Cronista Xeral de Galicia
Cronista Xeral de Galicia | |
---|---|
Título de Cronista Xeral de Galicia outorgado a Antón Fraguas en 1992. | |
Ámbito | Galicia |
Designado por | Xunta de Galicia |
Duración | Vitalicio |
Creación | 1654 (restabelecido en 1991) |
Primeiro titular | Felipe da Gándara |
Último titular | Antonio Eiras Roel |
Salario | Sen remuneración |
Cronista Xeral de Galicia ou Cronista Oficial do Reino de Galicia é un posto oficial vitalicio, sen remuneración económica, designado por Decreto da Xunta de Galicia que se lle asigna a historiadores para definir a versión oficial da historia contemporánea de Galicia. O último persoeiro que o ocupou foi Antonio Eiras Roel e desde o seu pasamento en 2017 o cargo está vacante.
O título remóntase ó Antigo Réxime, cando se nomearon varias personalidades coa intención de elaborar unha historia xeral de Galicia, mais con pouco éxito. O primeiro cronista foi Felipe da Gándara, designado en 1654 pola Xunta do Reino. No século XIX tamén ostentou o título Manuel Murguía. Seguindo a tradición antiga e dentro da política de autoidentificación de Manuel Fraga, restabeleceuse en 1991 e co paso dos anos e a morte de cada persoa fóronse producindo novos nomeamentos.
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro cronista oficial do reino de Galicia foi Felipe da Gándara.[1] A Xunta do Reino nomeouno no ano 1654, aínda que o título non se fixo efectivo até 1656.[2] Anteriormente, no século precedente, Álvaro de Cadaval (1505-1575) tivera a pretensión de ocupar o posto en cuestión, mais esta non chegara a se materializar.[3] A creación da figura do cronista oficial, con remuneración económica, insírese en pleno auxe apoloxético de Galicia por parte da historiografía galega,[4] encadrado á súa vez nunha época de gran galegofobia nos reinos da Monarquía Católica.[5] Deste xeito, a Xunta tiña como obxectivo, tal como consta nas súas Actas, compilar os feitos memorábeis da historia de Galicia e contribuír así ó «maior lustre e grandeza deste Reino».[6] Porén, a realidade é que desde 1644 Pedro Fernández de Boán levaba tentando insistentemente e sen éxito, inclusive coa intercesión da cidade de Ourense, que a Historia y general descripción del Reyno de Galizia del e do seu difunto irmán Juan fose impresa á conta da Xunta. E a pesar de en 1649 se lle aprobar a concesión de 1500 ducados procedentes de condenacións, a cantidade, alén de estar lonxe dos 9000 ducados necesarios, era moi difícil de tornar real, polo que nin sequera a debeu recibir, ficando o traballo inédito.[7] No caso de Gándara, malia a intención existente de publicar a Historia Xeral e Eclesiástica de Galicia que o autor tiña tamén ―segundo el mesmo sinala― xa practicamente concluída, en 1658 aínda se estaba a executar o repartimento do diñeiro para tal fin.[2][8] A resistencia ó pagamento dos subsidios e axudas de custa por parte das cidades que compuñan a Xunta provocou que o cronista, nunha carta datada cara a 1662 e dirixida a un capitular compostelán, se queixase da actitude ruín que recibía e mesmo rematase acendidamente dicindo que «quen quixer historia que a merque».[1] Finalmente, a obra non chegou a saír á luz, presumibelmente pola falta de financiamento, e tampouco se conserva o manuscrito.[2][8] Malia todo, mesmo sen esta axuda, o erudito deu publicado nese 1662 Armas i triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia, para o cal tivo que recorrer a custeadores, de xeito que se imprimiu en Madrid á custa do comerciante de libros Antonio de Riero Tejada.[9] Obra de carácter apoloxético en relación á nobreza galega e á súa orixe, tivo unha nova edición publicada postumamente en 1677 so o título Nobiliario, armas y triunfos de Galicia.[10] Nas dúas edicións o autor aparece como cronista xeral do reino.
Foi preciso agardar até o século seguinte para ver un novo cronista. Antes del, xa en 1715, o presbítero Antonio Paredes Ponte e Andrade solicitara á Coruña o nomeamento coa fin de poder desenvolver exaltadamente a historia galega e contrarrestar a galegofobia;[11][12] no entanto, o apoio da propia cidade non fora dabondo para obter o cargo.[13] O sucesor foi Juan Pacheco Troncoso en 1718: apoiado tamén pola cidade herculina, a cidade de Tui ―non a Xunta―[2] outorgoulle o título en 23 de novembro.[13] Tiña o encargo de elaborar unha historia de Galicia,[14] tarefa que viña realizando desde polo menos 1716, cando pedira ó concello coruñés que lle permitisen acceder á documentación dos seus arquivos e que o dotasen dun experto en paleografía para as transcricións. Dos tres volumes que proxectaba, só se coñece a existencia dun primeiro manuscrito que, igual có texto de Gándara, tampouco se conserva.[15]
O seguinte persoeiro que desempeñou o cargo foi Francisco Xavier Manuel de la Huerta y Vega, a quen o deputado do Reino designou cronista en Madrid no ano 1737 á instancia das sete cidades.[2] Huerta, que primeiramente fora nomeado cronista da cidade de Santiago de Compostela,[14] xa publicara dous volumes dos seus Anales de el Reyno de Galicia en 1733 e 1736. Non obstante, malia a datación do seu nomeamento nese ano, concretamente en 31 de agosto,[13] dada habitualmente pola historiografía, o autor no segundo tomo xa figura como «Cronista Xeral do Reino de Galicia», o cal permite atrasar a data do devandito nomeamento até arredor de 1735.[16] Sexa como for, o propósito da designación é posíbel que fose incitar o eclesiástico a finalizar os Anales, pois o segundo volume só atinxe até o século IX.[14] Coa publicación destes dous volumes, a súa condición foránea, de orixe ourensá mais nado na toledana Alcalá de Henares,[16] implicoulle o recibimento de importantes críticas,[17] relacionadas tamén coa obtención do posto de cronista, que puido impedir algún proxecto destinado xustamente a acadar tal ocupación.[18] Aínda en 1736, Huerta, que levaba vivindo en Galicia desde 1723, trasladouse a Madrid, onde precisamente o título lle serviu de axuda para entrar nos círculos cortesáns.[19] En 1742 a Xunta, nunha acción promovida pola cidade de Betanzos,[13] solicitou ó rei o cesamento do cronista por o considerar pouco útil e gravoso para o reino,[2] mesmo aducindo que a titulación se lle outorgara por honra e non por salario,[1] unha petición que lle foi concedida. Deste xeito, tanto pola ida a Madrid como pola propia destitución do cargo, a obra de Huerta ficou sen rematar. Así e todo, mesmo sen concluír, ten o mérito de ser a única historia de Galicia de índole xeral que deu saído do prelo en todo o Antigo Réxime, feito que a converteu nunha obra de referencia dentro e fóra de Galicia.[20]
Posteriormente exerceu o posto Ignacio Benito Avalle, pois solicitou o título en 1760 comprometéndose a non recibir salario ou lucro ningún.[2] Comezou en 29 de maio[13] e sábese que tiña desde 1746 o proxecto de desenvolver unhas Memorias Historicas del Reyno de Galicia, mais todo apunta a que non superou ese estadio inicial.[14]
Tivo que pasar máis dun século para que houbese continuación na institución de cronista. Manuel Murguía editara en 1865 e 1866 os dous primeiros volumes da súa Historia de Galicia; porén, esta ficara interrompida por diversos motivos. Isto motivou que en 1884 a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, por iniciativa de José Antonio Parga Sanjurjo, comezase as xestións para nomear a Murguía cronista de Galicia, de xeito que recibise un salario que lle permitise proseguir coa obra. Con este obxectivo procurouse a contribución económica das deputacións provinciais, as cales, agás a de Lugo, se acabaron comprometendo co emprendemento antes de finalizar 1885. Meses antes, en abril do mesmo ano, xa se anunciara na prensa o seu nomeamento por parte da Económica, aínda cando non había acordo ningún para o fornecemento dos fondos necesarios. De feito, o aparente apoio das deputacións resultou moi insuficiente; así pois, os novos tomos tiveron que ser impresos á custa do Centro Galego da Habana. Efectivamente, Murguía publicou por fin en 1888 e 1891 os volumes III e IV da súa Historia, nos cales se intitulaba como «cronista xeral do Reino».[21] En 1889 tamén publicou El regionalismo gallego, aparecendo neste caso co título de «cronista do reino de Galicia».[22]
Outra centuria sen cronistas decorreu. Dentro da política de autoidentificación de Manuel Fraga, creouse en 1991 mediante decreto de 4 de outubro a figura de cronista xeral de Galicia, unha distinción de carácter honorífico sen remuneración económica ningunha para ser entregada pola Xunta de Galicia como recompensa polos méritos singulares debidos a unha salientábel actividade e servizo en prol dos intereses da investigación histórica de Galicia.[23] O primeiro persoeiro desta nova etapa en ostentar o título foi Emilio González López.[24] Co seu pasamento xa en decembro, designouse a Antón Fraguas antes de finalizar o primeiro mes do novo ano.[25] A este último, finado en 1999, sudeceuno Antonio Eiras Roel.[26]
Cronistas
[editar | editar a fonte]- Felipe da Gándara (1654-?)
- Juan Pacheco Troncoso (1718-?)
- Francisco Xavier Manuel de la Huerta y Vega (c. 1735/1737-1742)
- Ignacio Benito Avalle (1760-?)
- Manuel Murguía (1885-?)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Álvarez Ruiz de Ojeda 2000, p. 415.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 De Artaza Montero, Manuel M.ª (1993). "La junta del reino y la autonomía de Galicia" (PDF). Ohm: Obradoiro de historia moderna (en castelán) (Universidade de Santiago de Compostela) (2): 143–150, en 145. ISSN 1133-0481. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de xullo de 2021. Consultado o 07 de agosto de 2021.
- ↑ Fernández Vilalba, Xosé Isidro (6 de setembro de 2011). "Os cronistas da cidade de Mondoñedo". Terra e Tempo. Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2021. Consultado o 07 de agosto de 2021.
- ↑ Barreiro Barreiro, Xosé Luís (2008). "Hacia la configuración de una conciencia propia: de los problemas de Galicia a Galicia como problema" (PDF). Galicia y Japón: del sol naciente al sol poniente. IX Encontros internacionais de filosofía no Camiño de Santiago (en castelán). Universidade da Coruña. pp. 87–114, en 100. ISBN 978-84-9749-308-6.
- ↑ Murado, Miguel-Anxo (2013). Outra idea de Galicia. Debate. pp. 70–71. ISBN 978-84-9992-346-8.
- ↑ Pereira González 2017, p. 128.
- ↑ Bouza 2009, pp. 23-24.
- ↑ 8,0 8,1 Pereira González 2017, p. 178.
- ↑ Bouza 2009, p. 24.
- ↑ "‘Armas i triunfos. Hechos heroicos de los hijos de Galicia’ (1662)". Real Academia Galega. 25 de abril de 2013.
- ↑ Castro López, Manuel (1926). "Gallego....." (PDF). Almanaque Gallego (en castelán) (Bos Aires) (29): 14.
- ↑ Merino Álvarez, Abelardo (1927). "Notas viejas galicianas, por don Pablo Pérez Costanti". Boletín de la Real Academia de la Historia (en castelán) 90: 42–46, en 42. ISSN 0034-0626.
¿Hemos de ser nosotros menos que las otras provincias del Orbe, teniendo por ventura que hablar si no más, tanto como ellas?… Alentémonos a hacer lo que todos, porque no se diga que somos como ninguno; desterremos aquella vulgaridad castellana que dice no somos gente; borremos ya con nuestra pluma aquella indecorosa nota de bárbaros que el erudito Mariana nos impuso
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 Núñez-Varela Lendoiro, José Raimundo (25 de agosto de 2019). "Toma de posesión como Cronista Oficial de Betanzos". Cronista Oficial de Betanzos.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 Pereira González 2017, p. 217.
- ↑ Gutiérrez, José Manuel (24 de setembro de 2009). "Cronista Pacheco: Un historiador poco riguroso". La Opinión A Coruña (en castelán).
- ↑ 16,0 16,1 Monteagudo Romero, Henrique (1996). "Noticia dun texto prosístico en galego do século XVII: ‘Memoria da fundación da Confraría de Cambeadores’" (PDF). Homenaxe á profesora Pilar Vázquez Cuesta. Universidade de Santiago de Compostela. pp. 351–375, en 352. ISBN 84-8121-476-0. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de xullo de 2021. Consultado o 07 de agosto de 2021.
…Couceiro Freijomil, e tras el tódolos estudiosos que o seguen, ofrecen 1737 como data do seu nomeamento de Cronista Oficial do Reino de Galicia, pero xa deixamos sinalado que hai que corrixir este dato
- ↑ Pereira González 2017, p. 258.
- ↑ García Vega, José Carlos (curso 2017/2018). "Historia moderna de Galicia". StuDocu (en castelán). Universidade de Santiago de Compostela.
…la obra de Huerta resultó molesta porque sin ser gallego, fue nombrado cronista y frustró varios proyectos encaminados a la obtención de ese cargo
- ↑ Rey Castelao, Ofelia. "Francisco Javier Manuel de la Huerta y Vega". Real Academia de la Historia (en castelán).
- ↑ Pereira González 2017, pp. 217 e 258.
- ↑ Álvarez Ruiz de Ojeda 2000.
- ↑ Murguía, Manuel (1889). El regionalismo gallego (en castelán). A Habana.
- ↑ "DECRETO 323/1991, do 4 de outubro, polo que se establece a figura de cronista xeral de Galicia" (PDF). DOG (Xunta de Galicia) (198): 8828. Luns, 14 de outubro de 1991.
- ↑ "DECRETO 329/1991, do 4 de outubro, polo que se nomea a Emilio González López cronista xeral de Galicia" (PDF). DOG (Xunta de Galicia) (199): 8870. Martes, 15 de outubro de 1991.
- ↑ "DECRETO 9/1992, do 23 de xaneiro, polo que se nomea a Antonio Fraguas Fraguas cronista xeral de Galicia". DOG (Xunta de Galicia) (19): 859. Mércores, 29 de xaneiro de 1992.
- ↑ "DECRETO 292/1999, do 11 de novembro, polo que se nomea a Antonio Eiras Roel cronista xeral de Galicia". DOG (Xunta de Galicia) (220): 13395. Luns, 15 de novembro de 1999.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cronista Xeral de Galicia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez Ruiz de Ojeda, Victoria (2000). "Manuel Murguía e a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago" (PDF). Grial (Galaxia). XXXVIII (147): 399–429. ISSN 0017-4181.
- Bouza, Fernando (2009). "Dar Galicia y el gallego a la imprenta. As Galegadas y A História de Galicia de Lobariñas Feijoo, la Verdadera Descripción de Ojea y algunas iniciativas historiográficas de la primera mitad del siglo XVII" (PDF). Ohm: Obradoiro de historia moderna (en castelán) (Universidade de Santiago de Compostela) (18): 9–44. ISSN 1133-0481. doi:10.15304/ohm.18.454. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de agosto de 2021. Consultado o 28 de agosto de 2021.
- Fernández-Villamil, Enrique (1962). "Los cronistas oficiales". Juntas del Reino de Galicia (en castelán) I. Madrid: Instituto de Estudios Políticos. pp. 73–91.
- Pereira González, Fernando (2017). Nas Orixes do Celtismo Galego. Os celtas na historiografía dos séculos XVII e XVIII. A Coruña. ISBN 978-84-697-5921-9.