Abelardo Miguel
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1918 Pontedeume, España |
Morte | 8 de marzo de 1991 (72/73 anos) Pontedeume, España |
Actividade | |
Ocupación | pintor |
Abelardo Miguel López Leira, chamado Abelardo Miguel, nado en Pontedeume en 1918 e finado na mesma vila o 8 de marzo de 1991,[1] foi un pintor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É o quinto dunha familia mariñeira de once irmáns, de pais e avós nados en Pontedeume. Mostrou desde neno unhas excelentes aptitudes para o debuxo. En 1934 obtivo o 2º galardón do certame de pintura infantil na Asociación de Artistas de Ferrol e en 1935 gañou o primeiro premio de debuxo do Concello da Coruña, que fixo que a Deputación da Coruña lle concedese unha bolsa na Academia de Bellas Artes de San Fernando en 1936.
A guerra civil truncou temporalmente a súa carreira, pero en 1950 decidiu renovar os seus estudos superiores de pintura en San Fernando, que finalizou en 1956, o que lle abriu as portas do Círculo de Bellas Artes de Madrid. Obtivo estes anos o apoio da crítica madrileña, con editoriais eloxiosos como as de José Camón Azna nas que resaltaba o seu especial valor artístico.
Viaxou a Italia pensionado da Escola Española de Arte de Roma e para completar a súa formación amplíou os seus estudos en París e Países Baixos. Configurou o seu estilo baseándose na súa técnica ao servizo da captación da realidade máxica e da súa identidade galega. Abelardo recolleu as influencias de Fernando Álvarez de Sotomayor, Ignacio Zuloaga, Julio Moisés e os clásicos barrocos Diego Velázquez e Francisco de Zurbarán, cun filtro post-impresionista de tradición cezannesca. Centrou a súa vida e obra en Pontedeume.
Non abandonou a pintura ata a súa morte en 1991. En 2003 o concello de Pontedeume concédelle a medalla de ouro local ao Mérito Artístico.[2] En 2008 foi nomeado Candidato ao Premio Nacional da Cultura Galega.
Obra
[editar | editar a fonte]Abelardo Miguel foi creador dun estilo propio. Bo debuxante e colorista, Abelardo mostra dominio da técnica en todos os temas, que excepcionalmente aparecen de forma illada, xa que tende a unha simbiose de xénero mixto.
A súa temática é predominantemente mariñeira, con bodegóns, mariñas, retratos colectivos, e sobre todo conxuncións de paisaxes e homes. Os seus retratos, segundo Manuel Luis Fidalgo "son modelos arrincados da entraña do pobo e os seus rostros non son reflexo do carácter, senón da profesión". Os seus retratos colectivos recollen a tradición barroca holandesa de retratos de colectivos profesionais. Tamén pintará feiras agrogandeiras.
As súas paisaxes recollen o facho dos paisaxistas coruñeses Imeldo Corral, Felipe Bello Piñeiro, Francisco Lloréns e Alfonso Abelenda, e decántase por ceos luminosos que conxugan o seu azul co verde das augas das rías, pero tamén pinta vistas urbanas de Pontedeume cunha estética achegada ao naíf. Segundo María Fidalgo, Abelardo é "o mellor pintor galego de naturezas mortas do século XX", ao alternar naturezas mortas de caza ou flores con outras de terra e mar.
Creou uns arquetipos iconográficos que repite ao longo de toda a súa carreira, como a peixeira, a mariscadora, o ancián pescador, as feiras, as naturezas mortas mariñeiras, que serán claves do selo que identifica tan claramente os seus óleos. Con todo, Abelardo non é un pintor folclorista[3].
As obras de Abelardo Miguel teñen hoxe un valor antropolóxico engadido: son testemuño dunha realidade histórica xa desaparecida, ao representar traballadores da Galicia agropecuaria e de artesáns mariñeiros, de mulleres que traballan coas mans, de festas e feiras e de paisaxes.
É importante sinalar a incursión do pintor no tema mitolóxico ao realizar na cooperativa agraria de Santa María de Castro, para o que realizará en 1960 un complexo programa iconográfico baseado na Galicia arcádica.
Expuxo na década de 1950 e 60 (Porto, Centro Galego da Habana, Salamanca, Oviedo, León, Lisboa, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol), e obtivo galardóns como o 1º Premio e 1ª Medalla na Feira do Mar en 1961 e a 1ª medalla da Exposición Cara ao Mar en 1973. O milleiro de lenzos que pintou áchanse en coleccións particulares.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Necrolóxica en La Voz de Galicia, 9-3-1991, p. 63.
- ↑ "El pintor eumés Abelardo Miguel obtendrá la medalla de oro al mérito artístico del Ayuntamiento". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 29/07/2014. Consultado o 18/11/2007.
- ↑ Abelardo Miguel. Un pintor esquencido, María Fidalgo, Revista Nazón, nº 8
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fidalgo Martínez de Andión, M. L. (1958). "Abelardo Miguel nació pintor en Pontedeume". Ferrol Diario.
- Leyra Domínguez, J. (1987). "Pintura ferrolana". Sociedad Artística Ferrolana.
- Fidalgo Casares, M. (2006). "Abelardo Miguel". Gran Enciclopedia Gallega.
- ————————— (2007). "El programa iconográfico de Abelardo Miguel en Santa María de Castro". Cátedra, revista de estudios eumeses.
- —————————. "Abelardo Miguel. un pintor esquencido". Revista Nazón (8).
- Diccionario enciclopédico galego universal. La Voz de Galicia. 2003-2004. ISBN 84-7680-429-6.
- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- "López Leira, Abelardo Miguel". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Abelardo Miguel en Galegos.info
- "Abelardo Miguel cuelga en Ourense" (15/10/2007). La Región (en castelán).