Aerodramus bartschi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aerodramus bartschi
Salangana das Marianas
Estado de conservación
En perigo
En perigo[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
Orde: Apodiformes
Familia: Apodidae
Tribo: Collocaliini
Xénero: Aerodramus
Nome binomial
Aerodramus bartschi
Mearns, 1909
Sinonimia
Véxase o texto

Aerodramus bartschi é unha especie de ave da subclase das neornites, infraclase dos neognatos, orde dos apodiformes, familia dos apódidos e tribo dos colocaliinos (que comprende as salanganas),[2] unha das vinte e seis integradas hoxe no xénero Aerodramus.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1909 polo ornitólogo estadounidense Edgar Alexander Mearns,[3][4] co nome de Collocalia bartschi,[4] en Proceedings of the U.S. National Museum 36: 476.[5][6]

Variacións taxonómicas[editar | editar a fonte]

Antigamente se consideraba conespecífica con Collocalia inquieta (hoxe Aerodramus inquietus).[7][8]

Posteriormene foi clasificada por Mearns como especie independente dentro do xénero Collocalia como C. bartschi,[9] e máis tarde, reclasificada como a subespecie Aerodramus vanikorensis bartschi (Mearns, 1909);[4] finalmente foi elevada de novo á categoría taxonómica de especie co nome actualmente válido de Aerodramus bartschi (Mearns, 1909).[3]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Para a do xénero véxase Aerodramus.

O epíteto específico, bartschi, foi unha homenaxe que Mearns lle fixo ao malacólogo estadounidense de orixe alemá Paul Bartch (1871-1960).[10]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome válido actual, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[4]

  • Aerodramus vanikorensis bartschi (Mearns, 1909)
  • Collocalia bartschi Mearns, 1909 (protónimo)

Nome vulgar[editar | editar a fonte]

Na maioría dos idiomas a especie coñécese vulgarmente como salangana das Marianas e, ás veces, como salangana de Guam, coas adaptacións propias de cada lingua.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional (IOC) non se recoñece ningunha subespecie.[3][4]

Características[editar | editar a fonte]

Aerodramus bartschi mide uns 11 cm de lonxitude. A cabeza e as partes superiores do corpo son de cor parda agrisada. A garganta e a parte superior da peituga son de cor gris abrancazada, e o resto das partes inferiores son de cor gris máis escura. A plumaxe carece de brillo. A cola está algo fendida no centro da súa porción distal.

A súa masa corporal é de 8 g.[11]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Esta especie, propia das illas Marianas, encóntrase en Guam, en Saipan e en Aguijan, nas illas Marianas do Norte,[6] e extinguiuse localmente nas illas de Rota e Tinian. Foi introducida con éxito en Oahu, no arquipélago de Hawai, a principios da década de 1960, pero a súa poboación alí é pequena.[12]

O seu hábitat natural son os bosques tropicais de terras baixas, as praderías e os mangleirais.[1]

Costumes[editar | editar a fonte]

Aniña en colonias de até centos de individuos no interior de covas, incluso en zonas de total escuridade, orientándose por ecolocación. Constrúe niños similares aos das outras salanganas colgados das paredes e dos teitos de covas calcarias. A posta consta dun só ovo, pero poden realizar máis dunha ao ano. Como outras salanganas pían e emiten clics que usan para ecolocalizar mentres se desprlazan polo interior das cavernas nas que crían e descansan. A maioría dos individuos deixan a colonia ao amencer para buscar alimento e regresan coa posta do sol para alimentar ás crías. Son cazadores aéreos que capturan insectos sobrevoando os bosques e as zonas costeiras.[12]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualifica o status desta especie como LN (en perigro de extinción) porque sufriu un rápido descenso da súa poboación, debido sobre todo á depredación pola serpente Boiga irregularis,[1] introducida accidentalmente en Guam pouco despois da segunda guerra mundial, e antes de 1952, probablemente transportada nun barco de carga,[13][14] e, talvez, polo uso de pesticidas noutros lugares da súa área de dispersión. Existe o risco dun rápido declive se esta serpente coloniza Saipan, onde se concentra a maior parte da poboación da especie. Afortunadamente, hai poucas evidencias de que estas serpentes colonicen calquera illa fóra de Guam, e a cualificación da especie podería ser catalogada nunha categoría de menos risco despois dunha avaliación máis detallada desta ameaza.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International (2016): Aerodramus bartschi] na Lista vermella da UICN. Versión 2019-2. Consultada o 28 de outubro de 2019.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para salangana.
  3. 3,0 3,1 3,2 Ver Aerodramus bartschi na páxina Order Apodiformes da IOC World Bird List do Congreso Ornitolóxico Internacional. Versión 9.2. Consultada o 28 de outubro de 2019.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Aerodramus bartschi (Mearns, 1909)
  5. Aerodramus bartschi, en Wikispecies.
  6. 6,0 6,1 Salangana de Guam. Aerodramus bartschi (Mearns, 1909) en AviBase.
  7. Sibley, C. G. and Monroe, B. L. (1990): Distribution and Taxonomy of Birds of the World. New Haven, Connecticut, USA: Yale University Press. ISBN 978-0-3000-4969-5.
  8. Sibley, C. G. and Monroe, B. L. (1993): A supplement to 'Distribution and Taxonomy of Birds of the World'. New Haven, Connecticut, USA: Yale University Press. ISBN 978-0-3000-5549-8.
  9. Browning, M. R. (1993): Species limits of the cave swiftlets (Collocalia) in Micronesia". Avocetta 17: 101-106.
  10. bartschi en: James A. Jobling (2010): Helm Dictionary of Scientific Bird Names London, UK: Christopher Helm. ISBN 978-1-4081-2501-4.
  11. Aerodramus bartschi (Mearns 1909) na EOL.
  12. 12,0 12,1 Cruz, Justine B.; Kremer, Shelly; Martin, Gayle; Williams, Laura; & Camacho, Vicente (2008). "Relative abundance and distribution of Mariana Swiftlets (Aves: Apodidae) in the Northern Mariana Islands" (PDF). Pacific Science 62 (2): 233–246. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de agosto de 2021. Consultado o 28 de outubro de 2019. 
  13. Fritts, T. H.; D. Leasman-Tanner (2001). "The Brown Treesnake on Guam: How the arrival of one invasive species damaged the ecology, commerce, electrical systems, and human health on Guam: A comprehensive information source". U.S. Department of the Interior. Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2008. Consultado o 28 de outubro de 2019. 
  14. Mehrtens, John (1987). Living Snakes of the World in Color. New York: Sterling. ISBN 0-8069-6461-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]