Ceca de Mediolanum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ceca de Mediolanum

Siliqua de Magno Máximo

D.N. MAG MAXIMVS P F AVG; busto laureado e acoirazado cara á dereita. VIRTVS ROMANORVM, Roma no trono de fronte, con orbe e cetro. MDPS no exergo.
Siliqua. Ceca de Mediolanum (marca MDPS). Ca. 387-388. 1,59 g. [1]

A ceca de Mediolanum foi un obradoiro monetario do Imperio Romano en funcionamento na antiga cidade de Mediolanum (a actual Milán) a partir de 260, co emperador Galieno (260-268).[2]

A ceca situábase ao pé do foro romano de Milán, aproximadamente onde agora está a moderna Via Moneta (chamada así en conmemoración da ceca).[2]

Marcas de ceca[editar | editar a fonte]

De entre as diversas marcas de ceca utilizadas estas son algunhas das máis frecuentes: MD (Mediolanum), MED (Mediolanensis), MDOB (Mediolanensis Obrizyacum), MDPS (Mediolanensis Pustulatum; "prata pura"), PM (Prima Mediolanum), SM (Secunda Mediolanensis), TM (Tertia Mediolanensis), etc.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro autor en facer mención da ceca de Mediolanum foi Ausonio, cando en torno a 380-390, referíndose á cidade de Mediolanum, escribiu:[4]

LATÍN: «Mediolani mira omnia, copia rerum, innumerae cultaeque domus, facunda virorum ingenia et mores laeti, tum duplice muro amplificata loci species populique voluptas, circus, et inclusi moles cuneata theatri, templa Palatinaeque arces opulensque moneta et regio Herculei celebris sub honore lavacri; cunctaque marmoreis ornata peristyla signis moeniaque in valli formam circumdata limbo. Omnia quae magnis operum velut aemula formis excellunt nec iuncta premit vicinia Romae.

GALEGO: «En Mediolanum todo é digno de admiración; hai grandes riquezas e numerosas cousas nobres. A poboación é de grande capacidade, elocuencia e afabilidade. A cidade medrou e está circundada por un círculo dobre de murallas. Aí está o circo, onde o pobo goza dos espectáculos, o teatro con chanzos en forma de cuña, os templos, a fortaleza do palacio imperial, a ceca, o distrito que toma o nome da terma de Erculee. Os patios con columnas están adornados con estatuas de mármore e as paredes están rodeadas por unha ringleira de bancos fortificados. Os seus edificios son máis impoñentes que os demais, coma se fosen rivais, e o seu tamaño non diminúe nin malia a proximidade a Roma».

Dupondio de Xulio César atribuído á ceca de Mediolanum e cuñado en 45 a. de C.

Período dubidoso (49-42 a. de C.)[editar | editar a fonte]

En decembro de 49 a. de C. César outorgoulle a cidadanía romana aos habitantes da provincia da Gallia Cisalpina.[5] Nesta circunstancia, resulta previsible que Mediolanum puidese ter cuñado moeda en conmemoración dun evento de tal relevancia para a cidade. Poucos anos máis tarde, en 42 a. de C., a nova provincia romana, que estaba administrada por un propretor, foi abolida, ao pasar a Gallia Cisalpina a formar parte da Italia romana.[6]

Primeiro período da ceca (251-274)[editar | editar a fonte]

Porén, o desenvolvemento dunha ceca estable correspóndelle ao período imperial, durante a crise do século III, a partir do emperador Decio (249-251 d. de C.).[7] A partir de aí, seguiron as emisións monetarias desta ceca co seu sucesor, Treboniano Galo (251-253).[8]

En 260 e 261 produciuse unha importante serie de moedas, composta por 23 tipoloxías diferentes de antoninianos, coñecida como "serie das lexións", onde estas aparecían representadas cos seus nomes, as súas insignias, os seus símbolos e as súas lendas.[9]

Antoniniano de Aureliano cuñado no terceiro obradoiro da ceca de Mediolanum (marca de ceca TM), en 274 d. de C.

Foi neste primeiro período, a partir de 262, cando nas emisións de Mediolanum empezou a aparecer na súa marca de ceca a indicación do obradoiro concreto (officina) onde se cuñaba a moeda, coas iniciais P(rima), S(ecunda) e T(ertia) precedidas pola inicial M(ediolanum). Aquí Galieno cuñou tamén áureos e quinarios de ouro e de prata, así como dupondios e ases. Entre finais de 267 e os inicios de 268, durante o asedio de Mediolanum por parte de Galieno contra Aureolo (que tiña alí o seu cuartel xeral), a ceca produciu moedas a nome do usurpador Póstumo, postulado como emperador da Galia (áureos e antoninianos).[10] Derrotado Aureolo e logo morto Galieno, a ceca pasou novamente a cuñar moeda imperial baixo Claudio o Gótico, entre 268 e 270, con emisións de áureos e antoninianos, así como pequenas cantidades de dupondios e ases. Posteriormente, baixo Aureliano (270-275) abriu unha cuarta officina, antes da clausura da ceca en 274, en beneficio da veciña ceca de Ticinum, que tiña seis obradoiros activos.[11][12]

Segundo período da ceca (291?-327)[editar | editar a fonte]

A ceca de Mediolanum reabriu durante a tetrarquía de Diocleciano (284-305), cando Maximiano (286-310) escolleu Mediolanum como a súa capital en torno a 290 ou 291. Deste xeito, reactiváronse dous dos catro obradoiros da época de Aureliano e, a partir de 302, reabriuse tamén o terceiro para a produción de follis para toda a tetrarquía, nos que o busto do emperador se amosa laureado (294-295) ou "radiado" (299). Entre 307 e 312 a ceca cuñou moeda a nome de Maxencio (306-312) e, logo da batalla da Ponte Milvio, pasou a Constantino I (306-337), que chegou a abrir unha cuarta officina en 324, aínda que acabou por pechar as cecas cecas de Ticinum e de Mediolanum en 326-327, deixando abertas en Italia unicamente a ceca de Aquileia e a de Roma.[11]

Sólido de Valentiniano I cuñado na ceca de Mediolanum (marca de ceca MD) en 390 d. de C.

Terceiro período da ceca (352-404?)[editar | editar a fonte]

Durante o reinado de Costancio II (337-361), en concreto en novembro de 352, reactivouse novamente a ceca de Mediolanum, cando este emperador escolleu a cidade como a súa capital imperial durante polo menos un lustro, logo de derrotar a Magnencio (350-353). Estas novas emisións, unicamente en ouro e en prata, levaban as marcas de ceca SMMED, MED, MDOB (ata 389) e posteriormente MD, para os valores en ouro, e MDPS e MD no caso das de prata.[11]

A actividade desta ceca, con todo, limitouse aos períodos en que o emperador (ou o usurpador, de ser o caso) residía na cidade de Mediolanum. En ausencia desta autoridade, permanecía inactiva. Desde 395 ata 404 concentrouse en Mediolanum toda a produción de moeda de ouro e de prata para as provincias do norte, con emisións de múltiplos excepcionais en ambos os metais. Co traslado da capitalidade do Imperio Romano a Rávena e a conseguinte apertura da nova ceca de Rávena, a de Mediolanum comezou a diminuír progresivamente as súas emisións ata o seu terceiro pechamento, ca. 404.[11]

Sólido de Valentiniano III cuñado na ceca de Mediolanum ca. 430-455

Cuarto período –romano-bárbaro– (452?-526?)[editar | editar a fonte]

Finalmente, a ceca reactivouse novamente coa caída dos hunos de Atila e o posterior asedio a Milán, ao final dos cales se lle atribúe ao emperador Valentiniano III (425-455) a emisión de novas moedas coa lenda VICTORIA AUGGG.[11]

Os derradeiros emperadores en cuñar moeda en Mediolanum foron: Avito (455-456), Maioriano (457-461), Libio Severo (461-465), Antemio (467-472), Glicerio (473-474), Xulio Nepote (474-475), Zenón (474-491) e finalmente Teodorico o Grande (493-526), que cuñou sólidos, tremissis, siliquas a nome de Anastasio I Dicoro (491-518).[11]

Edificio[editar | editar a fonte]

Situación da ceca de Mediolanum nun plano da cidade

As investigacións arqueolóxicas aínda non identificaron definitivamente o antigo edificio onde comezaron as cuñaxes de moeda en Mediolanum. O certo é que na Via Moneta (topónimo indicativo da presenza da antiga ceca), a principios do século XX (1908), durante a construción do edificio o Banco de Italia, saíron á luz as paredes de lastro dun edifico rectangular de 44 x 16,85 metros, entre a propia Via Moneta e a Via Armorari, orientado de NO a SE, segundo a orientación do veciño foro romano de Milán, que podería identificarse como a primeira ceca da cidade.[2][13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. (RIC) IX 19a.
  2. 2,0 2,1 2,2 Chiaravalle, M. (1990). Páxina 103.
  3. "Mediolanum: Milan, Italy". Forum Ancient Coins.
  4. Ausonio. Ordo urbium nobilium VII.
  5. Dión Casio. Storia romana, XLI, 36.
  6. Laffi, U. (1992).
  7. (RIC) Decius, IV 38a corr.
  8. (RIC) Trebonianus Gallus, IV 70.
  9. Savio, A. (2001). Páxina 202.
  10. (RIC) Postumus, V, II. Páxinas 367-368.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 Chiaravalle, M. (1990). Páxina 47.
  12. Ermanno, A. (2012). Páxina 35.
  13. Bacchetta, A. (2008). Páxina 48.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ermanno, A. (2012). "La moneta a Milano in età costantiniana: una città al centro dell'Impero e una zecca chiusa". En Biscottini, P.; Sena Chiesa, G. L'editto di Milano e il tempo della tolleranza. Costantino 313 d.C. Mondadori Electa. Milán. Páxinas 34-39. ISBN 9788837092702
  • Bacchetta, A. (2008). "I luoghi di culto e gli spazi della politica". En Cadario, M. (ed.). Lombardia romana. Arte e architettura. Skira. Milán. Páxinas 64-67. ISBN 9788861308565
  • Chiaravalle, M. (1990). "La produzione delle zecche di Milano e di Ticinum". En Sena Chiesa, G. Milano capitale dell'Impero romano (286-402 d.C.). Silvana Editoriale. Milán.
  • Cracco Ruggini, L. (1990). "Milano da "metropoli" degli Insubri a capitale d'Impero: una vicenda di mille anni". En Sena Chiesa, G. Milano capitale dell'Impero romano (286-402 d.C.)". Silvana Editoriale. Milán.
  • Gorini, G. (1984). La Zecca di Milano: atti del Convegno Internazionale di Studio, Milano 9 - 14 maggio 1983. Società numismatica italiana.
  • Laffi, U. (1992). "La provincia della Gallia Cisalpina". En Athenaeum. 80. Páxinas 5-23.
  • Migliavacca, G. (1990). "The early cycle of the Mediolanum Mint. A.D. 254-268. Parte I". En Moneta International. Vol. I. Nº 2. Febreiro. ISSN 0958-1545.
  • (RIC): Roman Imperial Coinage (1923-1994). 10 volumes.
  • Savio, A. (2001). Monete romane. Roma. Jouvence. ISBN 978-8878012912. Páxina 202.
  • Toffanin, A. (2014). Mediolanum. Ed. Varesi.
  • Ulrich-Bansa, O. (1949). Moneta mediolanensis (352-498). C. Ferrari, Venecia.