Economía do Xapón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Economía de Xapón
Moeda Ien
Organizacións comerciais de que fai parte OMC, OCDE, APEC e outras
Datos estatísticos[1]
PIB 4 338 mil millóns (2010)
Posición do PIB 4ª no mundo[2]
Crecemento do PIB 3% (2010)
PIB per cápita $ 34.200 (2010)
PIB por sector agricultura 1,5%, industria 22,8%, comercio e servizos 75,7% (2010)
Inflación
Poboación abaixo da limiar de pobreza dato non dispoñíbel
Total da forza de traballo 65,64 millóns (2010)
Forza de traballo por sector agricultura 4%, industria 28%, comercio e servizos 68% (2008)
Desemprego 5,2% (2010)
Industrias é un dos principais e máis avanzados produtores de automóbiles, equipamentos electrónicos, máquinas-ferramenta, aceiro e metais non ferrosos, barcos, produtos químicos, textis, alimentos procesados
Parcerías comerciais[1]
Exportacións 735,8 mil millóns (2010)
Produtos de exportación equipamentos de transporte, veículos motorizados, semiconductores, materiais eléctricos, produtos químicos
Principais mercados República Popular de China 18,88%, Estados Unidos 16,42%, Corea do Sur 8,13%, Taiwan 6,27%, Hong Kong 5,49% (2009)
Importacións 636,8 mil millóns (2010)
Principais produtos importados máquinas e equipamentos, combustibles, alimentos, produtos químicos, textis, materias primas
Finanzas públicas[1]
Débeda externa 2 246 mil millóns (2010)
Ingresos dato non dispoñible
Gastos dato non dispoñible

A economía do Xapón é a cuarta máis grande do mundo, tras Estados Unidos, Unión Europea e a República Popular China. Os sectores estratéxicos da economía son os de produtos manufacturados e tecnoloxía, sobre todo os vehículos, artigos electrónicos e industria do aceiro. O país é moi eficiente nos sectores voltados á exportación, especialmente os de alta tecnoloxía, pero a productividade é reducida en áreas protexidas, como a agricultura[3], que recibe moitos subsidios do estado. O sector das finanzas está desenvolvéndose moito na actualidade debido en gran parte á súa moeda, o ien que é a terceira máis negociada tralo dólar estadounidense e o euro.

Historia[editar | editar a fonte]

O crecemento da economía moderna do Xapón comezou no período Edo, e algúns elementos sobrevivintes desta época son as rutas de transporte por terra e mar, así como instrumentos financeiros como os contratos de futuros, banca e seguros dos negociantes de arroz de Osaca.[4] Durante o período Meiji, dende o ano 1868, Xapón expandíuse economicamente coa adopción da economía de mercado.[5] Moitas das empresas actuais fundáronse nesa época, e Xapón pasou a ser unha das nacións máis desenvolvidas de Asia.[6] O período de crecemento económico xeral que tivo lugar dende os anos 1960 ata os anos 1980 foi denominado o "Milagre xaponés", cunha media de crecemento económico dun 7,5% nos anos 1960 e 1970, e dun 3,2% nos anos 1980 e comezos dos anos 1990.[7]

Este crecemento freouse nos anos 1990 durante a denominada "Década perdida" por mor dos efectos da burbulla financeira e inmobiliaria no Xapón e as políticas gobernamentais dirixidas a reducir os excesos especulativos dos mercados inmobiliarios e de valores. Os esforzos para revivir o crecemento económico non tiveron éxito e víronse prexudicados aínda máis polo efecto da burbulla de internet do 2000.[8] A economía do país comezou a recuperarse a partir do ano 2005, cun crecemento do PIB dun 2,8%, por riba dos índices de crecemento dos Estados Unidos e da Unión Europea durante o mesmo período.[9]

Sectores e forza de traballo[editar | editar a fonte]

A agricultura xaponesa abrangue o 13% do seu territorio e o país é o segundo con maior volume de capturas de peixe cun 15% do total global, só por detrás da China,[8] mentres que no conxunto da economía global do país, o sector de servizos representa uns tres cuartos do PIB total do país.[10] A data de 2010, a forza de traballo do país nipón era duns 65,9 millóns de traballadores.[11] Malia que Xapón ten unha taxa de desemprego baixa, dun 3,2%,[12] ó redor duns 20 millóns de persoas, un 17% da poboación, atopábase baixo a liña de pobreza no ano 2007.[13] A vivenda no país nipón é limitada por mor da pouca dispoñibilidade de terreo nas áreas urbanas.[14]

Comparación con outros países[editar | editar a fonte]

No 2015 Xapón era a terceira maior potencia económica do mundo en termos de PIB nominal, só por detrás de Estados Unidos e China,[15] e a cuarta potencia económica mundial en termos de PPA, tralos Estados Unidos, China e India.[16] A data de 2014, a débeda pública do Xapón estaba estimada en máis do 200% do seu PIB anual, sendo a maior débeda pública de tódolos paísses do mundo.[17] En agosto de 2011, a axencia de cualificación Moody's rebaixou a clasificación da débeda pública do Xapón dende o "Aa3" ata o "Aa2" por mor do nivel de déficit e débeda do país dende a recesión global de 2009, agravados tamén polos efectos do terremoto e tsunami de Sendai de 2011.[18]

Xapón estaba no posto número 34 da lista do Ease of doing business index de 2015.[19] O sistema capitalista xaponés presenta características con variacións distintivas: as empresas "keiretsu" teñen unha gran influencia, e o emprego de por vida xunto ós ascensos baseados na experiencia laboral son relativamente comúns no mundo laboral xaponés.[20][21] As compañías xaponesas son coñecidas por empregar métodos de xestión como a "The Toyota Way", e o activismo do accionariado é escaso.[22] Posúe unha gran capacidade industrial, sendo fogar dalgunhas das maiores e máis tecnolóxicamente avanzadas produtoras de vehículos a motor, electrónica, ferramentas, aceiro e outros metais non ferrosos, barcos, substancias químicas, textis e alimentos procesados.[23][24] Algunhas das maiores empresas do Xapón son, entre outras, Toyota, Nintendo, NTT DoCoMo, Canon, Honda, Takeda Pharmaceutical, Sony, Panasonic, Toshiba, Sharp, Nippon Steel, Nippon Oil e Seven & I Holdings Co..[25] Xapón ten algúns dos maiores bancos do mundo, e a Bolsa de Toquio, coñecida polos índices Nikkei 225 e TOPIX, é a segunda maior do mundo en canto a capitalización de mercado.[26] No 2006 326 empresas da lista Forbes Global 2000 tiñan a súa orixe no Xapón.[27]

Exportacións e importacións[editar | editar a fonte]

As exportacións do Xapón chegaron ós 4 210 per cápita no ano 2005. A data de 2012 os principais mercados para as exportacións xaponesas eran China (18,1%), os Estados Unidos (17,8%), Corea do Sur (7,7%), Tailandia (5,5%) e Hong Kong (5,1%). Estas exportacións consisten principalmente en equipamento, vehículos de motor, produtos de ferro e aceiro, semicondutores e pezas de automóbiles.[28] Nese mesmo ano as importacións do Xapón tiveron como principais mercados de orixe a China (21,3%), os Estados Unidos (8,8%), Australia (6,4%), Arabia Saudita (6,2%), Emiratos Árabes Unidos (5,0%), Corea do Sur (4,6%) e Qatar (4,0%).[8] Os principais produtos importados son maquinaria e equipamento industrial, combustibles fósiles, alimentos, químicos, téxiles e materia prima para a industria. En termos de participación no mercado, os mercados domésticos do Xapón son os máis pechados de tódolos países pertencentes á OCDE.[20] A comezos do século XXI baixo o goberno de Junichirō Koizumi, o país levou a cabo diversas reformas a prol da competitividade nos mercados, e os investimentos estranxeiros no país experimentaron un aumento notable.[29]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. https://www.cia.gov/library/publications/the-world-factbook/geos/ja.html
  2. https://www.cia.gov/library/publications/the-world-factbook/rankorder/2001rank.html
  3. http://globaledge.msu.edu/countryInsights/statistics.asp?countryID=23&regionID=3
  4. Howe, Christopher (1996). The Origins of Japanese Trade Supremacy. Hurst & Company. p. 58. ISBN 1-85065-538-3. 
  5. Totman 2005, pp. 312–314
  6. McCargo 2000, pp. 18-19
  7. Ryan, Liam (1 de xaneiro de 2000). "The "Asian economic miracle" unmasked: The political economy of the reality". International Journal of Social Economics 27 (7–10): 802–815. doi:10.1108/03068290010335235. 
  8. 8,0 8,1 8,2 "Japan". The World Factbook. CIA. Consultado o 9 de novembro de 2011. 
  9. Masake, Hisane (2 de marzo de 2006). "A farewell to zero". Asia Times. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 
  10. "Manufacturing and Construction". Statistical Handbook of Japan. Statistics Bureau. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 
  11. "Background Note: Japan". US State Department. Consultado o 19 de marzo de 2011. 
  12. "Monthly Results". Statistics Japan. Ministerio do Interior do Xapón. 2016. Consultado o 16 de xuño de 2016. 
  13. Fackler, Martin (21 de abril de 2010). "Japan Tries to Face Up to Growing Poverty Problem". The New York Times. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 
  14. "2008 Housing and Land Survey". Statistics Bureau. Consultado o January 20, 2011. 
  15. "Report for Selected Countries and Subjects". Fondo Monetario Internacional. Consultado o 16 de xuño de 2016. 
  16. "Report for Selected Country Groups and Subjects". Fondo Monetario Internacional. Consultado o 13 de xuño de 2016. 
  17. "World Factbook, Country comparison: Public debt". CIA. Consultado o 8 de xullo de 2015. 
  18. "Moody's cuts Japan's debt rating on deficit concerns". BBC News. 24 de agosto de 2011. 
  19. "Ease of doing business index". The World Bank. Consultado o 16 de xuño de 2016. 
  20. 20,0 20,1 "Economic survey of Japan 2008". OCDE. Arquivado dende o orixinal o 9 de novembro de 2010. Consultado o 25 de agosto de 2010. 
  21. "Japan's Economy: Free at last". The Economist. 20 de xullo de 2006. Consultado o 23 de xaneiro de 2011. 
  22. "Activist shareholders swarm in Japan". The Economist. June 28, 2007. Consultado o January 23, 2011. 
  23. McMillan, Charles J. (1996). "Chapter 5. Technology and the Knowledge economy". The Japanese Industrial System. Walter de Gruyter. pp. 116–120. ISBN 9783110150865. 
  24. Sugden, Roger; Hartung Cheng, Rita; Meadows, G. Richard, eds. (2003). Urban and Regional Prosperity in a Globalised New Economy. Edward Elgar Publishing. pp. 48–49. ISBN 9781781951217. 
  25. "Japan 500 2007". Financial Times. Consultado o 23 de xaneiro de 2011. 
  26. "Market Data". New York Stock Exchange. 31 de xaneiro de 2006. Consultado o 11 de agosto de 2007. 
  27. "The Forbes 2000". Forbes. Consultado o 7 de xaneiro de 2011. 
  28. "Field listings : Exports - COMMODITIES". Central Intelligence Agency. 2014. Consultado o 1 de xullo de 2015. 
  29. "Foreign investment in Japan soars". BBC. 29 de xuño de 2005. Consultado o 16 de xaneiro de 2011.