Exoesqueleto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O exoesqueleto é o esqueleto externo continuo que recobre toda a superficie dos animais do filo artrópodos (arácnidos, insectos, crustáceos e outros grupos relacionados), onde cumpre unha función protectora e outra mecánica, proporcionando a sustentación necesaria para a eficacia do aparato muscular. Tamén se chama exoesqueleto á base, frecuentemente mineralizada, que segregan os corais (clase Anthozoa do filo Cnidaria).

Cabeza de formiga

O exoesqueleto dos artrópodos[editar | editar a fonte]

O exoesqueleto é unha cuberta externa producida pola actividade secretora das células epidérmicas. O exoesqueleto está composto polo polisacárido quitina, un polímero formado por cadeas rectas e simples (non ramificadas) de N-acetil-2-D-glicosamina, un monosacárido que inclúe nitróxeno na súa composición. Nalgúns casos o exoesqueleto aparece calcificado, reforzado pola aposición de carbonato cálcico; é o caso de moitos crustáceos, como os caranguexos ou as lagostas. O exoesqueleto serve tamén de depósito de produtos de excreción, como a guanina, o que é a veces causa de cores vivas ou brillo metálico, como se observan en moitos artrópodos.

O exoesqueleto é realmente continuo, pero aparece estruturado en zonas engrosadas (escleritos) que se articulan por liñas ou zonas onde é menor o espesura. En artrópodos de vida aérea, como os insectos ou os arácnidos, o exoesqueleto continúase cara ás cavidades respiratorias (pulmóns ou traqueas) alí onde estas se abren ó exterior, tapizándoas.

Algunhas arañas inxectan fluídos ás súas presas para disolver os órganos internos, mantendo o exoesqueleto

O exoesqueleto favorece a fosilización, especialmente a de formas mariñas, como crustáceos ou trilobites, que frecuentemente o presentan mineralizado.

Écdise[editar | editar a fonte]

Momentos da muda do cangrejo Callinectes sapidus (W.P.Hai, 1904)

O crecemento dos artrópodos require que se desprendan periodicamente do seu esqueleto externo, fenómeno ao que nos referimos como muda ou écdise.[1] Cando chega o momento o animal pasa a un estado de quiescencia (repouso), durante o cal afrouxa a consistencia das partes internas da cutícula, á vez que a epiderme, que está debaixo, prepárase para a síntese e secreción dos compoñentes da nova cutícula. Por un aumento da presión interna, ou ás veces por outro mecanismo, desgárrase a vella cutícula e o animal realiza os esforzos necesarios para se desprender dela á vez que segrega a nova. Cando sae áchase nun estado de debilidade e a súa consistencia é branda. Nun prazo máis ou menos breve a nova cuberta endurece.

A écdise afecta, naturalmente, aos recubrimentos das cavidades internas, de orixe ectodérmica (os dous extremos do tracto dixestivo e, en artrópodos aéreos, as traqueas ou pulmóns).

A écdise non atinxe soamente aos artrópodos, senón aos outros filos dotados de cutícula cos que están emparentados, e que conforman con eles os ecdisozoos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Do grego ἐκδύω ekdýō. "espir", "despoxar".