Catarina de Alexandría
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 287 Alexandría (Imperio Romano) |
Morte | 305 (17/18 anos) Alexandría (Imperio Romano) |
Causa da morte | decapitación |
Relixión | Cristianismo |
Actividade | |
Ocupación | misioneira |
Período de tempo | Baixo Imperio Romano |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 25 de novembro |
Símbolo iconográfico | Roda, espada, palma do martirio e Santa Catarina de Alexandría e a roda |
Patrón de | Dnipro |
Cronoloxía | |
Santa Catarina de Alexandría e a roda | |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron The Nuttall Encyclopædia >>>:Catharine, St., of Alexandria Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Catarina de Alexandría, tamén coñecida como Santa Catarina de Alexandría, Santa Catarina da Roda e A Gran Mártir Santa Catarina (en copto: Ϯⲁⲅⲓⲁ Ⲕⲁⲧⲧⲣⲓⲛ; en grego antigo: ἡ Ἁγία Αἰκατερίνη ἡ Μεγαλομάρτυς; en latín: Catharina Alexandrina), foi segundo a tradición unha santa e virxe cristiá, martirizada a principios do século IV a mans do emperador Maxencio. Segundo a súa haxiografía, foi unha princesa e unha destacada estudante que se converteu ao cristianismo aos 14 anos, converteu centos de persoas e foi martirizada aos 18 anos.
A igrexa ortodoxa oriental venéraa como megalomártir e celebra a súa festividade o 24 ou o 25 de novembro dependendo da tradición local. No catolicismo, Catarina é reverenciada como unha dos catorce santos auxiliadores e é conmemorada no martiroloxio romano o 25 de novembro.[1] A súa festa foi suprimida do calendario romano xeral[2] en 1969, mais restaurada en 2002 como lembranza opcional.
Algúns investigadores modernos consideran que a lenda de Catarina probablemente se baseou na vida e na morte da filósofa e matemática grega Hipatia, intercambiando os papeis dos cristiáns e dos pagáns.[3][4][5]
Haxiografía
[editar | editar a fonte]As informacións sobre a vida de Catarina de Alexandría proporciónaas documentación moi tardía.[6] O documento máis antigo é a Passio, redactada inicialmente en grego entre os séculos VI e VIII, moi coñecida a partir do século IX a través da versión latina. Existen ademais outros textos haxiográficos, entre os que salienta a Conversio, quizais influída pola mística femenina beneditina.
Segundo estes textos, Catarina naceu contra o ano 290 no seo dunha familia nobre deAlexandría, en Exipto. Deotada dunha grande intelixencia, destacou axiña polos seus extensos estudos, que a situaron ao mesmo nivel que grandes poetas e filósofos da época. Unha noite apararéuselle Xesús Cristo e decidiu consagrar a súa vida a el, considerándose dende entón a súa prometida. O tema do matrimonio místico é común no leste do mar Mediterráneo e na espiritualidade católica.
O emperador Maxencio (306-312) acudiu a Alexandría para presidir unha festa pagá e ordenou que todos os súbditos fixesen sacrificios aos deuses. Catarina entrou no templo, mais en lugar de realizar o sacrificio fixo o sinal da cruz. Dirixíndose ao emperador, reprendeuno exhortándoo a recoñecer a Deus. Conducida a palacio, reiterou a súa negativa a facer sacrificios, mais convidou ao emperador a un debate.
Na proba do debate, os sabios convertéronse ao cristianismo,[7] o que provocou a ira do emperador, que fixo executar os sabios despois de propor a Catarina que casase cun deles, ao que ela se negou. Maxencio tratou de convencela con promesas, mais ao non logralo mandou azoutala e despois encerrouna en prisión. Alí foi visitada pola emperatriz e por un oficial, Porfirio, que se converteu xunto con outros douscentos soldados.
O emperador ordenou entón que torturasen a Catarina empregando unha máquina formada por unhas rodas provistas de coitelas afiadas. Segundo a Passio, as rodas romperon ao tocaren o corpo de Catarina, que saíu ilesa. A emperatriz tentou interceder en favor dela, mais acabou por ser decapitada,[7] igual que Porfirio e os seus douscentos soldados.
A súa tumba atoporíase ao pé do monte Sinaí, no mosteiro que leva o seu nome (de feito dedicado á transfiguración de Cristo), o que deu motivo a peregrinacións de todo o mundo, especialmente apreciada polos peregrinos de Terra Santa.[8] A lenda narra que os monxes do mosteiro construído aos pés do Sinaí descubriron nunha gruta o corpo intacto dunha rapaza á que recoñeceron como Catarina. Segundo a Passio, o corpo fora depositado alí por anxos.[7]
Difusión posterior
[editar | editar a fonte]O primeiro vestixio do seu culto localizouse nunha pintura do século VIII achada en Roma. A súa veneración expandiuse dende a segunda metade do século X e foi unha das máis difundidas por toda Europa, particularmente en Francia, no século XII, da man dos cruzados. A igrexa ortodoxa celebrouna. Santa Catarina e santa Dorotea foron representadas con gran frecuencia nos altares húngaros ao longo dos séculos XIV e XVI, converténdose en figuras moi populares xunto a santa Sabela de Hungría e santa Margarida de Hungría. En toda Europa extendeuse o culto a santa Catarina e moitas igrexas teñen imaxes ou cadros dela.
Máis de 1100 anos despois do martirio de Catarina, Xoana de Arco identificouna como unha das santas que se lle apareceu para aconsellala.[9]
A difusión da devoción inspirou artistas, que representan a santa cunha aureola tricolor: branca pola súa virxindade, verde pola súa sabedoría e vermella polo seu martirio. A roda que se empregou para o seu suplicio está case sempre representada detrás súa.
Historicidade
[editar | editar a fonte]Algúns historiadores puxeron en dúbida a existencia histórica de Catarina. Donald Attwater cualificou a lenda de santa Catarina como "a máis absurda da súa caste", citando a falta de probas positivas que nunca existiron fóra da imaxinación dun escritor grego que simplemente a compuxo coa intención de ser unha historia edificante.[10] Tamén Harold T. Davis confirma que "a investigación asidua non logrou identificar a Catarina con ningunha personaxe histórica" e teorizou que Catarina foi un invento inspirado como contrapartida á historia da filósofa e matemática pagá Hipatia.[11][12][13][14]
O relato máis antigo que trata sobre a vida de santa Catarina sitúase máis de cincocentos anos despois da suposta data do seu martirio, atribuído ao emperador Basilio I no ano 866, aínda que o descubrimento das súas reliquias no mosteiro do monte Sinaí dátase no ano 800,[15] e presumiblemente implica un culto existente nesa data. O mosteiro foi construído por orde do emperador Xustiniano I, ao que se engadiu a capela da Silva Ardente construída por Helena, nai de Constantino I, no lugar onde supostamente Moisés contemplou a silva ardente. Ademais, os textos máis fidedignos en rigor científico como as pescudas haxiográficas dos bolandistas coñecidas como Acta Sanctorum son aceptados como válidos historicamente para entender o seu culto primario como personaxe histórica.[16]
Aínda que un sector da igrexa católica puxo en dúbida a súa existencia histórica a partir de 1961, liberada con todo das narracións lendarias, permanece inscrita no martirologio romano como liberum memoria.
Padroado
[editar | editar a fonte]Catarina de Alexandría é a padroa dos escolares e dos estudantes, filósofos, prisioneiros (con Leonardo de Noblat, Fernando III de Castela e José Cafasso), das mozas casadeiras, barbeiros (con Cosme e Damián e Martiño de Porres), e dos que se relacionan polo seu oficio coas rodas: carreteiros, muiñeiros, trapeiros, fiandeiros, ciclistas etc.[17]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Martyrologium Romanum (Libreria Editrice Vaticana, 2001 ISBN 88-209-7210-7)
- ↑ Calendarium Romanum (Libreria Editrice Vaticana, 1969), p. 147
- ↑ Walsh 2007, pp. 3–26.
- ↑ Deakin 2007, pp. 135, 202.
- ↑ Maria Dzielska: Hypatia of Alexandria, Cambridge (Massachusetts) 1995, p. 21; Christian Lacombrade: Hypatia. In: Reallexikon für Antike und Christentum, Bd. 16, Stuttgart 1994, Sp. 956–967, here: 966; Gustave Bardy: Catherine d’Alexandrie. In: Dictionnaire d’histoire et de géographie ecclésiastiques, Bd. 11, París 1949, Sp. 1503–1505, here: 1504.
- ↑ Donnini, M. (2000). "Catalina de Alejandría". En Leonardi, C.; Riccardi, A.; Zarri, G. Diccionario de los Santos 1. Madrid: San Pablo. pp. 447–448. ISBN 84-285-2258-8. Consultado o 5 de setembro de 2013.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Petry, M. Cecília; Ziviani, Berenice (2001). Jovem corajosa: vida de Santa Catarina de Alexandria (en portugués). Petrópolis, RJ: Ed. Gráfica Serrana. p. 48.
- ↑ Foley & McCloskey 2009.
- ↑ Williard Trask, Joan of Arc: In Her Own Words (Turtle Point Press, 1996), 99
- ↑ Soares de Azevedo, Mateus (25 de abril de 2005). Ye shall know the truth: Christianity and the perennial philosophy. World Wisdom, Inc. p. 324. ISBN 978-0-941532-69-3. Consultado o 29 de novembro de 2011.
- ↑ Harold Thayer Davis, Alexandria: The Golden City (Principia Press of Illinois, 1957), p 441
- ↑ Allen, pp. 214-217
- ↑ Walsh, Christine. (2007). The Cult of St Katherine of Alexandria in Early Medieval Europe. Aldershot: Ashgate. pp. 3–26.
- ↑ Deakin, Michael A. B. (2007). Hypatia of Alexandria, Mathematician and Martyr. Nova York: Amherst. pp. 135, 202.
- ↑ S.R.T.O d'Ardeene and E.J. Dobson, Seinte Katerine: Re-Edited from MS Bodley 34 and other Manuscripts (Oxford: Oxford University Press, 1981), xiv.
- ↑ ¿Historicidad en Santa Catalina de Alejandria? Arquivado 05 de decembro de 2020 en Wayback Machine.. preguntasantoral.
- ↑ Leonardi, C.; Riccardi, A.; Zarri, G., eds. (2000). "Santos patronos". Diccionario de los Santos, volumen II. Madrid: San Pablo. pp. 2235–2237. ISBN 84-285-2259-6.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Catarina de Alexandría |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cueto Muñoz, Raúl (2014). Mandylion. Pentian.
- Deakin, Michael A. B. (2007). Hypatia of Alexandria, Mathematician and Martyr. New York: Amherst.
- Donnini, M. (2000). "Catalina de Alejandría". En Leonardi, C.; Riccardi, A.; Zarri, G. Diccionario de los Santos 1. Madrid: San Pablo. pp. 447–448. ISBN 84-285-2258-8.
- Foley, Leonard; McCloskey, Patrick (2009). Saint of the Day: Lives, Lessons & Feasts. Franciscan Media. ISBN 978-0-86716-887-7.
- Walsh, Christine. (2007). 'The Cult of St Katherine of Alexandria in Early Medieval Europe. Aldershot: Ashgate.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Clugnet, L. (1908). St. Catherine of Alexandria. In The Catholic Encyclopedia. Nova York: Robert Appleton Company. Consultado o 4 de outubro de 2008
- Justicia poética Amelia Valcárcel, en El País, 13 de decembro de 2009
- Calendario Ortodoxo