Sopa de niño de anduriña
A sopa de niño de anduriña (en chinés tradicional: 燕窩, en chinés simplificado: 燕窝, en pinyin: yàn wō) é unha sopa considerada como unha especialidade da gastronomía chinesa.[1]
É un dos pratos máis caros do mundo, xa que está feita cos niños de aves de varias especies dos xéneros Aerodramus e Collocalia, da familia dos apódidos, subfamilia dos colocaliinos, que non son verdadeiras anduriñas, senón salanganas,[2] que nidifican en grandes grupos en covas (aínda que poden tamén facelo en edificios máis ou menos pechados), polo que a súa colleita é difícil e perigosa.[3]
Os niños están construídos case exclusivamente coa saliva destes paxaros, e teñen unha forma e un tamaño semellantes ao dunha orella humana.
Nome, prezo e consumo
[editar | editar a fonte]O nome, yàn wō, provén do niño das salanganas, que se utilizan para elaboraren este prato.
Estes niños que as aves fan coa súa saliva solidificada, considéranse entre os produtos máis caros entre os consumidos polos humanos. Véndense a 1 400 euros o quilogramo, prezo que ascende a 3 000 euros de comprarse unha vez procesados. Segundo datos oficiais, hai máis de 20 000 recolectores destes niños no sueste asiático, que venden na súa totalidade á China.[4]
Consumíronse tradicionalmente na China durante os últimos 400 anos, xeralmente en forma de sopa.[5]
Características
[editar | editar a fonte]Cundo se disolve en auga o niño destes paxaros, danlle unha textura xelatinosa, empregada nas sopas asiáticas ou no doce tong sui da cociña chinesa. Faise referencia, porén, de forma maioritaria a jin wo cando se fala tanto da sopa doce ou salagada da cociña chinesa.[Cómpre referencia]
Hoxe, debido en parte ao caro que é este prato, simúlanse os niños na elaboración da sopa co emprego de produtos substitutos, que usan glicoproteínas vexetais e até pel de porco (aperitivo), que posúe unha textura similar á dos niños. Por estas razóns, desenvolveuse a investigación sobre a composición e os efectos dos verdadeiros niños de andoriña.[3]
Existe a crenza na China de que este prato é afrodisíaco, mellora a voz, alivia a asma e mellora o sistema inmunitario.[5]
O uso dos niños de Collocalia e de Aerodramus na medicina tradicional chinesa está documentado desde o século XVII, como un produto que supostamente atrasa o envellecemento, promove o crecemento e mellora o sistema imunitario.[3]
Colleita dos niños
[editar | editar a fonte]Os niños máis solicitados son os provenientes de varias especies de salanganas, especialmente de Aerodramus fuciphagus e Aerodramus maximus, porque na súa construción estas especies utilizan unicamente a súa saliva e non usan plumas nin materias vexetais como o resto dos seus parentes.[6] Así mesmo, úsanse tamén os dalgunhas especies do xénero Collocalia.
A sobreexplotación dos niños nas colonias reprodutoras destas aves púxonas en perigo de extinción en moitos lugares. Como exemplo, a pesar de que na actualidade o status global da especie Collocalia linchi, segundo a UICN, é "pouco preocupante", na illa Karimata, de Indonesia, existiu en tempos unha considerábel poboación de aves desta especie, poboación que recentemente diminuíu até case a súa extinción, debido á sobreexplotación por recolectores non indíxenas que foron chegando desde o continente e illas adxacentes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Marcone, Massimo F. (2005): "Characterization of the edible bird's nest the Caviar of the East". Food Research International 38: 1125-1134.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para salangana.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Chan, Shun Wan "Review of Scientific Research on Edible Bird's Nest" no sitio web da Universidade Politécnica de Hong Kong Arquivado 09 de maio de 2015 en Wayback Machine. Consultado o 29 de setembro de 2019.
- ↑ Sara R. Estella (13de agosto de 2017). "Nidos de pájaro a precio de oro". La Voz de Galicia. Consultado o 28 de setembro de 2019.
- ↑ 5,0 5,1 Hobbs, Joseph J. (2004): "Problems in the harvest of edible birds’ nests in Sarawak and Sabah, Malaysian Borneo." Biodiversity and Conservation 13: 2209-2226.
- ↑ Gausset, Quentin (2004): "Chronicle of a Foreseeable Tragedy: Birds' Nests Management in the Niah Caves (Sarawak)." Human Ecology 32: 487-506.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lau, Amy S. M. & Melville, David S. (1994): International Trade in Swiftlet Nests with Special Reference to Hong Kong]. Cambridge, UK: Traffic International. ISBN 1-8585-0030-3.