Belén Artesanal de Valga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Belén de Valga 2013 062.JPG

O Belén Artesanal de Valga é a maior representación belenística de Galicia, construída polos veciños do concello e recoñecida como Festa de Galicia de interese turístico. Móntase desde 1995 e o número de visitantes nos últimos anos calcúlase nuns 40.000 cada ano.

Con máis de 3.000 figuras, das que máis de 300 están animadas, repartidas sobre uns 250 m2, o Belén de Valga representa non só o clásico nacemento senón a vida tradicional dunha aldea galega típica, incluíndo escenas populares e cotiás, e diversos elementos actuais que tiveran sona en Galicia ou no resto de España. A iluminación remeda ritmicamente o paso do día e a noite.

É visitable -de balde- desde o primeiro domingo de decembro ata o segundo domingo de xaneiro.

Escenas do Belén[editar | editar a fonte]

Entre as imaxes típicas do Nacemento están a Anunciación; o Portal, con Xosé, María e Xesús recibindo os presentes dos pastores e dos Reis Magos; e o castelo de Herodes, ante o que tamén pasan os Reis.

A vida rural galega represéntase co traballo arando a terra, segando a herba ou sachando na horta, o coidado do gando, a malla, a mata do porco, un lagar e un alambique para facer augardente, unha escola, o lavadoiro, o baile na praza maior, tabernas nas que os veciños beben e xogan ás cartas e ó dominó, e mesmo un pulpeiro. Tamén se representan diversos oficios, como o carniceiro, dentista, afiador, carpinteiro, ferreiro, oleiro e outros. Ó lonxe, aparece a Santa Compaña. A aldea tamén está presente en casas, igrexas, muíños, piornos, fontes etc., sen faltar un espazo para un parque biosaudable.

A Bela Otero; á esquerda Castelao, Camilo José Cela e, sentado, Cunqueiro

As figuras representan tanto persoas anónimas como persoeiros identificables, como a valguesa Bela Otero bailando no seu escenario ou unha conversa entre Castelao, Cunqueiro, Rosalía e Cela ó redor dunha mesa do xardín. E non faltan tampouco escenas propias do concello de Valga e das terras próximas: as procesións relixiosas das distintas parroquias, a novillada celebrada no contexto da Festa da Xuventude, as escavacións arqueolóxicas de Igrexa Vella (en Cordeiro), a homenaxe á asociación de veciños de Vilarello (tamén en Cordeiro), a representación da batalla en Casal do Eirixo (27 de abril de 1809) na Guerra de Independencia española, os muíños de Catoira ou a figura do propio alcalde José María Bello Maneiro. Tamén se lle fai unha homenaxe a José Burés o Rato, veciño de Valga que recentemente doou un cento de apeiros agrícolas ó concello[1].

A todos estas escenas tradicionais tamén se unen outras de total actualidade, galega e española. Así, o Belén conta cunha representación da Catedral de Santiago, co Papa Francisco no Obradoiro rodeado de rapaces e peregrinos (e mesmo co seu vello Renault 4); un plató do programa da TVG Luar, coa presenza de Gayoso, Mucha e Nucha; o Hospital Comarcal do Salnés e unha lembranza ós ERE de Andalucía. Tamén hai unha homenaxe ás vítimas do accidente do Alvia en Angrois, co tren baixo a ponte na que saíu das vías. Incluso pode verse presidente Feijoo no momento de comunicar a declaración do Bélén como Festa de Interese Turístico.

Entre as escenas nacionais pódense citar o plató de El Hormiguero (con Pablo Motos entrevistando a Santiago Segura) e outro coa tertulia de "Sálvame Deluxe", a peineta de Bárcenas á súa chegada a Barajas e mesmo a Urdangarin co seu maletín do caso Noos. No alto dun monte pode verse a silueta dun Touro de Osborne. Noutros anos foron moi sonados o roubo do Códice Calixtino, a voda da Duquesa de Alba, a selección nacional de fútbol, os debates electorais.

É tradición agochar entre as figuras unha que representa a un personaxe famoso, do que non se dá ningunha información. Os visitantes que cren identificalo participan nun concurso e o ganador recibe unha figura do Belén a modo de premio.

Nun lateral do Belén exponse outro, de pequeno tamaño e destinado ó público infantil, no que se inclúen as figuras dos Simpsons, Bob Esponja ou Peppa Pig.

Cuestións técnicas[editar | editar a fonte]

O Presidente Feijóo

A montaxe do Belén comeza xa en setembro, a cargo da Asociación Amigos do Belén de Valga. Tódalas figuras, casas e obxectos son artesanais, feitas á man, sen comprar ningún elemento. As figuras (homes, mulleres, vacas, cabalos, galiñas, cans, gaivotas e mesmo un peto nun piñeiro) fanse con papel de periódico e pasta de modelar e vístense con retrincos de tea cedidos polos veciños. As construcións fanse de madeira, barro e pedra, iluminadas por unhas 8.000 lámpadas; e para mover as 300 figuras animadas úsanse mecanismos de todo tipo, como motores de limpaparabrisas, cepillos de dentes eléctricos e outros sistemas. Tódolos anos modifícase a montaxe, os decorados, as escenas (relixiosas ou non) e moitos dos personaxes.

Festa de interese turístico[editar | editar a fonte]

O pasado 31 de outubro de 2013, o Consello da Xunta de Galicia declarou o Belén Artesanal en Movemento de Valga como Festa de Galicia de Interese Turístico [2]. Este recoñecemento baséase no seu tamaño e o elevado número de visitantes, así como no carácter popular e participativo da súa montaxe. Tamén se valorou o feito de manter a tradición belenística e os valores formativos ó representar e mostrar oficios xa desaparecidos.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]