Brahmana
| Brahmana | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||


Brahmana[1][2] é unha das catro varnas ou clases sociais tradicionais do hinduísmo. Durante o período védico, ocupaba o nivel máis alto deste sistema. Os brahmanas eran tradicionalmente considerados a casta sacerdotal e intelectual, coa función principal de conservar, ensinar e realizar os rituais baseados nos Vedas. Segundo algúns textos védicos, como o Rigveda (Purusha Sukta), os brahmanas terían xurdido da boca do ser cósmico, simbolizando o seu papel como transmisores da palabra sagrada.[3] A súa actividade era maiormente relixiosa e educativa: actuaban como eruditos, intérpretes dos textos sagrados, docentes ou guías espirituais (guru),[4] ou como sacerdotes (purohit, pandit ou pujari). Algunhas tradicións tamén atribúen aos brahmanas funcións como guerreiros ou médicos, especialmente en contextos históricos concretos.
Na antiga India, os que completaban a lectura do Upanishad Brahmanak eran chamados brahmanas ou brahmáns. Tamén son coñecidos como Dwij, [5] pola súa misión de guiar aos demais cara á iluminación.[6]
Sistema de castas
[editar | editar a fonte]O sistema de castas, ou castes[7], clasificaba as persoas segundo os seus postos de traballo. Os brahmanas ocupaban o nivel superior e adoitaban ser sacerdotes, mestres ou eruditos. Parashurama é unha figura lendaria considerada un brahmana que se converteu en guerreiro, e simboliza a orixe de certos subgrupos brahmánicos como os Bhumihar ou os Tyagi, tamén coñecidos como brahmana-kshatriya.
Os brahmanas do período védico
[editar | editar a fonte]Durante o período védico, os brahmanas eran considerados os principais depositarios do saber filosófico e relixioso. Realizaban os sacrificios védicos (yajna), recitaban os himnos e transmitían oralmente os Vedas. O seu prestixio baseábase no dominio das escrituras e das artes asociadas á relixión, como a métrica, a recitación e a música ritual. Con todo, a devoción hindú non sempre dependía deles, xa que existían formas populares de culto alleas ao sistema védico.
Mudanzas sociais
[editar | editar a fonte]Co paso do tempo, moitos brahmanas asumiron ocupacións non relixiosas. Historicamente foron eruditos, médicos, administradores ou mesmo militares. Aínda que o ideal védico reservaba a esta casta un papel espiritual, na práctica exerceron unha ampla variedade de funcións sociais.[8]
Alimentación e costumes
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente, os brahmanas practican o vexetarianismo como parte do seu compromiso coa non violencia (ahimsa), aínda que existen excepcións rexionais, especialmente no leste da India e en comunidades brahmánicas do Himalaia.
Subgrupos
[editar | editar a fonte]Existen numerosos subgrupos de brahmanas, divididos por rexión ou tradición relixiosa. Entre os máis coñecidos están:
- Iyer e Iyengar no Tamil Nadu, adoradores de Shiva e Vishnu, respectivamente.
- Saraswat, Kanyakubja, Bhumihar, Gaur, Maithil, no norte da India.
- Deshastha, Chitpavan no Maharastra e Nambudiri en Kerala.
Algunhas destas comunidades, como os Mohyal, os Tyagi ou os Bhumihar, reclaman unha orixe brahmánica, pero adoitan desenvolver funcións guerreiras ou administrativas. En Kerala, a comunidade Ezhavathy está relacionada cos Mohyal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para brahmana.
- ↑ "brahmana". Diciopedia do século 21 1. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 352.
- ↑ Thapar, Romila (2004). Early India: From the Origins to AD 1300. University of California Press. p. 125. ISBN 9780520242258.
- ↑ "Guru" significa "o que disipa a escuridade" ou o paso "da escuridade á luz"; non indica unha casta nin unha función relixiosa específica como sacerdote. Por exemplo, Gurú Nanak foi chamado así polos seus seguidores en recoñecemento ao seu liderado espiritual, malia non pertencer á casta brahmánica.
- ↑ O termo Dwij (ou "nado dúas veces") refírese á iniciación relixiosa, considerada un segundo nacemento, que marcaba o acceso á aprendizaxe dos textos sagrados.
- ↑ William Smith (1850). Dwij: the conversion of a Brahman [later known as N. Goreh] to the faith of Christ (en English).
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para caste.
- ↑ Ghurye, G. S. (1969). Caste and Race in India. Popular Prakashan. pp. 15–18. ISBN 978-81-7154-205-5.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Brahmana |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Brahma (divindade)
- Música da India
- Sistema de castas da India
- Varnas (hinduísmo)