Callinectes sapidus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Callinectes sapidus

Callinectes sapidus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Suborde: Pleocyemata
Infraorde: Brachyura
Superfamilia: Portunoidea
Familia: Portunidae
Subfamilia: Portuninae
Xénero: Callinectes
Especie: C. sapidus
Nome binomial
Callinectes sapidus

O cangrexo azul do Atlántico (Callinectes sapidus) é un crustáceo decápodo nativo da costa occidental do océano Atlántico. O seu corpo está cuberto dun exoesqueleto de cor verde escura.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Son espécimes activos e voraces. A súa dieta está baseada en crustáceos, peixes, gran variedade de moluscos e algas; e comen sen problemas calaza.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Como o resto dos crustáceos, son ovíparos. Reprodúcense en augas próximas ás costas, na primavera e no verán. Calcúlase que a fecundidade dunha femia de tamaño medio é de 700 000 a 2 000 000 de ovos.

Distribución[editar | editar a fonte]

Cangrexo azul en Core Banks, Carolina do Norte.

O cangrexo azul é nativo da costa occidental do océano Atlántico, desde Nova Escocia até a Arxentina, e arredor de toda a costa do golfo de México.[1][2] Introduciuse en augas xaponesas e europeas, e observouse nos mares Báltico, do Norte, Mediterráneo e Negro. O primeiro rexistro da súa presenza en augas europeas é do 1901 en Rochefort, Francia.[3] Nalgunhas partes da súa área de distribución onde foi introducido, C. sapidus converteuse nun obxectivo de pesca, compo pode ser Grecia, onde a súa poboación local pode estar en retroceso como consecuencia da sobrepesca.[3] Son moi comúns tamén na costa do océano Pacífico de América do Sur.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Callinectes sapidus.

Habitan en costas tropicais e mornas, en augas de baías, lagoas costeiras, esteiros e desembocaduras de ríos, a unha temperatura entre os 18 e os 23 °C, e nas praias a profundidades de entre 40 cm e 2 m. Poden vivir entre 3 e 8 anos. Tamén poden habitar costas con auga fría a temperatura inferior aos 18 °C e con ondada moderada. Viven entre penedos e algas flotantes e de vez en cando saen fóra da auga.

Descrición[editar | editar a fonte]

A casca de Callinectes sapidus pode crecer até un ancho de 23 cm. Pódese distinguir doutras especies relacionadas que habitan na mesma área polo número de dentes frontais da súa casca; C. sapidus ten catro, mentres que C. ornatus ten seis.[4]

Os machos e as femias de C. sapidus pódense distinguir polo dimorfismo sexual na forma do abdome: é longo e delgado (estreito) nos machos, pero ancho e redondeado nas femias maduras. Os cambios do abdome das femias vense a medida que estas maduran: nas femias inmaturas, o abdome ten forma triangular, mentres que nas maduras é redondo.[5]

A tonalidade azul derívase dunha serie de pigmentos na casca, incluíndo a alfa-crustacianina, que interactúa cun pigmento vermello, a astaxantina, para formar unha coloración azul verdosa. Cando se cociña o cangrexo, a alfa-crustacianina destrúese, deixando só a astaxantina, que cambia a súa cor a un vermello alaranxado ou un rosa forte.[6]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Cangrexos cociñados, xa de cor vermella, en venda no mercado do marisco de Washington D. C.

Os depredadores naturais de Csapidus inclúen anguías, raias, troitas, algunhas quenllas e os seres humanos. Este cangrexo é omnívoro, xa que come plantas e animais. Normalmente consome bivalvos de cuncha fina, anélidos, pequenos peixes, plantas, e case calquera outro elemento que poida atopar, incluíndo preas, outros individuos de C. sapidus e residuos animais.[7] É capaz de controlar as poboacións de cangrexo verde invasoras, Carcinus maenas. Os números das dúas especies correlaciónanse negativamente, así por exemplo C. maenas non se atopa na baía de Chesapeake, onde C. sapidus é máis frecuente.[8]

O cangrexo azul atlántico é propenso a unha serie de enfermidades e parasitos,[9] entre os que se inclúen unha serie de virus, bacterias, microsporidios, ciliados e outros.[9] Carcinonemertes carcinophila comunmente parasita a C. sapidus, especialmente as femias e os cangrexos vellos, aínda que non ten grande perigo na saúde do cangrexo.[9] O hiperparasito Urosporidium crescens tamén adoita parasitar este cangrexo.[9] Os parasitos máis daniños son Ameson michaelis, Paramoeba perniciosa e Hematodinium perezi, que lle provocan a «enfermidade do cangrexo amargo».[10]

Estes cangrexos son apreciados na culinaria costeira de case todos os países de costa pola súa carne e pola súa relativa abundancia e fácil captura.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Callinectes sapidus. Smithsonian Marine Station at Fort Pierce. 11 de outubro de 2004.
  2. Blue crabs. National Geographic. Consultado o 22 de jullo de 2011.
  3. 3,0 3,1 A. Brockerhoff & C. McLay (2011). Human-mediated spread of alien crabs. In Bella S. Galil, Paul F. Clark & James T. Carlton. In the Wrong Place – Alien Marine Crustaceans: Distribution, Biology and Impacts. Invading Nature 6. Springer. pp. 27-106. ISBN 978-94-007-0590-6.
  4. Susan B. Rothschild (2004). Sandy beaches. Beachcomber's Guide to Gulf Coast Marine Life: Texas, Louisiana, Mississippi, Alabama, and Florida (3rd ed.). Taylor Trade Publications. pp. 21-38. ISBN 978-1-58979-061-2.
  5. Blue crab, Callinectes sapidus. Maryland Fish Facts. Maryland Department of Natural Resources. 4 de abril de 2007. Consultado o 17 de febreiro de 2011.
  6. Blue Crab Frequently Asked Questions. Blue Crab Archives. Decembro de 2008.
  7. Blue Crab-About The bay. The Chesapeake Bay Foundation.
  8. Catherine E. DeRivera, Gregory M. Ruiz, Anson H. Hines & Paul Jivoff (2005). Biotic resistance to invasion: Native predator limits abundance and distribution of an P.U.P.U crab (PDF). Ecology 86 (12): 3367–3376. doi:10.1890/05-0479.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Gretchen A. Messick (1998). Diseases, parasites, and symbionts and blue crabs (Callinectes sapidus) dredged from Chesapeake Bay (PDF). Journal of Crustacean Biology 18 (3): 533–548. JSTOR 1549418.
  10. Gretchen A. Messick & Carl J. Sindermann (1992). Synopsis of principal diseases of the blue crab, Callinectes sapidus (PDF). NOAA Technical Memorandum. National Oceanic and Atmospheric Administration. NMFS-F/NEC-88.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]