa estadía na prisión de Wormwood Scrubs como "unha experiencia marabillosa. Non a perdería por nada".[97]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Despois do xuízo, a prensa e o público seguiron mostrando en xeral simpatía xeral polos irmáns Orsborne. Durante o proceso penal, The Spectator comentou que a aventura "deu unha satisfacción romántica a todo o mundo" e que o seu capitán se convertera nun heroe nacional. O día seguinte á sentenza, o artigo principal de The Times sinalou o prologando pracer do público pola escapada. Case 30 anos despois, na súa historia social do período de entreguerras, Ronald Blythe retratou o asunto como un xesto antisistema, unha colorida burla na cara das desalmadas burocracias.[98]

Mentres estaba en prisión, George Orsborne prestou o seu nome a un relato sobre o Girl Pat escrito por un negro ou esctritor pantasma, que repetiu a afirmación de que o barco fora enviado e aprovisionado de forma inadecuada. Marstrand's demandou con éxito á editorial, Hutchinsons, e a dous xornais que repetiran os detalles.[99][100] Ao ser liberado, Orsborne planeaba facer unha viaxe transatlántica en solitario,[101] pero esta atrasouse e finalmente cancelouse cando estalou a Segunda guerra mundial en setembro de 1939.[103] Do mesmo xeito, quedou en nada un anuncio en 1938 de que Orsborne dirixiría unha expedición ao Caribe e ao Amazonas.[104]

Durante a guerra, Orsborne traballou nun arrastreiro que formaba parte das forzas antiinvasión británicas, antes de reincorporarse á Royal Navy.[105] Entre as súas accións de guerra están o seu servizo como xefe de praia durante o desembarco de Normandía en xuño de 1944,[106] unha quenda como comando no Cuartel Xeral de Operacións Combinadas,[105] e o seu servizo no Extremo Oriente, onde segundo el, foi capturado e encarcerado polos xaponeses.[107] En setembro de 1947 foi un dos dous homes rescatados no medio do Atlántico do ketch abandonado Lovely Lady, sendo o outro un comerciante español.[108]

Nas súas memorias de 1949, Master of the Girl Pat, George Orsborne relata brevemente que Stephens volveu ao mar xusto despois da aventura, que Harris gastou en bebida a súa parte do diñeiro que cobraron da prensa e que "Fletcher" (Stone) emigrou a Australia. James Orsborne traballou un tempo no Mediterráneo, axudando aos refuxiados da Guerra Civil Española, e máis tarde marchou ao Canadá. Estaba en Singapur cando caeu en mans dos xaponeses en febreiro de 1942, e non se soubo máis del.[109] George Orsborne morreu o 23 de decembro de 1957, en Belle Île, fronte á costa de Bretaña, mentres transportaba un cruceiro a motor desde Niza a Inglaterra.[105]

Últimos anos do barco[editar | editar a fonte]

O Girl Pat foi reparada e remodelado en Georgetown polos seus novos propietarios, a firma con sede en Grimsby, Girl Pat Ltd,[110] e foi levado de volta a Inglaterra, chegando a Portsmouth o 9 de maio de 1937.[111] Permaneceu alí durante dúas semanas como atracción turística, antes de ser trasladado a Londres o 28 de maio.[112] Os seus novos propietarios declararon que estaban indecisos sobre o futuro a longo prazo do buque, pero que de momento sería exhibido en Blackpool e noutros resorts de vacacións.[113] O 17 de febreiro de 1939, The Times informou de que o Girl Pat fora vendido á Autoridade Portuaria de Londres (PLA), para ser utilizado como buque de sinalización de naufraxios.[114] Despois do estalido da guerra en setembro de 1939, foi requisado polo Almirantado para uso naval, e figura como un dos "buques de guerra menores" en servizo en xullo de 1940.[115] En 1945 foi devolto PLA e non hai ningún rexistro público da súa historia posterior.[116] O nome Girl Pat foi adoptado polo menos por un buque matriculado posteriormente: en agosto de 1966, un iate de 60 toneladas con ese nome foi arrestado por gardacostas gregos no golfo de Corinto e os seus ocupantes acusados de roubo de antigüidades.[117]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Girl Pat. El último barco pirata en Corcubión" (en castelán). 11 de xuño de 2020. Consultado o 15 de outubro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 Orsborne 1949, p. 23.
  3. "Crew of the Girl Pat". The Observer (en inglés). 21 de xuño de 1936. p. 20. 
  4. "CrewGirl Pat Leaves Dakar". The Aberdeen Journal (en inglés). 27 de maio de 1936. p. 7. 
  5. Nas súas memorias Orsborne da o 4 de xullo de 1918 como o seu 16º aniversario.[2] En 1936, no momento do caso Girl Pat, a maior parte da prensa falaba de 32 anos como a súa idade. Véxase, por exemplo,[3], o que supoñía que tería nacido en 1903 ou posiblemente en 1904. Polo menos un xornal en 1936 daba unha idade maior.[4]
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 "Voyage of Girl Pat: Skipper in the Box". The Times (en inglés). 21 de outubro de 1936. p. 11. 
  7. 7,0 7,1 "Runaway Trawler: Skipper Orsborne's Defence". The West Australian (en inglés). 22 de outubro de 1936. p. 18. Consultado o 15 de outubro de 2021. 
  8. 8,0 8,1 Orsborne 1949, pp. 37-38.
  9. Orsborne 1949, p. 40.
  10. "Orsborne's Own Story". The Hull Daily Mail (en inglés). 20 de outubro de 1936. p. 1. 
  11. "Girl Pat Case: Brothers on Trial". Dundee Evening Telegraph (en inglés). 19 de outubro de 1936. p. 1. 
  12. 12,0 12,1 12,2 "The Voyage of the Girl Pat". The Manchester Guardian (en inglés). 11 de setembro de 1936. p. 6. 
  13. "Crew of the Girl Pat". The Observer (en inglés). 21 de xuño de 1936. p. 20. 
  14. "Brothers Charged With Stealing Girl Pat". Dundee Evening Telegraph (en inglés). 10 de setembro de 1936. p. 1. 
  15. "Ocean Adventures of the Girl Pat". Lincolnshire Echo (en inglés). 10 de setembro de 1936. p. 1. 
  16. "The Girl Pat Sold". The Dundee Evening Telegraph (en inglés). 3 de outubro de 1936. p. 8. 
  17. 17,0 17,1 17,2 "Girl Pat: The Next Step". The Hull Daily Mail (en inglés). 22 de xuño de 1936. p. 5. 
  18. 18,0 18,1 "Voyage of the Girl Pat". The Times (en inglés). 17 de setembro de 1936. p. 7. 
  19. "Stone Tells of Talks in Wheelhouse". The Dundee Evening Telegraph (en inglés). 10 de setembro de 1936. p. 1. 
  20. "Opening of Girl Pat Trial". The Aberdeen Journal (en inglés). 20 de outubro de 1936. p. 5. 
  21. "Remarkable Evidence in Girl Pat Case". The Nottingham Evening Post (en inglés). 10 de setembro de 1936. p. 7. 
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 "Voyage of the Girl Pat: Seaman's Story in Court". The Times (en inglés). 11 de setembro de 1936. p. 11. 
  23. 23,0 23,1 23,2 "Girl Pat Crew Buy Rice With Their Last Pennies". Daily Express (en inglés). 28 de maio de 1936. pp. 1–2. 
  24. "A Trawler Mystery: Where is the Girl Pat?". The Portsmouth Evening News (en inglés). 14 de maio de 1936. p. 14. 
  25. "Lost Ship Reappears on High Seas". Daily Express (en inglés). 14 de maio de 1936. p. 1. 
  26. 26,0 26,1 "Lookout Kept for Missing Fishing Boat". The Yorkshire Post (en inglés). 15 de maio de 1936. p. 12. 
  27. "Girl Pat "Sighted": What Freighter Saw Off Lone Treasure Isle". Daily Mirror (en inglés). 19 de maio de 1936. p. 2. 
  28. "The Girl Pat's Wanderings: Latest". The Dundee Evening Telegraph (en inglés). 10 de xuño de 1936. p. 1. 
  29. "Telegrams in Brief". The Times (en inglés). 20 de maio de 1936. p. 15. 
  30. "Girl Pat Odyssey". The Hull Daily Mail (en inglés). 10 de stembro 1936. p. 12. 
  31. "Voyage of the Girl Pat". The Times (en inglés). 22 de outubro de 1936. p. 9. 
  32. "Girl Pat Crew's Fight With Death". The Hull Daily Mail (en inglés). 21 de xullo de 1936. p. 1. 
  33. "Girl Pat Found". The Manchester Guardian (en inglés). 27 de maio de 1936. p. 11. 
  34. "The Girl Pat Found – And Lost Again". The Yorkshire Post (en inglés). 27 de maio de 1936. p. 12. 
  35. "Girl Pat Film Story". The Nottingham Evening Post (en inglés). 6 de xuño de 1936. p. 1. 
  36. "TRAWLER "GIRL PAT."" (en inglés). 29 de maio de 1936. pp. col. 2382–83. Consultado o 15 de outubro de 2021. [Ligazón morta]
  37. "MOTOR TRAWLER "GIRL PAT."" (en inglés). 9 de xuño de 1936. pp. col.16–17. Consultado o 15 de outubro de 2021. [Ligazón morta]
  38. "The Girl Pat". The Times (en inglés). 2 de xuño de 1936. p. 13. 
  39. 39,0 39,1 "Girl Pat off South America?"". The Times (en inglés). 11 de xuño de 1938. p. 15. 
  40. "Girl Pat Across the Atlantic?". The Hull Daily Mail (en inglés). 10 de xuño de 1936. p. 7. 
  41. "Telegrams in Brief". The Times (en inglés). 16 de xuño de 1936. p. 15. 
  42. "Strange Vessel Sighted off Guiana". The Manchester Guardian (en inglés). 16 de xuño de 1936. p. 14. 
  43. "The Girl Pat: Search by Bahamas Government". The Manchester Guardian (en inglés). 18 de xuño de 1936. p. 11. 
  44. "3 Dead in Ship Believed to be Girl Pat". Daily Mirror (en inglés). 17 de xuño de 1936. p. 1. 
  45. "Coral Island Wreck Thought to be Girl Pat". The Nottingham Evening Post (en inglés). 17 de xuño de 1936. p. 8. 
  46. 46,0 46,1 "Girl Pat Suspect Towed to Port". Dundee Evening Telegraph and Post (en inglés). 19 de xuño de 1936. p. 1. 
  47. "The Girl Pat Found: Lloyds Report". The Manchester Guardian (en inglés). 19 de xuño de 1936. p. 11. 
  48. "Girl Pat – Herself This Time – Seized By Armed Police". The Hull Daily Mail (en inglés). 19 de xuño de 1936. p. 1. 
  49. 49,0 49,1 "Girl Pat Captured in Dawn Chase". The Daily Worker (en inglés). 20 de xuño de 1936. p. 1. 
  50. "The Girl Pat: Arrest by Police Off Georgetown". The Times (en inglés). 20 de xuño de 1936. p. 12. 
  51. "Girl Pat's Crew in Police Station". The Dundee Courier (en inglés). 20 de xuño de 1936. p. 7. 
  52. "Girl Pat Crew ask for Police Shelter". Daily Mirror (en inglés). 20 de xuño de 1936. p. 1. 
  53. "The Girl Pat: No Action by Owners of the Trawler". The Manchester Guardian (en inglés). 22 de xuño de 1936. p. 10. 
  54. "Motor Trawler 'Girl Pat'". Hansard Online (en inglés) 313. 24 de xuño de 1936. pp. col.1751–1752. Consultado o 16 de outubro de 2021. [Ligazón morta]
  55. O The Manchester Guardian do 22 de xuño de 1936 informou da inteción de Marstrand's de non tomar accións contra a tripulación. Un membro da Comisión de Comercio opinou que a posición era "escura", pero que non se podía descartar un futuro procesamento.[53] No Parlamento, o Secretario de Estado para as Colonias afirmou que se emitra unha orde de arresto contra o capitán e de detención do buque, a petición do axente de Lloyd's en Georgetown, pero que logo foi retirada.[54]
  56. "German Interest and Sympathy". The Hull Daily Mail (en inglés). 26 de xuño de 1936. p. 11. 
  57. "Girl Pat Puzzles Board of Trade". The Hull Daily Mail (en inglés). 20 de xuño de 1936. p. 1. 
  58. "Girl Pat Crew Controversy". The Hull Daily Mail (en inglés). 23 de xuño de 1936. p. 5. 
  59. "News in Brief". The Times (en inglés). 14 de xuño de 1936. p. 13. 
  60. "Girl Pat's Skipper Interviewed". The Manchester Guardian (en inglés). 26 de xuño de 1936. p. 5. 
  61. "Girl Pat's Skipper Arrested". The Observer (en inglés). 28 de xuño de 1936. p. 20. 
  62. "Girl Pat Skipper Again Remanded". The Observer (en inglés). 5 de xuño de 1936. p. 17. 
  63. "Girl Pat's Skipper: Further Remand Ordered". The Hull Daily Mail (en inglés). 18 de xullo de 1936. p. 1. 
  64. "The Girl Pat Identified". The Nottingham Evening Post (en inglés). 23 de xullo de 1936. p. 1. 
  65. "Girl Pat is Captured After Flight". The Nashua Telegraph (en inglés). 19 de xuño de 1936. p. 1. 
  66. "The Girl Pat Case". The Times (en inglés). 27 de xullo de 1936. p. 11. 
  67. "Girl Pat's Mate Home" (en inglés). 21 de xullo de 1936. p. 18. 
  68. "Girl Pat Crew's Fight with Death". The Hall Daily Mail (en inglés). 21 de xullo de 1936. p. 1. 
  69. "Adventures of the Girl Pat". The Times (en inglés). 22 de xullo de 1936. p. 13. 
  70. "Girl Pat's Skipper in Court". The Manchester Guardian (en inglés). 3 de setembro de 1936. p. 13. 
  71. "The Girl Pat: Charge of Stealing Vessel". The Times (en inglés). 3 de setembro de 1936. p. 6. 
  72. "Remarkable Evidence in Girl Pat Case". The Nottingham Evening Post (en inglés). 10 de setembro de 1936. p. 5. 
  73. "The Girl Pat: Serious Allegations to be Made". The Manchester Guardian (en inglés). 17 de setembro de 1936. p. 12. 
  74. "The Girl Pat Changes Hands". The Nottingham Evening Post (en inglés). 3 de outubro de 1936. p. 1. 
  75. "Telegrams in Brief". The Times (en inglés). 5 de outubro de 1936. p. 11. 
  76. 76,0 76,1 "Voyage of Girl Pat: Stealing Charge". The Times (en inglés). 20 de outubro de 1936. p. 13. 
  77. "Girl Pat: Managing Director's Denials". The Portsmouth Evening News (en inglés). 19 de outubro de 1936. p. 12. 
  78. "Gun-Running and Smuggling: Alleged Talks by Girl Pat Accused". The Dundee Evening Telegraph (en inglés). 20 de outubro de 1936. p. 1. 
  79. "Sailed in the Girl Pat". The Courier-Mail (en inglés). 12 de marzo de 1937. p. 18. Consultado o 16 de outubro de 2021. 
  80. MacLean, que rexeitou a oferta de Orsborne para unirse ao Girl Pat e non participou na aventura, afirmou a un xornal australiano en 1937 que formara parte da tripulación que navegou con Orsborne, pero que "logrou escapar un pouco antes de seren arrestados".[79]
  81. "Director of Owners Says Catches Were Not 'Extremely Poor". The Hull Daily Mail (en inglés). 19 de outubro de 1936. p. 1. 
  82. "Girl Pat Case at Old Bailey". The Manchester Guardian (en inglés). 20 de outubro de 1936. p. 3. 
  83. "Girl Pat: Managing Director's Denials". The Portsmouth Evening News (en inglés). 19 de outubro de 1936. p. 12. 
  84. "Skipper of Girl Pat in Box". The Aberdeen Journal (en inglés). 21 de outubro de 1936. p. 5. 
  85. 85,0 85,1 85,2 "Girl Pat Story Sold for £5000". The Gloucestershire Echo (en inglés). 21 de outubro de 1936. p. 1. 
  86. "Judge on Girl Pat Suggestion by Defence". The Derby Evening Telegraph (en inglés). 22 de outubro de 1936. p. 1. 
  87. "Last Stages in Girl Pat Case". The Nottingham Evening Post (en inglés). 22 de outubro de 1936. p. 7. 
  88. "Girl Pat Case Verdict". The Times (en inglés). 23 de outubro de 1936. p. 7. 
  89. "Both Orsbornes Sent to Gaol". The Manchester Guardian (en inglés). 23 de outubro de 1936. p. 11. 
  90. Orsborne 1949, pp. 77-78.
  91. Orsborne 1949, pp. 115-117.
  92. Orsborne 1949, pp. 122-126.
  93. Orsborne 1949, pp. 130-136.
  94. Orsborne 1949, p. 141.
  95. Orsborne 1949, p. 137.
  96. Orsborne 1949, p. 170.
  97. Orsborne 1949, p. 71.
  98. Blythe 1964, p. 193.
  99. "The Girl Pat: Owners Libel Action Settled". The Times (en inglés). 5 de febreiro de 1937. p. 4. 
  100. "Girl Pat Libel Action: £400 for Former Owners". The Manchester Guardian (en inglés). 14 de xaneiro de 1938. p. 15. 
  101. "Hull Man Challenges Girl Pat Skipper". The Hull Daily Mail (en inglés). 13 de xuño de 1938. p. 8. 
  102. Orsborne 1949, p. 183.
  103. Segundo Orsborne, construíuse un pequeno veleiro seguindo as súas especificacións, o Little Elizabeth, capaz de navegar dende Southampton ata Nova York en 60 días, pero foi destruído durante un ataque aéreo en 1940.[102]
  104. "Girl Pat Skipper to Lead Expedition to Caribbean". The Manchester Guardian (en inglés). 31 de decembro de 1938. p. 14. 
  105. 105,0 105,1 105,2 "Orsborne, of Girl Pat, Dead". The Manchester Guardian (en inglés). 24 de decembro de 1957. p. 1. 
  106. Neillands and De Normann, p. 271
  107. Orsborne 1949, pp. 217-226.
  108. "Lovely Lady's Stowaway: A Spanish Greengrocer". The Manchester Guardian (en inglés). 7 de outubro de 1947. p. 5. 
  109. Orsborne 1949, pp. 174-175.
  110. "Mercantile Navy List". crewlist.org.uk (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 8 de agosto de 2016. Consultado o 15 de outubro de 2021. 
  111. "Return of the Girl Pat". The Times (en inglés). 10 de maio de 1937. p. 16. 
  112. "Trawler Girl Pat". The Portsmouth Evening News (en inglés). 28 de maio de 1937. p. 9. 
  113. "The Girl Pat in Portsmouth". The Portsmouth Evening News (en inglés). 10 de maio de 1937. p. 7. 
  114. "The Girl Pat Sold to P.L.A.". The Times (en inglés). 17 de febreiro de 1939. p. 11. 
  115. "Lists of minor war vessels. Indexed." (en inglés). Consultado o 15 de outubro de 2021. 
  116. "History of a fishing town". grimsbytelegraph.co.uk (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 3 de xullo de 2015. Consultado o 15 de outubro de 2021. 
  117. "British Yacht Held by Greeks". The Times (en inglés). 25 de agosto de 1966. p. 1. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]