Eloy Maquieira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Eloy Maquieira
Nacemento1901
 Pontevedra
Falecemento19 de abril de 1944
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade Politécnica de Madrid
Ocupaciónarquitecto
editar datos en Wikidata ]

Eloy Maquieira Fernández, nado en Pontevedra en 1901 e finado o 19 de abril de 1944, foi un arquitecto galego, que desenvolveu a súa obra principalmente en Lugo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi o terceiro dos cinco fillos do farmacéutico Sebastián Maquieira e da comercial Joaquina Fernández Cabanillas. Logo de estudar Bacharelato matriculouse na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. Alí recibiu a influencia das novas tendencias da arquitectura moderna, estendidas por Europa despois da Primeira Guerra Mundial. Daquela estaba en voga o movemento Bauhaus, fundado en 1919 por Walter Gropius en Alemaña, que buscaba a combinación entre a arquitectura da arte e a técnica para conseguir un atractivo e moderno deseño, funcional e estético. Le Corbusier visitou Madrid para dar unha conferencia na Residencia de Estudiantes sobre a Nova Arquitectura. En 1929 Eloy Maquieira visitou o Pavillón Alemán que Mies van der Rohe deseñara para a Exposición Internacional de Barcelona de 1929.

En 1923 Eloy Maquieira chegou a Lugo, e en 1927 gañou a praza de arquitecto municipal. Naquel momento a cidade tiña uns 30.000 habitantes, que dependían fundamentalmente da agricultura e o comercio. A cidade mantíñase agrupada en torno á muralla romana, que contiña o centro histórico cunha mestura de construcións tradicionais e certo desenvolvemento urbano do século XIX pouco notable. Eloy Maquieira comezou a súa carreira construíndo casas para a burguesía, tanto na cidade como no campo, pero o seu cometido oficial era deseñar e supervisar a construción de novos edificios públicos. O seu estilo combinaba fachadas lisas con esquinas curvadas, cun resultado harmónico e funcional, empregando todas as tecnoloxías innovadoras.

En 1935 casou con Carmen Quiroga, coa que tivo cinco fillos, dos que sobreviviron tres: Ana María, Luís e Carmen. En 1941 mercou unha vella granxa en Conturiz (na parroquia de Santo André de Castro), cunha leira dunhas tres hectáreas, rodeada dun alto muro de pedra. reformou a granxa tradicional galega, onde os animais ocupaban a corte na planta baixa e a xente vivía enriba, nunha elegante casa de campo con amplos salóns na planta baixa, seis grandes dormitorios con catro cuartos de baño, máis a zona do servizo. Reuniu todo arredor dun luminoso hall central, coa escaleira principal e a balaustrada de castiñeiro rodeando o corredor do primeiro piso. O teito era acristalado, dando gran claridade ao interior. Separados por un patio estaban os edificios dedicados ás cortes, celeiros e a vivenda dos traballadores. No xardín había un magnolio, nogueiras e eucaliptos. Un paseo bordeado por flores conducía cara a prados rodeados de froiteiras, e baixo un arco de castiñeiros centenarios chegábase á estrada.

Finou por mor dunha septicemia. Debido á Segunda Guerra Mundial non puido conseguir os antibióticos que lle poderían salvar a vida. Malia que o médico Francisco Sánchez Cantón conseguiu algún frasco a través dalgunha embaixada, non foi dabondo.

Obra[editar | editar a fonte]

Instituto de Ensinanza Juan Montes (1936). Ten forma triangular e esquinas curvadas, dando luminosidade ao interior e amplitude ás áreas comúns.

O novo Mercado Municipal de Lugo (1939) é moi funcional, con limpas e modernas liñas que combinan perfectamente co contorno antigo e proporciona un interior amplo e luminoso.

Edificios comerciais e vivenda na praza Maior. Estas estruturas na praza principal foron no seu momento obxecto de controversia debido á moderna aparencia e altura, con dous andares máis cós antigos edificios que substituíron.

O Sanatorio de Pimentel, na ronda da muralla, foi o mellor exemplo do Estilo Racionalista. Na década de 1980 houbo protestas por mor da súa demolición, ao ser considerado parte importante do patrimonio lucense.

Ademais, deseñou un proxecto residencial de corenta casas acaroadas con xardíns, coñecidos como Casas Baratas, e o parque dedicado a Rosalía de Castro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]



Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.