Fisioterapia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fisioterapeuta»)
Símbolo da fisioterapia e dos fisioterapeutas.

A fisioterapia é unha disciplina das ciencias da saúde que ofrece unha alternativa terapéutica non farmacolóxica para diagnosticar, previr e tratar síntomas de múltiplas doencias, tanto agudas como crónicas, por medio do exercicio terapéutico mediante a calor, o frío, a luz, a auga, a electricidade, o movemento e técnicas manuais.[1]

O 6 de setembro de 1951 fundouse a organización World Physiotherapy, e en 1996 proclamouse esa data como o Día Mundial da Fisioterapia. O obxectivo para o ano 2022 foi destacar o problema da artrose e o papel dos fisioterapeutas na prevención e terapéutica da enfermidade [2].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo fisioterapia é a adaptación ao galego do latín científico physiotherapia, voz derivada dos vocábulos do grego antigo φύσις phýsis, "natureza", e θεραπεία therapéia, "tratamento".[3]

Fisioterapeuta[editar | editar a fonte]

O fisioterapeuta é un profesional sanitario con formación universitaria e estudos terapéuticos.[4] As súas competencias están recollidas na Lei de Ordenación de Profesións Sanitarias. Deben ter o título de Grao en Fisioterapia (obtido despois de superar catro anos de estudo).

Definicións da OMS e da WCPT[editar | editar a fonte]

A Organización Mundial da Saúde (OMS) definiu en 1958 a fisioterapia como: "a ciencia do tratamento a través de medios físicos, exercicio terapéutico, masoterapia e electroterapia.

Ademais, a fisioterapia inclúe a execución de probas eléctricas e manuais para determinar o valor da afectación e forza muscular, probas para determinar as capacidades funcionais, a amplitude do movemento articular e medidas da capacidade vital, así como axudas diagnósticas para o control da evolución.

Pola súa parte, a Confederación Mundial para a Fisioterapia (WCPT), en 1967, definiu a fisioterapia desde dous puntos de vista:

  • Desde o aspecto relacional ou externo, como "un dos piares básicos da terapéutica dos que dispón a medicina para curar, previr e readaptar aos pacientes; estes piares están constituídos pola farmacoloxía, a cirurxía, a psicoterapia e a fisioterapia”.
  • Desde o aspecto substancial ou interno, como "a arte e ciencia do tratamento físico", é dicir, o conxunto de técnicas que mediante a aplicación de axentes físicos curan, preveñen, recuperan e readaptan aos pacientes susceptíbeis de recibir tratamento físico.

Catacterísticas da fisioterapia[editar | editar a fonte]

Segundo a Confederación Mundial para a Fisioterapia, esta ten como obxectivo facilitar o desenvolvemento, mantemento e recuperación da máxima funcionalidade e mobilidade do individuo ou grupo de persoas a través da súa vida.[5]

Caracterízase por buscar o desenvolvemento adecuado das funcións que producen os sistemas do corpo, onde o seu bo ou mal funcionamento repercute na cinética ou movemento corporal humano.

Intervén, mediante o emprego de técnicas cientificamente demostradas, cando o ser humano perdeu ou se encontra en risco de perder, ou alterar de forma temporal ou permanente, o adecuado movemento, e con iso as funcións físicas. Sen esquecer o papel fundamental que ten a fisioterapia no ámbito da prevención para o óptimo estado xeral de saúde.

En conclusión, a fisioterapia non se pode limitar a un conxunto de procedementos ou técnicas. Debe ser un coñecemento profundo do ser humano. Para iso é fundamental tratar ás persoas na súa globalidade bio-psico-social pola estreita interrelación entre estes tres ámbitos diferentes.

Marco profesional[editar | editar a fonte]

Fisioterapeuta tratando manualmente un paciente.

O fisioterapeuta é un profesional que debe estar capacitado e autorizado para avaliar, examinar, diagnosticar e tratar as deficiencias, limitacións funcionais e discapacidades dos seus pacientes e clientes. A Confederación Mundial para a Fisioterapia (WCPT) recomenda fisioterapeutas que seguiran programas educativos baseados en estudos universitarios ou de nivel universitario, cun mínimo de catro anos, validados e acreditados. A formación profesional prepara aos fisioterapeutas para seren profesionais autónomos capacitados para traballar en colaboración con outros membros do equipo de saúde.

O plan de estudos do fisioterapeuta inclúe os coñecementos e experiencias de aprendizaze nas ciencias clínicas (por exemplo, o contido sobre os sistemas cardiovascular, endócrino, pulmonar, metabólico, gastrointestinal, xenitourinario, musculoesquelético e neuromuscular, e das condicións médicas e cirúrxicas vistas con máis frecuencia polo fisioterapeuta).

Os plans de estudos para o Grao de Fisioterapia ademais inclúen:

  • Investigación para determinar se os pacientes ou clientes requiren un maior exame ou derivación a outro profesional da saúde.
  • Valoración dos pacientes ou clientes mediante a obtención dunha historia clínica e outras fontes.
  • Avaliación dos datos da exploración clínica (a historia, a revisión dos sistemas e as probas e medidas) para tomar decisións clínicas.
  • Determinar un diagnóstico que guiará o futuro do paciente.
  • Colaborar cos pacientes ou clientes, membros da súa familia, outros profesionais e outras persoas, para determinar un plan de atención que sexa aceptábel, realista, culturalmente competente e centrado no paciente.
  • Proporcionar as intervencións de terapia física necesarias para lograr as distintas metas e resultados.
  • Promover a prevención, promoción da saúde e benestar de todos os individuos.

A fisioterapia é unha profesión libre, independente e autónoma.

Campo laboral[editar | editar a fonte]

Os fisioterapeutas traballan en hospitais e clínicas, e en colexios de educación especial, residencias de anciáns, ambulatorios e centros de investigación, tanto en atención primaria como especializada, cunha gran capacidade e independencia profesional, ao mesmo tempo que constitúen un elemento esencial nos equipos multidisciplinares en saúde. Así mesmo, en gabinetes de exercicio libre, centros sanitarios, mutuas de accidentes de traballo ou de tráfico, clubs deportivos, centros de día, centros xeriátricos, balnearios e spas, asociacións de enfermos, atención domiciliaria, ximnasios e centros deportivos.

Tamén se encontran fisioterapeutas docentes en universidades o en centros de formación continuada.

O mercado mostrou un rápido crecemento nos últimos anos, pero as taxas de emprego e os salarios medios poden variar significativamente entre os diferentes países, estados, provincias ou rexións.

En Galicia[editar | editar a fonte]

Na Comunidade Autónoma de Galicia hai dúas universidades que ofertan dito grao:

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]