Illas Xónicas
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2015.) |
Ιόνια Νήσια (el) ![]() | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Grecia ![]() | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 204.562 (2018) ![]() | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 2.307 km² ![]() | ||||
Bañado por | Mar Xónico ![]() | ||||
Altitude | 1.628 m ![]() | ||||
Punto máis alto | Monte Ainos (pt) ![]() ![]() | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Sitio web | pin.gov.gr ![]() |
As Illas Xónicas (grego: Iónioi Nísoi) son un arquipélago de Grecia que se atopa fronte ás costas noroccidentais da Grecia continental e peninsular, sobre o Mar Xónico. Tradicionalmente chámaselles as Sete Illas (Heptonesos, Heptanisia ou Eptanisia), aínda que o grupo inclúe moitas illas máis pequenas ademais das sete principais.
Atópanse entre os paralelos 39º54'16" e 37º36'29" de latitude norte. A extensión total do arquipélago é de 2.307 km². A maior altitude de todo o conxunto insular en cuestión é o Aínos Ouros (1.628 m) situado na zona meridional da illa Cefalonia. O principal centro urbano das Illas Xónicas é a cidade de Corfú.

As principais illas son de norte a sur: Corfú, Paxoi, Leucas (Leucas, Leucada ou Santa Maura), Ítaca (mencionada na Odisea), Cefalonia (Kefalonia) e Zante, adóitase contar entre as Illas Xónicas a Citerea (Kythira) e ás súas pequenas illas satélites: Antikythira e Elafonissos aínda que o grupo de Citerea atópase bastante distante, ao sur do Peloponeso.
Deste xeito as Illas Xónicas fóra de Citerea forman unha das rexións administrativas gregas chamadas "Periferias" (Periféreies -"Περιφερειες"-).
Fisiografía
[editar | editar a fonte]O arquipélago consta de illas eslabonadas case paralelas á costa meridional da Península dos Balcáns, ao ser parte dunha cordilleira, as illas son de relevo moi accidentado coas costas xeralmente moi abruptas así como repletas de baías e cabos. A flora típica é a garriga mediterránea, predominando os cipreses, oliveiras, mirtos, loureiro e vide. Os únicos cursos de auga superficial son pequenos regatos de moi escaso caudal que se adoitan manter secos durante o estío.
Clima
[editar | editar a fonte]O clima é o mediterráneo, aínda que nas Illas Xónicas existe un microclima dado pola forte influencia do mar e pola alternancia dos ventos cálidos provenientes de África cos fríos (vento Bóreas) procedentes do cuadrante nordés. Deste xeito o arquipélago ten un clima máis húmido que o doutras costas mediterráneas e, a pesar dos ventos fríos, un clima cálido que reforza características subtropicais.
Fauna
[editar | editar a fonte]Na actualidade case a totalidade da fauna maior é doméstica, aínda que nas praias de Zante se poden atopar grandes tartarugas mariñas da especie Caretta caretta, que chegan a medir un metro e medio de lonxitude.
Historia
[editar | editar a fonte]As illas foron colonizadas polos gregos, posiblemente xa en 1200 aC, e seguramente no século 9 aC. As illas foron na súa maioría un remanso na antigüidade grega e ocuparon un lugar irrelevante na política grega. A única excepción foi o conflito entre Kerkyra e a súa Cidade-nai Corinto no 434 a. C., que trouxo a intervención de Atenas e provocou a Guerra do Peloponeso.
Ítaca era o nome da illa fogar de Ulises no poema épico grego antigo A Odisea de Homero. Fixéronse intentos para identificar a Ítaca poética coa illa de Ítaca, pero a xeografía da illa real non se adapta á descrición de Homero.
Dominación romana e bizantina
[editar | editar a fonte]No século IV a.C. a maioría das illas son absorbidas polo imperio de Macedonia. Algunhas permaneceron baixo o control do reino de Macedonia ata o 146 a.C., cando a península grega foi anexionada por Roma. Logo de 400 anos de pacífica dominación romana as illas pasaron ao Imperio Romano de Oriente, e formaron parte do imperio bizantino outros 900 anos, ata a destrución de Constantinopla durante a IV Cruzada en 1204.
Cando os aliados da Cuarta Cruzada -os gobernantes franceses do Imperio Latino con sede en Constantinopla e os venecianos, que competian cos bizantinos polo control do comercio no Mediterráneo- dividiron o botín dos territorios bizantinos entre eles, os venecianos adquiriron Kerkyra, Paxi, e tamén Kythera, que utilizaron como bases para o seu comercio marítimo co Levante. Cefalonia e Zante converteronse no Condado Palatino de Cefalonia e Zante ata 1357, cando esta entidade fusionouse con Lefkada e Ítaca para converterse no Ducado de Leucadia baixo ducados franceses e italianos. Cando os gregos volveron tomar Constantinopla en 1261, liberraron brevemente algunhas das illas, pero os venecianos aumentaron gradualmente o seu control.
Dominio veneciano
[editar | editar a fonte]
A partir de 1204 a República de Venecia controlou Corfú e aos poucos todas as illas Xónicas, caeron baixo dominio veneciano. No século 15, o Imperio Otomán ocupou a maior parte de Grecia, pero as illas mantíveronse cristiás grazas aos venecianos. Zakynthos pasou definitivamente a Venecia en 1482, Cefalonia e Itaca en 1483, Lefkada en 1502. Kythera foi veneciana desde 1393.
As illas converteronse así na única parte do mundo de fala grega en escapar da dominación otomá, o que lles deu unha unidade e unha importancia na historia grega que doutro xeito non terian. Corfú é a única illa grega, que nunca foi conquistada polos turcos.
Baixo o dominio veneciano, moitas das clases altas falaban italiano (ou Veneciano, nalgúns casos) e convértense ao catolicismo romano, pero a maioría de xente seguiu sendo grega étnica, lingüística e relixiosamente.
No século 18, empezou a xurdir o movemento de independencia nacional grego, e o estatuto das illas Xónicas, fixo de base natural para os intelectuais gregos exiliados, loitadores pola liberdade e simpatizantes estranxeiros.
Época napoleónica
[editar | editar a fonte]
En 1797 Napoleón Bonaparte conquistou Venecia, e polo Tratado de Campo Formio os insulares atopáronse baixo dominio francés, organízanse as illas como Departamentos Mer-Égée, ithaque e Corcyre. En 1798, o ruso Almirante Ushakov expulsou os franceses, e estabeleceu a República das Sete Illas baixo protectorado ruso-otomá, foi a primeira vez que os gregos tiveron autogoberno limitado desde a caída de Constantinopla en 1453. Con todo, en 1807 se cederon de novo aos franceses que as anexionaron directamente ao Imperio Francés.
Goberno británico
[editar | editar a fonte]

En 1809, os británicos derrotaron á frota francesa en Zakynthos (2 de outubro de 1809) capturando Cefalonia, Zante e Citera, e tomaron Lefkada, en 1810. Os franceses mantivéronse en Kerkyra ata 1814. O Tratado de París, en 1815 converteu as illas nos "Estados Unidos das Illas Xónicas" baixo a protección británica (5 de novembro de 1815). En xaneiro de 1817, os británicos concederon ás illas unha nova constitución. Os insulares elixiron unha Asemblea de 40 membros, que aconsellaba o Alto Comisionado Británico. Os británicos melloraron moito as comunicacións das illas, e introduciron a educación moderna e os sistemas de xustiza. Os insulares celebraron a maior parte destas reformas, e adoptaron o té da tarde, o crícket e outros pasatempos británicos.
Unha vez establecida a independencia grega logo de 1830, os insulares empezaron a rexeitar a dominación estranxeira e premeron a Enosis -unión con Grecia. O estadista británico William Gladstone percorreu as illas e recomendou que se cedesen a Grecia. O goberno británico resistiuse, xa que como os venecianos descubriron que as illas eran útiles bases navais. Tamén consideraban que o rei de Grecia de orixe alemá, Otto, era pouco amigable con Gran Bretaña. Pero en 1862, Otto foi deposto e coroouse un rei pro británico, Xurxo I de Grecia.
Goberno grego
[editar | editar a fonte]En 1862 Gran Bretaña decidiu transferir as illas a Grecia, como un xesto de apoio destinado a reforzar a popularidade do novo rei. O 2 de maio de 1864, os británicos fóronse e as illas convertéronse en tres provincias do Reino de Grecia, aínda que Gran Bretaña conservou o uso do porto de Corfú.
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]En 1941, cando as forzas do Eixo ocuparon Grecia, as Illas Xónicas (agás Kythera) foron entregadas aos italianos, que nos seus tres anos de goberno tratou de italianizar a poboación de Corfu. En 1943, os alemáns substitúen aos italianos. En 1944 a maioría das illas estaban baixo o control da EAM / ELAS movemento de resistencia, e seguiron sendo un bastión da esquerda desde entón.
O terremoto de 1953
[editar | editar a fonte]As illas foron afectadas por un terremoto de gran magnitude, magnitude 7´1, o 12 de agosto de 1953. Os danos nos edificios foron grandes e o sur das illas de Cefalonia e Zante foi practicamente arrasado. As illas foron reconstruídas desde cero ao longo dos anos seguintes, baixo un estrito código de construción. O código demostrou ser sumamente eficaz, desde entón moitos terremotos non causaron ningún dano aos novos edificios.
Economía
[editar | editar a fonte]No 2005 o principal factor da economía nas Illas Xónicas é o turismo, séguenlle en importancia a industria naval, a pesca, e a produción de aceite de oliva e viños.
Demografía
[editar | editar a fonte]A maior parte da poboación é de etnia grega, aínda que se radicaron moitas persoas procedentes doutras zonas de Europa (albaneses, rusos, croatas, italianos, ingleses, alemáns etc). O número de habitantes cara ao 2001 roldaba as 200.000 persoas, das que a maioría vive en Corfú.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Illas Xónicas ![]() |