David Lee (baloncestista)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «David Lee (baloncesto)»)
David Lee
Posición Ala-pivote / Pivote
Información persoal
Nacemento 29 de abril de 1983 (40 anos)
Estado de Missouri St. Louis, Missouri
Nacionalidade Estados Unidos de América Estados Unidos
Altura 2,06 m (6 ft 9 in)
Peso oficial 111 kg (245 lb)
Información da carreira
Instituto Chaminade (Creve Coeur, Missouri)
Universidade Florida (2001–2005)
NBA Draft 2005 / Rolda: 1 / Elección: 30
Por New York Knicks
Carreira desde 2005
Historial de equipos
New York Knicks (2005-2010)
Golden State Warriors (2010-2015)
Boston Celtics (2015-2016)
Dallas Mavericks (2016)
San Antonio Spurs (2016-2017)
Premios e galardóns
Campión NBA (2015)
NBA All-Star (2010, 2013)
Terceiro equipo All-NBA (2013)

David Lee, nado o 29 de abril de 1983 en St. Louis, Missouri, é un ex xogador profesional de baloncesto estadounidense. Cunha altura de 2,06 m e 111 kg de peso, Lee podía xogar nas posicións de ala-pivote e pivote. Dúas veces All-Star e campión en 2015 cos Golden State Warriors, foi elixido no último posto da primeira rolda do Draft da NBA de 2005 polos New York Knicks.

Carreira[editar | editar a fonte]

Instituto e universidade[editar | editar a fonte]

Lee xogou no instituto "Chaminade College Preparatory School". Por aquel entón era unicamente zurdo, mais converteuse en ambidestro xa que rompeu o brazo. Antes de pasar á Universidade de Florida, Lee foi McDonald's All American e gañou o concurso de mates da edición de 2001. David Lee pasou o ciclo universitario de catro anos en Florida cos Gators. Alí destapouse como un correúdo ala-pivote, fisicamente moi duro e batallador baixo aros. No seu ano freshman asinou 7 puntos e 4,7 rebotes par partido, aumentado até os 11,2 e 6,8 como sophomore. Porén, as súas mellores tempadas estarían por chegar, mellorou na 2004-05 onde se foi até os 13,3 puntos e 6,8 rebotes. No seu último ano en Florida despediuse con 13,6 puntos e 9 rebotes. Acabou no Top 15 en anotación histórica en Florida, oitavo en dobres-dobres totais (22), quinto en porcentaxe en tiros de campo (58,1), sexto en tapóns (109) e terceiro en mates (157).

NBA[editar | editar a fonte]

Lee foi elixido polos New York Knicks no último lugar da primeira rolda do Draft da NBA draft de 2005. Aquela foi a terceira elección en primeira rolda dos neoiorquinos tras Channing Frye e Nate Robinson. A súa elección espertou tantas dúbidas nos afeccionados dos Knicks que asubiaron cando se produciu a elección e mentres se encamiñaba até David Stern. Lee asinou coa franquía o 1 de xullo de 2005. Na liga de verán de Las Vegas e Minneapolis fixo unha media de 11,5 puntos (56,7% en tiros) e 5,6 rebotes no que supuxo o seu primeiro acto como "Knick".

No seu ano rookie, a temporada 2005−06, Lee disputou 14 encontros de titular, 13 deles seguidos e correspondentes aos meses de decembro de 2005 e xaneiro de 2006. Nese espazo de tempo marcouse o seu mellor partido como novato, asinou 23 puntos (con 10 de 11 en tiro) e 15 rebotes na vitoria sobre Phoenix Suns despois de tres prórrogas. Lee acabou a súa primeira tempada na NBA cunha media de 5,2 puntos (59,6% en tiro) e 4,5 rebotes. Na 2006−07, daría un salto cualitativo impresionante, os seus números foron de 10,7 puntos e 10,4 rebotes, converténdose nun dos posibles candidatos a xogador máis mellorado a medida que avanzaba a tempada. Outro dos éxitos a nivel persoal que cultivou Lee foi o MVP do "Rookie Challenge" de 2007, despois de asinar 30 puntos (con 14-14 en tiros) e 11 rebotes. Empezou a campaña de titular pola lesión de Channing Frye e a finais de ano foi un dos 10 xogadores expulsados na pelexa que tivo lugar no Denver Nuggets-New York Knicks. Con todo, Lee non foi suspendido pola liga.

A súa canastra máis importante chegou un 20 de decembro de 2006 nun encontro que os enfrontaba a Charlotte Bobcats. Con só 0,1 segundos por xogar, Le aproveitou un híbrido entre alley-hoop e palmeo (en realidade foi isto, mais o de alley hoop referido á maneira de dar o pase) para dar a vitoria ao seu equipo. Até o parón do All Star, Lee fixo unha media de 11,1 puntos (con 61% en tiros, 1º na liga), 10,8 rebotes e 1,8 asistencias en 30,9 minutos de xogo. Porén, desgrazadamente, tamén se viu involucrado na praga de lesións que arrasou aos Knicks e que os minguou nas súas opcións de playoffs. No caso de Lee, a súa lesión produciuse o 23 de febreiro de 2007 fronte a Milwaukee Bucks, cando caeu sobre o pé de Andrew Bogut e torceuse o xeonllo. O primeiro diagnóstico reflectía que o xogador podería regresar en poucos días, pero tras estar fóra tres semanas e non volver aínda ás pistas os servizos médicos tiveron que volver a examinalo e atoparon que a torcedura era moito máis importante do que indicaba o primeiro diagnóstico.

Na tempada 2009−10, empezou de gran forma promediando uns magníficos números de 20 puntos e 11 rebotes. Ao chegar ao All-Star, David, non foi escollido polos adestradores, xa que sorprendeu que houbese un home como Al Horford (estatisticamente peor). Mais como consecuencia das lesións previas á gran cita, David Lee substituíu a Allen Iverson para participar o seu primeiro All Star. En xullo de 2010, foi traspasado a Golden State Warriors a cambio de Anthony Randolph, Kelenna Azubuike, Ronny Turiaf e unha futura elección de segunda rolda.[1] No equipo californaniano mantería uns destacábeis números próximos aos 19 puntos e 10 rebotes de media por encontro. Estas boas actuación levárono a ser na temporada 2012−13 de novo All-Star e a formar parte do terceiro equipo All-NBA.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. NBA.com, ed. (9 de xullo de 2010). "Warriors Acquire All-Star Forward/Center David Le From New York Knicks". Consultado o 5 de maio de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]