Arborícola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estroza (Hyla molleri), unha pequena ra arborícola presente en Galicia.
Representación de Suminia getmanovi.

Arborícola, dos elementos latinos arbori-, de arbor, -ǒris, "árbore", e -cŏla, da raíz de cŏlere, "vivir" (tamén "cultivar") é un adxectivo utilizado en bioloxía para cualificar a un animal que vive nas árbores.[1]

Ás veces emprégase como sinónimo, algo inapropiadamente, o adxectivo arbóreo, que non deixa de ser un 'sinónimo parcial', pero que se utiliza moito na bibliografía internacional.[2]

Todos os bosques contaron sempre con animais vivindo neles. Estes animais teñen adaptacións que lles permiten vivir e desprazarse nas árbores.[3]

O tetrápodo máis antigo que se coñece con adaptacións especializadas para rubir ás árbores foi Suminia, un sinápsido do Permiano superior, hai aproximadamente 260 millóns de anos.[4]

Características dos animais arborícolas[editar | editar a fonte]

Os xibóns son os mamíferos arborícolas de maior tamaño.
Osga (Tarentola mauritanica).

Os animais que viven nun biótopo arborícola presentan xeralmente varias características específicas, que dependen do grupo animal ao que pertencen.

Mamíferos (principalmente os primates)[editar | editar a fonte]

  • membros anteriores longos, e flexibilidade da articulación da cintura escapular,
  • membros posteriores máis curtos, e flexibilidade da articulación da cintura pelviana,
  • polgares opoñíbeis en mans e pés,
  • ángulo importante entre o dedo opoñíbel e as outras falanxes, de grande importancia para a prensión,
  • falanxes longas.

Ademais, as especies arborícolas teñen comportamentos especializados para moverse nos seus hábitats, principalmente en canto á postura e a marcha.

Especificamente, os mamíferos arborícolas dan pasos máis longos, estenden as súas extremidades máis, os pasos cara a atrás son máis curtos, adoptan unha postura máis 'agachada' para baixar o centro da súa masa corporal e utilizan pasos en secuencias diagonais.

Braquiación[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Braquiación.

A braquiación é unha forma especializada de locomoción arbórea, utilizada polos primates que se moven moi rapidamente mentres que colgan baixo as ramas. Podería dicirse que este tipo de locomoción implica bambearse cos brazos dunha agarradoira a outra. Só unhas poucas especies de primates son braquiadoras; é un importante medio de locomoción para os monos araña e os xibóns e, ás veces, tamén é utilizado polas femias dos orangutáns. Os xibóns son os maiores expertos deste modo de locomoción, bambeando de rama en rama en distancias de até 15 m e viaxando a velocidades de até 56 km/h.

Réptiles e anfibios[editar | editar a fonte]

  • presenza de garras en numerosas especies,
  • presenza de sedas nos dedos ou na cola,
Caracois gabeando por unha árbore.
  • cola parcialmente prénsil,
  • frecuente presenza dun mimetismo que permite unha camuflaxe eficaz.
  • a adhesión ou adherencia é unha alternativa ás garras, que funciona mellor en superficies lisas, e que é empregada por moitos réptiles e anfibios,
    • a chamada adhesión seca está moi ben representada polos dedos especializados das osgas e os Gekkoninae, que utilizan as forzas de van der Waals para adherirse a substratos moi lisos, como paredes e incluso de vidro,
    • a adherencia húmida é común en ras e salamántigas arborícolas e funciona mediante succión ou adherencia capilar.

Invertebrados[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. arborícola Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  2. arbóreo Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  3. Cartmill, M. (1985): "Climbing", en Hildebrand, D. et al, eds. Functional vertebrate morphology. Harward: Belknap Press, pp. 73–88.
  4. Jörg Fröbisch & Robert R. Reisz (2009): "The Late Permian herbivore Suminia and the early evolution of arboreality in terrestrial vertebrate ecosystems". Proceedings of the Royal Society B. Resumo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]