Bayer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bayer AG
Bayer Logo.svg
Pano-bayer-leverkusen.jpg
Fábrica de Bayer en Leverkusen
Tipo Sociedade Anónima
Fundación 1863
Localización Leverkusen, Alemaña Alemaña
Fundador Friedrich Bayer, Johann Friedrich Weskott
Persoas clave Marijn Dekkers (CEO), Manfred Schneider (Director)
Industria Química, Farmacéutica
Produtos Medicinas, plásticos, pinturas, adhesivos
Número de empregados 111.000 (30 de setembro de 2012)
Páxina web bayer.com

Bayer é unha empresa químico-farmacéutica fundada en Barmen, Alemaña en 1863.[1] Hoxe en día, ten a súa sede en Leverkusen, Renania do Norte-Westfalia, Alemaña.[2] É ben coñecida pola súa marca orixinal da aspirina.

Desde 1925 formou parte do conglomerado IG Farben ata que en 1951, logo da Segunda Guerra Mundial, foi disolto polos Aliados debido a que utilizou traballo escravo nos seus procesos de fabricación.

Historia[editar | editar a fonte]

Aspirinas.

Bayer AG foi fundada en Barmen (hoxe parte de Wuppertal), Alemaña en 1863 por Friedrich Bayer e o seu socio, Johann Friedrich Weskott.

O primeiro produto importante de Bayer foi o ácido acetilsalicílico (orixinalmente descuberto polo químico francés Charles Frédéric Gerhardt en 1853), unha modificación do ácido salicílico ou da salicina, un popular remedio presente na cortiza do sauce. En 1899, a marca Aspirina de Bayer foi rexistrada en todo o mundo para o ácido acetilsalicílico de Bayer que Felix Hoffmann sintetizou por primeira vez,[3] pero debido á confiscación por Estados Unidos (EE.UU.) durante a Primeira Guerra Mundial, dos activos e as marcas de Bayer, e debido ao uso xeneralizado do término para describir o tipo de droga, e o feito de que Bayer non puido protexer a súa marca rexistrada,[4] a palabra "aspirina" perdeu o seu status de marca rexistrada en EE.UU., Reino Unido, Francia e outros países. Hoxe, o nome utilízase libremente nos EE.UU., Reino Unido e Francia para identificar ao ácido acetil-salicílico. Con todo, en máis de 80 países, como España, Canadá, México, Alemaña e Suíza, o nome "Aspirina" segue sendo unha marca rexistrada propiedade de Bayer.

[editar | editar a fonte]

O actual logo corporativo da compañía, a "Cruz de Bayer", foi presentado en 1904. Componse da palabra horizontal "BAYER" cruzada coa palabra vertical "BAYER"; ambas palabras comparten o "Y", e todo encerrado nun círculo.

A primeira Cruz de Bayer xigante foi instalada en Leverkusen, en 1933. A estrutura tiña un diámetro de 72 metros, o que a facía "o letreiro luminoso máis grande do mundo" nese momento.[5] A segunda Cruz de Bayer foi colocada en 1958 a uns metros de distancia respecto da súa antecesora, a cal fora desmantelada logo da Segunda Guerra Mundial. Aínda que a súa iluminación non é tan grande como a primeira (o seu diámetro é de 51 metros), a cruz foi apoiada en dúas mastros de aceiro con 120 metros de altura e conta con 1710 focos.[5]

Organización[editar | editar a fonte]

Bayer réxese por un Consello de Administración, composto por: Werner Baumann, Wolfgang Plischke, Richard Pott, e Marijn Dekkers. As accións de Bayer AG cotízanse na Bolsa de Fráncfort, a Bolsa de Londres e a Bolsa de Nova York.

Subgrupos e empresas de servizos[editar | editar a fonte]

A fin de separar xerencias operativas e estratéxicas, Bayer AG foi reorganizada nun holding en 2003. As empresas do grupo central transformáronse en sociedades anónimas, cada unha controlada por Bayer AG. Estas empresas son:

Bayer CropScience: En 2002, Bayer AG adquiriu Aventis CropScience e fusionouna coa súa división de produtos agroquímicos propia (Bayer Pflanzenschutz ou "Crop Protection") para formar Bayer CropScience. A empresa é agora una das principais innovadoras do mundo, entre as empresas científicas de cultivos nas áreas de protección de cultivos (é dicir, os praguicidas), control de pragas non agrícolas, sementes e biotecnoloxía vexetal. Ademais de en empresas de agroquímicos convencionais está involucrada en enxeñaría xenética de alimentos. A compañía biotecnolóxica belga Plant Genetic Systems, pasou a formar parte da empresa pola adquisición de Aventis CropScience. Tamén en 2002, Bayer AG adquiriu a empresa de sementes neerlandesa Nunhems.

Bayer HealthCare: É o subgrupo de Bayer provedor de produtos médicos e farmacéuticos. Está implicado na investigación, desenvolvemento, fabricación e comercialización dos produtos que teñen como obxectivo mellorar a saúde das persoas e os animais. Bayer HealthCare conta con outras catro subdivisións: Bayer Schering Pharma, Consumer Care de Bayer, Bayer Animal Health de Bayer e a asistencia médica.

  • Bayer Animal Health: É a división de saúde veterinaria, que fabrica 'Advantage Multi (imidacloprid moxidectin) Topical Solution' para cans e gatos, 'Advantage' para o control de pulgas en cans e gatos, e 'K9 Advantix' para o control de pulgas, carrachas e mosquitos en cans. Advantage Multi, K9 Advantix e Advantage son marcas rexistradas de Bayer. A división especialízase no control de parasitos e produtos farmacéuticos para cans, gatos, cabalos e gando.
  • Bayer Medical Care: Administra a carteira de dispositivos médicos de Bayer. Os principais produtos inclúen os medidores de glucosa en sangue Contour e Elite utilizados no seguimento da diabetes.

Bayer Material Science: É un provedor de polímeros de alta tecnoloxía e desenvolve solucións para unha ampla gama de aplicacións de interese para a vida cotiá.

Bayer Business Services: Situado na sede de Bayer en EE.UU. nun suburbio de Pittsburgh, encárgase da infraestrutura de Tecnoloxías da Información e o aspecto do apoio técnico de Bayer EE.UU. e Bayer Canadá. Esta é tamén a sede do Service Desk (Centro de Servizos: é unha capacidade primaria de tecnoloxías de información que se pide na Xestión de Servizos de Tecnoloxías de Información(ITSM) definido pola Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información (ITIL)) de América do Norte, a central de IT Help Desk (Axuda de Escritorio: é un conxunto de servizos, que de xeito integral ben sexa a través dun ou varios medios de contacto, ofrece a posibilidade de xestionar e solucionar todas as posibles incidencias, xunto coa atención de requerimentos relacionados coas TICS, é dicir, as Tecnoloxías de Información e Comunicacións) para Bayer EE.UU. e Bayer Canadá.

Bayer Technology Services: É unha área de servizo de Bayer, creada co obxecto de consolidar e concentrar recursos para apoiar de forma eficiente as áreas de negocio do grupo Bayer. A división ofrece soporte tecnolóxico ás plantas de produción así como a procesos específicos, que se presentan en calquera momento e durante todo o ciclo de vida dos produtos e instalacións.

Currenta: Ofrece servizos para a industria química incluído o fornecemento de servizos públicos, xestión de residuos, infraestruturas, seguridade, protección, análise e formación profesional.

Despois do éxito da reorganización de Bayer, as súas actividades combinaron produtos químicos (coa excepción de HC Starck e Wolff Walsrode) con determinados compoñentes da serie de segmentos de polímeros para formar a nova compañía Lanxess. Este cambio tivo lugar en 2004, con Lanxess cotizando na Bolsa de Fráncfort a principios de 2005. A División de Diagnósticos de Bayer HealthCare foi adquirida por Siemens Medical Solutions, en 2007.

Sedes[editar | editar a fonte]

  • Alemaña - sede da sociedade, así como das filiais Bayer CropScience, Bayer MaterialScience y Bayer HealthCare
  • Bélxica - incluídas as instalacións de produción de Makrolon (Amberes)
  • Canadá - a sede en Toronto e as oficinas en Otava e Calgary
  • Francia - incluíndo a sede europea de Bayer CropScience (en Lión)
  • Italia - incluíndo cinco instalacións de produción
  • Filipinas - incluíndo a produción de Canestén, Autan e Baygon.
  • Estados Unidos - a sede de Bayer EE.UU. funciona nos suburbios de Pittsburgh.
  • Australia - Arxentina - Aruba - Bahamas - Barbados - Bolivia - Brasil - Cambodja - Chile - China - Colombia - Corea do Sur - Costa Rica - Cuba - Curaçao - República Dominicana - Ecuador - España - Finlandia - Guatemala - Honduras - RAE de Hong Kong - Hungría - India - Indonesia - Laos - México - Myanmar - Nova Zelandia - Nicaragua - Paraguai - Perú - Panamá - Polonia - O Salvador - Serbia - Singapur - Suráfrica - Suíza - Taiwán - Tailandia - Trindade e Tobago - Turquía - Reino Unido - Uruguai - Venezuela - Vietnam - Xamaica - Xapón

Algunhas controversias[editar | editar a fonte]

  • Actuación como parte do conglomerado IG Farben durante a Segunda Guerra Mundial: Debido á severidade dos crimes de guerra cometidos por IG Farben durante a Segunda Guerra Mundial, os Aliados consideraron que a empresa estaba demasiado corrompida como para permitirlle seguir existindo, e durante os Xuízos de Núremberg ordenaron desmembrar o consorcio. Os Aliados Occidentais en 1951, dividiron a empresa nas súas empresas orixinais constituíntes. As catro máis grandes, BASF, Bayer, Hoechst e Agfa, compraron rapidamente as máis pequenas. Dos 24 directivos de IG Farben acusados no denominado Xuízo á IG Farben (1947-1948) ante un tribunal militar norteamericano nos subsecuentes Xuízos de Núremberg, 13 foron sentenciados a entre un e oito anos de prisión. Algúns daqueles acusados no xuízo convertéronse en líderes das compañías de posguerra que se formaron ao separarse IG Farben, incluíndo aqueles que foron sentenciados en Núremberg. As empresas sucesoras de IG Farben herdaron o total das propiedades de IG Farben, pero non así as responsabilidades penais.
  • En 2006, a industria mundial do arroz perdeu 1200 millóns de dólares, cando unha variedade transxénica de Bayer contaminou o fornecemento global de arroz.[7]
  • Os efectos do Gaucho sobre a poboación de abellas involucraron a Bayer AG nunha controversia con apicultores franceses e de Nova Escocia. Con todo, un artigo do NYT descarta que a morte das abellas fose provocada por pesticidas.[8]
  • O xornalista austríaco Klaus Werner, no seu libro "Schwarzbuch Markenfirmen" ("Libro Negro das empresas de marca"), afirma que HC Starck, filial de Bayer, financiou a Segunda Guerra do Congo polo comercio ilegal do mineral coltán.[9] Bayer alega que desde 2001 xa non comercia co coltán congoleño.
  • A cerivastatina de Bayer contra o colesterol, ten efectos secundarios mortais. A Administración de Alimentos e Fármacos de EE.UU recibiu informes de 31 mortes.[10] Bayer admitiu que o medicamento quizais matou 52 persoas en todo o mundo, con outras 1100 persoas potencialmente afectadas. Aínda que Bayer retirou voluntariamente o medicamento, o número de mortes relacionadas con Baycol elevouse a case 100.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «The early years (1863–1881)» (en inglés). Bayer AG. Consultado o 4 de outubro de 2010. 
  2. «Profile and Organization» (en inglés). Bayer AG. Consultado o 4 de outubro de 2010. 
  3. «La “aspirinomanía”, un hábito que puede intoxicar y causar la muerte» (en español). El País. Consultado o 4 de outubro de 2010. 
  4. Alfredo Jácome Roca. «Historia de los Medicamentos» (en español). Academia Nacional de Medicina. Consultado o 4 de outubro de 2010. 
  5. 5,0 5,1 «La Cruz Bayer» (en español). Bayer de Mexico. Consultado o 4 de outubro de 2010. 
  6. Moreno, Sebastián (17-24 de decembro de 1984). Cambio 16, ed. «Un producto Bayer envenenó España.» (en español). Consultado o 6 de xuño de 2011. 
  7. Greenpeace (ed.). «Arroz transgénico: la nueva amenaza» (en español). Consultado o 4 de outubro de 2010. 
  8. Katherine Eban (15 de outubro de 2010). CNN, ed. «Las abejas ‘pican’ a Bayer» (en español). Consultado o 4 de outubro de 2010. 
  9. Fokkelman, Monica (11 de novembro de 2001). «El libro negro de las firmas de marca» (en español). El Mundo. Consultado o 4 de outubro de 2010. 
  10. El País, ed. (9 de agosto de 2001). «Bayer retira el medicamento contra el colesterol Lipobay» (en español). Consultado o 4 de outubro de 2010. 
  11. El Mundo, ed. (23 de agosto de 2001). «Una estatina que amenaza la estabilidad de Bayer» (en español). Consultado o 4 de outubro de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bayer

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]