Alfonso Alcaraz
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de setembro de 1922 Ourense, España |
Morte | 26 de decembro de 1957 (35 anos) Ourense, España |
Actividade | |
Ocupación | poeta |
Alfonso Alcaraz del Río, nado en Ourense o 23 de setembro de 1922 e finado na mesma cidade o 26 de decembro de 1957, foi un poeta galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Miguel Alcaraz Sogorb e María del Río Adánez, criouse no seo dunha familia fondamente católica e de tradición carlista na praza do profesor Manuel Sueiro (entón de Topete)[1]. Educado no Colexio Sueiro e no seminario de Ourense, non rematou os estudos por mor da Guerra Civil. Entón, Alcaraz fuxiu da súa cidade natal e falseou os seus datos para poder participar na contenda[2], onde xa loitaba un dos seus irmáns máis vellos.
Logo da Guerra Civil, comezou a participar en iniciativas culturais locais ligadas á Acción Católica. Así publicou os seus primeiros poemas en "Pregón de los Jóvenes de Acción Católica", un suplemento quincenal publicado polo xornal La Región, e no boletín mensual Auria[3], da Juventud Católica. Xunto con outros escritores de Ourense formou o grupo literario Azor[4] canda a José Luis Varela, o xornalista Segundo Alvarado, Segundo Fernández Covelo e Pura Vázquez, coa que mantivo unha relación sentimental[1]. Como parte deste grupo, en 1945 participou na fundación da revista Posío[5] na que actuou como redactor xefe[1]. Nesta publicación, en plena posguerra, colaboraron autores como Otero Pedrayo, Bouza Brey e Vicente Risco, aínda que só se mantivo un ano.[4] Tamén participou no espazo de poesía "Musa al Noroeste" de Radio Ourense no que recitaba e comentaba poemas de autores galegos clásicos como Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez, xunto cos seus propios versos e os dos seus compañeiros de Azor.
Funcionario do Instituto Nacional de Previsión viviu dende finais da década de 1940 na Coruña. Alí axudou a Ramón González-Alegre na creación de Alba, outro título clave na reactivación da poesía galega na posguerra. A partir de 1952, comezou a traducir a verso o Libro dos Salmos, o Libro de Xob e o Cantar dos Cantares. Tamén escribiu o capítulo sobre Luis Santamaría da obra Poesía Gallega Contemporánea coordinada por González-Alegre en 1954. Naquela altura, nun artigo publicado no xornal La Noche é citado como un dos poetas galegos máis importantes do momento xunto con Díaz Castro, Luis Pimentel, Luz Pozo, Antón Tovar e Pura Vázquez[6]. Ademais, Alcaraz conseguiu dous accésits nos Xogos Florais Hispanoamericanos da Coruña por "Camino de España" e "Hombre de Dios"[7] e, en 1956, outro nos Xogos Florais de Ourense[8] por un poema sobre a cidade: "Sueño y amor de ciudad". Escrito en lingua galega consérvase unicamente "A estrela derradeira".
Faleceu en Ourense o 26 de decembro de 1957 debido a complicacións hepáticas[1].
Obras
[editar | editar a fonte]A obra de Alfonso Alcaraz está marcada polas súas profundas conviccións relixiosas, como mostra que comezase a tradución en verso dos Salmos, o Libro de Xob e o Cantar dos Cantares logo duns exercicios espirituais. Pero tamén estaba influído, en opinión de José Luis Varela[9] por Bécquer e pola obra de Gerardo Diego, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Antonio Machado, Guillén e Vicente Aleixandre, coas que estaba moi familiarizado[1]. A súa prematura morte impediu a publicación das súas obras en vida. Os centos de follas escritas foron organizados polo seu testamenteiro literario, Segundo Fernández Covelo, e José Luis Varela, que conseguiron o apoio do Concello de Ourense, da Deputación e de Caixa Ourense para publicar en 1962 unha breve recompilación baixo o título "Mi vida está callada". En 1997, polo corenta aniversario da súa morte, Caixa Ourense editou unha Antoloxía Poética en dous tomos incluíndo as súas traducións dos Salmos, o Libro de Xob e o Cantar dos Cantares.
Obras en castelán:
[editar | editar a fonte]- 1954, "Luis Santamaría: Su obra literaria. Caracteres de la línea poética en Luis Santamaría" en Poesía Gallega Contemporánea. Ensayo sobre literatura gallega. Pontevedra: Colección Huguin.
- 1962, Mi vida está callada. Ourense: Hodire.
- 1997, Antología Poética. Ourense: Caixa Ourense.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 1979 o Concello de Ourense nomeou unha praza na súa honra co nome de "Poeta Alfonso Alcaraz"[10].
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en 1950 con Sara Rey Rodríguez e foi pai de tres fillas. Un dos seus netos é o tenista de mesa paralímpico Alberto Seoane Alcaraz.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Alcaraz, Alfonso (1997). Antología Poética: Libro de los Salmos, El Cantar de los Cantares, Libro de Job. Caixa Ourense. ISBN 84-921073-7-5.
- ↑ Región, La (2012-05-30). "Vida de un poeta". La Región (en castelán). Consultado o 2021-02-20.
- ↑ "AS UVAS NA SOLAINA". Consultado o 2021-02-20.
- ↑ 4,0 4,1 "Posío. (Edición facsímile. Ourense 1945-1946)". www.cirp.es. Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2021. Consultado o 2021-02-20.
- ↑ Región, La (2009-05-01). "El Posío, un jardín muy literario". La Región (en castelán). Consultado o 2021-02-20.
- ↑ González-Alegre, Ramón (12-6-1954). "Concha Zardoya en la Poesía Española Contemporánea". La Noche. Consultado o 20-2-2021.
- ↑ "Primeros Juegos Florales Hispanoamericanos en La Coruña". El Correo Gallego. 7-9-1948. Consultado o 20-2-2021.
- ↑ "Han resultado muy brillantes los Juegos Florales realizados ayer en el Coliseo Xesteira". El Pueblo Gallego. 7-7-1956. Consultado o 20-2-2021.
- ↑ Nieto, M. (17-12-1997). "Tradicionalista y cultivador de la belleza". La Región.
- ↑ "Praza Alfonso Alcaraz". Praza Alfonso Alcaraz. Consultado o 2021-02-20.