Billete de 100 euros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Billete de 100 euros

Primeira serie (2002-2018)[1]
Anverso
Reverso

Segunda serie (desde 2019)[2]
Anverso
Reverso

O billete de 100 euros é o billete da serie do euro co terceiro valor facial máis alto, por baixo dos billetes de 500 euros e de 200 euros. Está en circulación desde a introdución do euro como moeda da Eurozona en 2002.

Este billete utilízase nos 25 países que teñen o euro como moeda única, cunha poboación de arredor de 343 millóns de persoas. En decembro de 2022, había uns 3.928.000.000 billetes de 100 euros en circulación na Eurozona. É o terceiro valor facial de menor circulación, cun 13,3 % do total de billetes da serie do euro.[3]

É tamén o terceiro billete de maior tamaño, cunhas medidas iniciais de 147 × 82 mm. A primeira serie (2002-2018) ten unha combinación de tons da cor verde, e a segunda serie combina o verde imperante con detalles en amarelo.

Os billetes de 100 euros representan en ambas as súas faces pontes e arcos ou portas dos estilos arquitectónicos Barroco e Rococó (séculos XVII e XVIII). Conteñen ademais varios elementos de seguridade complexos, como marcas de auga, tinta invisible, hologramas e microimpresión, que acreditan a súa autenticidade.

O billete de 100 euros correspondente á segunda serie, coñecida como "Europa", entrou en circulación o 28 de maio de 2019.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Euro.
Artigo principal: Billetes de euro.

O euro instituíuse o 1 de xaneiro de 1999, data en que se converteu na moeda de máis de 300 millóns de persoas en Europa. Durante os tres primeiros anos da súa existencia noi foi unha moeda física, xa que só se utilizaba en contabilidade. O efectivo en euros non se introduciu ata o 1 de xaneiro de 2002, cando substituíu os billetes e as moedas nacionais dos 12 países iniciais da Eurozona.[4]

Eslovenia incorporouse á Eurozona en 2007,[5] Chipre e Malta en 2008,[6] Eslovaquia en 2009,[7] Estonia en 2011,[8] Letonia en 2014,[9] Lituania en 2015[10] e Croacia en 2023.[11][12][13]

Período de transición[editar | editar a fonte]

O período de transición durante o cal os billetes e as moedas das antigas moedas se cambiaron polos do euro durou aproximadamente dous meses, desde o 1 de xaneiro ata o 28 de febreiro de 2002. A data oficial en que as moedas nacionais deixaron de ter curso legal variou dun estado membro a outro. A máis temperá foi a de Alemaña, onde o marco deixou oficialmente de ter curso legal o 31 de decembro de 2001, aínda que o período de cambio durou dous meses máis. Mesmo despois de que as antigas moedas deixaran de ter curso legal, seguiron a ser aceptadas polos bancos centrais nacionais durante períodos que oscilaron entre os dez anos e sen límite.[4][14]

Cambios de deseño[editar | editar a fonte]

Os billetes impresos antes de novembro de 2003 levan a sinatura do primeiro presidente do Banco Central Europeo, Wim Duisenberg, que foi substituído o 1 de novembro de 2003 por Jean-Claude Trichet, cuxa sinatura aparece nas emisións de novembro de 2003 a marzo de 2012. Os billetes emitidos entre marzo de 2012 e novembro de 2019 levan a sinatura do terceiro presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi.[1][15] Finalmente, a partir de 2019 é a de Christine Lagarde a sinatura que se amosa no anverso dos billetes de 100 euros.[2]

Sinaturas dos presidentes do BCE

Desde xuño de 2012, as emisións deixaron de reflectir realidade xeográfica da Unión Europea, xa que non respondían á súa ampliación. Ademais, Chipre non aparece nos billetes, porque o mapa non se estende o suficiente cara ao leste, e Malta tampouco aparece porque non cumpre o tamaño mínimo da serie actual para a súa representación. En 2019, o Banco Central Europeo introduciu unha nova serie de billetes en euros que reflictan a ampliación dos seus membros,[16][17] coñecida como "serie Europa". O billete de 100 euros desta segunda serie amosa un reaxuste nos motivos arquitectónicos representados no seu anverso e no seu reverso, e ten un tamaño lixeiramente inferior ao da primeira serie, aínda que mantén a súa cor orixinal.[18]

Deseño[editar | editar a fonte]

O billete de 100 euros caracterízase pola súa cor verde. O correspondente á primeira serie mide 147 × 82 milímetros, e o da segunda serie 147 x 77 milímetros. Todos os billetes en euros representan pontes e arcos ou portas nun estilo arquitectónico diferente da historia europea, e ao de 100 euros correspondeulle a arquitectura barroca e rococó, dos séculos XVII e XVIII.[15] Aínda que os deseños orixinais de Robert Kalina pretendían amosar monumentos reais, por razóns políticas as pontes non son máis que exemplos hipotéticos da época arquitectónica.[1][19][20] O mesmo sucede cos deseños de Reinhold Gerstetter para a segunda serie, a partir de 2019.[2]

Do mesmo xeito que todos os demais billetes de euro, contén a expresión do seu valor facial, a bandeira da Unión Europea, unha representación dos territorios da UE en ultramar, as estrelas da bandeira da UE, a sinatura do presidente do Banco Central Europeo e as iniciais desa institución en diversos alfabetos utilizados nas linguas oficiais da Eurozona,[1][2] e doce elementos de seguridade, que se detallan a seguir:[15]

Elementos de seguridade[editar | editar a fonte]

Os elementos principais son os seguintes:[21]

Marca de auga do billete de 100 euros.
  • Fío de seguridade co valor facial impreso.
    Unha constelación EURion (tamén coñecida como os "aros Omron").[22][23] Trátase dun padrón de símbolos que aparece en varios deseños de billetes de todo o mundo desde 1996 aproximadamente. Engádese para favorecer que o software a detecte a presenza dun billete nunha imaxe dixital.
  • Tinta que cambia de cor, utilizada na cifra situada no reverso do billete, que parece cambiar de púrpura a marrón cando se inclina o billete.
  • Un número transparente impreso no recanto superior do billete, por ambas as faces, que parece combinarse perfectamente para formar o número do valor cando se olla contra a luz.
  • Unha banda brillante, situada no reverso do billete, que amosa o número do valor e o símbolo do euro.
  • Un holograma, cuxa imaxe parece cambiar entre o valor e unha ventá ou porta, e no fondo parecen círculos concéntricos de microletras coas cores do arco da vella que se desprazan desde o centro cara aos bordos da mancha.
  • Impresión en relevo na imaxe principal; as letras e os números do valor do anverso do billete aparecen en relevo.
  • Tinta ultravioleta. Aplicando a luz ultravioleta, o papel en si non brilla, mais aparecen as fibras incrustadas no papel, que se colorean de vermello, azul e verde. A bandeira da UE é verde e ten estrelas laranxa; a sinatura do presidente do BCE vólvese verde; as estrelas grandes e os círculos pequenos do anverso brillan, e o mapa europeo, unha ponte e o número de valor do reverso aparecen en amarelo.
  • Microimpresión. En varias zonas do billete hai microimpresión: por exemplo, dentro do ΕΥΡΩ (EURO en caracteres gregos) no anverso. O microtexto é nítido, non borroso.
  • Un fío de seguridade, incrustado no papel do billete. Ollando contra a luz, o fío aparece como unha banda escura. A palabra EURO e o valor están incrustados en letras minúsculas no fío.
  • Perforacións no holograma, que forman o símbolo do euro. Tamén hai pequenos números que indican o valor.
  • Unha superficie mate. O papel do billete é de algodón puro, de tacto rechiante e firme, e non brando nin ceroso.
  • Un código de barras.
  • Un número de serie.

Autoridade emisora[editar | editar a fonte]

Legalmente, tanto o Banco Central Europeo como os bancos centrais dos países da zona do euro teñen dereito a emitir os sete valores faciais diferentes dos billetes en euros, mais na práctica, só os bancos centrais nacionais da zona emiten e retiran fisicamente billetes en euros. O Banco Central Europeo non ten oficina de caixa e non participa en ningunha operación de efectivo.[4][24]

Circulación[editar | editar a fonte]

O Banco Central Europeo vixía estreitamente a circulación e as existencias dos billetes e das moedas do sistema do euro. É labor do Eurosistema garantir unha subministración eficiente e fluída de billetes en euros e manter a súa integridade en toda a Eurozona.[25]

En decembro de 2022, o número de billetes de 100 euros en circulación era de 3.928.099.612, por un valor de 392.809.961.200 euros.[25]

As cifras anuais relativas ao billete de 100 euros son as seguintes:[25]

Billetes de 100 euros en circulación
Data Nº de billetes Valor en euros
Xaneiro de 2002 364.031.436 36.403.143.600
Decembro de 2002 673.170.705 67.317.070.500
Decembro de 2003 809.767.028 80.976.702.800
Decembro de 2004 919.398.800 91.939.880.000
Decembro de 2005 1.018.442.381 101.844.238.100
Decembro de 2006 1.116.412.654 111.641.265.400
Decembro de 2007 1.209.329.905 120.932.990.500
Decembro de 2008 1.381.014.947 138.101.494.700
Decembro de 2009 1.471.861.127 147.186.112.700
Decembro de 2010 1.551.066.921 155.106.692.100
Decembro de 2011 1.649.945.591 164.994.559.100
Decembro de 2012 1.706.141.626 170.614.162.600
Decembro de 2013 1.850.015.381 185.001.538.100
Decembro de 2014 2.016.165.717 201.616.571.700
Decembro de 2015 2.144.782.443 214.478.244.300
Decembrode 2016 2.432.578.136 243.257.813.600
Decembro de 2017 2.623.675.137 262.367.513.700
Decembro de 2018 2.804.486.391 280.448.639.100

O 28 de maio de 2019 comezou a produción da nova serie Europa. Os billetes da primeira serie emitíronse conxuntamente cos da serie Europa durante algunhas semanas, ata esgotar as existencias, e logo fóronse retirando gradualmente da circulación. Ambas as series discorren, xa que logo, en paralelo, mais a proporción tende inevitablemente a unha forte diminución na primeira serie.

Data Nº de billetes Valor en euros Resto da 1ª serie
Nº de billetes Valor en euros Proporción
Decembro de 2019 3.051.003.315 305.100.331.500 2.519.442.151 251.944.215.100 82,6 %
Decembro de 2020 3.366.199.769 336.619.976.900 2.260.239.741 226.023.974.100 67,1 %
Decembro de 2021 3.668.655.199 366.865.519.900 2.056.740.830 205.674.083.000 56,1 %
Decembro de 2022 3.928.099.612 392.809.961.200 1.813.369.801 181.336.980.100 46,2 %

Seguimento de billetes[editar | editar a fonte]

Existen varios sitios web e comunidades que permiten seguir a pista da circulación dos billetes en euros, indagar por onde viaxan e en que países se utilizan. O sitio web máis coñecido é EuroBillTracker12. O seu obxectivo é rexistrar o maior número posible de billetes para coñecer os detalles da súa propagación, por exemplo, de onde viaxaron e a onde, ou onde se viu un billete, para xerar estatísticas e clasificacións.[26] EuroBillTracker rexistrou máis de 176 millóns de billetes en maio de 2018, por valor de máis de 3.257 millóns de euros.[27]

Falsificación[editar | editar a fonte]

Segundo o BCE, os billetes en euros son moi difíciles de falsificar por mor do gran número de elementos de seguridade. Así e todo, a calidade dos pregos que saen dos talleres clandestinos é cada vez maior e as novas tecnoloxías facilitan a fabricación de billetes falsos de boa calidade.[28][29]

O billete de 100 euros é o terceiro máis falsificado. No segundo semestre de 2011 representou o 16 % dos billetes falsos do sistema do euro; é dicir, 49.600 billetes falsos.[30]

Para combater a falsificación, o BCE utiliza técnicas de impresión de última xeración e unha serie de elementos de seguridade para disuadir os falsificadores.[21] Dispón, así mesmo, do Centro de Análise de Falsificacións, que coopera estreitamente con Europol. Este centro analiza os billetes falsos recuperados pola policía, co fin de previr con máis efectividade futuras falsificacións. O BCE conta tamén co Grupo de Bancos Centrais para a Disuasión das Falsificacións (CBCDG), que ten a misión de disuadir da falsificación dixital e, mediante a prevención da produción de billetes falsos, reducir o dano causado aos particulares e ás empresas que poidan recibir billetes falsos. O Grupo utiliza tecnoloxías de loita contra a falsificación que impiden a adquisición ou a reprodución, mediante computadores persoais ou ferramentas de imaxe dixital, da imaxe dun billete protexido. O CBDG tamén pretende impedir a reprodución non autorizada de billetes.[31]

Impacto ambiental[editar | editar a fonte]

Dado que a Unión Europea aplica unha política ambiental moi estrita, considera importante minimizar o impacto ambiental derivado da produción de billetes en euros. O Banco Central Europeo declara que se compromete a facer un uso racional dos recursos naturais na subministración de billetes, preservando a calidade do ambiente e garantindo a saúde das persoas.[32]

Segundo os resultados de auditorías independentes, os billetes en euros considéranse equilibrados desde o punto de vista da saúde e están deseñados para cumpriren todos os criterios impostos pola Unión Europea, incluídos os relativos ás substancias químicas utilizadas. Todas as substancias reguladas utilizadas nos billetes se achan en concentracións inferiores ao límite regulamentario.[32]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "100 Euro, Eurozone". en.numista.com (en inglés). Consultado o 2023-08-08. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "100 Euro, Eurozone". en.numista.com (en inglés). Consultado o 2023-08-08. 
  3. "Euro banknotes, quantities". European Central Bank (ECB.europa.eu).
  4. 4,0 4,1 4,2 Bank, European Central (2022-12-07). "A nossa moeda". European Central Bank (en portugués). Consultado o 2023-08-08. 
  5. Bank, European Central (2007-01-02). "Adesão da Eslovénia à área do euro". European Central Bank (en portugués). Consultado o 2023-08-08. 
  6. "Cyprus and Malta: welcome to the euro area! - European Commission". ec.europa.eu. Consultado o 2023-08-08. 
  7. "Slovakia joins the euro - European Commission". ec.europa.eu. Consultado o 2023-08-08. 
  8. Bank, European Central (2011-01-01). "Adesão da Estónia à área do euro". European Central Bank (en portugués). Consultado o 2023-08-08. 
  9. Bank, European Central (2014-01-01). "Adesão da Letónia à área do euro". European Central Bank (en portugués). Consultado o 2023-08-08. 
  10. Bank, European Central (2015-01-01). "Adesão da Lituânia à área do euro". European Central Bank (en portugués). Consultado o 2023-08-08. 
  11. Falagiarda, Matteo; Gartner, Christine (2023-01-12). "Croatia adopts the euro" (en inglés). 
  12. "What is the euro area?". economy-finance.ec.europa.eu (en inglés). Consultado o 2023-08-08. 
  13. Bank, European Central (2022-12-07). "A nossa moeda". European Central Bank (en portugués). Consultado o 2023-08-08. 
  14. "Tenth anniversary of the euro banknotes and coins". European Central Bank (ECB.europa.eu).
  15. 15,0 15,1 15,2 Bank, European Central (2023-07-10). "Notas" (en portugués). 
  16. "Euro banknotes design elements". www.fleur-de-coin.com. Consultado o 2023-08-08. 
  17. "Euro Banknotes". www.coins-world.info. Consultado o 2023-08-08. 
  18. Bank, European Central (2023-01-17). "Série “Europa”" (en portugués). 
  19. "Euro banknote design exhibition". European Central Bank (ECB.europa.eu).
  20. "Money talks - the new Euro cash". news.bbc.co.uk. Consultado o 2023-08-08. 
  21. 21,0 21,1 Bank, European Central (2018-09-11). "Elementos de segurança". European Central Bank (en portugués). Consultado o 2023-08-08. 
  22. "The EURion Constellation". University of Cambridge (www.cl.cam.ac.uk).
  23. "Glossary of Banknotes". Regula (en inglés). Consultado o 2023-08-08. 
  24. Bank, European Central (2022-12-15). "Banknotes and coins production" (en inglés). 
  25. 25,0 25,1 25,2 Bank, European Central (2021-01-29). "Circulation". European Central Bank (en inglés). Consultado o 2023-08-08. 
  26. "EuroBillTracker - About this site". en.eurobilltracker.com. Consultado o 2023-08-08. 
  27. "EuroBillTracker - Statistics". en.eurobilltracker.com. Consultado o 2023-08-08. 
  28. "La France cultive la tradition du faux-monnayage". LEFIGARO (en francés). 2012-06-15. Consultado o 2023-08-08. 
  29. "Faux billets : la France, un pays de faussaires". L'Obs (en francés). 2012-06-14. Consultado o 2023-08-08. 
  30. Bank, European Central (2012-01-16). "Informação semestral sobre a contrafação de notas de euro". European Central Bank (en portugués). Consultado o 2023-08-08. 
  31. Bank, European Central (2022-10-06). "Combate à contrafação" (en portugués). 
  32. 32,0 32,1 Bank, European Central (2020-12-15). "Ambiente, saúde e segurança". European Central Bank (en portugués). Consultado o 2023-08-08. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]