William Kneass

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
William Kneass
Retrato de William Kneass

Nacemento25 de setembro de 1780
  Lancaster.
Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos
Falecemento27 de agosto de 1947 (59 anos)
  Filadelfia.
Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos
ÁreaDeseño e gravado.
ObrasMoedas circulantes e medallas dos EEUU.
NacionalidadeEstadounidense
CónxuxeMary Turner Honeyman (1804).
Jane Kramer (1827).
editar datos en Wikidata ]

William Kneass, nado o 25 de setembro de 1780 en Lancaster, Pensilvania, e finado o 27 de agosto de 1840 en Filadelfia, foi un gravador e deseñador de moedas e medallas estadounidensee, o segundo en ocupar o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, entre 1824 e o seu falecemento.

Kneass coñécese particularmente polo deseño das moedas da serie Classic Head ("cabeza clásica") e polas súas modificacións sobre o deseño previo da serie Capped Bust ("busto con chapeu") cuñada de 1829 a 1837.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

William Kneass naceu en Lancaster, Pensilvania, fillo de Christopher Kneass (1756-1793) e de Anna Justina Feltman (1764-1843).[1][2]

Participou na guerra de 1812 como voluntario asociado aos enxeñeiros de campo e alí colaborou na construción de fortificacións na fronte occidental de Filadelfia .[3][4]

Ao principio da súa carreira como gravador dedicouse principalmente ao gravado de pranchas para imprimir libros. Logo, en 1804 estableceu a súa propia compañía de gravado en Filadelfia,[5] que era a un tempo un punto de encontro para destacados membros do eido cultural da cidade. A súa actividade principal pasou a ser o gravado de liñas e tamén producía gravados á augatinta. Ademais da súa compañía, constituíu tamén noutras dúas como asociado: Young & Kneass & Co (ca. 1817-1820) e Kneass & Dellaker (1820-1824).[3][5][6]

Carreira na US Mint[editar | editar a fonte]

Moeda de 5 dólares AU, tipo "cabeza clásica" (1834-1839), obra de William Kneass.
Moeda de 5 centavos AG (1829-1837), obra de William Kneass.

Logo do falecemento en 1823 do gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, Robert Scot, no exercicio do seu cargo, o 29 de xaneiro de 1824, Kneass foi nomeado como o seu substituto,[2] quizais por mediación do seu amigo Adam Eckfeldts, que daquela ocupaba o posto de xefe de cuñaxe na US Mint.[3][5][6]

Á parte do deseño e o gravado de cuños, unha importante contribución de Kneass foi a creación dun colar que axudou a estandarizar o diámetro das moedas, evitando que os discos se expandisen durante a cuñaxe.[3]

Aínda que non se lle poida atribuír a Kneass a creación de ningunha moeda ex novo, foi o encargado de redeseñar unha boa parte do circulante estadounidense, en particular en 1834 e 1838 o de ouro, e entre 1836 e 1840 o de prata.[6] Entre os seus traballos máis destacables están os 5 centavos de prata producidos entre 1829 e 1834, e as moedas de ouro de 2,5 dólares e de 5 dólares cuñadas entre 1834 e 1839.[5]

En 1835, o director da US Mint, Samuel Moore, escribiu acerca del: "Sr. Kneass, o noso actual gravador [...] é un funcionario aceptable, popular e moi útil, quizais un dos máis rápidos na execución nos EEUU. Non sei se se poderá atopar outro cuxa celeridade fose suficiente para proporcionar todos os cuños que empregamos nos últimos cinco anos".[3][7]

Durante o exercicio do seu cargo, William Kneass supervisou tamén a posta en funcionamento en 1838 de dúas novas ramas da US Mint: a Casa da Moeda de Charlotte e a Casa da Moeda de Nova Orleáns.[3]

O 27 de agosto de 1835, Kneass sufriu un derramo cerebral que o deixou moi limitado para o traballo, ao paralizarlle o lado dereito. A partir desa situación, contratouse a Christian Gobrecht como segundo gravador, que foi quen se ocupou realmente do labor de deseño e do gravado de cuños ata o falecemento de Kneass o 27 de agosto de 1840.[2] Finalmente, Kneass foi sucedido por Gobrecht no posto de gravador xefe o 21 de decembro do mesmo ano.[3]

Vida familiar[editar | editar a fonte]

William Kneass casou o 23 de xuño de 1804 con Mary Turner Honeyman[2] (1785-1826), con quen tivo dous fillos e unha filla. Logo do falecemento da súa primeira muller, casou o 8 de novembro de 1827 en segundas nupcias con Jane Kramer (~1799 -1854), con quen tivo unha filla.[1][5]

Un dos seus fillos, Samuel Honeyman Kneass (1806-1858), foi un destacado enxeñeiro civil e arquitecto radicado en Filadelfia.[8] O outro fillo, Strickland Kneass (1821-1884), foi tamén enxeñeiro[9].[1][10]

William Kneass foi soterrado no cemiterio dunha igrexa alemá de Filadelfia. O 16 de outubro de 1848, os seus restos foron trasladados ao Monument Cemetery, na mesma cidade, e ao desaparecer este cemiterio foron trasladados novamente, xunto con outros membros da súa familia, ao Lawnview Cemetery, en Rockledge, Pensilvania, o 18 de xuño de 1956.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "William Kneass". Find a Grave.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Magee, A. J. (1920).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "William Kneass. US Coin Engraver and Designer". US Coin Book.
  4. "William Kneass". Uspatterns.com
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Smith, P. (2012).
  6. 6,0 6,1 6,2 "William Kneass". Uspatterns.com
  7. Taxay, D. (1966). Páxina 170.
  8. "Kneass, Samuel Honeyman (1806 - 1858)". Philadelphia Architects and Buildings.
  9. "Kneass, Strickland (1821 - 1884)". Philadelphia Architects and Buildings.
  10. "William Kneass". Uspatterns.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Robert Scot

Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1840 - 1844
Sucesor:
Christian Gobrecht