Franz Welser-Möst

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Franz Leopold Maria Möst, máis coñecido como Franz Welser-Möst, nado o 16 de agosto de 1960 en Linz, é un músico austríaco. Na actualidade é o director musical da Orquestra de Cleveland.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou no colexio diocesano da súa cidade natal, o Adalbert-Stifter-Gymnasium, no que comezou a súa formación musical canda o compositor Balduin Sulzer. De mozo estudou violín e interesouse pola dirección, mais un accidente de tráfico deixoulle secuelas nuns nervios, polo que se centrou nos estudos de dirección musical.[1]

Os seus grandes debuts foron no Festival de Salzburgo de 1985 e mailas actuacións coa Filharmónica de Londres de 1986 e a Orquestra do Musikkollegium de Winterthur de 1988. Durante os inicios da súa carreira tamén destacou o seu primeiro traballo ante público estadounidense coa Orquestra Sinfónica de St. Louis en 1989, que lle abriu o camiño para actuacións coa Orquestra Sinfónica de Boston, a Orquestra Sinfónica de Atlanta, a Filharmónica de Nova York e a Orquestra Sinfónica de Chicago. Ademais, entre 1986 e 1991 dirixiu a Orquestra Sinfónica de Norrköping (Suecia). Visitando frecuentemente á Filharmónica de Londres, en 1990, Welser-Möst foi nomeado en director residente da mesma.[2] O seu mandato coa orquestra estivo marcado pola polémica, non tivo o beneplácito da crítica londiniense que acabou por referirse ao director como "Frankly Worse than Most", un xogo de palabras co seu nome que pode traducirse como "con franqueza, peor que a maioría".[3] Rematou os seus traballos en 1996.

De 1995 a 2000 foi director musical da Ópera de Zürich. Alí dirixiu 27 novas actuacións ademais de retomar numerosas obras, unha das máis destacadas foi Der Ring des Nibelungen, de Richard Wagner. En setembro de 2005 foi designado director musical xeral da Ópera de Zürich cun contrato que debía prolongarse ata 2011. Pero Welser-Möst retirouse en xullo de 2008, logo de aceptar o mesmo posto na Ópera Estatal de Viena.

Welser-Möst desenvolveu a maior parte da súa traxectoria profesional á fronte da Orquestra de Cleveland, considerada unha das mellores do mundo.[4][5] Contratado inicialmente para 5 anos, asumiu a dirección na tempada 2002-2003, sendo progresivamente renovado ata, polo menos, 2027.[6][7] Deste xeito, converterase no director que máis tempo estivo á fronte deste conxunto na súa historia.[8]

Destacou tamén o seu traballo á fronte da Ópera Estatal de Viena, cuxa dirección xeral musical exerceu entre 2010 e 2014. Previamente, Welser-Möst debutara na Ópera Estatal de Viena en 1987, substituíndo ao director italiano Claudio Abbado, na dirección de L'italiana in Algeri, de Gioachino Rossini. Máis de dez anos despois, Welser-Möst volveu á compañía para dirixir Tristan und Isolde de Richard Wagner, e en decembro de 2006 dirixiu a nova produción de Arabella de Richard Strauss en Viena e posteriormente dirixiu Der Ring des Nibelungen e Tannhäuser de Richard Wagner.

Como director xeral musical da Ópera de Viena, Welser-Möst comezou dirixindo a produción de Tannhäuser de Franco Zeffirelli. En outubro de 2010 presentou a Cardillac de Paul Hindemith, seguida de Don Giovanni e Le nozze di Figaro de Wolfgang Amadeus Mozart e finalmente Káťa Kabanová (Leoš Janáček).[9] Aínda que o seu contrato se extendera ata 2018, Welset-Möst dimitiu sen setembro de 2014 aludindo a "diferenzas en materia artística" co director da Ópera Dominique Meyer.[10]

Welser-Möst, consagrado como un dos director de orquestra de maior sona internacional, dirixiu o Concerto de Aninovo de Viena en tres ocasións: 2011, 2013 e 2023. En todas elas destacou por innovar con respecto o repertorio habitual: no 2011 interpretouse por primeira vez unha peza de Franz Liszt, e, no 2013 proxupo obras de Richard Wagner e Giuseppe Verdi, nos tres casos co gallo do bicentenario do nacemento dos compositores.[11][12] No de 2023, catorce das pezas, sen contar cos bises, foron interpretadas por primeira vez e oito eran de Josef Strauss, superando aos máis típicos Johann pai e fillo.[13] Ademais, nesa edición foi a primeira na que o Coro de Nenos Cantores contou con nenas nun Concerto de Aninovo.

Franz Walser-Möst tamén é en membro honorario do Wiener Singverein. [14]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

A súa nai biolóxica, Maria Elisabeth Möst (1925-2014), foi deputada polo Partido Popular de Austria no Nationalrat entre 1979 e 1985.[15] Por influxo do seu mentor de mocidade, o barón Andreas von Bennigsen de Liechtenstein (quen acabaría adoptándoo en 1986) emprega, dende 1985, o apelido Welser-Möst, na honra da vila de Wels, onde medrou.[16][17] A estreita relación entre ambos os dous rompeu por mor do matrimonio de Welser-Möst coa antiga dona do barón von Bennigsen, Angelika, en 1992.[3][18][19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ivan Hewitt (18 de agosto de 2005). "Why all those insults made me stronger". Telegraph. Consultado o 5 de outubro de 2008. 
  2. Nicholas Kenyon (15 de março de 1992). "A Young Conductor Starts at the Top". New York Times. Consultado o 3 de novembro de 2007. 
  3. 3,0 3,1 "Franz Welser-Möst - The conductor they loved to hate". www.scena.org. 12-2-2004. Consultado o 2023-01-01. 
  4. "The World's Greatest Orchestras". Gramophone (en inglés). Consultado o 2023-01-01. 
  5. Allen, David (2020-10-09). "The Cleveland Orchestra, America’s Finest, Restarts Recording". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2023-01-01. 
  6. John Kappes, The Plain Dealer (2008-06-06). "Cleveland Orchestra extends Welser-Most's contract until 2018, plans staged operas". cleveland (en inglés). Consultado o 2023-01-01. 
  7. Zachary Lewis, The Plain Dealer (2019-09-22). "Cleveland Orchestra extends Welser-Most contract, reveals plans for next five years". cleveland (en inglés). Consultado o 2023-01-01. 
  8. "Franz Welser-Möst". www.clevelandorchestra.com. Consultado o 2023-01-01. 
  9. ""Für Eliten soll man sich nicht schämen"". Kurier. 6 de dezembro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2012. Consultado o 9 de dezembro de 2008. 
  10. "Welser-Möst verlässt Staatsoper". wien.orf.at (en alemán). 2014-09-05. Consultado o 2023-01-01. 
  11. "La Filarmónica de Viena recibe 2011 con un concierto de inspiración española". El País (en castelán). 2011-01-01. ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-01-01. 
  12. Rudich, Julieta (2013-01-01). "Wagner y Verdi irrumpen en el Concierto de Año Nuevo, dirigido por Welser-Möst". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-01-01. 
  13. "Sutileza austriaca y chin-pum en el Concierto de Año Nuevo. El próximo lo dirige Thielemann". La Vanguardia (en castelán). 2023-01-01. Consultado o 2023-01-01. 
  14. Dr. Reiber. "Wiener Singverein" (en alemán). Arquivado dende o orixinal (Microsoft Word) o 2007-07-28. Consultado o 30 de agosto de 2008. 
  15. "Dipl.-Ing. Maria Elisabeth Möst, Biografie - Parlament Österreich". www.parlament.gv.at (en alemán). Consultado o 2023-01-01. 
  16. "„Was glauben Sie?“ – Der Dirigent Franz Welser-Möst". ORF. Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2012. Consultado o 2023-01-01. 
  17. ""Der Auslandsösterreicher des Jahres 2001–Franz Welser-Möst"" (PDF). ROTWEISSROT (Auslandsösterreicher-Weltbund). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de novembro de 2005. Consultado o 01 de xaneiro de 2023. 
  18. "He might be smiling now... - Franz Welser-Möst Returns to Conduct the Proms". www.scena.org. 16-8-2000. Consultado o 2023-01-01. 
  19. Naredi-Rainer, Ernst (2007-09-29). "Schwierige Annäherung an Wien". NEUE Vorarlberger Tageszeitung - Kultur. Archived from the original on 29 de setembro de 2007. Consultado o 2023-01-01. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]