Felipe Bello Piñeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Felipe Bello Piñeiro
Felipe Bello Piñeiro 1910.jpg
Retrato en Vida Gallega, 1910
Nome completo Felipe Bello Piñeiro
Data de nacemento 20 de marzo de 1886
Lugar de nacemento O Seixo (Franza, Mugardos)
Data de falecemento 1952
Lugar de falecemento O Seixo (Franza, Mugardos)

Felipe Bello Piñeiro, nado no Seixo (Franza, Mugardos), o 20 de marzo de 1886 e finado na mesma localidade en 1952, foi un pintor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Personalidade de enorme interese plástico e intelectual, posto que nada relacionado coa cultura lle foi alleo, e en moitos aspectos influíu decisivamente, como, por exemplo, na divulgación da louza de Sargadelos.

Fórmase plasticamente na Escola de Artes e Oficios da cidade de Ferrol con Eduardo de la Vega e Vicente Díaz. Posteriormente trasládase a Madrid para seguir os cursos da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. A súa inquietude espiritual lévao a relacionarse con outros artistas. Cando apenas ten 20 anos fai amizade cos irmáns Zubiaurre y Solana. Relaciónase con galegos notables como Castelao, Asorey, Curral etc., e asiste a faladoiros onde destacan Emilia Pardo Bazán, Sotomayor, Lloréns ou o arquitecto Antonio Palacios. Comeza a súa tarefa de ilustrador e deseñador gráfico, que terá importancia considerable na súa obra. En 1912 organiza a primeira exposición rexional de pintura galega en Madrid.

A súa primeira exposición individual data de 1913, en Ferrol, onde asenta o seu interese pola paisaxe, con grande éxito de venda, axudado por Seijo Rubio.

En 1917 regresa definitivamente a Galiza, instalándose de novo no Seixo. A partir destes anos a súa obra intensifícase, sempre no mundo da paisaxe, e dáo a coñecer en ámbitos galegos de Sudamérica.

Comparte a pintura coa decoración mural, de ambiente post impresionista ou eminentemente modernista, a base de grafismos exquisitos de inspiración floral, e traballa na catalogación completa de Sargadelos, que publica en 1922.

O seu traballo segue sendo intenso na ilustración, a decoración e o cadro de cabalete, así como en actividades xornalísticas e de investigación histórica e plástica. A súa paixón pola paisaxe lévao a fundar a Sociedade de Amigos de Paisaxe Galega, en 1927, con sede na súa parroquia de residencia.

A última etapa da súa vida é dura e difícil, agravada polo abuso do alcol, que o leva a crises neuróticas. A pesar de todo pinta constantemente, unha ampla serie de nocturnos, ata a súa morte, á idade de 66 anos.

O seu carácter reflíctese sempre na súa obra, ambiciosa, interesante ata na súa imperfección frecuente. Os seus retratos inquietan, as súas paisaxes son estilizacións moi idealizadas. Naturalmente, o impresionismo inflúeo, aínda que busque sempre certo testemuño documentalista, ou se evada cara a modos fantasiosos.

O resultado é desigual, pero nunca anódino. Porque ata o simplemente decorativo ten valor como investigación ou recreación, achegando elementos que van desde o exercicio xeométrico ata a multiplicación dunha mesma imaxe, coma se estivese vista ao través dun calidoscopio.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barreiro, Alejandro (1917): Da arte galega. A Coruña.
  • Esteve Ortega, E. (1930): Arte gallego. Barcelona.
  • Gaya Nuño, J. A. (1970): La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europa de ediciones.
  • Chamoso Lamas, Manuel (1976): «Arte», en Galicia. Barcelona, Editorial Noguer.
  • Mon, Fernando (1967): A pintura actual en Galicia. Vigo.
  • Pablos, Francisco (1981): Pintores galegos do Novecentos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza.
  • Pablos, Francisco (1981): Plástica galega. Vigo, Caixavigo.
  • Mon, Fernando (1987): Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia.
  • Sanjurjo, Eduardo (1963): Discurso de ingreso na Academia de Belas Artes do Rosario. A Coruña.
  • Leyra Domínguez, José: Bello Piñeiro e o seu tempo.
  • Barros, Tomás (1980): Lembranzas encol do estudo de Bello Piñeiro. Deputación da Coruña.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]