1000 12/16

Ártabros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Arrotrebas")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Localización aproximada do pobo dos árabros na provincia romana da Gallaecia.

Os ártabros[1][2] ou arrotrebos[3] (en latín: Artabri ou Arrotrebae) eran unha tribo de orixe celta asentada na Gallaecia lucense ó noroeste da península Ibérica. Eran os poboadores da zona que comprende a ría da Coruña e a ría de Ferrol ata a chegada de Xulio César no ano 62 a. C. Segundo o historiador Benito Vicetto o fundador dos ártabros sería Artai, o primoxénito de Breogán.[4]

Segundo Luís Monteagudo estaban formado por tres subtribos nas que se contan os brigantinos, os lapatiancos e os nerios.[5] configurando un grupo diferenciado dentro do pobo dos galaicos. Viría en apoio desta hipótese a ausencia das habituais ofrendas aos deuses galaico-lusitanos, Bandua e Reue, en substitución de Cosso (divindade tamén presente en territorio dos ástures pero non na Bracarense e Lusitania). A súa diferenciación respecto de outros galaicos tamén é comentada por Estrabón:

Os que viven máis afastados son os ártabros, na rexión do cabo que chaman Nerio, que separa os flancos occidental e norte. Nela viven tamén célticos, emparentados cos das beiras do Anas. Din que nunha ocasión en que fixeron alí unha campaña militar estes xunto cos túrdulos, fixeron defección tras pasar o río Limia.[6]

Estrabón refírese aos célticos da Beturia, asentados no val do actual Guadiana, e aos túrdulos célticos da costa media de Portugal. Se desertaron tras cruzar o río Limia, despréndese que non atoparon nos brácaros e nos callaecos, as mesmas relacións de identidade que cos célticos do norte.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Segundo Higinio Martins Esteves, na súa obra As tribos Calaicas: proto-história da Galiza à luz dos dados linguísticos, ártabros estaría formada por ARTOS, en latín ursos, que significa 'oso'; e por *MROG, que é 'país fronteirizo'. O oso non faría referencia á presenza do animal nos soutos galegos, senón á constelación da Osa Maior, que sinala o Polo Norte celeste. O mito da Osa Maior é de orixe paneuropea, anterior á difusión que lle deu a Grecia clásica. Así, ártabro sería 'do país limítrofe á Osa'. É dicir, do norte. Mentres que arrotrebas estaría formado por ARRO 'masculino' e TREBĀ 'casa familiar; unidade agraria'. Logo ARROTREBĀS sería 'casas de machos'. Nas designacións propias das tribos era habitual facer alarde da afouteza dos seus membros. Por tanto, para empregar con precisión a lingua calaica, ao referírmonos a esta tribo habería que falar de arrotrebas e non de ártabros.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ártabro.
  2. Definición de ártabros no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. Definición de arrotrebos no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  4. Vicetto, Benito (1865). Historia de Galicia. Tomo I. Nicasio Taxonera. 
  5. García Alonso, Juan L. La Península Ibérica en la Geografía de Claudio Ptolomeo. Universidade do País Vasco, Servizo Editorial,. p. 151. Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  6. Estrabón 3.3.5:
  7. Martins Esteves, Higinio (2008). As tribos calaicas: proto-história da Galiza à luz dos dados linguísticos (PDF). Edições da Galiza. ISBN 9788493621803. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]