Friedrich Dürrenmatt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Friedrich Dürrenmatt na cerimonia de engrega do premio de ensaio Ernst-Robert-Curtius de 1989 en Bonn

Friedrich Reinhold Dürrenmatt, nado o 5 de xaneiro de 1921 en Konolfingen; e finado o 14 de decembro de 1990 en Neuenburg, foi un escritor, dramaturgo e pintor suízo.

Das Versprechen, exemplar da primeira edición (1958)

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Friedrich Dürrenmatt era fillo de Reinhold (1881-1965) e Hulda Dürrenmatt (1886-1975), Seu pai era un pastor reformado e seu avó Ulrich Dürrenmatt foi un político, xornalista e poeta. En outubro de 1935 a familia trasladouse a Berna, ao ser seu pai o novo sacerdote da casa diaconal[1]. En 1941 rematou os estudos secundarios e logrou a matura [2][3]. Durante uns meses do ano 1941 militou no grupo nazi Eidgenössische Sammlung[4].

Xa en Konolfingen, empezou a pintar e debuxar, unha inclinación que mantería toda a súa vida. Ilustrou máis tarde, moitas das súas propias obras. As súas pinturas expuxéronse en Neuenburg en 1976 e 1985 e en 197, en Zürich. De feito pretendeu estudar pintura pero en 1941 matriculouse en filosofía, ciencias naturais e estudos alemás na Universidade de Berna, realizando o curso 1942/43 na Universidade de Zürich. En Berna viviu entre 1942 e 1946 no faiado da casa dos pais, pintando as paredes con murais, o cuarto descubriuse nos anos noventa restaurándose en 1994 [5]

O 11 de outubro de 1946 casou coa actriz Lotti Geissler; mudáronse primeiro a Basilea, e a partir de 1948 viviron en Schernelz, no lago Biel. Alí escribiu a novela policial Der Richter und sein Henker publicada en 1950 e as súas paisaxes están presentes nas súas páxinas así as localidades veciñas como Lamboing.

Max Frisch e Friedrich Dürrenmatt no Kronenhalle de Zürich (1961)

Max Frisch fíxose co manuscrito da primeira peza teatral de Dürrenmatt grazas ao editor Kurt Reiss e decidiu poñela en escena, a estrea de Es steht geschrieben foi no Schauspielhaus Zürich en abril de 1947, era unha comedia grotesca sobre a rebelión de Münsterer a obra causou un escándalo, xa que o autor escribiu a obra como un remedo da actuación de Suíza na guerra, espectadora da traxedia á vez que se enriquecía oufanándose da súa actuación [6] O ano seguinte foi a estrea da súa segunda obra, xa en Basilea, o drama Der Blinde. A terceira peza foi a comedia Romulus der Große.

Os primeiros anos como un escritor estiveron cheos de dificultades económicas para o autor e a súa familia pero a súa situación financeira mellorou gradualmente, especialmente grazas ás súas pezas de teatro radiofónico. En 1950 publicou en Arche Verlag a novela policial Der Richter und sein Henker e ao ano seguinte Der Verdacht, as dúas eran continuación de historias que apareceran no Schweizerischen Beobachter. En 1952 estableceuse coa súa familia en Neuenburg.

A comedia Die Ehe des Herrn Mississippi, tivo a súa escrea en Múnic en 1952 e foi o seu primeiro grande éxito. A fama internacional chegoulle en 1956 coa traxicomedia Der Besuch der alten Dame. A comedia musical Frank der Fünfte (1959) foi un fracaso pero en 1962 tivo o seu segundo éxito internacional co drama satírico Die Physiker. En 1963 realizou a estrea dunha peza teatral baseada nunha peza de teatro radiofónico de 1954, Herkules und der Stall des Augias. Der Meteor (1966) foi a súa peza máis persoal, e o terceiro éxito internacional. Escribiu outras moitas pezas, como O colaborador[7] (1972)

Escribiu o guión para o filme de Heinz-Rühmann Es geschah am hellichten Tag (1958), e tamén escribiu a novela policial Das Versprechen (1958) como posible fin do filme.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Na tradición protestante reformada suíza as casas diaconais son entidades que actúan como unha obra social Dictionnaire suisse de politique sociale
  2. A matura é un certificado que permite o acceso ao ensino universitario
  3. Peter Rüedi (2011) Dürrenmatt oder Die Ahnung vom Ganzen. Diogenes, Zürich, p. 117
  4. "Auch du, Friedrich? Dürrenmatts braune Jugendsünden" Jüdische Allgemeine, 12 de xullo de 2007
  5. Peter Edwin Erismann und Ulrich Weber (Red.): Die Mansarde. Die Wandbilder aus der Berner Laubeggstraße (24 Abbildungen mit Texten von Friedrich Dürrenmatt und einem Essay von Ludmila Vachtova, hrsg. vom Schweizerischen Literaturarchiv), Zürich 1996, ISBN 325702052X
  6. Eduardo Haro Tecglen "Muere Dürrenmatt, escritor del pesimismo", El País, 15 de decembro de 1990
  7. Versión galega producida polo CDG en 2002