Gazeta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gazeta
Corfcefzan.jpg
A/ León de San Marcos de fronte. S · MARCVS · VEN ·. No exergo, indicación de valor: II (2 soldos) R/ CORF / CEFAL / ZAN en tres liñas (Corfú, Cefalonia, Zante).
Gazeta veneciana a nome do Dux Giovanni II Corner (1709-1722), para a súa circulación nas illas do Levante. CU. 26,8 mm. 4,39 g.

Gazeta (voz veneciana; en italiano; gazzetta; en véneto de Venecia: gaxeta), foi a denominación que se lle deu popularmente a unha moeda cuñada na República de Venecia e na súa zona de influencia no Mediterráneo, inicialmente en prata e posteriormente en billón e en cobre, co valor de dous soldos.[1][2][3][4]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A orixe da denominación xera controversia. Tradicionalmente entendeuse que o nome da moeda pasou a designar tamén un popular folleto informativo que comezou a editarse en Venecia cara a 1563, polo feito de ter este o prezo de dous soldos (unha gazeta). A partir dese momento, o termo gazeta (posteriormente adaptado como gazzetta) pasaría a designar en italiano calquera xornal lixeiro de papel e de aí estenderíase a outros idiomas da nosa contorna (gal: "gaceta"; pt: gazeta; es: gaceta; ca: gaseta).[1] Neste caso, apúntase a que a etimoloxía da denominación da moeda puidese estar na palabra latina medieval gāza ("tesouro") ou na do grego χαλκός (khalkós, “cobre ou aliaxe de cobre”).[5]

Para outros autores, a relación sería a inversa: o feito de que a gaxeta ou gazeta (o folleto) valese dous soldos foi o que fixo que esa denominación comezase a aplicárselle tamén á moeda dese valor.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

Gazeta
Venezia Æ Gazzetta 2380661.jpg
A/ León de San Marcos de fronte. SAN · MARC · VEN ·. No exergo, indicación de valor: II (2 soldos) R/ DALMA / ET / ALBAN en tres liñas.
Gazeta da República de Venecia cuñada para as colonias de Dalmacia e de Albania, consonte o Decreto do 10 de febreiro de 1691. CU. 27 mm. 5,74 g.[6]

A gazeta foi introducida en 1539 polo dux Pietro Lando (1539-1548).[1] No momento da súa creación, tiña unha lei de 948 milésimas de prata e un peso de 0,24 gramos, e con estas características métricas seguiu cuñándose ata 1559, xunto cos múltiplos de 2, de 3 e de 4 unidades.[1][7]. No norte de Italia foi moi imitada ata mediados do século XVII.[3]

Os seus anversos estaban caracterizados pola presenza dunha alegoría da Xustiza sedente, en tanto que os reversos amosaban o león de San Marcos, símbolo de Venecia.[8]

A partir do século XVII comezaron a cuñarse en cobre, tanto a unidade como os seus múltiplos. Entre outras, a gazeta emitiuse en Candia cara a 1632 e tamén durante a guerra contra os Otománs (1646-1650). A gazeta cuñada en Zadar amosa as lendas ISOLE ET ARMATA ou ARMATA ET MOREA.[2]

A gazeta emitiuse tamén nos séculos XVII e XVIII para a súa circulación nos territorios coloniais venecianos en Creta, en Dalmacia e en Albania, así como nas Illas Xónicas e outras illas do Levante.[9][10]

A gazeta das Illas Xónicas[editar | editar a fonte]

Gazeta das Illas Xónicas
Septinsular Republic, 1 Gazeta, 1801.tif
A/ ΕΠΤΑΝΗΣΟΣ ΠΟΛΙΤΕΙΑ. León estilizado, que sostén escudo con setas. R/ - I - ΓΑΖΕΤΑ 1801.
Gazeta das Illas Xónicas. 1801. CU. 5,4 g. 26 mm.
Artigo principal: Gazeta das Illas Xónicas.

O uso da gazeta nas Illas Xónicas mantívose mesmo ata o século XIX. Alí cuñáronse moedas autónomas con valor de 1, de 5 e de 10 unidades en 1801,[11] e mantivéronse en uso ata 1819, cando foron substituídas no inicio da época de influencia británica.[2][3][12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Martinori, E. (1915). Páxina 178.
  2. 2,0 2,1 2,2 Frey, A. R. (1916). Páxina 91.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Gazzetta". En Schrötter, F. F. (1970). Páxina 211.
  4. "Gazetta". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  5. 5,0 5,1 Infelise, M. (2016).
  6. "2 Soldi Dalmatia et Albania". Numista.com
  7. Gamberini di Scarfèa, C. (1969). Páxina 68.
  8. "2 Soldi for circulation in the Levant". Numista.com
  9. Lazari, V. (1851). Páxinas 11-15, 72-73.
  10. "2 Soldi, 1 Gazzetta - Isole Del Levante". Numista.com
  11. Moedas das Illas Xónicas (1801): 1 gazeta, 5 gazetae, 10 gazetae. Numista.com
  12. Lazari, V. (1851). Páxina 73.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]