Posío

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Posío, coa mesma denominación que o xardín da cidade de Ourense, foi unha revista literaria ourensá en dous períodos: un primeiro entre 1945 e 1946, e outro entre 1951 e 1954.

Primeira etapa (1945-1946)[editar | editar a fonte]

Dende principios dos anos 40 os autores do círculo literario Azor publicaban en diversos medios locais os seus poemas. Entre eles estaban: José Luis Varela, Alfonso Alcaraz, Segundo Fernández Covelo, o xornalista Segundo Alvarado e Pura Vázquez. Con vocación de transcender o ámbito local impulsaron a revista para a poesía que imprimiu o seu primeiro número en 1945. Varela foi o director e Alcaraz redactor xefe. A redacción estaba na de Radio Ourense, emisora coa que tamén colaboraban os membros de Azor, e editábase nos obradoiros do xornal La Región[1].

A revista publicou a autores como Gerardo Diego, Pilar Vázquez Cuesta, José Ángel Valente, Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Otero Pedrayo ou Vicente Risco. Nesta primeira xeira, foron catro os números os publicados, de 16 páxinas por exemplar[2]. A portada contaba cunha ilustración de Isaac Pereira "Peroxa", dunha man que sostén unha banda coa frase "e vou namorada" que recolle un verso da lírica medieval galaicoportuguesa. A sección central da revista, denominada "Musa al Noroeste", estaba reservada para poesía en lingua galega[3].

Malia o curto da súa traxectoria, foi dunha iniciativa que contribuíu a reactivar a publicación poética en Galicia logo da Guerra Civil. O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) editou un facsímile en 1995[2].

Segunda etapa (1951-1956)[editar | editar a fonte]

Unha nova revista co título de "Posío. Artes y letras" foi publicada entre 1951 e 1956 ao abeiro do Museo Provincial cuxo director, Xesús Ferro Couselo, tamén estaba á fronte da publicación[1]. A temática non era estritamente literaria, como na anterior, senón que tamén incluía espazo para outros eidos como ensaios antropolóxicos e históricos[4]. Algúns dos promotores da primeira Posío tamén colaboraron con esta, como Alvarado[1]. Foron 24 os números editados. O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) editou un facsímile en 1996[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Outeiriño, Maribel (2009-05-01). "El Posío, un jardín muy literario". La Región (en castelán). Consultado o 2021-02-23. 
  2. 2,0 2,1 "Posío. (Edición facsímile. Ourense 1945-1946)". corpus.cirp.gal. Consultado o 2021-02-23. 
  3. Cabaleiro, María Teresa Monteagudo (1996). "Posío". Eduga: revista galega do ensino (10): 187–189. ISSN 1133-911X. 
  4. 4,0 4,1 "Posío. Arte y Letras. (Edición facsímile. Ourense, 1951-1954)". www.cirp.gal. Consultado o 2021-02-23.