Concerto de Aninovo da Wiener Philharmoniker

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Concerto de Aninovo da Wiener Philharmoniker
Das Neujahrskonzert der Wiener Philharmoniker
Musikverein Vienna June 2006 480.jpg
O Musikverein de Viena, onde cada ano se celebra o concerto.
Localización Viena, Austria Austria
Anos 1939-
Nº edicións 32
Fundadores Escola de Gaitas de Ortigueira
Data Catro días, en xullo
Xénero Folk
Organizador Concello de Ortigueira
Web oficial www.festivaldeortigueira.com

O Concerto de Aninovo da Wiener Philharmoniker (en alemán: Das Neujahrskonzert der Wiener Philharmoniker) é un concerto que ten lugar cada ano na mañá do 1 de xaneiro na Sala Dourada do Musikverein de Viena (Austria). É transmitido en boa parte do mundo, cunha audiencia potencial de 1.000 millóns de espectadores en 54 países. Cada ano, o mesmo programa é interpretado tamén o 30 de decembro ("ensaio xeral"), e o 31 de decembro como "Concerto de San Silvestre" (Sylvesterkonzert).

A música é, na súa meirande parte, da familia Strauss (Johann Strauss (pai), Johann Strauss (fillo), Josef Strauss e Eduard Strauss). As flores que decoran a sala de concertos do Musikverein son un agasallo anual da cidade de San Remo, Liguria (Italia).

O concerto sempre finaliza con varios bises logo do programa principal (propinas que non están incluídas no programa). Os músicos desexan colectivamente un feliz Aninovo (Prosit Neujahr), e rematan co valse de O Danubio Azul de Johann Strauss fillo, seguido da Marcha Radetzky, de Johannn Strauss pai. Durante esta última obra, a audiencia aplaude ao compás e o director xírase para dirixila, durante breves instantes, en lugar da orquestra. Un quiebro na tradición en tempos recentes foi durante a edición do 2005, dirixida por Lorin Maazel, cando o programa finalizou co valse do Danubio Azul como un sinal de respecto polas vítimas do Terremoto do Océano Índico 2004.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Previamente á creación do Concerto de Aninovo da Wiener Philharmoniker celebráronse varios concertos no Festival de Salzburgo con música de membros da familia Strauss que anticiparon o formato do evento. Estes concertos foron levados a cabo polo director austríaco Clemens Krauss, que iniciou esta tradición coa orquestra da capital austríaca. O primeiro destes concertos monográficos adicados aos Strauss celebrouse o 11 de agosto de 1929 e contou exclusivamente con composicións de Johann Strauss pai e fillo.[1][2]

En 1930 Krauss introduciu dous concertos con repertorio dos Strauss no festival tamén á fronte da orquestra vienesa. No primeiro deles, celebrado o 3 de agosto, incluíu composicións de dous compositores ligados a Viena, Franz Schubert e Joseph Haydn,[3] mentres que o segundo deles celebrado sete días máis tarde, foi un monográfico adicado novamente a pai e fillo.[4] O 16 de agosto de 1931 Krauss introduciu por primeira vez unha composición que non era de Johann Strauss pai nin Johann Strauss fillo, foi o vals Aquarellen Op. 258 de Josef Strauss, se ben na edición do ano seguinte o concerto estivo de novo monopolizado polo pai e o maior dos fillos.[a][6][5]

O 13 de agosto de 1933 Kraus dirixiu o último concerto monográfico adicado á familia Strauss no Festival de Salzburgo á fronte da Wiener Philharmoniker.[1][7]

Inicios do concerto[editar | editar a fonte]

Clemens Krauss, o director das primeiras edicións do concerto.

O concerto celebrouse por primeira vez o 31 de decembro de 1939 (cun ensaio público o día anterior), como "concerto extraordinario" (Außerordentliches Konzert), dirixido por Clemens Krauss. Neste caso só se interpretaron obras de Johann Strauss (fillo), e concluíu coa abertura de Die Fledermaus. O seguinte concerto tivo lugar o 1 de xaneiro de 1941, recibindo xa o título definitivo de "concerto de aninovo". Krauss fíxose cargo da dirección do concerto cada ano ata a súa morte, a excepción dos anos nos que cedeu a batuta a Josef Krips. A partir de 1954, a dirección foi asumida polo primeiro violín da orquestra, Willi Boskovsky, que se mantivo no posto durante 24 anos. En 1958, Boskovsky introduciu a tradición de rematar o concerto co Danubio Azul e a Marcha Radetzky. Trala súa retirada, en 1979, tomou o seu lugar o daquela director da Wiener Staatsoper Lorin Maazel. A partir de 1987, cando a orquestra concedeu o honor de dirixir o concerto a Herbert von Karajan, decidiuse que cada ano dirixira o concerto un director convidado distinto.[8] En 1991, por primeira vez na historia do "Neujahrskonzert", tocouse unha obra de Mozart: a abertura de Le nozze di Figaro.

Dende 1959 o concerto comezou a transmitirse en directo por televisión, primeiro pola emisora local ORF, e posteriormente por Eurovisión a toda Europa e boa parte do mundo. Durante varios anos o concerto foi retransmitido para os Estados Unidos por PBS. Comezando no 2006, unha serie de países africanos (Botswana, Lesotho, Malawi, Mozambique, Namibia, Zambia e Zimbabwe) e hispanoamericanos (Ecuador, Bolivia, Chile, México e Uruguai) o retransmiten aos seus telespectadores. No 2010, o concerto foi transmitido por primeira vez en directo en alta definición e a través de internet.

No 2007 o concerto foi dirixido polo indio Zubin Mehta, e incluíu, ademais de obras da familia Strauss, de Josef Hellmesberger Junior, quen morrera en Viena 100 anos antes, en 1907. Ese mesmo ano púidose presenciar como, por primeira vez, unha parella de bailaríns executaba en directo, dende os salóns e corredores da Musikverein o valse O Danubio Azul, acabando no salón principal de concertos saudando ao director da orquestra. Foron a española Lucía Lacarra e o seu home, Cyril Pierre.

Na edición de 2021, dirixida por sexta vez polo italiano Riccardo Muti, a Sala Dourada do Musikverein de Viena non contou coa presenza de público por primeira vez na historia do evento a causa da pandemia por COVID-19 que levou a Austria ao seu terceiro confinamento logo do Nadal de 2020.[9][10]

Directores do Concerto de Aninovo[editar | editar a fonte]

Repertorio[editar | editar a fonte]

O repertorio doo Concerto de Aninovo da Wiener Philharmoniker está integrado principalmente por composicións dos distintos membros da familia Strauss, e é considerado o maior evento no que se presenta a música da familia. As dúas obras coas que finaliza son O Danubio azul (Johann Strauss II) e a Marcha Radetzky (Johann Strauss I), esta última acompañada coas palmas da audiencia.[11]

Asistencia ao concerto[editar | editar a fonte]

Debido á gran demanda de localidades para asistir a este concerto, as entradas son adxudicadas por sorteo. Dende o día 2 ata o 23 de xaneiro de cada ano, os interesados presentan a súa solicitude na páxina web da Wiener Philharmoniker, especificando se desexan asistir ao concerto de "Aninovo" (1 de xaneiro), ao de "San Silvestre" (31 de decembro) ou ao "Ensaio Xeral" (30 de decembro), todos cos mesmos intérpretes e programa. Unha vez concluído o período de solicitude realízase o sorteo e se comunica aos agraciados o resultado. Os prezos das localidades para o concerto do 2012 oscilaron entre os 30 e os 940 euros para o concerto de Aninovo, ou entre 130 e 380 para o ensaio xeral.[12]

Outros concertos de Aninovo en Viena[editar | editar a fonte]

A Wiener Hofburg Orchester organiza os seus concertos tradicionais de Noite Vella e Aninovo o 31 de decembro e o 1 de xaneiro nos salóns do Palacio Hofburg, tocando este último día un concerto matinal e outro pola tarde. O programa está integrado por valses, polcas e aberturas dos Strauss, Franz von Suppé, Franz Lehár ou Emmerich Kálmán e conta coa participación de cantantes de ópera que interpretan arias, duetos e cuartetos.[13]

O programa está composto polas melodías máis famosas das operetas e valses de Johann Strauss (fillo), Emmerich Kalman, Franz Lehár e varias operísticas de Wolfgang Amadeus Mozart.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. No programa figuraba a Pizzicato Polka, composta por Johann Strauss fillo e o seu irmán Josef.[5]
Referencias
  1. 1,0 1,1 "Tradition and History" (en inglés). Wiener Philharmoniker. Consultado o 3 de xaneiro de 2021. 
  2. "3. Orchesterkonzert – Clemens Krauss" (en alemán). Festival de Salzburgo. Consultado o 3 de xaneiro de 2021. 
  3. "2. Orchesterkonzert – Clemens Krauss" (en alemán). Festival de Salzburgo. Consultado o 3 de xaneiro de 2021. 
  4. "4. Orchesterkonzert – Clemens Krauss" (en alemán). Festival de Salzburgo. Consultado o 3 de xaneiro de 2021. 
  5. 5,0 5,1 "3. Orchesterkonzert – Clemens Krauss" (en alemán). Festival de Salzburgo. Consultado o 3 de xaneiro de 2021. 
  6. "6. Orchesterkonzert – Clemens Krauss" (en alemán). Festival de Salzburgo. Consultado o 3 de xaneiro de 2021. 
  7. "5. Orchesterkonzert – Clemens Krauss" (en alemán). Festival de Salzburgo. Consultado o 3 de xaneiro de 2021. 
  8. "Historia do Concerto na Web da Wiener Philharmoniker". Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2008. Consultado o 02 de xaneiro de 2012. 
  9. Hopkins, Valerie (31 de decembro de 2020). "Vienna Philharmonic plays on despite pandemic restrictions". Financial Times (en inglés). Consultado o 1 de xaneiro de 2020. 
  10. Rodríguez, Pablo L. (1 de xaneiro de 2021). "Concierto de Año Nuevo: La música de los Strauss como metáfora de la vida". El País (en castelán). Consultado o 1 de xaneiro de 2021. 
  11. Lang, Zoë Alexis (2014). The Legacy of Johann Strauss: Political Influence and Twentieth-Century Identity (en inglés). Cambridge University Press. pp. 70–72. ISBN 978-1-107-02268-3. 
  12. "Información sobre a venda de localidades". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2012. Consultado o 02 de xaneiro de 2012. 
  13. "Concierto de Año Nuevo en Viena" (en castelán). Wiener Hofburg Orchester. Consultado o 1 de xaneiro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]