Arnaldo Tamayo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Arnaldo Tamayo
Arnaldo Tamayo Berlim 2018.jpg
Nacemento29 de xaneiro de 1942
Lugar de nacementoGuantánamo
NacionalidadeCuba
EtniaLatino-americanos
Ocupacióncosmonauta, aviador, militar e político
PremiosHeroe da Unión Soviética, Heroe da República de Cuba, Orde de Lenin, Orden da Amistade, Medalla "Por Méritos na Exploración do Espazo" e Ordem de Playa Girón
Arnaldo Tamayo Signature.svg
editar datos en Wikidata ]
Traxe espacial usado por Tamayo durante a súa misión como cosmonauta en Intercosmos, exposto no Museo da Revolución da Habana.

Arnaldo Tamayo Méndez, nado en Baracoa o 29 de xaneiro de 1942, é un piloto de aviación e cosmonauta cubano. En 1980 viaxou ao espazo na Soiuz 38, converténdose no primeiro americano non estadounidense en viaxar á órbita terrestre, así como no primeiro cosmonauta cubano e latinoamericano.[1]

Recoñecido como Heroe da República de Cuba e Heroe da Unión Soviética, ao seu regreso foi deputado na Asemblea Nacional e xefe do Departamento de Relacións Exteriores do Ministerio das Forzas Armadas Revolucionarias (Ministerio de Defensa) de Cuba.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Tamayo naceu no seo dunha humilde familia de Baracoa, quedando orfo de nai pouco despois de nacer, e tamén de pai posteriormente.[2] Criado principalmente con súa avoa, comezou a traballar aos 10 anos, e realizou diversos oficios como limpador de zapatos, axudante de carpinteiro e vendedor de xornais.[1][3]

Durante a súa xuventude participou en varias manifestacións estudantís contra a ditadura do xeneral Fulgencio Batista e co triunfo da Revolución Cubana ingresou no Instituto Técnico "Ejército Rebelde", e logo nas Forzas Armadas Revolucionarias.[2][3] Converteuse en piloto de caza e seguiu un adestramento para piloto de cazas MiG-15 na Unión Soviética, do que saíu como piloto de combate con só 19 anos anos.

O 24 de xullo de 1961, Iuri Gagarin chegou á Habana e nunha parte do seu discurso dixo: "Chegará o día no que un fillo do pobo cubano tamén viaxará ao cosmos", unha frase que Tamayo recordaría despois.

Ao seu regreso da URSS foi destacado na base de San Antonio de Baños.[3] En 1962, durante a crise de outubro, tamén coñecida como crise dos mísiles de Cuba, realizou múltiples misións de recoñecemento para interceptar avións inimigos.[4] En 1967 ingresou no Partido Comunista de Cuba.[3]

En 1971 graduouse na Escola Superior das Forzas Armadas Revolucionarias Antonio Maceo Grajales. Durante o seu servizo na Forza Aérea de Cuba alcanzou o rango de piloto de primeira clase e máis tarde piloto instrutor.[4] En 1975 foi xefe do Estado Maior da Brigada de Aviación de Santa Clara e en 1976 foi ascendido a tenente coronel.

Carreira no programa espacial Intercosmos[editar | editar a fonte]

Os requisitos previos á selección dos cosmonautas eran ser piloto experimentado, sen historial de accidentes aéreos por erros propios, dominar a lingua rusa e ter adestramento militar.[1] Inicialmente había máis de 600 pilotos candidatos, dos se realizaron sucesivas seleccións ata reducir o número a só catro.[1] Finalmente, en marzo de 1978, a comisión soviética-cubana nomeou dous membros, un principal, Tamayo, e outro de reserva, José Armando López, para participar no programa espacial Intercosmos [4][5] Trasladáronse á Cidade das Estrelas, preto de Moscova, para comezar o seu adestramento como cosmonautas e posteriormente Tamayo foi seleccionado como membro da tripulación principal da nave espacial soviética Soiuz 38.[4]

Voo espacial[editar | editar a fonte]

O 18 de setembro de 1980 ás 19:11 UTC [6] o foguete portador Soiuz U despegou da Plataforma Nº 1, no Cosmodromo de Baikonur e comezou o histórico voo espacial de Arnaldo Tamayo, xunto con Iuri Romanenko na Soiuz 38.[6][7] O acoplamiento coa estación Saliut 6 tivo lugar o 19 de setembro de 1980, ás 20:49 UTC, e dentro da estación agardaban os cosmonautas Leonid Popov e Valeri Riumin que chegaran na nave Soiuz 37.[7]

Tamayo comezou inmediatamente o seu traballo de investigación a bordo da estación. Realizou con rigor 21 experimentos, dirixidos pola Academia de Ciencias de Cuba, en áreas como medicina, bioloxía, física, psicoloxía e xeoloxía. Outros seis experimentos foron realizados por cosmonautas soviéticos.[1]

O 26 de setembro de 1980, ás 15:54 UTC desembarcou ao sueste da cidade de Zhezkazgan, nas estepas da RSS de Casaquistán.[6][7] Arnaldo Tamayo orbitou a Terra 128 veces e o seu tempo total de permanencia no espazo foi de 7 días, 20 horas, 43 minutos e 24 segundos.[1][4][7]

Actividades posteriores[editar | editar a fonte]

Despois de voar ao espazo converteuse nunha figura pública de gran relevancia e as autoridades cubanas, baixo a recomendación do propio Fidel Castro, prohibíronlle seguir pilotando avións de combate, ao considerar os riscos inherentes ao voo, e co precedente do accidente mortal de Iuri Gagarin.[4]

Desde 1980 foi deputado da Asemblea Nacional,[5] e presidente do Grupo Parlamentario de Amizade "Cuba-Rusia" e da Asociación de Amizade "Cuba-Rusia".[4] A partir de 1981 foi presidente da Sociedade de Educación Patriótica-Militar (SEPMI),[5] que foi disolta a principios da década de 1990.

O 26 de outubro de 1987, Tamayo e o seu colega Iuri Romanenko estableceron a primeira radio-ponte entre Cuba e o espazo exterior con científicos e xornalistas cubanos a través dun enlace de radio que unía o complexo orbital Mir, onde Romanenko estaba a cumprir a súa terceira misión no espazo e ao mesmo tempo impuxo unha nova marca de permanencia - mediante o satélite xeoestacionario Statscionar-4 (Gorizont-7).

Hoxe, ademais do seu labor como lexislador, o xeneral Tamayo tamén exerce como xefe do Departamento de Relacións Exteriores das Forzas Armadas Revolucionarias de Cuba (MINFAR) e director da organización cubana de Defensa Civil.[4][5]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Ao seu regreso á Terra foi condecorado por Raúl Castro coa primeira medalla honorífica de Heroe da República de Cuba e a Orde Playa Girón. En Moscova recibiu a Orde de Lenin e tamén foi nomeado Heroe da Unión Soviética.

O 12 de xuño de 2011, a Federación Rusa concedeu a Tamayo a Medalla "Por Méritos na Exploración do Espazo».[8]

Familia[editar | editar a fonte]

Casou con Maira Lovaina en 1967 e é pai de dous fillos. Dende o seu voo espacial mantivo unha gran amizade con Iuri Romanenko, ao que considera parte da súa familia.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Alberty Loforte, Arlin (17 de setembro de 2015). "¡Yo vengo de allá abajo!". Granma (en castelán). Consultado o 30 de agosto de 2021. 
  2. 2,0 2,1 ""Ver el planeta desde la altura"". BBC (en castelán). 4 de outubro de 2005. Consultado o 30 de agosto de 2021. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Guantánamo - Los candidatos del pueblo". Granma. Consultado o 30 de agosto de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 "Yuri Gagarin lo “ invitó” al cosmos" (en castelán). 2 de marzo de 2011. Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2017. Consultado o 30 de agosto de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Arnaldo Tamayo Mendez | Cuban pilot and cosmonaut". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 26 de septiembre de 2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Tamayo Mendez". Consultado o 26 de septiembre de 2017. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Becker, Joachim. "Spaceflight mission report: Soyuz 38" (en inglés). Consultado o 30 de agosto de 2021. 
  8. "Rusia entrega una medalla al 'Gagarin' latinoamericano". Russia Today (en castelán). 12 de xuño de 2011. Consultado o 30 de agosto de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]