Gazeta das Illas Xónicas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gazeta
A/ ΕΠΤΑΝΗΣΟΣ ΠΟΛΙΤΕΙΑ. León estilizado, que sostén escudo con setas. R/ - I - ΓΑΖΕΤΑ 1801.
Gazeta das Illas Xónicas. 1801. CU. 5,4 g. 26 mm.

A gazeta das Illas Xónicas foi a moeda de cobre emitida nestas illas do Mediterráneo en 1801 durante os protectorados ruso e do Imperio Otomán, e que mantivo a súa circulación ata 1819.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedente: a gazeta veneciana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Gazeta.

A gazeta foi unha moeda da República Veneciana nacida a mediados do século XVI e de ampla difusión polo Mediterráneo. Ademais da usada na metrópole, emitírase xa desde o século XVII para a súa circulación en diversos territorios coloniais venecianos, como Creta, Dalmacia ou Albania, e tamén para as Illas Xónicas.[1]

Neste último caso, as moedas coloniais emitidas en Venecia no século XVIII para as Illas Xónicas amosaban nos anversos o tradicional león de San Marcos, símbolo da República Veneciana, e no reverso a inscrición CORF / ZEFAL / ZAN (Corfú, Cefalonia, Zante).[2]

A gazeta das Illas Xónicas[editar | editar a fonte]

Xa no inicio do século XIX, a gazeta substituíu nas Illas Xónicas a lira veneciana, mantendo o valor orixinario da gazeta veneciana: 1 gazeta = 2 soldos. Despois da época do protectorado, mantívose en circulación durante a existencia da República das Sete Illas. Finalmente, logo do inicio da soberanía británica sobre as illas, as gazetas foron contramarcadas co seu valor en kurus turcos para manterse na circulación, antes de ser substituídas polos óbolos en 1819, como moeda dos Estados Unidos das Illas Xónicas.[3]

A gazeta das Illas Xónicas foi cuñada en Garitsa (Corfú) unicamente en 1801.[3][4] A serie consistiu nos valores de unha, cinco e dez gazetas, cunha mesma tipoloxía e lendas: como motivo do anverso retómase o león das emisións coloniais venecianas, cun escudo e unhas setas, rodeado pola lenda en grego ΕΠΤΑΝΗΣΟΣ ΠΟΛΙΤΕΙΑ ("Estado das Sete Illas"), e no reverso unicamente a indicación do valor e a data, en tres liñas. No caso dos valores de cinco e de dez gazetas, hai exemplares coa indicación de valor en grego (ΓΑΖΕΤΑΙΣ) e outros coa palabra en italiano (GAZZETE).[5][6][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lazari, V. (1851). Páxinas 72-73.
  2. "2 Soldi, 1 Gazzetta - Isole Del Levante". Numista.com
  3. 3,0 3,1 "Gazeta, Coin Type from Septinsular Republic". OnlineCoin.Club
  4. Λάμπρου, Π. (1844). Páxina 16.
  5. Serie da gazeta das Illas Xónicas (1801): gazeta, 5 gazetas (valor grego - valor italiano), 10 gazetas (valor grego - valor italiano). Numista.com
  6. "Νομίσματα περιόδου 1801-1862". Coinsmania.gr
  7. "Septinsular Republic: Coins Issued and Used". OnlineCoin.Club

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]