Saltar ao contido

Aerodramus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aerodramus é un xénero de aves da subclase das neornites, infraclase dos neognatos (clado dos cipselomorfos), orde dos apodiformes, familia dos apódidos, e tribo dos colocaliinos, coñecidas como salanganas.[2]

Son aves pequenas de longas ás, coloración escura, e moi boas voadoras, que se localizan nas rexións tropicais e subtropicais do sur de Asia, en Oceanía e no nordeste de Australia.

Moitas das súas especies antigamente foron clasificados dentro do xénero Collocalia, pero o ornitólogo estadounidense Harry Church Oberholser creou nun xénero separado en 1906.[3]

O que distingue ás especies de Aerodramus doutras salanganas, dos cirrios e, de feito, de case todas as demais aves, é a súa capacidade de usaren unha forma simple, pero efectiva, de ecolocalización, o que lles permite voaren dentro das covas onde crían e descansan.

Os niños de Aerodramus sp. están construídos con saliva como compoñente principal. En dúas especies, Aerodramus fuciphagus e Aerodramus maximus, a saliva é o único material utilizado, e os niños recoléctanse para facer a famosa delicatessen chinesa denominada (impropiamente) sopa de niño de anduriña, cuxa sobreexplotación exerce unha gran presión sobre as poboacións de salanganas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito en 1906 polo ornitólogo estadounidense Harry Church Oberholser, en Proceedings of the Academy of Natural Sciences of Philadelphia 58: 179.[4]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome Aerodramus está fomado polos elementos aero- e -dramus, ambos os dous derivados do grego antigo. O primeiro da palabra grega ἀερο, árero, "aire", e o segundo é unha adaptación (errada) do termo δρόμος, drómos, "carreira",[5] en alusión á velocidade coa que voan estas aves.

Aerodramus é un grupo de taxonomía complicada, debido á gran similitude de moitas das súas especies, e coas do xénero Collocalia (de feito, moitas especies de Aerodramus estiveron até hai poucos anos incluídas en Collocalia). Para estableceren as relacións dentro do grupo usáronse as súas formas de ecolocalización, a secuenciación de ADN e incluso os piollos que as parasitan, aínda que polo de agora non están resoltas totalmente todas as relacións entre elas, como a localización exacta de Aerodramus papuensis (a salangana de Papúa).

En 1970 R. K. Brooke estudou a división das salanganas, baseada esencialmente na capacidade de ecolocalización. As especies de Aerodramus posúen esta capacidade, e Brooks suxiriu que as especies de Collocalia non. Pero en 2004 demostrouse claramente que a especie Collocalia troglodytes (a salangana pigmea) ten a capacidade de ecolocalización. Polo tanto, esta propiedade perdeu a súa destacada importancia para distinguir entre os xéneros Aerodramus e Collocalia. Un grupo de investigación dirixido por Henri Thomassen suxeriu en 2005 que a ecolocalización da salangana anana foi causada por evolución converxente. Aínda que a monofilia de Aerodramus e Collocalia tamén se utilizou nestes estudos, os autores consideraron que todas as salanganas deberían reunirse nun só xénero, xa que agora non hai unha característica externa clara para discriminalas.[6]

Finalmente o, Congreso Ornitolóxico Internacional (IOC), organización cuxas decisións seguen a maioría dos ornitólogos, establece na actualidade (2019) a seguinte clasificación do xénero:[7]

Características

[editar | editar a fonte]

Son aves pequenas de longas ás e plumaxe de tonalidades escuras, como todas as salanganas. E, como os seus parentes, dormen e aniñan en covas, e son capaces de usaren un método simple pero efectivo de ecolocalización para desplazárense na escuridade das cavernas, o que as diferencia dos demais apodiformes e do resto das aves.[8]

As patas, do mesmo xeito que nos cirrios, son moi curtas, impedindo que estas aves pousen no solo ou en superficies horizontais, pero lles permiten aferrarse a superficies verticais. O voo é sobre todo debido ás plumas primarias moi longas e aos pequenos músculos peitorais. Os Aerodramus, dependendo da especie, pesan entre os 8 e os 35 g, e teñen unha lonxitude de 9 a 16 cm. Estas salanganas son moi similares entre si, e é posíbel que cando se encontren xuntas varias especies, como en Borneo, Nova Guinea e Filipinas, poden non seren distinguíbeis.[8]

Distribución

[editar | editar a fonte]

A área de distribución destas salanganas restrínxese ás zonas tropicais do sur de Asia, Oceanía, até o nordeste de Australia, e as illas do océano Índico, e a súa maior diversidade de especies e subespecies dase o sueste asiático, Indonesia e Papúa Nova Guinea.[8]

Varias das especies están confinadas en pequenas illas, e a súa limitada área de distribución fanas vulnerábeis, como Aerodramus elaphrus (a salangana das Seychelles), Aerodramus whiteheadi (a salangana de Whitehead) e Aerodramus bartschi de Guam.[9][10][11]

Recentemente descubriuse un novo membro fósil do grupo, † Aerodramus manuoi, a salangana de Mangaia (a illa máis meridional do arquipélago das Illas Cook).[12][13]

Os niños das salanganas do xénero Aerodramus (como as de Collocalia) constrúense coa súa saliva destas aves como compoñente principal. En dúas especies, Aerodramus fuciphagus e Aerodramus maximus, na súa construción utilizan unicamente a saliva, e non usan plumas nin materias vexetais como o resto dos seus parentes,[14] e os seus niños, así como os de Collocalia linchi, son os máis bucados polos recolectores para a confeccionaren a famosa delicatessen chinesa denomianda sopa de niño de anduriña; a sobreexplotación dos niños exerce unha enorme presión sobre as poboacións destas salanganas.[15]

  1. Zoonomen Nomenclatural data (2019) Alan P. Peterson. Apodiformes. Consultado o 2 de outubro de 2019.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para salangana.
  3. Aerodramus no ITIS.
  4. Wikispecies
  5. Jobling, James A. (2010): The Helm dictionary of scientific bird names. Londres, UK: Christopher Helm. ISBN 978-1-4081-3326-2.
  6. Henri A. Thomassen, Robert-Jan den Tex, Merijn A. G. de Bakker & G. David E. Povel (2005): "Phylogenetic relationships amongst swifts and swiftlets: A multi locus approach". Molecular Phylogenetics and Evolution 37: 264–277. (Amplo resume). Consultado o 2 de outubro de 2019.
  7. Véxase Aerodramus na páxina Order Apodiformes na IOC World Bird List do Congreso Ornitolóxico Internacional. Versión 9.2. Consultada o 2 de outbro de 2019.
  8. 8,0 8,1 8,2 Chantler, P. & Driessens, G. (2000). Swifts: a Guide to the Swifts and Treeswifts of the World. Mountfield, East Sussex: Pica Press. ISBN 1-873403-83-6. 
  9. Birdlife International species factsheet: Collocalia elaphra Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine.. Consultado o 2 de outubro de 2019.
  10. Birdlife International species factsheet: Collocalia whiteheadi Arquivado 01 de decembro de 2008 en Wayback Machine.. Consultado o 2 de outubro de 2019.
  11. Birdlife International species factsheet: Collocalia bartschi Arquivado 22 de novembro de 2008 en Wayback Machine.. Consultado o 2 de outubro de 2019
  12. "Aerodramus manuoi". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2008. Consultado o 2 de outubro de 2019. 
  13. Steadman, David W. (xullo de 2002). "A new species of swiftlet (Aves: Apodidae) from the late Quaternary of Mangaia, Cook Islands, Oceania". Journal of Vertebrate Paleontology 22 (22): 326–331. ISSN 0272-4634. doi:10.1671/0272-4634(2002)022[0326:ANSOSA]2.0.CO;2. 
  14. Gausset, Quentin (2004): "Chronicle of a Foreseeable Tragedy: Birds' Nests Management in the Niah Caves (Sarawak)." Human Ecology 32: 487-506.
  15. Chan, Shun Wan "Review of Scientific Research on Edible Bird's Nest" no sitio web da Universidade Politécnica de Hong Kong Arquivado 09 de maio de 2015 en Wayback Machine. Consultado o 2 de outubro de 2019.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Chantler, Phil & Gerald Driessens (2000): A Guide to the Swifts and Tree Swifts of the World. Mountfield: Pica Press. ISBN 1-8734-0383-6.
  • Dickinson, E. C. & Remsen Jr., J. V. (2013): The Howard and Moore Complete Checklist of the Birds of the World. Volume 1 Non-passerines, 4th Edition. Eastbourne, U.K.: Aves Press. ISBN 978-0-9568-6112-2.
  • Hoyo, Josep del; Andrew Elliott, Jordi Sargatal & Nigel J. Collar (1999): Handbook of the Birds of the World, Vol. 5: Barn Owls to Hummingbirds. Barcelona, España: Lynx Edicions. ISBN 978-84-8733-425-2.
  • Rheindt, F. E., et. al. (2017): "Speciation in Indo-Pacific swiftlets (Aves: Apodidae): integrating molecular and phenotypic data for a new provisional taxonomy of the Collocalia esculenta complex. Zootaxa 4250 (5): 401-433. (Resume).

Outros artigos

[editar | editar a fonte]