Castro de Monte Mozinho
Castro de Monte Mozinho | |
---|---|
Freguesía | Oldrões e Galegos |
Concello | Penafiel |
Distrito | Porto |
País | Portugal |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | Idade de Ferro Imperio Romano |
Períodos de escavación | 1943-1954 1974-1979. Actualidade. |
Estado actual | Visitable. |
Véxase tamén | |
Castros de Portugal |
O castro de Monte Mozinho, tamén coñecido como Cidade Morta de Penafiel, é un asentamento fortificado do século I a.C. situado no municipio de Penafiel, na subrexión do Támega do distrito portugués do Porto.
Trátase dun dos maiores asentamentos da cultura castrexa e posteriormente da romana no noroeste de Portugal.
Localización
[editar | editar a fonte]O asentamento está situado no cumio do monte Mozinho, de case 400 metros de altitude, que lle dá o nome, nunha zona cuberta de piñeiral con vistas á Ribeira da Camba. Érguese na parte sur do municipio de Penafiel, distrito do Porto, a uns sete quilómetros ao norte da confluencia dos ríos Douro e Támega, entre as freguesías de Oldrões e Galegos.[1][2][3]
Como a maior parte dos asentamentos da cultura castrexa, o Castro de Monte Mozinho está situado na cimeira dun outeiro, mais de xeito diferente a moitos outros, como o de Sanfins ou a Citania de Briteiros, as abas son moito máis planas e apenas soportan as defensas existentes.
Historia
[editar | editar a fonte]O castro de Monte Mozinho fundouse no século I a.C.,[3] ao sur da zona de asentamento dos celtiberos galaicos (chamados en latín gallaeci ou callaeci e en grego Καλλαϊκοί),[4] cuxa área de asentamento se estendía desde o Douro, ao sur, polo norte de Portugal e Galicia, e o oeste de Asturias e de León. A zona de asentamento dos galaicos coincide en gran medida coa expansión da cultura castrexa; secasí, a rexión da Gallaecia só se fixo historicamente recoñecible a principios do século a través da súa mención nas obras dos escritores Estrabón[5] e Apiano.[6] Malia a derrota dos galaicos en 136 a.C., só despois das Guerras Cántabras (29 a.C. a 19 a.C.), baixo Augusto, Roma logrou imporse e avanzar na romanización da poboación local coa fundación das cidades de Bracara Augusta (Braga) e Lucus Augusti (Lugo).[7]
Non se acharon neste castro máis que uns poucos artefactos da época prerromana. A reorganización urbanística do asentamento en época flavo-antoniana, coa construción da acrópole oval e os primeiros templos, é máis claramente perceptible. O asentamento reduciuse logo, xa no século II, e só volveu aumentar nas derradeiras décadas do século III.[8] As necrópoles descubertas no norte do asentamento amosan que foi habitado continuamente desde o século I ao IV, malia a cambiante densidade de poboación da cidade. A súa denominación por parte dos romanos non se conservou.
Cunha superficie dunhas 20 hectáreas, o Castro do Mozinho é comparable aos coñecidos asentamentos de Briteiros e Sanfins e, igual que outros grandes castros deste período, está rodeado por unha serie de asentamentos da mesma época máis pequenos. Así e todo, a partir dos achados puramente arqueolóxicos, non se pode determinar con certeza se o de Castro Mozinho tiña unha función central.[9]
Investigación
[editar | editar a fonte]As primeiras escavacións arqueolóxicas foron realizadas en 1930 baixo a dirección de Abílio Miranda e continuadas en 1943 por Elísio Ferreira de Sousa, e en 1947 por Fernando Russel Cortez.[3] En 1948, a zona de asentamento foi rexistrada e protexida como Imóvel de Interesse Público (IIP).[1][2][10] Entre 1974 e 1979, Carlos A. Ferreira de Almeida levou a cabo novas campañas.[3]
En 1982, Teresa Soeiro iniciou novas escavacións que duraron unha década, e ata 2006 leváronse a cabo novas investigacións con regularidade.[11] O 8 de novembro de 2004 foi inaugurado un Centro de Interpretación do castro, construído polo Municipio de Penafiel coa axuda de fondos europeos.[3][8]
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Murallas
[editar | editar a fonte]O castro está protexido por tres aneis de murallas, de ata 3,50 metros de grosor na zona das portas. O anel de muralla máis interior, ovalado e situado á altura da cimeira do outeiro, que protexía unha área dunhas 5,5 hectáreas e que permanecía libre de calquera edificación e probablemente cumprise funcións sociais ou relixiosas, é único na cultura castrexa. A construción desta muralla máis interna asóciase á remodelación do asentamento en época flavia.[8] As murallas construíronse utilizando o método de construción en seco, cuxos tramos individuais se enchían con pedras e se remataban con lousas de granito no exterior.[1]
Rúas
[editar | editar a fonte]As rúas do asentamento, que están pavimentadas con granito, dan acceso e subdividen as súas partes. Unha ampla calzada, tamén pavimentada, conduce desde a entrada da acrópole ata a porta nordeste, e é probable que fose o eixe de tráfico máis salientable do asentamento.
Edificios
[editar | editar a fonte]Os edificios de pedra con plantas circular e rectangulares caracterizan a imaxe do castro, como noutros do mesmo período. Os muros e as rúas agrupaban grupos destes edificios en pequenos quinteiros. As escavacións permiten separar cronoloxicamente os edificios deste asentamento en dous períodos: o primeiro, preflaviano, no que predominaron os edificios redondos con soportal en forma de pinza, e outro posterior caracterizado por edificios rectangulares, complementados por uns poucos edificios redondos, mais xa sen o característico soportal.[12]
En pleno asentamento, ao leste da intersección da porta da acrópole e a calzada central, Carlos Alberto Ferreira de Almeida puido establecer a existencia dun templo romano, probablemente dedicado a Xúpiter. Ademais dos numerosos achados romanos, a crecente romanización da poboación local que vivía alí pódese apreciar por primeira vez nos achados construtivos do asentamento.[12]
Fóra do segundo anel de murallas, ao norte da estrada, descubríronse os restos dun monumento romano que flanqueaba a entrada principal do asentamento.
Ao norte da zona de vivendas descubríronse novos muros, varios cemiterios de incineración dos séculos I a III e soterramentos de inhumación do século IV.[13][14]
Achados
[editar | editar a fonte]Entre os obxectos desenterrados hai fragmentos de cerámica prerromanas e da ocupación romana, entre eles olas, vidro, tellas, pedras de muíño, moedas, elementos metálicos (de adorno, defensivos e agrícolas), xoias de prata e de bronce, fíbulas transmontanas,[15] estatuas de granito e altares.[3] Entre todos estes obxectos destacan unha serie completa de moedas romanas desde Caio Xulio César ata Constantino, así como broches, fragmentos de altares, algúns dedicados a Xúpiter, e restos de estatuas de guerreiros.
Todos eles están repartidos entre o Museo Municipal de Penafiel,[16] o Museo de Etnografía e Historia do Porto e o Museo de Antropoloxía da Universidade do Porto.[3][8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Castro de Monte Mozinho, mais conhecido pela Cidade Morta de Penafiel". Direção-Geral do Património Cultural (servicos.dgpc.gov.pt).
- ↑ 2,0 2,1 "Castro de Monte Mozinho/ Cidade Morta de Penafiel". Património Cultural (Arqueologia.patrimoniocultural.pt).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "Castro de Monte Mozinho / Cidade Morta de Penafiel". Sistema de Informação para o Património Arquitectónico (Monumentos.gov.pt).
- ↑ Barceló, P. (1997). "Callaici". En Der Neue Pauly. Tomo 2. Metzler, Stuttgart. Páxina 939. ISBN 3-476-01472-X
- ↑ Estrabón. III 152 e seguintes.
- ↑ Apiano. Hisp. 70 e seguintes.
- ↑ González García, F. J.; Brañas, R. (1995). Galicia romana. Historia de Galicia. Tomo II. Vía Láctea Editorial, Perillo-Oleiros. ISBN 84-89444-13-7
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 "Castro de Monte Mozinho (Penafiel-Portugal)". En Antigua. Historia y Arqueología de las civilizaciones
- ↑ Coelho, A. (1999). Páxina 123.
- ↑ "Decreto 37077, DG 228, de 29 de setembro de 1948". Diários da República (dre.tretas.org).
- ↑ Soeiro, T.; Lourido, F. C. (2014).
- ↑ 12,0 12,1 Almeida, C. A. F. (1980).
- ↑ Pinho, J. (1931).
- ↑ Pires de Carvalho, T. (2008).
- ↑ Ponte, S. (1984).
- ↑ "Castro de Monte Mozinho". Museudepenafiel.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castro de Monte Mozinho |
A Galipedia ten un portal sobre: Cultura castrexa |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Almeida, C. A. F. (1974). Escavações no Monte Mozinho (1974). Penafiel.
- Almeida, C. A. F. (1977). Escavações no Monte Mozinho (II ed.). Penafiel.
- Almeida, C. A. F. (1980). "O templo do Mozinho e seu conjunto". En Portugalia. Porto. Páxinas 51-56.
- Andrade, V. (1920). "Monte Mosinho". En Boletim da Associação dos Arqueólogos Portugueses. Serie 5. Lisboa. Páxinas 275-277.
- Coelho, A. (1999). "A Cultura Castreja no Norte de Portugal". En Revista de Guimarães. Vol. especial I. Guimarães. Páxinas 111-132.
- Machado, F. S. L. (1920). Uma cidade morta no Monte Mozinho ou o castro de Santo Estevão de Oldrões. Coímbra.
- Pinho, J. (1931). A necrópole calaico-romana do Mósinho, Pena-Fidelis, Penafiel.
- Pires de Carvalho, T. (2008). "As necrópoles de Monte Mozinho: resultados preliminares". En Revista Oppidum.Número especial. Lousada. Páxinas 83-113.
- Ponte, S. (1984). "Fíbulas de sítios a Norte do rio Douro". Lucerna, Porto. Páxinas 131, 133-136.
- Soeiro, T. (1984). "Monte Mózinho. Apontamentos sobre a ocupação entre Sousa e Tâmega em época romana". En Penafiel - Boletim Municipal de Cultura. Serie 3. Penafiel. Páxinas 123-299.
- Soeiro, T.; Lourido, F. C. (2014). "Escavações de Monte Mozinho (1974–1998): projecto territorial e lugar de encontro de Callaecia". En Revista da Faculdade de Letras Ciências e Técnicas do Património. XIII. Porto. Páxinas 143-158.
- Sousa, E. F. (1954). Relatório das escavações levadas a efeito no Monte Mósinho, Douro Litoral. Serie 6. Porto. Páxinas 136-149.
- Sousa, E. F. (1965). As moedas encontradas na citânia do Mosinho (cidade morta) e as suas possíveis conclusões. Lucerna, Porto. Páxinas 249-269.