Circunscricións electorais de Asturias
O Principado de Asturias divídese para as súas eleccións autonómicas en tres circunscricións electorais que agrupan varios concellos. Xunto a Murcia é a única comunidade autónoma peninsular española que utiliza como circunscrición electoral unhas zonas inferiores á provincia. A lei que regula o proceso electoral é a 14/1986, do 26 de decembro, sobre réxime de eleccións á Xunta Xeral do Principado de Asturias, modificada pola Lei 3/1991, do 25 de marzo.
Corresponden a cada circunscrición electoral un mínimo inicial de 2 deputados dos 45 que conforman a Xunta Xeral do Principado de Asturias, distribuíndose entre as mesmas os 39 restantes en proporción á súa poboación de dereito segundo os seguintes criterios:
- Adxudícaselle a cada circunscrición tantos deputados como resulten en números enteiros de dividir a súa respectiva poboación de dereito pola cota de repartimento que se obtén de dividir a poboación total de dereito de Asturias por 39.
- Distribúense os restantes deputados asignando un a cada unha das circunscricións cuxo cociente resultante na operación anterior teña unha fracción decimal máis grande.
Na I, II e III lexislaturas, as circunscricións Central, Occidental e Oriental tiñan asignados, respectivamente, 32, 8 e 5 deputados. A partir da IV a distribución cambiou a 33, 7 e 5. Na VII lexislatura a distribución volveu cambiar a 34, 6 e 5. Os escanos asígnanse en base ao sistema D'Hondt.
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Asturias |