Saltar ao contido

Mesotelio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O mesotelio é un epitelio simple escamoso (ou plano).

O mesotelio é un tecido biolóxico formado por unha soa capa de células constituída por un epitelio simple escamoso [1], que forma o recubrimento de varias cavidades corporais[2]: a pleura (na cavidade torácica que rodea os pulmóns), o peritoneo (na cavidade abdominal incluíndo o mesenterio) e o pericardio (epitelio que recobre a cavidade pericárdica onde está o corazón). O tecido mesotelial tamén recobre os órganos reprodutores masculinos e femininos internos, como a túnica vaxinal dos testículos e a túnica serosa do útero. Denomínase mesotelio visceral ao que recobre os órganos internos, mentres que o que recobre as paredes do corpo se denomina mesotelio parietal.

Orixe embrionaria

[editar | editar a fonte]

O mesotelio deriva do mesoderma embrionario que recobre o celoma do embrión. Desenvólvese en capas de células que cobren e protexen moitos órganos internos do corpo.

Unha capa de células mesoteliais que crecen en cultivo celular, co seu típico aspecto de pavimento embaldosado.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

O mesotelio é un tipo de epitelio simple escamoso que descansa nunha membrana basal sostida por tecido conectivo. O tecido pode ser de tipo cuboidal en zonas lesionadas, en zonas con tecido linfoide do omento, e na cara peritoneal do diafragma superpoñéndose ás lagoas linfáticas. A superficie luminal está cuberta con microvilli. As proteínas e o fluído seroso atrapado polos microvilli proporcionan unha superficie de baixa fricción na zona de contacto entre órganos.

Funcións

[editar | editar a fonte]

O mesotelio está composto por unha extensa monocapa de células especializadas (células mesoteliais) que cobren as cavidades serosas e os órganos internos. O principal propósito destas células é producir un fluído lubricante que se libera entre as capas [3], orixinando unha superficie escorregante e non adhesiva que facilita o movemento intracelómico.

O mesotelio tamén está implicado no transporte e movemento de fluídos e materia particulada entre as cavidades serosas, migración de leucocitos en resposta a mediadores inflamatorios, síntese de citoquinas proinflamatorias, factores de crecemento e proteínas da matriz extracelular para axudar na reparación da serosa e a liberación de factores que promoven a disposición e eliminación da fibrina (como o plasminóxeno). As células mesoteliais teñen tamén funcións inmunitarias, xa que poden realizar a presentación de antíxenos, e, ademais, a secreción de glicosaminoglicanos e lubricantes pode protexer ao organismo contra as infeccións e a diseminación de tumores.[4]

Patoloxías que afectan ao mesotelio

[editar | editar a fonte]
  • Mesotelioma: É o cancro de mesotelio. É unha enfermidade na que as células do mesotelio se transforman en anormais e se dividen sen orde nin control. Poden invadir e danar os tecidos e órganos veciños ou crear metástases noutras partes do corpo. A maior parte dos casos de mesotelioma benigno proceden da pleura ou o peritoneo. Máis dun 90% dos casos de mesotelioma están ligados á exposición ao asbesto (amianto).
  • Adherencias intraabdominais: Normalmente, o mesotelio secreta plasminóxeno, o cal elimina os depósitos de fibrina. Durante os procedementos cirúrxicos, o mesotelio pode lesionarse, e a súa capacidade fibrinolítica faise insuficiente, de modo que a fibrina se acumula producindo adherencias fibrosas entre superficies opostas. Estas adherencias provocan obstrución intestinal e infertilidade feminina cando se dan no abdome e poden alterar a función pulmonar e cardiaca.
  • Fallo de ultrafiltración: O mesotelio peritoneal está implicado no fallo de ultrafiltración a longo prazo en pacientes sometidos a diálise peritoneal. A presenza de niveis de glicosa superiores aos fisiolóxicos, a acidez e a degradación dos produtos da glicosa nos fluídos da diálise peritoneal contribúen á fibrose do mesotelio peritoneal, xa sexa por transición epitelio-mesénquima (perda da adhesión e aumento da mobilidade celular) ou por un aumento da proliferación dos fibroblastos existentes. Un peritoneo fibrosado produce un aumento do paso de solutos a través do peritoneo e un fallo da súa capacidade de ultrafiltración.
  1. Victor P. Eroschenko (2008). Di Fiore's atlas of histology with functional correlations. Lippincott Williams & Wilkins. pp. 31–. ISBN 978-0-7817-7057-6. Consultado o 28 May 2011. 
  2. Mutsaers SE. The mesothelial cell. Int J Biochem Cell Biol. 2004 Jan;36(1):9-16. PMID 14592528 [1]
  3. Leopold G. Koss; Myron R. Melamed (2006). Koss' diagnostic cytology and its histopathologic bases. Lippincott Williams & Wilkins. pp. 124–. ISBN 978-0-7817-1928-5. Consultado o 09 novembro 2012. 
  4. Yung S, Chan TM. Mesothelial cells. Perit Dial Int. 2007 Jun;27 Suppl 2:S110-5. PMID 17556288 [2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]