Saltar ao contido

Chop suey

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chop suey preparado con allo, ervello, polo e arroz.

O chop suey (en chinés: 雜碎; literalmente “mestura de anaquiños”) é un prato chinés feito de proteínas (moitas veces carne de polo, carne bovina, tofu, gambas ou carne porcina), cocido rapidamente con verduras coma xermolos de soia, repolo e apio ás que se engade un espeso mollo de amidón. Adoita servirse con arroz, aínda que tamén pode tomar a forma dun chow mein con fideos fritos.

O chop suey foi orixinalmente un prato consumido só na China, máis precisamente no sur do país, nas cidades de Cantón, Fuzhou, Hong Kong ben coma nas provincias circunstantes de Guangdong e Fujian;[1] ó instalárense algures, os emigrantes daquel país levárono consigo. Sempre con arroz en lugar de fideos, igualmente vén sendo un dos pratos tradicionais que se prepara na illa francesa da Reunion, onde é considerado unha receita típica dos “petits blancs”, unha poboación local de orixe europea que historicamente tivo unha certa mestura cos chineses. Dende a fin do século XIX o chop suey converteuse nun prato da cociña sino-americana, sino-canadense e, dende hai pouco tempo, da cociña sino-india. Os filipinos teñen a súa propia versión. Esta en xeral inclúe cenorias, caiotas, repolo e cogomelos da variedade Auricularia auricula-judae, coñecidos popularmente coma “orellas de Xudas” en galego, mais cuxos nomes son 木耳 “orellas de madeira” en chinés e tenga ng daga “orellas de rato” en tagalo. Algunhas preparacións tamén inclúen pementos e/ou brócolis.

Restaurante de chop suey nos Ánxeles. Restaurantes coma este tornáronse raros, mais outrora foran comúns nos Estados Unidos.

Seica o prato foi inventado durante a dinastía Qing. Durante a visita do diplomático e mandarín Li Hongzang ós Estados Unidos, cando os xornalistas preguntaron o que el comera, os cociñeiros atoparon unha gran dificultade en explicalo e dixeron simplemente que tomara unha “mestura de anaquiños” (雜碎 ou chop suey).[2]

O prato apareceu por vez primeira nunha publicación estadounidense, New York's Chinatown: An Historical Presentation of Its People and Places, de Louis Joseph Beck (1898)[3]. No seu famoso libro, The Gangs of New York (1927), Herbert Asbury atribúe a versión occidental deste termo a unha versión en cantonés simplificada da frase tsap sui, que significa “cousas iguais e finas”, "varias partes”, ou máis sinxelamente “cousa picada”[4]. Algúns afirman que foi inventado por cociñeiros da diáspora chinesa dos Estados Unidos que traballaron para os construtores do primeiro ferrocarril transcontinental, xa na década de 60 do século XIX. Non obstante, comezou a popularizarse só posteriormente, nos restaurantes chineses da cidade de Nova York, dende a década de 1880.

Por regra xeral, o termo “chop suey” ou za sui, cando se usa en chinés, significa "cociña-los miúdos dos animais abatidos". Por exemplo, na novela clásica de Wu Cheng'en, 西遊記 (Xī Yóu Jì: Viaxe ó oeste, aínda sen tradución galega), de 1590, Sun Wukong di a un león no capítulo 75:

Cando eu pasei pola cidade de Cantón, merquei un pote para prepara-lo za sui — velaí que vouche devora-lo fígado, as túas entrañas e o teu pulmón!

Antes dos tempos modernos, o uso da palabra no seu sentido occidental era descoñecido na lingua chinesa. Durante o seu exilio nos Estados Unidos, o pensador reformista Liang Qichao (1873-1929), natural da provincia meridional de Guangdong, escribiu en 1903 que existía nos Estados Unidos unha comida chamada chop suey que se servía nos restaurantes chineses, e segundo el os seus compatriotas alí instalados non a adoitaban comer.[5] O termo za sui (杂碎) atópase nos dicionarios chinés-inglés máis recentes tanto como cocción de cachiños coma chop suey no seu sentido occidental de especialidade gastronómica chinesa.

Este dobre significado creou confusión nalgúns restaurantes chineses dos países de fala inglesa, indicando nos seus menús “mestura de miúdos” para tentaren explica-lo prato ós clientes.

[editar | editar a fonte]

Unha das melodías máis famosas gravadas por Louis Armstrong e polo seu grupo de jazz Hot Five para o álbum Okeh (o 26 de febreiro de 1926), chámase Cornet Shop Suey, en homenaxe xustamente a esta preparación culinaria, da cal o trompetista gustaba particularmente.[6]

Unha das cancións do grupo System of a Down (metal alternativo) contida no disco Toxicity chámase Chop Suey!

Notas e referencias

[editar | editar a fonte]
  1. Anderson 1990, p. 216
  2. Mikkelson, David (19 de xaneiro de 2000). "Chop Suey Origins". snopes.com (en inglés). Consultado o 8 de novembro de 2021. 
  3. Primeira mención da verba “chop suey” na literatura, OCLC 145027607.
  4. Asbury, Herbert (ISBN 9781560252757, OCLC 47644025)
  5. Liang Qichao et Xuetao Li, Travels in the New Continent (新大陆游記) ISBN 7802304717 OCLC 179776584.
  6. Jarenwattanon, Patrick. npr.org, ed. "Red Beans And Ricely Yours: The Culinary Habits Of Louis Armstrong". Consultado o 8 de novembro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Anderson, E. N. (1990). The Food of China (en inglés). New Haven, CT: Yale University Press. ISBN 0300047398. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]