Folivora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folívoros
Folivora
Preguiceiros

Rango fósil: oligoceno temperán - actualidade

Choloepus didactylus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Placentalia (= Eutheria)
Superorde: Xenarthra
Orde: Pilosa
Suborde: Folivora
Delsuc et al., 2001.
Familias

A dos folívoros (Folivora) é unha suborde de mamíferos placentarios, unha das dúas en que se divide a orde dos pilosos,[1] comunmente coñecidos na bibliografía internacional como preguiceiros ou preguizas.[2][3]

Son animais neotropicais de variado tamaño (de 0,5 m a 1,7 m) endémicos das selvas húmidas de Centro e Suramérica, que se moven pendurados polas súas catro patas das pólas das árbores, e que no solo de desprazan con gran dificultade, aínda que nadan moi ben.[4]

As especies actuais poden clasificarse en dous xéneros: os preguiceiros de tres dedos (Bradypus, da familia dos Bradypodidae) e os preguiceiros de dous dedos (Choloepus, da familia dos Megalonychidae), pero coñécense máis de 50 xéneros extintos.

O parecido dos preguiceiros cos primates arborícolas é só aparente, xa que non gardan ningunha relación próxima con estes, o cal é un bo exemplo de evolución converxente.

En realidade, están emparentados cos osos formigueiros e, máis lonxanamente, cos armadillos, aínda que non teñen armadura.[4]

Características[editar | editar a fonte]

En marcado contraste cos osos formigueiros, os preguiceiros teñen a cabeza arredondada e a cola curta.

O pescozo ten seis vértebras cervicais nas especies do xénero Choloepus e nove ou dez nas de Bradypus.[4]

Os dentes anteriores están ausentes, e os posteriores son fileiras de protuberancias cilíndricas todas elas aproximadamente iguais e desprovistas de cuberta de esmalte, pero que adquiriron unha superficie trituradora e son de crecemento continuo.

As patas anteriores son máis longas que as posteriores e están provistas de uñas ganchudas para colgarse das ramas. Na cintura escapular, a clavícula articúlase co coracoide, carácter único entre os mamíferos.[5]

Os seus dedos están unidos por tecido conxuntivo e pel, e unicamente sobresaen as fortes garras.[4]

Con frecuencia sobre o seu pelo crecen cianobacterias (Cyanoderma) e algas clorofíceas (Trichophilus), o que lles outorga unha coloración verdosa que contribúe, xunto aos seus lentos movementos, a pasar desapercibidos fronte aos depredadores.[5]

Bradypus tridactylus.
Choloepus hoffmanni.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Os preguceiros cualifícanse como folívoros, xa que o groso da súa dieta consiste principalmente en gomos, brotes tenros e follas, principalmente de árbores do xénero Cecropia.[4] Porén, documentouse que algúns comen tamén insectos, pequenos réptiles e aves como suplemento á súa dieta.

Os preguiceiros están completamente adaptados á vida arborícola, desprazándose moi lentamente entre as ramas. Camiñan con moita dificultade sobre o solo. As follas, a súa principal fonte de alimento, subministran moi pouca enerxía e nutrientes, e non as dixiren facilmente. Por esta razón, teñen estómagos de acción lenta, moi grandes e especializados, con múltiples compartimentos nos que habitan bacterias simbióticas que descompoñen as follas duras. A súa dixestión pode durar un mes o máis.

Depredadores[editar | editar a fonte]

Algúns dos seus principais depredadores son o home, as serpes constritoras, en ocasións aves de presa, como a aguia harpía (Harpia harpyja), e o xaguar. Posúen garras moi afiadas que non só lles serven para pendurarse das ramas e apañar o seu sustento, senón tamén como unha efectiva arma de defensa que pode ser extremadamente perigosa para os seus atacantes. Cando deben cruzar un río onde a vexetación non forme pontes aéreas poden nadar con rapidez.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A suborde dos Folivora foi descrita en 2001 polos biólogos Frédéric Delsuc, François M. Ctzeflis, Michael J. Stanhope e Emmanuel J. P. Douzery.[6]

Anteriormente, en 1997, McKenna e Bell usaron o nome de Phyllophaga Owen, 1842 para esta suborde.[1]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome científico Folivora está formado pola unión dos elementos do latín científico foli-, da raíz do xenitivo do termo latino folium, -ii, "folla", e -vŏra, plural de -vŏrus, tirado do verbo vorō, ‎vorare, "devorar", "engulir", co sufixo -us, formador de adxectivos. Literalmente: "os comedores de follas".

Clasificación[editar | editar a fonte]

Nota: só se inclúen os xéneros e especies actuais.

Preguiceiros xigantes[editar | editar a fonte]

Entre o oligoceno e o plistoceno existiron varias familias de preguiceiros terrestres xigantes; eran animais cuadrúpedes coas patas anteriores máis curtas que as posteriores, e provistas de garras. É probábel que fosen practicamente bípedes, agarrando as ramas das árbores e arrincándoas co seu peso. Describíronse cerca de 50 xéneros de preguiceiros terrestres, mostra de que tiveron un grande éxito ecolóxico nos bosques suramericanos.[5]

Megatherium era maior que un elefante; Neomylodon persistiu case até a actualidade; outros xéneros foron Glossotherium, Megalonyx, Mylodon, Paramylodon e Eremotherium. Habitaron en América do Sur e en parte de América do Norte.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Folivora en MSW.
  2. Castelán: perezosos; Portugués: preguiças; Catalán: peresosos; Francés: paresseux; Inglés: sloths; Alemán: Faultiere.
  3. perezoso. Galician translation: preguiceiro en proz.com
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Kowalski Kazimierz (1981), pp. 340-341.
  5. 5,0 5,1 5,2 Young, J. Z. (1977).
  6. Frédéric Delsuc, François M. Ctzeflis, Michael J. Stanhope & Emmanuel J. P. Douzery (2001): "The evolution of armadillos, anteaters and sloths depicted by nuclear and mitochondrial phylogenies: implications for the status of the enigmatic fossil Eurotamandua" Proceedings of the Royal Society of London B 268 (1476).
  7. Bradypodidae en MSW
  8. Megalonychidae en MSW.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]