Caldeirón cinsento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grampus griseus

Comparación do tamaño co dun humano
Comparación do tamaño co dun humano

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Globicephalinae
Xénero: Grampus
Gray, 1828 [1]
Especie: G. griseus
Nome binomial
Grampus griseus
(Cuvier, 1812) [2]
Distribución de Grampus griseus
Distribución de Grampus griseus

Distribución de Grampus griseus
Sinonimia

– Do xénero:[1]

  • Grampidelphis Iredale e Troughton, 1933
  • Grayius Scott, 1873

– Da especie:[2]

  • Delphinus griseus G. Cuvier, 1812
  • Delphinus rissoanus Desmarest, 1822
  • Grampus rissoanus (Desmarest, 1822)
  • Grampus stearnsii Dall, 1873
Cabeza "globosa" de Grampus griseus.
A alta aleta dorsal de Grampus griseus.
Debuxos de Grampus griseus, onde poden verse algunhas das súas características.
Debuxo dunha parella de Grampus griseus.

O caldeirón cinsento[3] ( Grampus griseus ) é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Grampus.

Taxonomía e etimoloxía[editar | editar a fonte]

A especie foi definida en 1812 polo naturalista francés Georges Cuvier baixo o nome de Delphinus griseus, aludindo á cor gris clara do animal.

Posteriormente foi reclasificada no xénero Grampus, fundado por John Edward Gray en 1828.

O nome Grampus deriva do antigo inglés graundepose ou grampoys, alteración do inglés medio grapay ou graspey, procedente do francés medio craspois, graspois ou graspeis, de cras ou gras, "gordo", do latín crassus e pois ou peis, "peixe", do latín piscis.[4]

Entre as denominacións intermedias até o nome científico válido actualmente, están as de Delphinus rissoanus e Grampus rissoanus, que Desmarest dedicou ao naturalista francés Antoine Risso, polo que a especie se coñece en moitos idiomas co termo equivalente a golfiño de Risso (agás en castelán, que é calderón gris).

Nome galego[editar | editar a fonte]

Aínda que presente nas augas próximas a Galicia, Ríos Panisse non rexistra ningún nome vernáculo para esta especie.[5]

Porén, na Lista patrón dos vertebrados de Galicia proposta provisoriamente pola Sociedade Galega de Historia Natural e publicada no Tomo I da Xeografía de Galicia dirixida por Pérez Alberti,[6] aparece co nome de arroás boto e, talvez por iso, figure na Lista dos mamíferos de Galicia da Galipedia como arroaz boto, corrixindo a variante popular arroás pola académica arroaz.

Quizais tamén por esta razón sexa polo que Díaz da Silva e Cartelle, na máis moderna obra — polo momento— sobre os mamíferos de Galicia, lle adxudican a esta especie o nome de arroaz boto.[7]

Pero Grampus griseus non ten a aparencia dun arroaz (xénero Tursiops) senón que máis ben é semellante aos caldeiróns (xénero Globicephala), tanto que, canda a estes, está agrupado na mesma subfamilia de delfínidos, a dos globicefalinos.

Na obra de Ríos Panisse aparece, si, un arroaz boto, pero coa indicación de «sin especificar nombre científico», que a autora recolle do dicionario de Eladio Rodríguez, quen o define como «nombre que dan nuestros pescadores a un arroaz que tiene el hocico obtuso».[8]

Características[editar | editar a fonte]

As principais características de Grampus griseus son as seguintes:[9]

  • Corpo robusto, de 2,60 a 3,5 m de longo nos adultos, cuberto de cicatrices brancas que van aumentando coa idade, polo que é moi doado de identificar no mar, sobre todo aos exemplares vellos. O peso dos adultos pesa entre os 300 e os 500 kg.
  • Cabeza grande e arredondada, coa fonte lixeiramente avultada e que descende abruptamente até a boca, que ten un bico á penas perceptibel.
  • coloración do corpo que vai da gris azulada ou parda agrisda que vai aclarando coa idade, chegando a case branca nos individuos vellos. Na rexión ventral é de cor clara, variábel segundo os individuos.
  • Aleta dorsal moi alta, de até 50 cm, situada no centro do lombo, co extremo arredondado ou apuntado, segundo os individos, e co bordo posterior cóncavo en todos eles.
  • Aletas pectorais longas, falciformes (en forma de fouciño) e cos extremos apuntados, sempre de cor escura.
  • Pedúnculo caudal estreito, ao contrario que os verdadeiros golfiños.

Distribución[editar | editar a fonte]

É unha especie abundante e de ampla distribución, en augas tropicais e subtropicais cálidas e temperadas en ambos os hemisferios. Prefire as augas profundas afastadas da costa, pero pode avistarse cerca dela nas illas oceánicas ou en zonas onde a plataforma continental é estreita.
Na Gran Bretaña e Irlanda a maioría dos avistamentos prodúcense a menos de 11 km da costa, e nos Estados Unidos aparecen sobre todo no bordo da plataforma continental.
Adoitan seren sedentarios, pero nalgunhas zonas pode haber movementos estacionais cara á costa e cara ao mar aberto. Ás veces aparecen nas zonas frías durante os meses de verán.[9]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Os inmaturos saltan fóra da auga; os de máis idade tenden a realizar un "medio salto", golpeando a cabeza contra a auga. Soben ás veces á superficie a vixiar, mostrando, ademais da cabeza, as aletas pectorais. Poden dar golpes coa cola e coas aletas pectorais, e facer surf.
Poucas veces nada diante dos barcos, pero pode seguilos. As inmersións típicas adoitan ser de 1 ou 2 min, respirando despois até 12 veces a intervalos de 15 a 20 seg, pero ás veces pode permanecer baixo a auga até 30 min.
Viaxan en pequenos grupos, de até os 150 individuos, pero poden formarse temporalmente agrupacións de varios centos.
Aliméntanse sobre todo de peixes e cefalópodos e, para facelo, adoitan estenderse nunha ampla liña.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Grampus Gray, 1828 en ITIS.
  2. 2,0 2,1 Grampus griseus (G. Cuvier, 1812) en ITIS.
  3. Daviña Facal, Luís (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 2. C. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 733. ISBN 84-95335-46-8
  4. Merriam-Webster's Unabridged Dictionary.
  5. Ríos Panisse, M. C. (1983).
  6. Pérez Alberti, A. (1982), p. 209.
  7. Díaz da Silva e Cartelle (2007), pp. 116-117.
  8. Rodríguez González, E. (1958).
  9. 9,0 9,1 9,2 Carwardine, M. (1995), pp. 206-207.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]