Davide Calandra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaDavide Calandra

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento21 de outubro de 1856 Editar o valor em Wikidata
Turín Editar o valor em Wikidata
Morte8 de setembro de 1915 Editar o valor em Wikidata (58 anos)
Turín Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino de Italia (1861–1915) Editar o valor em Wikidata
EducaciónAccademia Albertina (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Turín (1880–1915) Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescultor , medallista Editar o valor em Wikidata
Membro de
MovementoSimbolismo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua italiana Editar o valor em Wikidata

Davide Calandra, nado en Turín o 21 de outubro de 1856 e finado na mesma cidade o 8 de setembro de 1915, foi un escultor, ebanista e deseñador de moedas italiano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Davide Calandra naceu nunha familia acomodada de Turín, o 21 de outubro de 1856, fillo de Malvina Ferrero e de Claudio Calandra,[1] un recoñecido avogado e enxeñeiro hidráulico que tamén exercía como arqueólogo e era un destacado coleccionista de armas antigas. O irmán máis vello de Davide, o escritor Edoardo Calandra,[2] é recoñecido pola súa novela La bufera, un exemplo de ficción histórica.[3]

Logo de completar a súa educación secundaria, Davide Calandra completou a súa formación artística na Accademia Albertina, en Turín, onde tivo como profesores os escultores Alfonso Balzico (1825-1901) e a Odoardo Tabacchi (1831-1905).[1][4]

En 1875 alistouse como voluntario no rexemento Savoia Cavalleria do corpo de Cabalaría do exército italiano,[1] onde alcanzou o grao de subtenente. En 1878 trabalou co seu pai e o seu irmán nunha escavación no sitio arqueolóxico lombardo de Testona (Moncalieri).[5]

Carreira artística[editar | editar a fonte]

En 1880, calandra participou na Exposición de Belas Artes de Turín co esbozo en xeso dunha das súas primeiras esculturas, Le veglie di Penelope. Na Exposición Nacional de Turín de 1884 expuxo outras tres obras (Giuda, Tigre reale e Fior di Chiostro) coas que acadou sona como escultor.[1] Unha das súas obras máis salientbles é a estatuíña de bronce titulada 1809, exhibida na Exposición de Milán de 1886.[6]

A partir dos seus primeiros éxitos nas exposicións de belas artes, Calandra comezou a gañar concursos e a recibir numerosas encargas para a elaboración de esculturas públicas, entre elas os monumentos a Garibaldi en Milán (1885) e en Parma (1893), o monumento ao príncipe Amadeu de Aosta en Turín (1902), o monumento a Giuseppe Zanardelli en Brescia (1909) ou o monumento a Bartolomé Mitre en Buenos Aires (1910).[2] En 1908 encargóuselle un relevo en bronce coa Apoteose da Casa de Savoia, destinado á nova sala do Parlamento de Roma, que se terminou en 1912 e se exhibiu ese mesmo ano na Exposición Internacional de Ámsterdam.[1]

Calandra tamén realizou numerosos baixorrelevos e bustos de persoeiros do seu tempo.[6]

En 1914 recibiu a derradeira encarga da súa carreira artística, un monumento de bronce e pedra dedicado ao rei Humberto I en Villa Borghese, Roma. Aínda que a colocación da primeira pedra do monumento tivo lugar ese mesmo ano, a morte de Calandra en 1915 fixo que tivese que ser rematado por Edoardo Rubino, e a súa inauguración non se produciu ata 1926.[1]

Moeda dunha lira italiana de 1917, deseñada por Davide Calandra e gravada por Attilio Silvio Motti.[7]

Á marxe da escultura, Davide Calandra elaborou tamén os deseños das moedas dunha lira, de dúas liras e de cinco lira emitidas pola Casa da Moeda de Roma entre 1908 e 1917, a nome de Vítor Manuel III (1900-1946).[1] É moi salientable o reverso destas moedas, que presenta unha detallada representación alegórica nacional de Italia en pé, cun escudo na man esquerda e unha póla de oliveira na dereita, dirixindo con autoridade unha cuadriga. Nestas moedas aparece a modo de sinatura, a carón do busto do monarca nos anversos e na liña do exergo nos reversos, a inscrición D. CALANDRA M.[8][9]

Calandra ocupou tamén diversos cargos institucionais. Entre eles, en 1893 foi nomeado membro da Xunta Superior de Belas Artes, en 1902 foi elixido concelleiro de Turín,[1] e en 1912 foi nomeado presidente da Sociedade Piamontesa de Arqueoloxía e Belas Artes.

En 1902, xunto cos seus colegas Leonardo Bistolfi, Giorgio Ceragioli, Enrico Reycend e Enrico Thovez, colaborou na fundación da revista L'arte decorativa moderna, dedicada ás artes decorativas.[1]

Davide Calandra faleceu repentinamente na súa casa en Turín, o 8 de setembro de 1915.[1][2][10]

Escolma de obras[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bossaglia, R. (1973). "Calandra, Davide". En Dizionario Biografico degli Italiani. Vol. 16. Istituto dell'Enciclopedia Italiana, Roma.
  • Botta, L. (2010). "I gessi del Calandra". En Il Saviglianese. 16 de decembro. Páxinas 26.
  • Forrer, L. (1924). "Calandra, D.". En Biographical dictionary of medallists. Supl. 1. Spink & Son., Londres. Páxina 145.
  • Gubernatis, A. (1889). "Calandra (David)". En Dizionario degli Artisti Italiani Viventi: pittori, scultori, e Architetti. Successori Le Monnier, Florencia.
  • Ricci, C. (1916). Davide Calandra scultore, MDCCCLVI-MCMXV. Alfieri & Lacroix, Milán.
  • Ricci, C. (1930). "Calandra, Davide". En Enciclopedia Italiana. Istituto dell'Enciclopedia Italiana, Roma.
  • Thovez, E. (1902). "Artisti contemporanei: Davide Calandra". En Emporium. Vol. XV. Nº 89. Páxinas 325-344.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]